Catastro de Ensenada

O catastro de Ensenada é unha magna indagación catastral dirixida en 1750 polo marqués da Ensenada, ministro de Facenda de Fernando VI. Abranguía os territorios da Coroa de Castela: isto é, a maior parte da España peninsular agás as Illas Canarias, a Coroa de Aragón, o reino de Valencia, Navarra e os Señoríos Vascos, que estaban exentos do pago de impostos. Os traballos de campo prolongáronse até 1756.

Marqués da Ensenada

Esta indagación sería a base dunha reforma fiscal na que se pretendía racionalizar e facer máis xusto o sistema contributivo; para que isto fose realidade había que coñecer a riqueza de cada un. O obxectivo principal era rematar dunha vez por todas coa gran cantidade de impostos que había (alcabalas, décimos, primicias, foros etc.), moi difíciles de controlar, e que gravaban sobre todo á maioría dos contribuíntes, especialmente ós pobres, mentres que os ricos estaban moi beneficiados a causa de que estes impostos se asentaban sobre as producións e bens de consumo e non sobre as rendas e ingresos netos obtidos pola posesión de terreos e casas. A reforma fiscal consistiría na substitución das rendas provinciais por un imposto único, a Única Contribución, proporcional á riqueza de cada un. Este proxecto fracasou por oposición dos dous estamentos que se opuñan a perder tódolos seus privilexios: a nobreza e o clero.

O Catastro converteuse na fonte documental máis importante para coñecer como era a Coroa de Castela a mediados do século XVIII, posto que é un censo de poboación, un censo gandeiro, un censo de explotacións agrarias, un censo industrial, un nomenclátor...

O interrogatorio

editar
 
O interrogatorio do Catastro de Ensenada publicado en 1749.
1. Como se chama a poboación.

2. Se é de reguengo ou de señorío, a quen pertence, que dereitos percibe e canto producen.

3. Que extensión ocupa o territorio […].

4. Que especies de terra se achan no territorio; de regadío e de secaño […].

5. De cantas calidades de terra hai en cada unha das especies que declararon […].

6. Se hai algún plantío de árbores nas terras que declararon […].

7. En cales das terras están plantadas as árbores que declararon.

8. En que conformidade están feitos os plantíos […].

9. Que medidas de terra se usan nesa poboación […].

10. Que número de medidas de terra haberá no territorio […].

11. Que especies de froitos se apañan no territorio.

12. Que cantidade de froitos de cada xénero […].

13. Que produtos darán por medida de terra as árbores que houber […].

14. Que valor teñen ordinariamente un ano con outro os froitos que producen as terras […].

15. Que dereitos se achan impostos sobre as terras […].

16. A que cantidade de froitos adoitan montar os referidos dereitos de cada especie ou a que prezo se adoitan arrendar un ano con oUtro.

17. Se hai algunhas minas, salinas, muíños fariñeiros ou de papel, batáns ou outros artefactos […].

18. Se hai algún esquilmo no territorio, a quen pertence, que número de gado vai […].

19. Se hai colmeas no territorio, cantas e a quen pertencen.

20. De que especies de gado hai na poboación […].

21. De que número de veciños se compón a poboación e cantos nas casas de campo ou granxas.

22. Cantas casas haberá na poboación, que número de inhabitábeis, cantas arruinadas […].

23. Que propios ten o común e a canto ascende o seu produto ó ano […].

24. Se o común desfruta algún arbitrio, sisa ou outra cosa […].

25. Que gastos debe satisfacer o común […].

26. Que cargos de Xustiza ten o común […].

27. Se está cargado de servizo ordinario e extraordinario ou outros […].

28. Se hai algún emprego, alcabalas ou outras rendas alienadas […].

29. Cantas tabernas, mesóns, tendas, panadarías, carnizarías, pontes, barcas sobre ríos, mercados, feiras etc. hai na poboación […].

30. Se hai hospitais, de que calidade, que renda teñen e de que se manteñen.

31. Se hai algún cambista, mercador […].

32. Se na poboación hai algún tendeiro de panos, roupas de ouro, prata e seda, lenzos, especiaría ou outras mercadorías; médicos; cirurxiáns; boticarios; escribáns; arrieiros etc. […].

33. Que ocupacións de artes mecánicas hai na poboación, con distinción, como albaneis, canteiros, albéitares, ferreiros, cordeiros, zapateiros, xastres, pelaires, tecedores, chapeleiros, peleteiros e luveiros etc. […].

34. Se hai entre os artistas, algún que, tendo caudal, faga prevención de materiais correspondentes ó seu propio oficio ou a outros, para vender ós demAis, ou fixese algún outro comercio, ou entrase en arrendamentos […].

35. Que número de xornaleiros haberá na poboación e a canto se paga o xornal diario a cada un.

36. Cantos pobres de solemnidade haberá na poboación.

37. Se hai algúns individuos que teñan embarcacións, que naveguen no mar ou ríos, o seu porte, ou para pescar […].

38. Cantos cregos hai na poboación.

39. Se hai algúns conventos […].

40. Se o rei ten no territorio ou poboación algún terreo ou renda […].

Estudos simultáneos

editar

Ao tempo que se fixo o Catastro aproveitouse para confeccionar outros documentos complementarios:

  • Libros del mayor hacendado de cada poboación catastrada (sen considerar os maiores facendados aqueles exentos do pago de décimos).
  • Censo de Ensenada de 1756, para o que se seguiu un modelo confeccionado pola Real Xunta (e do que se adoita citar o número estimativo de 9 400 000 habitantes para todo o territorio peninsular).
  • Libro de lo enajenado, no que aparece cada propiedade ou lugar que algunha vez foi do rei e nese momento pertencía a particulares, aos que pasara por mercede rexia ou por venda. Este documento, a diferenza dos dous anteriores, tiña carácter oficial.

En 1759 a Real Xunta de Única Contribución mandou realizar un Vecindario a partir dos datos do Catastro. Este documento resultou fundamental, pois non se dispuña de información nin actualizada nin fiable da poboación da Coroa. Os dous últimos recontos de poboación eran de 1591 (en tempos de Filipe II) e 1717, cando se fixo o Vecindario de Campoflorido, moi imperfecto.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar