Portas
Portas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Caldas.[1] Segundo o padrón municipal, no ano 2014 tiña unha poboación de 3.025 persoas. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «portense».
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Currás | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 2.823 (2023) (124,2 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 22,73 km² | ||||
Altitude | 758 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Roberto Vázquez Souto | ||||
Eleccións municipais en Portas | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36658 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36040 | ||||
Páxina web | portas.gal |
Poboación
editarCenso total 2014 | 3.025 habitantes |
---|---|
Menores de 15 anos | 395 (13.06 %) |
Entre 15 e 64 anos | 1.842 (60.89 %) |
Maiores de 65 anos | 788 (26.05 %) |
Historia
editarOs restos arqueolóxicos máis antigos do concello datan do Neolítico, con tres mámoas en Portas. Unha ao pé do monte do Castro, duns 16 m de diámetro e unha altura de túmulo dun metro. A Cardadeira, no Liñar, ten 30 metros de diámetro e 2´30 de altura, con indicios de corredor cara ao leste. A mámoa do Castro, en Porta de Conde, ten 20 metros de eixo N-S e 16 metros L-O, cunha altura de 1,5 m.
Da Idade de Bronce (cara ao 1500 a. C.) data unha machada plana de fío campanulado, clasificada por Luis Barcelos Monteagudo como tipo Barcelos II D. Consérvase no Museo de Pontevedra. Outra machada máis recente, de talón con dúas argolas atopouse no monte da Mourenta, no lugar de Casal, en Lantaño. Na actualidade está desaparecida.
Da cultura castrexa consérvanse dous castros, os dous no monte do Castro. O do lugar de Piñeiro (parroquia de Portas) corresponde á Idade de Ferro. Ten un só recinto habitacional, con defensas naturais de terraplén. No interior consérvanse restos de pedras en disposición de muros. Forno atopados no recinto fragmentos de cerámica castrexa, muíños de man e anacos de ladrillo.
O castro do lugar de Romai Vello (parroquia de Romai) é da mesma época có anterior. Tamén ten un só recinto habitacional, rodeado de terraplén. O seu límite é pouco perceptible, desaparecendo no S-SO. Na parte norte consérvanse restos dun anaco de muralla. No recinto foron atopados restos de cerámica castrexa e ánforas romanas, así como muíños de man circulares e do tipo de "cadeira de montar".
Da romanización consérvase a primeira documentación escrita relativa a un asentamento humano na zona. Trátase dun fragmento de ara votiva de granito, datada no século I ou comezos do século II. Está deteriorado e non se recoñece a forma orixinal, pero sábese que tiña base e cornixa. Foi atopado entre 1975 e 1976 ao abrir unha gabia no Peso, en Romai Vello. O recinto asemella un pequeno centro ritual, relacionado cos moradores do castro e co culto ao deus Cosus, unha das divindades indíxenas máis frecuentes no noroeste, un deus guerreiro e violento. A inscrición di[2]:
- [D]EO.CO
- SOE.SO
- AEGOE.A
- VS.VICTO
- [ri]S.V.S.L.M
(Deo Cosoe Soaegoe, Aus Victoris v[otum] s[olvit] l[ibens] m[erito]: "Ao deus Coso Soaego, Aus, fillo de Victor, cumpriulle gustoso o voto merecido").
Tamén se atoparon restos romanos na Estación (dous ladrillos de grande tamaño con marcas, procedentes dunha sepultura) e en Parada (un muíño de man completo e unha peza doutro, máis restos de cerámica).
Pola parroquia pasaba a vía XIX do itinerario de Antonino, pola ruta que hoxe segue a ruta portuguesa do camiño de Santiago.
Na idade Media foi fundado o mosteiro de Lantaño, da orde de San Bieito. Hai documentación relativa ao mosteiro, fundado ou restaurado pola familia do conde Gonzalo, nun preito do ano 960 no que intervén o bispo Sisnando relativo a unhas salinas construídas por uns moradores do Salnés en lugares usurpados á raíña Aragonta e ao conde Paio, herdeiros dos condes Gonzalo e Tareixa. Posiblemente estaba no Rial, preto do pazo de San Bieito.
O mosteiro pasou a depender do mosteiro da Armenteira a mediados do século XII. Xa daquela se cultivaban vides, o que xerou protestas dos monxes ante o Xeral da Orde, porque A Armenteira mandaba o mellor viño a León e Castela e deixaba sen nada ao mosteiro que o cultivaba.
A ermida de San Bieito do Monte (que posiblemente formou parte do mosteiro na súa orixe) aparece no testamento de Fernán García Barba de Figueroa, escrito en 1473, á que destina douscentos pares de Brancas. Nas Memorias da Mitra Compostelá, do Cardeal Xerónimo del Hoyo (1607) aparece mencionada, e di que "tiene renta". No Diccionario de artistas gallegos de Pérez Constante dise que o Mestre Cabrera esculpiu un retablo para a capela en 1640, a costa das Confrarías.
En Portas tivo tamén o mosteiro da Armenteira unha granxa, no actual lugar de Paraiso (Santa María de Portas). O 30 de abril de 1165 Fernando II confirma a doazón feita ao mosteiro por Xoán Arias e Urraca Fernández da herdade chamada Paradisus, situada en Sanctam Mariam de Portis. En 1347 os monxes da Armenteira aforaron a granxa a uns veciños de Lantaño, cedéndolles tamén os dereitos sobre as augas do río Umia que pasaba polos límites dela.
O cenobio de San Cristovo de Briallos era dependente do mosteiro de San Paio de Antealtares, e foi convertido en priorado de San Martiño Pinario trala súa anexión. O edificio foi reconstruído no século XVIII, conservando dúas inscricións dos anos 1802 (na fachada) e de 1746 (nunha ventá interior). O portalón de entrada ten un arco alintelado, e sobre a cornixa ameas e imaxes. A planta é en forma de L, bastante reformada, con dúas plantas (baixo e piso). Un dos lados do patio consérvase ameado, e a súa porta alintelada con mochetas.
Portas na literatura popular
editarGalería de imaxes
editar- Artigo principal: Galería de imaxes de Portas.
-
Igrexa de Santa María de Portas.
-
Torre da azucreira.
-
Río Umia en Portas.
-
Estatua a Domingo Fontán.
Parroquias
editarGalicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Portas | |
---|---|
Briallos (San Cristovo) | Lantaño (San Pedro) | Portas (Santa María) | Romai (San Xián) |
Lugares de Portas
editarPara unha lista completa de todos os lugares do concello de Portas vexa: Lugares de Portas.
Notas
editar- ↑ DECRETO 65/1997, do 20 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o mapa comarcal de Galicia (DOG nº 63, de 3.04.1997)
- ↑ BAÑOS RODRÍGUEZ, G. (1994):Corpus de inscripcións romanas de Galicia. II. Provincia de Pontevedra. nº 128 p. 305.
- ↑ Fermín Bouza Brey 1929, 185. No orixinal: casal-as. Recollido en Santa María de Godos (Caldas de Reis), parroquia estremeira de Lantaño (Portas).
- ↑ Lantaño é parroquia de Portas. Fermín Bouza-Brey 1929, 160.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Portas |
Bibliografía
editar- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].