Palloza
Unha palloza é unha construción tradicional da serra dos Ancares de planta circular ou oval, aínda que tamén existen de planta rectangular ou de bocoi. As súas medidas poden variar moito, dependendo das necesidades da familia, van dos dez aos trinta metros de diámetro. O muro é de pedra con varias portas e fiestras ou con fachinelos sinxelos. Interiormente divídense nunha parte dedicada á vivenda e outra á corte dos animais. O teito é cónico (colmado), feito dunha escolma palla de centeo chamado colmo que illa termicamente a vivenda de condicións climáticas extremas coma a neve ou o excesivo calor estival. O colmo vai atado a unha estrutura desmontábel de vigas de madeira.
Orixe e historia
editarTen orixe prerrománica, presumiblemente celta[Cómpre referencia]. Teñen similitudes coas casas redondas da Idade de Ferro existentes en Gran Bretaña e a súa construción evolucionou das vivendas dos castros galegos.
O nome palloza é unha deformación de pallaza, recollido por primeira vez a finais do século XIX por etnógrafos como o alemán Fritz Krüger, referíndose ó material co que se realizaba o teito da edificación.
Caeron en desuso a mediados do século XX debido a diversos factores:
- A poboación destas áreas emigrou masivamente a Barcelona e arredores durante o proceso de industrialización.
- A mellora nas comunicacións, o diñeiro da emigración e a chegada de novos materiais de construción, así como de sistemas de quecemento, tamén influíron no proceso de abandono.
Localización
editarAs pallozas esténdense pola montaña oriental galega desde a comarca de Ancares a comarca da Fonsagrada tamén é posible atopalas nas comarcas limítrofes da Galicia estremeira de Ibias e do Bierzo.
A aldea do Piornedo é famosa polas súas pallozas, así como as do Cebreiro, na entrada en Galiza polo camiño de Santiago. Conta con varios exemplares restaurados, así como cun centro etnográfico. San Román de Cervantes conta cun conxunto de pallozas musealizadas. Pódense ver pallozas non musealizadas e nun estado de conservación aceptábel tamén en Doiras e nas aldeas da Galicia estremeira de Balouta, Balboa, Candín, Campo de Auga e Santo Antolín de Ibias.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Palloza |
Outros artigos
editar- Colmado
- Teito (casas de colmado en Asturias e León semellantes ás pallozas)
- Casa circular
Bibliografía
editar- Gimson, Mark (2017). As Pallozas. Editorial Galaxia. ISBN 978-8471544469.