Os Ancares, León

Os Ancares leoneses ou Val de Ancares é unha comarca tradicional de España situada no extremo noroccidental da provincia de León, na comunidade autónoma de Castela e León, dentro do actual termo municipal de Candín. O val está formado polo curso do río Cuíña (que ao confluír co rego da Veiga pasa a denominarse río Ancares) e un treito do curso alto dese río Ancares ata a zona das Veigas de Area, pasada a aldea de Sorbeira, dende a que o río flúe xa nun desfiladeiro máis angosto.

Na segunda metade do século XX, Os Ancares pasou a denominar a un territorio moito máis amplo, que na súa acepción máis laxa comprende outras partes do Bierzo (en León); dende Navia de Suarna ata Pedrafita do Cebreiro (no oriente de Lugo); e unha parte de Ibias (no suroeste de Asturias).[1][2]

Os Ancares leoneses pertencen administrativamente ao Bierzo, a única comarca legalmente constituída como tal na comunidade de Castela e León. Conta cun consello comarcal como institución pública de goberno e administración e abrangue 38 municipios.

Paradoxalmente, a única área recoñecida a efectos administrativos co nome de Ancares e, polo tanto, claramente delimitada, é a comarca galega dos Ancares, en Lugo, na que loxicamente non está o val leonés de Ancares, que deu nome a toda a área. Esta bisbarra, pola súa banda, comprende seis concellos, dos que só dous inclúen no seu territorio a serra dos Ancares en sentido estrito.

Os Ancares leoneses, nun sentido máis amplo ca o do val, constitúen unha zona montañosa de difícil acceso, entre dúas concas, as dos ríos Sil e Navia, que se estende entre os portos de Ancares (1670 m) ao norte e o Alto do Portelo (1068 m) ao sur. Illada ata ben andado o século XX, a zona mantivo uns costumes, arquitectura e fala propios.

Vista dos Ancares dende Candín.

Xeografía editar

O contraforte da cordilleira Cantábrica denominado serra dos Ancares [3] é un sistema xeomorfolóxico entre as provincias de León e Lugo. O segmento de máis altitude esténdese dende Penarrubia (ao sur), ata o porto de Ancares que linda co cordal serra Bruteira-serra da Corredoira (ao norte) e dende onde se abre cara ao sueste o val de Ancares polo que transcorre o río que deu nome a toda a rexión.[4][5]

 
Porto de Ancares

A prolongación da crista sur de Penarrubia e o cordal que continúa ata o Alto do Portelo separa os vales dos regos que aflúen no río Valboa, en León (conca do Sil), dos vales dos ríos de Noceda e de Vilarello, en Lugo (conca do Navia).

A serra prosegue cara ao nordés deitando cara a bacía do Sil os ríos Teixeira, Porcarizas e Burbia, que recolle as augas dos dous primeiros. Na vertente do Navia os vales son máis pequenos e a hidronimia muda constantemente en función dos lugares polos que pasa o regato. Destacan o rego da Veiga dos Foxos (rego da Braña na súa parte alta), o río de Brego (que ao confluír co anterior pasa a chamarse río de Cereixedo), o río da Vara, o río do Ortigal, o da Veiga Cimeira e o de Moreira (que forma val da Freita).

No lado oriental do extremo norte da serra, ábrese o val de Ancares, froito da erosión glaciar e fluvial, rodeado de montañas de elevada altitude (Pico Cuíña 1987 m, Pedra de Miradelo, 1791 m, Alto dos Forcadones 1799 m) e pendentes pronunciadas. Está situado ao noroeste do Bierzo.[6] O río principal é o río Ancares, afluente do río Cúa na conca do Sil. Nace da unión dos ríos Cuíña e da Veiga ao sur de Candín. Como río Cuíña, ten como afluentes os ríos Miravales e Seco, e a seguir, os regueiros do Penedón, de Baliñas e da Cruz. O val péchase no extremo sur do termo municipal de Candín coincidindo co límite meridional da bisbarra tradicional do Val de Ancares. Tras este desfiladeiro o val volve abrirse en San Martín de Moreda e despois o río desemboca no río Cúa uns catro quilómetros despois de pasar ao sopé de San Pedro de Oleiros.[7]

O porto de Ancares — ou alto de Valouta— pon fin ao cordal dos Ancares, mais o teso que segue —a serra da Bruteira— e que remata no pico Miravales (1966 m), chega ata o linde con Asturias. Ao norte da seguinte serra, a da Corredoira —que une os altos de Miravales e Boquín en dirección oeste-leste— ábrese o val do río Luíña, escoltado primeiro polas serras de Mingatón (ao oeste) e de Cienfuegos (ao leste) e dirixido despois entre as serras de Torga e de Pandelo ata a súa desembocadura no río Ibias. A serra de Bustelo e Ciacho e a serra de Muniellos separan a conca do Ibias da do río Narcea ao norte, mentres que as de Busto e Cuías sepárana da do Navia polo oeste entrementres o Ibias non desauga neste.[8]

Ao sur da serra de Barreiro áchase a conca do Navia con pequenas serras perpendiculares aos Ancares como a de Liñares, Murias, Vilaverde, A Granda de Arroxo, O Agulleiro, Palmeán, O Pando e As Maseiras ata chegar ao concello de Pedrafita do Cebreiro que fai de transición entre Os Ancares e a serra do Courel.[9][10]

Continuando dende o porto de Pedrafita cara ao leste, encóntrase o val do río Valcarce, afluente do Burbia cos vales do río Valboa pola marxe esquerda e do río Barxas pola dereita. Cara ao norte, o val do Burbia linda co de Ancares. Ao nordés deste, ábrese o Val de Fornela, bisbarra tradicional leonesa, cabeceira do río Cúa. Ao leste deste val encóntrase o "Alto Sil", o curso alto do río que pasa polas comarcas de Ribas do Sil[11], Laciana e Babia[12], onde nace.

A parte leonesa dos Ancares, ademais do val do río Ancares, inclúe os vales de Fornela, do Burbia e do Teixeira, e ocupa unha superficie de algo máis de 62.000 hectáreas. A parte galega articúlase arredor das vilas e aldeas orientais de Cervantes e Navia de Suarna e comprende unha superficie de case 8.000 ha[13], ou 26.000 se se toman os datos do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais do Parque Natural dos Ancares, elaborado en 2008 pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible[14]. Está drenada polos ríos afluentes pola marxe dereita do río Navia, cuxas fontes se encontran na serra de Ancares. A parte asturiana é dunhas 1000 hectáreas e comprende unicamente o val do río Peliceira, afluente do río Ibias, no concello homónimo.[15]

Historia editar

A historia do topónimo e da rexión á que se refire van moi ligadas á xeografía, á ecoloxía e á etnografía do ámbito máis ou menos próximo ao val de Ancares; pero os límites últimos desta rexión obedecen a razóns administrativo-políticas[16].

No Catastro de Ensenada, levado a cabo dende 1749, as poboacións de Candín, Pereda de Ancares, Sortes de Ancares, Espiñeireda de Ancares, Teixeu de Ancares, Lumeiras e Vilasumil figuran como parte da xurisdición de reguengo, pertencente ao partido de Ponferrada.[17] Segundo Pascual Madoz, Val de Ancares formaba parte do partido xudicial de Vilafranca do Bierzo e comprendía as localidades de Candín, Pereda, Sorbeira, Vilasumil, Sortes, Espiñeireda, Teixeu, Lumeiras, Vilarbón, Valouta e Suárbol. Os seus habitantes dedicábanse ao comercio de, entre outros, cera, augardente, sardiñas e demais peixe polas feiras e mercados da provincia. A comarca producía gando vacún e lanar, ademais de legumes, pataca, centeo e liño. A industria consistía en varios muíños fariñeiros e varios teares de la e liño.[18]

Dende entón e ata a segunda metade do século XX o nome fixo referencia unicamente á serra e ao val da vertente leonesa, como testemuñan o río, o propio val, e o apelido das localidades de Teixeu, Pereda ou Espiñeireda, todos eles no termo municipal de Candín. As razóns da súa ampliación ás zonas próximas, tanto en León como en Galicia e Asturias non son coñecidas en detalle pero probablemente estean relacionadas con disposicións oficiais que afectaron á bisbarra[19].

En 1966 creouse no termo municipal lucense de Cervantes unha reserva de caza co nome de «Reserva Nacional de Caza de Ancares (Lugo)».[20] En 1971 a vertente leonesa da serra de Ancares foi declarada «Paisaxe Pintoresca». Posteriormente, en 1973 creouse a «Reserva Nacional de Caza dos Ancares Leoneses (provincias de León e Oviedo)» nos concellos de Candín, o Val de Finolledo (hoxe desaparecido), A Veiga de Espiñareda, Vilafranca do Bierzo, Fabeiro, Peranzais e Ibias.[21] Entre 1977 e 1980 realizouse o inventario aberto de «Espazos naturais de Protección Especial» levado a cabo polo ICONA e a Dirección Xeral de Urbanismo que adscribiu 13 000 hectáreas aos Ancares lucenses e outras 37 000 aos leoneses. Máis tarde, de 1989 a 1997 entraron en vigor as leis de caza autonómicas polo que os Ancares se dividiron en dúas Reservas Rexionais de Caza e a de Lugo pasou a denominarse «Os Ancares» [22].

Posteriormente, en 1991 incluíuse a Serra de Ancares no Plan de Espazos Naturais Protexidos de Castela e León e en 1992 iniciouse o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra de Ancares que afectou aos concellos leoneses de Candín, Fabeiro, Páramo del Sil, Peranzais e A Veiga de Espiñareda, e que foi ampliado no ano 2000 aos concellos de Villablino e Palacios del Sil, incluíndo así o Lugar de Importancia Comunitaria «Serra de Ancares-Alto Sil».[23][24] En 2002 pasou a denominarse «Espazo Natural da Serra de Ancares (León)» e en 2006 apareceu como «Espazo Natural de Serra dos Ancares» cambiándose nesta disposición oficial ata o nome da propia Serra.[25][26]

En Galicia menciónase oficialmente a «Bisbarra dos Ancares» dende 1995, aínda que polo menos un ano antes xa se falaba dos Ancares como a parte desta rexión incluída en Lugo.[16][27] En 2001 iniciouse o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais do «Espazo Natural Protexido Ancares-Courel» incluíndo os municipios de Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, O Incio, Navia de Suarna, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Pobra do Brollón, Quiroga, Samos, Triacastela e Ribas de Sil.[28]

Segundo o etnógrafo Joaquín Rodríguez Campos, os habitantes galegos de Cervantes e Navia de Suarna sempre chamaron ancareses aos veciños do outro lado da Serra, polo que un ancarés era un leonés desa zona; aos asturianos de Ibias o nome «ancarés» resultáballes totalmente alleo, e chamaban así tanto a galegos como leoneses da zona sur. Apunta tamén que o topónimo Ancares, aínda sendo relativamente recente para nomear tanto a serra como a rexión, foi de grande acerto e rapidamente se estendeu, sobre todo a partir do momento en que a Administración destinou fondos para a bisbarra. Esta última afirmación é corroborada polo escritor Francisco Pérez Caramés, quen fixo notar que o topónimo debía ter unha atracción especial pois, tras denominar así as reservas de caza, o nome se estendeu a toda unha rexión xeográfica.[16]

Etimoloxía editar

O estudoso Narciso Peinado Gómez, citando o historiador Antonio López Ferreiro e o catedrático de Paleografía Agustín Millares Carlo, propón que «Ancares» provén de «Antares» en referencia á antiga fortaleza de Santa María de Antares que noutrora houbo no val de Valcarce[29], próximo ao val de Valboa (León), por transformación da «t» en «c». Fai referencia o mesmo autor aos «enanciados» de Ramón Menéndez Pidal que falaban dúas linguas -romance e árabe- e que daban lugar a certas anomalías fonéticas.

Outra posibilidade, defendida por Jesús García e Joaquín Rodríguez Campos, é que o vocábulo -documentado dende a Alta Idade Media- proveña de 'ancón' co significado grecolatino de «esquina», pero máis plausible, din, é que proveña do latín 'angarius', orixinalmente «mensaxeiro», «mandadeiro», «correo», mais cun significado figurado de «asno» ou «besta de carga», o que apoian con outros topónimos galaicoasturianos da zona co mesmo significado, como «asinarios».

Francisco Pérez Caramés apuntou que procedese da raíz precéltica 'car' «pena», co prefixo 'en' na súa segunda acepción que significa «semellante a».[16]

Flora e fauna editar

 
Hai osos pardos nos Ancares.

Ancares é parte da Reserva natural da Serra de Ancares, e nela poden encontrarse castiñeiros, faias, carballos, teixos, acivros, amieiros, bidueiros, cancereixos, abrairas e lamigueiros. Entre os arbustos e herbas: breixo, uz das vasoiras, xesta e xanzá, entre outras. Son abundantes os pasteiros de alta montaña que serven de sustento para o gando na época estival.

Entre os mamíferos de gran porte, son frecuentes o corzo e o xabaril. Xunto a eles habitan ata 48 especies máis de mamíferos entre os que aínda poden observarse o cervo, a xeneta, o gato bravo e mesmo osos pardos.[30]. A poboación de lobos, abundante no pasado, volveu recuperarse despois de ser moi perseguida.

Entre as aves destaca a presenza da pita do monte.

Toda a conca hidrográfica de Ancares está declarada como 'augas truiteiras'[31],é dicir, abondosas en truita, como lle din á troita común na variante máis oriental do galego.

Demografía editar

A pirámide de poboación atópase invertida debido, sobre todo, á emigración do campo á cidade e, especialmente, a unha baixísima natalidade.

Nos últimos tempos obsérvase unha tendencia a recuperar as casas, por parte, sobre todo, de descendentes desas mesmas aldeas, para utilizalas principalmente como segunda residencia. A vivenda típica e tradicional da zona é a palloza.

Moitas aldeas foron abandonadas no último terzo do século XX e aínda que hai algún intento por recuperalas (o caso de Vilarbón), non deixan de ser casos moi concretos.

Aldeas de Ancares editar

A bisbarra dos Ancares leonenes non ten uns límites definidos. A día de hoxe, abrangue unha superficie que vai alén do propio val de Ancares, pero dependendo das distintas interpretacións pode incluír ou non o Val de Fornela polo norte ou o concello de Valboa polo sur. En todo caso a comarca fórmana unhas 50 aldeas pertencentes aos concellos da Veiga de Espiñareda, Vilafranca do Bierzo, Fabeiro, Peranzais e Candín, espalladas polos vales de Burbia, Ancares, Val de Fornela e Valboa. Velaquí unha pequena mostra:

Economía editar

Moitos ancareses dedicándose no pasado ao comercio cos vales e rexións veciñas, probablemente obrigados polos pobres rendementos da agricultura (pouca terra e de mala calidade). É tradicional o cultivo da verza co que se elabora o caldo ancarés.

A gandaría tivo moita importancia na economía da comarca, tanto na obtención de produtos cárnicos coma lácteos.

 
Vista do val do río Ancares

Arquitectura tradicional editar

Sobresae unha construción típica que é a palloza (tamén coñecida como pallouza e pallaza). Son típicos tamén os hórreos.

Notas editar

  1. DiputacionLeon2003 Alonso González, J.M. (2003)
  2. Serrano, S. (1996)
  3. Hasta o século XX denominábase serra de Picos ou serra de Picos de Ancares, Varela e así reflíctese en mapas da época www.ign.es/fondoscartograficos/ |título= Fondos Cartográficos do Instituto Xeográfico Nacional. España. Séculos XVI-XIX|dataacceso =5 de marzo de 2011
  4. CNIG50>CNIG (2013), mapa número 100, a escala 1:50 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid
  5. CNIG (2013), mapa provincial de León a escala 1:200 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid.
  6. página Web do Instituto de Estudos Bercianos Arquivado 22 de abril de 2012 en Wayback Machine.
  7. CNIG200LE CNIG50enciclopediaLeon
  8. name=CNIG200AS>CNIG (2013), mapa provincial de Asturias a escala 1:200 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid.
  9. Concello de Pedrafita do Cebreiro Arquivado 02 de setembro de 2014 en Wayback Machine.. Consultado o 29 de abril de 2014.
  10. CNIG (2013), mapa provincial de Lugo a escala 1:200 000. Instituto Xeográfico Nacional, Madrid.
  11. "Ribas del Sil :: Reino de León". www.turismoreinodeleon.com. Consultado o 2019-11-24. 
  12. "Archivo:Mapa comarcal de León.svg" (en castelán). 
  13. Varela, José; Lobato, Xurxo (1994). Ancares. Fundación Caixagalicia. pp. 10–13. ISBN 8460515052. 
  14. "Wayback Machine" (PDF). web.archive.org. 2015-02-23. Archived from the original on 23 de febreiro de 2015. Consultado o 2019-11-25. 
  15. Alonso González, Joaquín Miguel (2003). Ancares, part of León and so much more!. Diputación Provincial de León. p. 48. ISBN 8489716951. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Varela e Lobato (1994), pp. 17-19
  17. "Buscador de localidades". Respuestas xerais do Catastro de Ensenada. Portal de Arquivos Españois. Ministerio de Cultura. Consultado o 16 de febreiro de 2013. 
  18. Madoz, PÁX. (1845) páx. 272
  19. Fontán, D. (1845)
  20. BOE (1966)
  21. BOE (1973)
  22. BOE (1989), BOE (1996)[Ligazón morta] e BOCyL (1996), e BOE (1997)
  23. BOCyL (1991)
  24. BOCyL (2000)
  25. BOCyL (2002) e BOCyL (2006)
  26. Junta de Castilla y León (eds.). "ES4130010 - Sierra de los Ancares" (PDF). Red Natura en Castilla y León (PDF). 
  27. DOG (1995)
  28. DOG (2001)
  29. Uttaris (2011-10-10). "Uttaris: El castillo que hubo en Trabadelo". Uttaris. Consultado o 2019-11-26. 
  30. Atlas dos vertebrados de León. Grupo Ibérico de Anillamiento (GIA). Listado de mamíferos no municipio Candín (http://oslo.geodata.es/gia_vertebrados/php/info_municipios.php?id=24036[Ligazón morta])
  31. ORDEN do 13 de marzo de 1998, da Consellaría de Medio e Ordenación do Territorio, pola que se declaran as augas troiteiras de Castela e León

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar