Proxecto de Constitución para o futuro Estado galego

O Proxecto de Constitución para o futuro Estado galego foi elaborado en 1887 polos delegados galegos do Partido Republicano Federal.

Proyecto de Constitución para el futuro estado gallego : formulado por su Consejo Ejecutivo el 24 de mayo de 1883, definitivamente discutido, votado y sancionado por la Asamblea Federal del territorio, reunida en la ciudad de Lugo el 2 de julio de 1887.

ContextoEditar

Galicia fora recoñecida como un estado federado con España no artigo 1º da Constitución que se estaba elaborando nas Cortes republicanas en 1873.[1] Con todo, o levantamento cantonal e o fracaso da I República Española (1873-1874) supuxeron unha traumática experiencia para o republicanismo federal. A instauración da Restauración borbónica de 1874 e o asentamento dun sistema política baseado no centralismo e o tecido clientelista e caciquil que minguaban a súa representatividade, agravaron a súa crise.

Na década de 1880, malia as diferenzas entre os políticos republicanos protagonistas da I República, os federalistas comezaron un proceso de recuperación coa redacción e aprobación de proxectos de constitucións de distintos territorios de España que culminaron coa aprobación dun proxecto de constitución federal na Asemblea de Zaragoza de xuño de 1883.[2] Nesta xeira de constitucións previas, os delegados de Cataluña, Asturias, Castela (León, Valladolid, Zamora), Andalucía e Galicia, escribiron as constitucións dos seus hipotéticos futuros estados federados.[3] Deste xeito, o Partido Republicano Federal procuraba gañar notoriedade pública e recuperar espazo no terreo político.

ElaboraciónEditar

 
Segundo Moreno Barcia, presidente do relatorio que redactou o Proxecto (1883) e da Asemblea que o ratificou (1887)

O texto foi elaborado o 25 de maio de 1883 por un relatorio que o presentou ao chamado Consello Executivo de Galicia, antes da reunión a nivel federal de Zaragoza. O Consello Executivo aprobouno e xa nese ano fixo unha primeira publicación do chamado "Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galaico".[4] O Consello Executivo estaba integrado pola provincia da Coruña por Antonio Manuel Benítez e Manuel Portela Calderón, pola provincia de Lugo por Segundo Moreno Barcia (presidente do relatorio) e José Martínez García, pola de Ourense por Modesto Moyrón, Santiago Casares Paz, e por Toribio Curti e Granada e Joaquín Rey Calvo pola provincia de Pontevedra.

En decembro de 1886, durante unha primeira Asemblea Federal de Galicia na Coruña, formouse unha comisión que elaborou un informe para a consideración da Asemblea Federal da Rexión Galega que debía aprobar definitivamente a proposta en 1887. Dita comisión informativa estaba integrada por Manuel Mosquera Lequerica, Modesto Moyrón e Aureliano J. Pereira. A ratificación definitiva do texto aconteceu durante a Asemblea Federal galega mantida entre os días 2 e 7 de xullo na Escola Normal de Lugo. Neste cumio, presidido por Segundo Moreno Barcia, participaron 25 representantes do federalismo galego por Becerreá, Betanzos, Cambados, Corcubión (Federico Tapia Segade), A Coruña, Lugo, Mondoñedo (Manuel Leiras Pulpeiro), Monforte de Lemos, Ribadeo (Manuel Castro López), Quiroga, Santiago, Tui, Valdeorras, Viana (José Núñez e Núñez), Vigo, Vilalba, así como un representante da prensa federal (Aureliano Pereira), mantida entre os días 2 e 7 de xullo na Escola Normal de Lugo.[5]

ContidoEditar

O proxecto de Constitución está composto por cen artigos organizados en dez títulos, máis un preliminar que fixa os dereitos e liberdades individuais básicas (dereito á vida, á dignidade, libre expresión, á educación e liberdade de ensino, á iniciativa privada, á propiedade, a igualdade ante a lei e xuízo por xurado). O título I do Estado Galego circunscribe Galicia as catro provincias (artigo 1º) e proclama a súa soberanía e a súa forma de goberno republicana-democrática ao tempo que "promete vivir perpetua e indisolublemente enlazada aos demais Estados irmáns da Nación española" (artigo 2º). Os títulos II, III e IV abordan as bases do ordenamento político, sendo sobre os dereitos e garantías, das eleccións e das autoridades públicas, respectivamente. Aínda que no artigo 22º se recoñece que "o poder público reside na totalidade dos electores do pobo galego", ao definir os electores, establece diferentes requisitos por xénero: concédeselle o sufraxio aos maiores dos 20 anos e, no caso feminino, se "engade a circunstante de ser instruída nas materias que abrangue a segunda ensinanza" (artigo 23º). Cómpre sinalar, que malia esta diferenza, o Proxecto de Constitución do futuro Estado galego resulta pioneiro na apertura do sufraxio á muller. Para 1883, en Europa, só Suecia (1861), Finlandia (1863), Bohemia (1864), Reino Unido (1869) e a Illa de Man (1881) recoñecían certos tipos de sufraxio feminino, as máis da veces, circunscrito ao eido municipal.[6][7][8] Con todo, para cando a Asemblea debateu a cuestión, o 5 de xullo de 1887, houbo controversia. Así, M. Moyrón, secundado por Domínguez Troncoso, representante de Tui, manifestouse contra a redacción do artigo por diferenciar entre as mulleres alfabetizadas, que poderían votar, e as que non, pois "a conveniencia aconsellaba negárllelo a unhas e a outras" reparando na súa argumentación na falta de precedentes no mundo e en que a Constitución de Zaragoza (a proposta polos republicanos federalistas en 1883) nada establecía sobre o asunto.[5] Pola contra, Aureliano Pereira defendeu a redacción do artigo. Finalmente votaron a favor do voto feminino dezanove representantes, fronte tres en contra e tres abstencións. Leiras Pulpeiro, expresara reparos aínda que se sumou ao voto maioritario, rogando que a aplicación do voto da muller chegase tras catro anos de República federal para que "ela puidera apreciar as excelencias" do novo sistema.[5]

Do título V ao VIII, fíxanse as bases da separación de poderes do Estado galego e as súas regras de funcionamento. O lexislativo exérceo unha Asemblea Rexional electa cada 3 anos, conformada por deputados, homes maiores dos 25 anos (artigo 28º), que poderían ser destituídos por petición da maioría dos electores do seu distrito (artigo 41º). O poder executivo correspóndelle a unha Comisión ou Consello Executivo formado por cinco direccións (Xustiza e Policía, Gobernación, Facenda, Fomento e Instrución Pública e Guerra). Os membros do Consello Executivo eran escollidos pola Asemblea, tamén a un para que fose o seu presidente, e renovaríase cada tres anos, podendo o presidente ser reelecto unha soa vez (artigo 58ª). Curiosamente, o goberno deseñado neste proxecto de Constitución é semellante ao sistema directorial do Consello Federal suízo, e non ao presidencialista do proxecto de Constitución da I República Española ou do de Zaragoza de 1883. No relativo ao xudicial, establecía o xurado para todos os delitos e un Tribunal Supremo galego.

Ademais, o Proxecto de Constitución creaba un exército baseado no servizo voluntario e retribuído (artigo 71), un sistema educativo público, obrigatorio, gratuíto e laico (artigos 78º e 79º), un Banco Hipotecario galego e anula os dereitos feudais considerando para a redención dos foros a lei de 1873 (artigo 85º). A capital do futuro Estado era establecida, de forma provisoria, na cidade da Coruña. Doutra parte, o Proxecto de Constitución non designa ningunha lingua oficial, nin foi un asunto tratado nos debates para a súa aprobación.

NotasEditar

  1. "Proyecto de Constitución Federal de 17 de julio 1873". Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (en castelán). Consultado o 2021-01-27. 
  2. Máiz, Ramón (2009). Estudio introductorio. Francisco Pi i Margall. Las Nacionalidades. Escritos y discursos sobre federalismo. Akal. ISBN 978-84-460-3096-6. 
  3. Beramendi, Justo (2000). limiar de Alicerces: Proxecto de Constitución para o futuro Estado Galego (1887). Museo do Pobo Galego. ISBN 84-88508-26-3. 
  4. Proyecto de Constitución para el futuro Estado Galaico. Imprenta Puga. 1883. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Asemblea Federal da Rexión Galega (1887). Proyecto de Constitución o Pacto Fundamental para el futuro Estado Gallego. Imprenta José Míguez Peinó y Hermano. 
  6. Ray, P. Orman (1918). "Woman Suffrage in Foreign Countries". The American Political Science Review 12 (3): 469–474. ISSN 0003-0554. doi:10.2307/1946097. 
  7. Johnston, Neil (2021-01-28). "The History of the Parliamentary Franchise" (en inglés). 
  8. "Tynwald - Parliament of the Isle of Man - Women's Suffrage - Dates of Interest". www.tynwald.org.im. Consultado o 2021-01-28. 

Véxase taménEditar

Ligazón externa:Editar