José Sanjurjo Sacanell
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xullo de 2015.) |
José Sanjurjo Sacanell, nado en Pamplona o 28 de marzo de 1872 e finado en Estoril, Portugal, 20 de xullo de 1936, foi un militar español.
Destacou na guerra de Marrocos e, xa durante a II República, como líder militar da oposición monárquica e conservadora que pretendía derrubar a República pola forza. Capitaneou en agosto de 1932 o primeiro golpe de estado executado contra a República (a Sanjurjada) e foi un dos líderes dos sublevados no golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu inicio á Guerra Civil.
Africanista
editarInicia a súa carreira como tenente en Cuba, onde ascende a capitán. Tras o final da guerra de Cuba volve a España e participa en varias campañas en Marrocos (1909). Co emprego de comandante de regulares foi condecorado coa Cruz Laureada de San Fernando pola súa acción no combate de Beni Zaiem (Tetuán) o 1 de febreiro de 1914.[1] Destacou despois na reconquista do territorio perdido en Melilla despois do desastre de Annual (1921), alcanzando o grao de xeneral. En 1922, á fronte da comandancia militar de Larache, investigou os casos de corrupción na Intendencia e Intervención militar.
Apoio ó golpe de estado de Primo de Rivera
editarCando en setembro de 1923 se produciu o golpe militar de Primo de Rivera, Sanjurjo era gobernador militar de Zaragoza e apoiou sen reservas a sublevación e a posterior ditadura que aquel instaura. En 1925 participou no desembarco de Alhucemas, e en 1927, ao finalizar a guerra do Rif, o rei Afonso XIII concedeulle o título de marqués do Rif.
En 1928, foi nomeado Director Xeral da Garda Civil, posto que compartiu co de Alto Comisario de España en Marrocos. En 1931 o rei Afonso XIII conccedeulle a Gran Cruz de Carlos III.
Apoio á II República
editarA pesar das anteriores mostras de confianza por parte do rei, despois das eleccións do 12 de abril de 1931, que propiciaron a chegada da II República, Sanjurjo púxose incondicionalmente ás ordes do Comité Revolucionario republicano. Comprometeuse diante das novas autoridades a non mobilizar a Garda Civil en defensa da monarquía, resultando desta maneira decisivo para a chegada do novo réxime e sendo confirmado no cargo de Director Xeral da Garda Civil. Este cambio nas fidelidades de Sanjurjo parece estar motivado polo rancor que lle causou o abandono de Primo de Rivera por parte do rei tras a caída da ditadura en 1929.
As reformas militares de Manuel Azaña non gustan a Sanjurjo, especialmente a redución de efectivos do exército e o nomeamento de López Ferrer, un civil, como Alto Comisario en Marrocos, polo que mostra o seu desagrado.
Segundo golpe de estado (A Sanjurjada)
editar- Artigo principal: Sanjurjada.
A finais de 1931 prodúcense os sucesos de Castilblanco, Badaxoz, onde morren catro gardas civís a mans de manifestantes. Pouco despois, en Arnedo (A Rioxa), morren cinco civís ao disparar a Garda Civil contra unha concentración de traballadores (os sucesos de Arnedo). Ao iniciarse as investigacións de ambos os sucesos, Sanjurjo mostra a súa desconformidade. Crítico tamén coas reformas militares de Azaña, foi substituído o 5 de febreiro de 1932 á fronte da Garda Civil polo xeneral Miguel Cabanellas. Sanjurjo foi nomeado para a Dirección xeral do Corpo de Carabineros.
Esta confrontación co goberno polas reformas militares de Azaña xunto co proxecto de estatuto de autonomía para Cataluña lévano a preparar con algúns carlistas de Manuel Fal Conde, así como outros oficiais militares, unha rebelión en Sevilla o 10 de agosto de 1932.
A rebelión, coñecida como a Sanjurjada, tivo éxito inicialmente en Sevilla, pero fracasou de forma absoluta en Madrid e posteriormente tamén na capital andaluza tras unha folga xeral. Na madrugada do día seguinte, Sanjurjo desistiu da operación e tentou fuxir a Portugal. Sobre as seis da mañá do 11 de agosto foi recoñecido e detido en Huelva por unha patrulla da Garda Civil, xunto do seu fillo Justo.[2]
Condenado á morte
editarO 24 de agosto, xunto do seu fillo e outros dous colaboradores, é sometido a un Consello de Guerra sumarísimo. É sentenciado a morte, con accesoria de separación do exército. A pesar de que o xeneral se negou a dirixir ao goberno unha petición de clemencia, a pena seralle conmutada pola de reclusión perpetua.[3] A decisión estivo motivada polo desexo do goberno republicano de non repetir a actuación da ditadura cos sublevados de Jaca.
Sanjurjo foi ingresado no Penal do Dueso. Posteriormente é trasladado á Prisión Militar do Castelo de Santa Catalina de Cádiz, onde recibe informacións dunha posible amnistia que finalmente obtén.
Amnistía
editarTras as eleccións de novembro de 1933, que deron o triunfo á coalición radical-cedista, formouse o novo goberno, presidido por Lerroux. Este propuxo a concesión dunha amnistía tanto a Sanjurjo como ao resto de militares implicados na sublevación. O presidente da república, Alcalá-Zamora, resistiuse á firma do decreto e aínda que finalmente o aceptou o último día do prazo legal, forzou unha modificación do mesmo que impedía o retorno de Sanjurjo ao exército. Estas dilacións e a modificación do decreto provocaron unha crise de goberno que fixeron dimitir a Lerroux, quen foi substituído por Ricardo Samper, marchando seguidamente Sanjurjo ao exilio en Estoril (Portugal).
Terceiro golpe de estado (inicio da guerra civil)
editarCando en maio de 1936 Niceto Alcalá-Zamora foi substituído como presidente da República por Azaña, Sanjurjo, xunto cos xenerais Emilio Mola, Francisco Franco e Gonzalo Queipo de Llano, comezou a trazar plans para derrocar o goberno da Fronte Popular.
Estes plans concretaríanse na sublevación que se inicia no norte de Marrocos a tarde do 17 de xullo de 1936 e que ao non conseguir triunfar de forma inmediata en toda España daría orixe á guerra civil. No organigrama dos sublevados estaba previsto que Sanjurjo asumise a Xefatura do Estado.
Accidente de aviación
editarO 20 de xullo o aviador Juan Antonio Ansaldo foi a Estoril a recollelo coa súa avioneta para trasladalo a Burgos para se converter no cabecilla do golpe de estado.[4] O aparello, un utilitario lixeiro de Havilland Puss Moth, estrelouse na engalaxe e Sanjurjo, quedando retido no seu asento, morreu no accidente. Segundo o piloto, que resultou ileso, o accidente produciuse polo exceso de equipaxe do que el, persoalmente, xa advertira ao xeneral.[5]
Emilio Mola, o director do golpe de estado no organigrama golpista, nomeou a Francisco Franco como o líder da sublevación. Isto xeraría diversas teorías conspiratorias implicando a Franco na morte do líder da rebelión, aínda que nunca apareceu ningunha proba que apoiase esta alegación.[6]
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 01-06-2020. Consultado o 10-03-2016.
- ↑ González Calleja (2011), p. 102.
- ↑ González Calleja (2011), p. 105.
- ↑ Peña González (2006), p. 368
- ↑ Peña González (2006), p. 368
- ↑ Villatoro, Manuel P. (2019-11-18). "Sanjurjo y Mola: ¿estuvo involucrado Franco en las raras muertes de sus superiores para lograr el poder?". abc.es (en castelán). Consultado o 2020-05-10.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: José Sanjurjo Sacanell |
Bibliografía
editar- Beevor, Antony (2006). The Battle for Spain: The Spanish Civil War 1936–1939 (en inglés). Londres: Weidenfield and Nicolson. ISBN 0-297-84832-1.
- Casanova, Julián; Gil Andrés, Carlos (2009). Historia de España en el Siglo XX (en castelán). Madrid: Editorial Ariel. ISBN 978-84-344-3491-2.
- González Calleja, Eduardo (2011). Contrarrevolucionarios: Radicalización violenta de las derechas durante la Segunda República, 1931-1936 (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 9788420664552.
- Peña González, José (2006). Historia política del constitucionalismo español (en castelán). Madrid: Dykinson. ISBN 84-9772-906-4.