Entrimo
Coordenadas: 41°56′27″N 8°08′27″O / 41.940833333333, -8.1408333333333
Entrimo é un concello da provincia de Ourense, pertence á comarca da Baixa Limia. En 2014 tiña 1323 habitantes, segundo o padrón municipal (1386 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «entrimés»[8].
Entrimo | |
---|---|
Situación | |
Xentilicio[1] | entrimés/entrimesa |
Xeografía | |
Provincia | Provincia de Ourense |
Comarca | Comarca da Baixa Limia |
Poboación | 1.118 hab. (2022)[2][3] |
Área | 85,4 km²[3] |
Densidade | 13,09 hab./km² |
Entidades de poboación | 5 parroquias[4] |
Capital do concello | A Terrachá |
Política (2023 [5]) | |
Alcalde | Ramón Alonso López (PSdeG[6]) |
Concelleiros | PPdeG: 2 PSdeG-PSOE: 7 |
Eleccións municipais en Entrimo | |
Uso do galego[7] (2011) | |
Galegofalantes | 79,57% |
Na rede | |
http://www.concelloentrimo.es/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Xeografía Editar
O concello, de 85,43 km², abrangue 5 parroquias e 18 lugares. Limita ao norte con Melgaço (Portugal), ao nordeste con Lobeira, ao sueste con de Lobios a través do río Limia (encoro de Lindoso no sur), e ao oeste con Arcos de Valdevez a través do río Barcia e con Castro Laboreiro (Melgaço).
É un concello de orografía montañosa, cunha altitude media de 511,4 m sobre o nivel do mar. Ao oeste do concello están as serras do Quinxo, e ao leste a serra de Queguas (extremo Oriental).
Historia Editar
Na zona hai restos de asentamentos humanos desde a época do megalitismo, como as mámoas de San Fiz. Da época castrexa son os castros do Monte do Quinxo, a Pía da Moura e o Penedo das Serpes. Antes da romanización de Galicia, a zona estaba habitada polos quarquernos.
A toponimia dos montes Lumiares e Penedo da Facha parece indicar lugares onde se facían fogueiras de sinais.
O topónimo Entrimo aparece como Interimi nun documento de concordia do 6 de xaneiro de 1149, entre o bispo Martiño de Ourense e o abade Paio de Celanova. O mosteiro de Celanova exerceu dominio xurisdicional sobre varias aldeas durante bastante tempo. O abade era copartícipe do Rei, e nomeaba xuíces ordinarios e cobraba as rendas.
O 15 de xaneiro de 1368 a zona a zona foi doada xunto coas de Lobeira, Araúxo e Abelenda por Henrique II a Xoán Rodríguez de Biedma, principal secuaz dos Trastámara. A doazón foi feita antes de que Henrique tivese a coroa nin dominio de Galicia. Posteriormente, a herdanza dos Biedma pasou a mans do Condado de Monterrei. Con todo os Trastámara cederon a xurisdición de Entrimo a Diego Pérez Sarmiento, conde de Santa Marta, pasando despois ao condado de Ribadavia.
En marzo de 1608 o rei Filipe III eximiu a Entrimo de cargas militares polo estado constante de alarma debido á situación na fronteira con Portugal. A zona sufriu incursións, requisas de gando e colleitas e queima de arquivos. Esta exención foi confirmada o 30 de xullo de 1643 por Filipe IV.
En 1909 apareceu en Entrimo o periódico Picaraño, subtitulado Periódico Republicano Radical Revolucionario.
Demografía Editar
Censo total | 1323 (2014) |
Menores de 15 anos | 70 (5,29 %) |
Entre 15 e 64 anos | 719 (54,35 %) |
Maiores de 65 anos | 534 (40,36 %) |

Evolución da poboación de Entrimo Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 |
3389 | 3602 | 3257 | 2777 | 1370 | 1367 | 1398 | 1391 | {{{13}}} | {{{14}}} | {{{15}}} | {{{16}}} | {{{17}}} | ||||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Patrimonio Editar
Entre o seu patrimonio destaca a igrexa de Santa María a Real.
Entrimo na literatura popular Editar
- Á nosa Virxe de Olelas/ quérena mudar arriba;/ non han de ver o que coidan/ os baraceiros de Illa [9]
- A Terrachán ten orgullo/ de que ten no medio a igrexa,/ mais tamén é polo úneco/ que os outros pobos a envexan [10]
- Adios, igrexa de Entrimo,/ de espaldas te vou mirando;/ a saída será hoxe/ i a entrada non sei cando [11].
- Adios, igrexa de Entrimo,/ tronco de tódalas flores;/ adios, pobo de Galez,/ onde quedan meus amores [12].
- Anque che son pequeniña,/ anque che son entrimeña,/ téñoche moito diñeiro/ ia bulsa non é pequena [13].
- As mociñas do Casal/ cantan e poden cantar:/ teñen un mozo con cornos/ á entrada do lugar [14].
- As mociñas, as de Entrimo,/ todas gastan polisón/ que llo figo un carneireiro/ da pelica dun leirón [15].
- Desde o Outeiro a Guxinde/ hai unha boa tirada;/ cantas pasadas eu dou/ por ir ver á miña amada [16].
- En Queguas canta o cuco,/ en Vilar a cabra vella,/ en Véncias cantan os anxos/ que é a flor da nosa terra [17].
- En Véncias cantan os galos/ i as pitas na ferreiría;/ esgarreai e botai,/ que eiquí non hai porquería [18].
- Eu non falo castellano,/ galego nin portugués,/ falo entremesellano/ que participa dos tres [19].
- María, miña María,/ miña repimpinadeira,/ como te vai a levar/ ise tolo da Pereira! [20].
- Miña Virxe da Subreira/ é amiga da goteira;/ póñenlle o carballo á porta,/ heille planta-la videira [21].
- Niste lugar de Guxinde,/ ao revolver das ladeiras,/ pasade coa faldra fóra/ pola mor das costureiras [22].
- Niste lugar de Guxinde,/ no pasar polas ladeiras,/ pasade coa faldra fóra/ pola mor das feiticeiras [23].
- No lugarciño de Queguas/ levouno todo a xiada;/ só quedou un caravel/ por baixo dunha arribada [24].
- O lugarciño de Queguas/ hémolo fundir a tiiros:/ as balas han de ser ouro/ as municiós de sospiros [25].
- O río da Feira Nova/ pasa por baixo da ponte;/ as mozas de Paradela/ deixan o gado no monte [26].
- Outeiro, tu estás no alto,/ non te ve a Terrachán;/ tu es máis frío ca ela,/ pero dás ben millor pan [27].
- Río abaixo, río arriba,/ río de Porta pequeno;/ lévalle moitas mamorias/ ás pendangas de Aceredo [28].
- Río arriba, río abaixo,/ río de Porta pequeno;/ lévalle moitas mamorias/ ás mociñas de Aceredo [29].
- Santa María a Real/ orgullo de Entrimo todo,/ cantos te ven visitare/ de placer vólvense tolos [30].
- Santa María de Entrimo,/ Santa Marta de Lubeira,/ a muller que come a nata/ non pode te-la manteiga [31].
- Santa María de Entrimo/ tan alta se foi a pór/ para toca-las campanas/ o domingo do Señor [32].
- Santa Marta de Lubeira,/ Santa María de Entrimo,/ a muller que come a nata/ten a marca no fuciño [30].
- Se vas a San Benitiño/ non vaias a Lantemil,/ que hai outro máis milagreiro,/ á subida do Pacín [33].
- Señora e reina de Entrimo/ é Santa María a Real,/ que lle gaña en femosura/ á máis boa catedral [34].
- Teño unha flor de silveira/ que me deu o meu amor/ cando viñamos da festa,/ da festa da Conceición [35].
- Un veciño do lugar/ ten unha vaca marela/ que mercou na Feira Nova/ por seis pesetas e media [36].
Galería de imaxes Editar
- Artigo principal: Galería de imaxes de Entrimo.
-
Tear no lugar de Asperelo na parroquia de Galez.
-
Casa do concello.
-
Placa altimétrica do concello.
-
Entrimo visto desde a raia con Portugal
Parroquias Editar
Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Entrimo | |
---|---|
Entrimo (Santa María a Real) | Galez (San Fiz) | A Illa (San Lourenzo) | A Pereira (San Facundo) | Venceáns (San Tomé) |
Lugares de Entrimo Editar
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Entrimo vexa: Lugares de Entrimo.
Notas Editar
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020.(en castelán).
- ↑ 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Entrimo".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
- ↑ Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
- ↑ Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023.
- ↑ Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014.
Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google
- ↑ Lado Lago, X. A. (2007): Libro de estilo do Concello de Santiago, páx. 166. Concellaría de Política Lingüística. Departamento de Lingua. C 1644-2007
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 39. Olelas e A Illa son lugares da parroquia da Illa, concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 50. No orixinal: orgulo. A Terrachá é lugar da parroquia e concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 30.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 30. San Fiz de Galez é unha parroquia do concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 40.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 49). Hai moitísimos lugares co nome de Casal e O Casal, pero o único situado na Limia Baixa é lugar da parroquia e concello de Entrimo. O autor sitúa O Casal como lugar da “parroquia da Terrachán” aínda que o Nomenclátor identifica A Terrachá como outro dos lugares da mesma parroquia de Entrimo. Engade que ese "mozo con cornos" non é outro que a figura do demo ós pés de San Miguel, nunha imaxe dunha capela existente no Casal.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 48. Os leiróns son pequenos roedores, comúns nas zonas boscosas.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 69. No orixinal: Gaxinde. Resulta imposible identificar este Outeiro; Guxinde é lugar da parroquia da Pereira, concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 74. No orixinal: Rueguas. Xaquín Lorenzo di que a forma oficial é Venceás, aínda que os veciños digan Véncias, pero no Nomenclátor atopamos Venceáns (San Tomé), parroquia de Entrimo. Na parroquia só hai os tres lugares ós que fai mención a cantiga: Queguas, Vilar e Venceáns.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 75. Venceáns é parroquia de Entrimo; esa "ferreiría" pode ser erro por Ferreiros, outro lugar da parroquia e concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 82.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 93). San Facundo da Pereira é unha parroquia do concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 103. No orixinal: plantala. Nosa Señora da Sobreira é padroeira de Ferreiros, lugar da parroquia e concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108. No orixinal: fora.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108. No orixinal: fora. Crese que andar coa faldra fóra escorrenta as bruxas, quizais por semellanza coa alba dos sacerdotes. Guxinde é lugar da parroquia de San Facundo da Pereira, no concello de Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 109. No orixinal: Quenguas, levóuno, quedóu, de unha. Queguas é lugar da parroquia de San Tomé de Venceáns, Entrimo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 119.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 124. Xaquín Lorenzo localiza esta Feira Nova na parroquia de San Fiz de Galez, no concello de Entrimo, pero o Nomenclátor non recolle tal lugar senón A Feira Vella; en todo caso, lémbrese que A Ponte Liñares, lugar da parroquia de Santiago de Güín, no concello de Bande, tamén se coñece como A Feira Nova. Finalmente, San Xoán de Paradela de Abeleda é parroquia do concello de Porqueira, tamén na comarca da Limia.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 127. No orixinal: tú, és. A Terrachá é lugar da parroquia de Entrimo, concello de Entrimo
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 139. O río de Porta é un regato que desauga no río de Pacín, en Entrimo; Aceredo é un lugar da parroquia de San Salvador de Manín, no concello de Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 139).
- ↑ 30,0 30,1 Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141. No orixinal: tela.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 141. No orixinal: tocalas. Xaquín Lorenzo fai notar que a igrexa de Santa María de Entrimo está no val, polo que supón que se trata dunha cantiga importada doutro sitio.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 148. Lantemil é un lugar da parroquia de San Lorenzo da Illa no concello de Entrimo. O río Pacín fórmase ó unirse os ríos Illa e Montaña, e desauga no Limia. A ermida de San Bieito está no monte do Grou, no Leboreiro. Grou, sen advocación, enténdese que é San Mamede de Grou, parroquia do concello de Lobios.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 145.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 152. Festa de Santa María a Real de Entrimo, o 15 de agosto.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 160. Xaquín Lorenzo localiza esta Feira Nova na parroquia de San Fiz de Galez, no concello de Entrimo, pero o Nomenclátor non recolle tal lugar senón A Feira Vella; en todo caso, lémbrese que A Ponte Liñares, lugar da parroquia de Santiago de Güín, no concello de Bande, tamén se coñece como A Feira Nova.
Véxase tamén Editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Entrimo |