Unión Monárquica Nacional
A Unión Monárquica Nacional (UMN) foi un partido político español, fundado en 1930 por ex-dirixentes da ditadura de Primo de Rivera, ao desaparecer esta, e no que se volverían reunir os antigos membros da Unión Patriótica,[1][2] o partido único da ditadura.
Historia
editarO partido xa estaba formado o 24 de marzo de 1930, oito días despois do falecemento do ditador Miguel Primo de Rivera, aparecendo José Antonio, fillo do ditador, como vicesecretario segundo na Xunta Nacional xa constituída.[3] Posteriormente, ao reunírense moitos dos exministros da ditadura no enterro de Primo de Rivera, o 3 de abril de 1930, dous meses despois de perderen o poder, aproveitaron para asinar un manifesto do novo partido.[1] Del saíu o programa que se publicou na prensa o día 5 e no que xunto á defensa de Primo de Rivera e maila súa obra, se precisaba a defensa de "unha España grande, gloriosa, culta, cristiá, tolerante, ordenada, traballadora, progresista, respectada no estranxeiro e con fonda fe nos seus altos destinos".[4]
As figuras máis destacadas eran José Calvo Sotelo, Ramiro de Maeztu, José de Yanguas Messía, Eduardo Callejo de la Cuesta, Galo Ponte y Escartín, o marqués de Quintanar, Manuel Delgado Barreto -director de La Nación-, o expresidente do comité executivo de Unión Patriótica, José Gavilán, José Antonio Primo de Rivera e Rafael Benjumea, conde de Guadalhorce, que se converteu no xefe do partido por desexo do falecido ditador e Santiago Fuentes Pila como secretario xeral.[5] A súa ideoloxía, a parte de defender o legado da ditadura, consistía nun nacionalismo católico como o expresado por Ramiro de Maeztu.[6]
Durante todo o ano 1930, meses antes da proclamación da Segunda República Española, foron practicamente a única formación organizada politicamente que reivindicou o réxime monárquico. Seguirá funcionando até abril de 1931 cando se disolveu[3] por mor dos pésimos resultados obtidos nas eleccións municipais do 12 de abril, que acabaron traendo a Segunda República.
Ao proclamarse a República, unha gran parte dos seus dirixentes foron procesados e encarcerados. Outros como José Calvo Sotelo ou o conde de Guadalhorce tiveron que se exiliar. En 1934, durante o Bienio radical-cedista, trala amnistía concedida, os seus dirixentes foron rehabilitados e iranse reintegrando na vida política a través dun novo partido fundado por José Calvo Sotelo, Renovación Española.
Tralo golpe de estado de 1936, algúns dos seus dirixentes foron vítimas da represión producida no bando republicano.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Álvarez Chillida, Gonzalo (1996) José María Pemán, pensamiento y trayectoria de un monárquico. (1897-1941), Cádiz: Servizo de Publicacións da Universidade de Cádiz. ISBN 8477863059
- Avilés Farré, Juan; Elizalde Pérez-Grueso, Mª Dolores; Sueiro Seoane, Susana (2002). Historia política de España, 1875-1939 (en castelán) XVII. Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-320-9.
- González Cuevas, Pedro Carlos (2003). Maeztu: biografía de un nacionalista español. Madrid: Marcial Pons Historia. ISBN 84-95379-65-1.
- Robles Muñoz, Cristóbal (2013). La Santa Sede y la II República (1931) . De la conciliación al conflicto (en castelán). Madrid: Visión Libros. ISBN 978-84-15965-20-6.
- Sanz Hoya, Julián (2006). De la resistencia a la reacción: las derechas frente a la Segunda República (Cantabria 1931-1936) (en castelán). Santander: Universidad de Cantabria. ISBN 84-8102-420-1.
- Thomàs, Joan María (2017). José Antonio: Realidad y mito (en castelán). Barcelona: Debate. ISBN 9788499927503.