Folga xeral de 1917
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde outubro de 2016.) |
A folga xeral de 1917 foi unha folga convocada en toda España en agosto de 1917, provocada pola crise política daquel ano que coincidiu coa grave situación económica provocada pola primeira guerra mundial, que enriquecera os empresarios exportadores pero á vez provocara unha forte inflación que prexudicou ás clases medias e baixas.
Historia e características
editarFoi convocada pola CNT, a UXT e o PSOE, precipitándose por unha folga de ferroviarios en Valencia no mes de xullo. O día 13 de agosto foi declarada a folga xeral revolucionaria pola UXT e a CNT, co apoio do PSOE e dos partidos republicanos, esixindo a constitución dun goberno provisional, que preparase eleccións constituíntes e emprendese unha reforma da constitución.
Ó preparar a folga había a esperanza de que o exército se decantase polo bando dos folguistas, seguindo o exemplo do que pasara cinco meses antes en San Petersburgo ó iniciarse a revolución rusa. Pero o exército reprimiu con dureza as manifestacións, producíndose nos cinco días que durou a folga un total de 43 mortos e 64 feridos. En Cataluña a represión sobre o movemento obreiro comezou co encarceramento do comité de folga (entre outros, Francisco Miranda, Ángel Pestaña e Salvador Seguí) para se estender sobre moitos outros dirixentes sindicais.