Folga xeral revolucionaria de 1934

(Redirección desde «Revolución de outubro de 1934»)

A folga xeral revolucionaria de 1934 foi un movemento folguístico, que adquiriu carácter revolucionario e insurreccional e que tivo lugar entre o 5 de outubro e o 19 de outubro de 1934 en España, contra a entrada no goberno de tres integrantes da CEDA como ministros. Este movemento estivo alentado dende amplos sectores e importantes dirixentes do PSOE e a UXT, como Francisco Largo Caballero ou Indalecio Prieto e de forma desigual pola CNT e o PCE.

Os principais focos da rebelión producíronse en Cataluña e Asturias.

Contexto histórico

editar
 
Francisco Largo Caballero.

Tralas eleccións xerais de 1933, o Partido Republicano Radical formou un goberno monocolor minoritario liderado por Alejandro Lerroux, e apoiado nas Cortes pola CEDA. Este último partido, de ideoloxía clerical e antirrepublicana, ó ser o partido máis votado, convertérase na principal minoría da Cámara.

En outubro de 1934 a CEDA retirou a súa confianza ó goberno centrista dos radicais de Lerroux, e esixiu participar no mesmo. O presidente da República Niceto Alcalá-Zamora, malia os temores que lle inspiraba a doutrina de Gil Robles sobre o accidentalismo das formas de goberno, decide indicar a Lerroux que forme un novo goberno, defenestrando o goberno moderado de Ricardo Samper. Entran así tres ministros da CEDA no Gabinete: Manuel Giménez Fernández en Agricultura, Rafael Aizpún en Xustiza e José Oriol Anguera en Traballo.

Porén, este nomeamento non é aceptado polos partidos de esquerda, especialmente o PSOE, que agardaban unha convocatoria anticipada de eleccións xerais. Mesmo o antigo compañeiro de partido de Alejandro Lerroux, Diego Martínez Barrio, pediu ó Presidente da República que lle dera o poder á esquerda para salvar a República[1].

O desenvolvemento da folga xeral

editar

A folga xeral comezou o 5 de outubro e espallouse por boa parte do estado, habendo folgas de importancia en cidades como: Madrid, Sevilla, Córdoba, Valencia, Barcelona e Zaragoza. O goberno apresurouse a declarar ilegal a folga convocada polos socialistas e a declarar o estado de guerra en toda España[2].

En Madrid o día 5 a UXT declarou a folga xeral, que a CNT non apoiou. Os revolucionarios intentaron o asalto á Presidencia do Goberno e logo de dúas horas de disparos as forzas leais ó goberno dominaron a situación e encarceraron ós dirixentes socialistas que a apoiaban.

En Biscaia e Guipúscoa os nacionalistas néganse a secundar a revolución, pero a UXT declara a folga xeral e ocupa as zonas mineiras e industriais, mantendo esa ocupación nalgunhas das zonas mineiras ata o día 12. En Bilbao durante os días 5 e 6 houbo enfrontamentos coas forzas da orde, e a intervención do Exército en Éibar e Arrasate sufoca a revolución cun saldo de 40 mortos[3].

A proclamación do Estado Catalán

editar

En Cataluña a CNT non se sumou á folga. En Barcelona o goberno da Generalitat de Cataluña presidido por Lluís Companys, de Esquerra Republicana de Catalunya, proclama o Estado Catalán dentro dunha República Federal Española, ás 8 da tarde do 6 de outubro.

Cataláns: as forzas monárquicas e fascistas que intentaron traizoar a República durante un tempo conseguiron o seu obxectivo e tomaron o poder. Os partidos e homes que fixeron manifestacións públicas contra as diminuídas liberdades da nosa terra, os núcleos políticos que constantemente predican odio e guerra a Cataluña, constitúen hoxe o apoio das actuais institucións (...). Nesta hora solemne, en nome do pobo e do parlamento, o goberno que presido asume tódalas competencias do poder en Cataluña, proclama o Estado catalán da República Federal Española e, ao establecer e fortalecer a relación cos líderes da protesta xeral, contra o fascismo, convida a establecer en Cataluña o goberno provisional da República, que atopará no noso pobo catalán o máis xeneroso impulso de fraternidade no desexo común de construír unha República Federal libre e magnífica.[Cómpre referencia]

Este feito motiva a intervención do Exército, mandado polo xeneral Domingo Batet (xefe da guarnición militar de Barcelona), que axiña domina a situación despois dalgunhas loitas e o canoneo da cidade, nas que morren unhas 46 persoas (8 soldados e 38 civís), a detención de Companys e a fuxida de Josep Dencás (conseller de Governació) despois de ver todo perdido, que marcha a Francia. A autonomía catalá foi suspendida polo Goberno e a Generalitat de Cataluña foi substituída por un Consell de la Generalitat designado polo Goberno, nomeando a Manuel Portela Valladares gobernador xeral de Cataluña. A lei de Cultivos foi anulada. O President da Generalitat e os seus seguidores foron detidos e procesados. O consello de guerra ditou pena de morte contra dous militares rebeldes e condenou a Companys a 30 anos de reclusión por "rebelión militar". Tamén foi detido Manuel Azaña, que se encontraba casualmente en Barcelona para asistir ós funerais do que fora ministro do seu gabinete Jaume Carner, sendo enviado ó buque-prisión Sánchez Barcáiztegui.

A Revolución de Asturias

editar

En Asturias a CNT mantiña unha postura máis proclive á formación de alianzas obreiras que noutras zonas de España. Deste xeito adheriuse na Alianza Obrera na que estaban a Federación Socialista Asturiana, a Unión General de Trabajadores e a Confederación Regional del Trabajo. Á alianza dirixida polo socialista Ramón González Peña, fóronse engadindo ós poucos outros partidos como o Bloc Obrer i Camperol, Izquierda Comunista e en setembro o PCE. A consigna da alianza era Uníos Hermanos Proletarios.

Os mineiros e traballadores dispuñan de armas e dinamita e a revolución estaba ben organizada. Ademais creáronse escuadras paramilitares de combate, formadas polas Xuventudes Socialistas e grupos anarquistas.

A insurrección comeza na noite do 5 ó 6, cando varios milleiros de sindicalistas ocupan os postos da Garda Civil, controlan Avilés e Xixón, apodéranse da fábrica de canóns de Trubia e La Vega e chegan a ocupar Oviedo, defendida por unha guarnición de mil homes, que toman mediante a loita nas rúas. Os revolucionarios crearon unha comuna, substituíron a moeda por vales asinados polos comités, confiscaron edificios, requisaron vehículos e abasteceron as cidades asediadas. Os máis radicais exerceron a violencia contra o clero e as clases altas, resultando mortas 34 persoas[4].

Dende o goberno considerouse a revolta como unha guerra civil. O ministro de guerra recorreu a Francisco Franco para afogar a revolta, en detrimento de Carlos Masquelet, xefe do Estado Maior. O xeneral Eduardo López Ochoa saíu de Lugo cunha expedición de preto de 400 soldados e o día 7 chegou o buque Libertad, para disparar cos seus canóns contra os revolucionarios, mentres se bombardeaban as concas mineiras e Oviedo cos avións do exército. O 10 de outubro chegan a Xixón dúas bandeiras (seccións) da Lexión española e outras dúas de tabores de Regulares (compostos por marroquís mercenarios, ó mando do xeneral Juan Yagüe), que comezaron a avanzar cara Oviedo. Ante o avance das tropas, González Peña ordenou o repregamento cara ás montañas, aínda que non foi obedecido por grupos de mineiros que mantiveron liortas entre o 14 e o 17. Daquela, López Ochoa tiña xa á súa disposición 15.000 soldados e 3.000 gardas civís, sumadas ás tropas do xeneral Yagüe. Así, tralo fracaso do intento revolucionario, o novo presidente do Comité revolucionario Belarmino Tomás, negociou o día 18 con López Ochoa a rendición, a cambio de que os "mouros" non entraran nas poboacións. Porén, dende o día 10 os mercenarios e os lexionarios xa entraran nas vilas levando a cabo roubos, asasinatos, torturas e violacións, acompañados con frecuencia de execucións.

Unha vez desmantelada a comuna asturiana, as forzas militares emprenderon unha durísima represión, na que sobresaen nomes coma o do Garda Civil Lisardo Doval[5][6]. O xornalista Luis de Sirval, que investigara as torturas e execucións foi tamén asasinado. Oficialmente ditáronse 20 penas de morte, das que se executaron dous. Os cárceres enchéronse con milleiros de presos. A revolución en Asturias durou 15 días e custou a vida a unhas 1.100 persoas e 300 soldados e gardas civís, provocando 2.000 feridos. O goberno ordenou substituír as alcaldías dirixidas por republicanos e socialistas de esquerdas por xestoras da súa confianza (máis de 200 concellos víronse afectados). Despois de outubro de 1934 tanto socialistas como anarquistas abandonaron o camiño insurreccional, mentres a dereita aprendeu que podía contar co exército, a "columna vertebral da patria", como o definiu José Calvo Sotelo por eses días. O goberno, ante a derrota dos seus adversarios, saíu fortalecido, porén a CEDA quería máis poder no goberno. Ante esta situación, e despois de que Alcalá Zamora indultara a Ramón González Peña (indulto ó que a CEDA opúñase), Lerroux tivo que formar un novo goberno no que a CEDA tivo 5 ministros, entre eles Gil Robles, na carteira de Guerra.

Durante a revolución de 1934 a cidade de Oviedo quedou asolada en boa parte, ó resultar incendiados, entre outros edificios, o da Universidade ou o teatro Campoamor. Tamén foi dinamitada a Cámara Santa na Catedral.

En La Felguera, e no barrio de El Llano de Xixón chegaron a darse breves experiencias de comunismo libertario:

No barrio de El Llano, a vida regularizouse de acordo cos postulados da CNT: socialización da riqueza, abolición da autoridade e capitalismo. Foi unha breve experiencia chea de interese, xa que os revolucionarios non dominaron a cidade. [...] Seguíuse un procedemento similar ao de La Felguera. Para a organización do consumo creouse un comité de abastecemento, con delegados de rúa, establecido en tendas de comestibles, que controlaban o número de residentes en cada rúa e procedían á distribución de alimentos. Este control de rúa facilitou o establecemento da cantidade de pan e outros produtos que se precisaban. O Comité de Abastecemento tiña o control xeral das existencias dispoñibles, especialmente da fariña.
Manuel Villar. El anarquismo en la insurrección de Asturias: la CNT y la FAI en octubre de 1934
  1. República y guerra civil. Julián Casanova. Páx. 128.
  2. La guerra civil española. Antony Beevor. Páxina 44.
  3. "A Revolución de Outubro de 1934 en Artehistoria". Arquivado dende o orixinal o 25 de febreiro de 2020. Consultado o 25 de agosto de 2020. 
  4. República y guerra civil. Julián Casanova. Páx. 131
  5. República y guerra civil. Julián Casanova. Páxina 132.
  6. La guerra civil española. Antony Beevor. Páx. 46.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Calero, Antonio Mª (1985). "Octubre visto por la derecha". En Jackson, Gabriel (e outros). Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión (en castelán). Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Casanova, Julián (2007). República y Guerra Civil. Serie: Historia de España, dirixida por Josep Fontana e Ramón Villares (en castelán) VIII. Barcelona /Madrid: Crítica/Marcial Pons. ISBN 978-84-8432-878-0. 
  • Fusi Aizpurúa, Juan Pablo (1985). "Nacionalismo y revolución: Octubre de 1934 en el País Vasco". En Jackson, Gabriel e outros. Octubre 1934. Cincuenta años para la reflexión (en castelán). Madrid: Siglo XXI. ISBN 84-323-0515-4. 
  • Ruiz, David (1988). Insurrección defensiva y revolución obrera. El octubre español de 1934 (en castelán). Barcelona: Labor. ISBN 84-335-9406-0. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar