Imprensa Nacional-Casa da Moeda

ceca e editora públicas portuguesas

Coordenadas: 38°44′14.945″N 9°8′37.066″O / 38.73748472, -9.14362944

A Imprensa Nacional-Casa da Moeda (INCM) é unha sociedade anónima de capital público resultante da fusión, en 1972, de dúas institucións centenarias portuguesas: a Imprensa Nacional e a Casa da Moeda. O seu propietario é o Goberno de Portugal e depende organicamente do Miniserio de Facenda. A compañía localízase no barrio de São Mamede, en Lisboa.[1]

Imprensa Nacional-Casa da Moeda



Edificio da Casa da Moeda'

TipoEstatal
Fundación- 1768: Impressão Régia (Imprensa Nacional).
- Século XIII: Casa da Moeda.
- 1972: Fusión.
MatrizMinisterio de Facenda. Goberno de Portugal.
Localización Lisboa
Portugal Portugal.
IndustriaCuñaxe.
ProdutosMoedas, medallas, documentos, publicacións etc.
Na rede
http://www.incm.pt/
editar datos en Wikidata ]

A Imprensa Nacional-Casa da Moeda produce todas as moedas de Portugal, tanto as circulantes como as de colección e investimento, así como os selos de correos (desde 1853, co busto de María II) e diversas publicacións, documentos e timbres oficiais da Républica Portuguesa.[1]

Historia editar

A Imprensa Nacional editar

A Imprensa Nacional adquiriu esa deniminación en 1833, aínda que é herdeira da preexistente Impressão Régia, tamén coñecida como Régia Oficina Tipográfica, creada o 24 de decembro de 1768, á que só un ano despois, en 1769, se incorporara a Fábrica de Cartas de Jogar e Papelões, dedicada á fabricación e venda de barallas en Portugal e no seu imperio.[2]

A Impressão Régia fixou a súa sede en Lisboa en pleno desenvolvemento industrial posterior ao terremoto de 1755, inicialmente de alugueiro e, posteriormente, no palacio da travessa do Pombal, adquirido en 1816. En 1895, ese vello edifício, xa inadecuado para as necesidades da empresa comezou a ser demolido e as instalacións foron trasladándoese a unha nova sede, cuxa conclusión non se produciu ata 1913, onde se mantén na actualidade, logo de diversas obras de renovación.[2]

 
Edificio da Imprensa Nacional

A Impressão Régia foi administrada por unha xunta directiva apoiada por unha "xunta literaria", que decidía os libros que podían ou non ser publicados. En 1810, unha reforma administrativa fixo que a xestión recaese nun único administrador. Cara á segunda metade do século XIX, a institución modernizouse tecnoloxicamente, e os seus administradores fixeron varias viaxes a París, Londres e Bruxelas, onde adquiriron prensas e outros equipamentos que colocaron a Imprensa Nacional ao nivel das súas homólogas europeas. Logo dese pulo, foi recoñecida con diversos premios en exposicións nacionais e internacionais, como as de Londres (1862), Porto (1865), París (1867), Viena (1873), Filadelfia (1876), París (1878), Río de Xaneiro (1879) e novamente París (1889 e 1900).[2] No primeiro terzo do século XX, a Imprensa Nacional adquiriu un notable desenvolvemento cultural e social, coa organización de diversas conferencias e exposicións e coa inauguración da súa biblioteca en 1923.[2]

O Decreto lei 49476, do 30 de decembro de 1969, converteu a institución nunha empresa pública que, finalmente, en xullo de 1972, se fundiu coa Casa da Moeda.[2]

En 2018, a Imprensa Nacional celebrou os seus 250 anos. A exposición Imprimere na Casa do Design foi un dos principais eventos desa conmemoración.[2][3]

A Casa da Moeda editar

 
Edificio da Casa da Moeda

A Casa da Moeda de Lisboa é, probablemente, o estabelecemento fabril máis antigo en activo de Portugal, xa que a súa actividade se documenta xa a finais do século XIII, durante o reinado de Don Dinís, nun local preto da Porta da Cruza. A partir do século XIV coñécense varios traslados da sede da ceca lisboeta e a mediados do século XVI instalouse na céntrica rúa da Calcetaria, preto do Paço da Ribeira, onde permaneceu ata 1720. O 12 de setembro dese ano trasladouse á rúa de São Paulo, onde se mantivo ata 1941, cando se instalou no edificio que hoxe a alberga.[4]

Nun primeiro período, desde os seus inicios ata 1678, a produción na Casa da Moeda realizábase polo sistema manual da cuñaxe ao martelo. A partir de aí foise introducindo progresivamente a maquinaria e xa ao final do século XVII estaban instaladas as prensas de volante, cuxa forza motriz, inicialmente humana, foi substituída xa en 1835 pola do vapor, cunha máquina adquirida en Inglaterra á compañía Boulton and Watt, igual á utilizada na Royal Mint de Londres.[5][6] A partir de 1866 a ceca operou coas prensas monetarias da marca Ulhorn, precursoras das que aínda hoxe están en funcionamento.[4][7]

Mediante un decreto do 28 de xullo de 1845 unificouse baixo unha soa administración a Casa da Moeda e a denominada Repartição do Papel Selado, e a denominación da entidade resultante foi a de Casa da Moeda e Papel Selado. Posteriormente, coa introdución en Portugal dos selos postais en 1853, a Casa da Moeda e Papel Selado comezou a producir tamén selos de correos.[4]

A finais do século XIX, a empresa gañou unha posición de maior relevo no aval de calidade dos metais nobres. En 1882 a Casa da Moeda e Papel Selado adquiriu a exclusividade deste labor e pasou a fiscalizar a industria e o comercio da ourivaría en Portugal, función que aínda mantén.[4][8]

Logo de sucesivas reestruturacións dos seus servizos en 1911, 1920, 1929 e 1938, a antiga Casa da Moeda e Papel Selado fundiuse, en 1972, coa Imprensa Nacional para constituír a entidade Imprensa Naciopnal-Casa da Moeda.[4]

Servizos e produtos editar

A INCM ten encomendada a produción de bens e servizos para o Estado portugués, entre eles:[1]

Galería de produtos da IN-CM editar

Museo da Casa da Moeda editar

A Casa da Moeda posúe unha importante colección de moedas que amosa no Museu Casa da Moeda, un proxecto de museoloxía enteiramente dixital ao que se accede a través da páxina web da institución e das redes sociais Facebook, Twitter e Instagram.[14][15]

A colección abrangue máis de 36.000 moedas (desde o século VII a. de C. e 9.500 medallas (a partir do Renacemento) e o museo virtual estrutúrase en cinco galerías: moeda grega e romana, moeda visigoda e sueva, moeda musulmá, e moeda portuguesa e estranxeira. A galería de moedas portuguesas constitúe o núcleo máis salientable da colección, con pezas correspondentes tanto á monarquía (séculos XII a século XX) como á república (séculos XX a XXI).[14]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Apresentação". IN-CM.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "História da Imprensa Nacional". IN-CM.
  3. "De Gutenberg ao digital, a Casa do Design ensina como se faz um livro". En Público. 1 de xuño de 2018.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "História da Casa da Moeda". IN-CM.
  5. "La frappe au balancier". Université de Poitiers.
  6. Gall, C. "Matthew Boulton: The grandfather of modern coinage". En BBC. 20 de outubro de 2014.
  7. Märcher, M. (2015). "Screw presses, Boulton presses, and Uhlhorn presses – The 19th century development in Danish coin striking machinery from an international perspective". En Depeyrot, G.; Märcher, M. Mints, Technology and Coin Production. Proceedings of the Round Table of the “Silver Monetary Depreciation and International Relations”. Moneta. Wettern.
  8. "História das contrastarias". IN-CM.
  9. Diario da República. IN-CM.
  10. "Livros". IN-CM.
  11. "Documentos de identificação". IN-CM.
  12. "Moeda corrente" e "Moeda de coleção comemorativa". En IN-CM.
  13. "Laboratórios de metais". IN-CM.
  14. 14,0 14,1 "Museo Casa da Moeda". En Facebook.
  15. Ligazóns dispoñibles na sección "Ligazóns externas" deste artigo.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar