Vogais da lingua galega

As vogais son articulacións abertas, polo que o ar sae ó exterior sen obstrucións. Durante a súa emisión os órganos articulatorios deixan unha canle máis ou menos ampla sen que ningún deles se interpoña na corrente de ar en vibración.

As realizacións fonéticas máis habituais no galego. Non deben confundirse coas vogais a nivel fonolóxico das que trata o artigo.
Espectrograma das sete vogais galegas: /i/, /e/, /ɛ/, /a/, /ɔ/, /o/ e /u/.

Sistema vocálico tónico do galego editar

Onde mellor se distinguen as vogais dunha lingua é nas sílabas tónicas, ou sexa, naquelas que levan acento, porque estas sílabas, ao recibiren a maior forza de articulación son as que se pronuncian con máis claridade de matices. Cando falamos de sílabas tónicas referímonos ao acento da fala, non ao acento da escrita ou til. Polo tanto, consideramos sílabas tónicas as que aparecen en letra grosa nas seguintes palabras, con ou sen acento gráfico: último, lar, amigo, ca, andar, sol.

As sílabas tónicas son as que mellor nos permiten establecer o sistema vocálico galego. Nas sílabas átonas, aquelas que non levan a forza e articulación da palabra, as vogais aparecen máis débiles e, polo tanto, menos matizadas. Compróbase pronunciando as palabras: cálido, cereixa, xente, nas cales as sílabas átonas aparecen en cursiva.

Para o estudo dos sons vocálicos téñense en conta no caso da lingua galega os trazos de abertura e localización[1]:

De todos estes trazos resulta o seguinte cadro vocálico :

 
  • /i/: vogal anterior pechada
  • /e/: vogal anterior semipechada
  • /ɛ/: vogal anterior semiaberta
  • /a/: vogal media aberta
  • /ɔ/: vogal posterior semiaberta
  • /o/: vogal posterior semipechada
  • /u/: vogal posterior pechada.

Velaí o sistema de sete vogais que atopamos en posición tónica e que ten a súa orixe nun sistema latino de 10 elementos, modificado profundamente na lingua falada coa desfonoloxización da cantidade vocálica. Ó ser o galego herdeiro directo do sistema latino e estar cada unha das sete vocais condicionada pola etimoloxía cabería agardar que cada palabra tivese idéntico vogalismo en todo o territorio, mais isto non se cumpre en tódolos casos. No vocalismo tónico, dous casos creban a regularidade: unha consoante nasal trabando sílaba e o fenómeno da metafonía, fenómenos, ámbolos dous, característicos da dialectoloxía galega.

Outra terminoloxía editar

  • Velares, é dicir, pronunciadas contra a parte de atrás da boca:
o /u/: uso, difuso, hindú
o /o/ ("o pechado"): mozo, sodes
o /ɔ/ ("o aberto"): ovo, feixó
  • Palatais, ou sexa, pronunciadas contra a parte anterior da boca:
o /i/: difuso, hindú
o /e/ ("e pechado"): este, pequeno
o /ɛ/ ("e aberto"): é, pedra
  • Central, é dicir, non marcada nin como anterior nin como posterior:
o /a/: casa, cantar

As vogais /o/ e /ɔ/, por unha banda, e /e/ e /ɛ/ pola outra, aparecen representadas por unha única letra e e o. Isto significa que soamente pola grafía non podemos galistrar se unha palabra se pronuncia con e ou o abertos ou pechados.

Consoante nasal trabando sílaba editar

A vogal posterior que etimoloxicamente debería ser semiaberta, pecha un grao ante nasal implosiva no occidente do territorio. Este fenómeno, coñecido como influencia da nasal trabante, afecta só aos nomes: /’koNtO/, /’foNtE/, /’poNtE/, tamén /’donO/ (> *dɔmno > DOMINU). No galego asturiano e en puntos illados do galego oriental poden atoparse con vogal semiaberta, porque nesas falas todo o ante nasal é aberto: /’lɔNbO/, /la’kɔN/.

Na serie anterior (e), a pechazón por n implosivo ocupa unha área de extensión diversa, partindo do oeste a noroeste: /’lɛNtO/ ∼ /’leNtO/.

Metafonía editar

A metafonía é a abertura de /e/ ou /o/ por influxo de -a final ou a fechazón de /ɛ/ ou /ɔ/ por -o na mesma posición:

Sen metafonía Con metafonía
sɔgro sogro
mɛdo medo
hora hɔra
ela ɛla

Hai palabras que escapan por completo ao fenómeno da metafonía: folla, cego-cega, porco-porca. Tampouco chegou a actuar na totalidade do dominio lingüístico galego. Os datos que se coñecen indican con claridade que este proceso tivo a súa orixe en puntos do galego occidental e que se foi espallando cara ao galego central, ao que afectou de maneira variable.

As vogais tónicas en galego, portugués e español editar

Xeralmente, as vogais abertas do galego e do portugués corresponden a ditongos en español, debido á diferente evolución que experimentou esta lingua dende o latín vulgar.

portugués e galego español
tɛrra tierra
pɛdra piedra
cɛgo ciego
fɔrte fuerte
mɔrte muerte
cɔsta cuesta

Sistema vocálico átono do galego editar

As vogais átonas caracterízanse por unha menor perceptibilidade por mor de teren menor duración e menor intensidade cás tónicas.

Na actualidade, vénse admitindo que en posición pretónica se manteñen as sete vogais presentes na posición tónica[2] (véxase imaxe do sistema vocálico do apartado anterior). En posición átona medial de palabra, redúcense a cinco (arquifonema E e O)[3].

 
Vocalismo átono medial de palabra

En posición final de palabra as vogais galegas redúcense a 3[4]:

 
Vocalismo átono final de palabra

Notas editar

  1. Hai dous trazos máis para definir as vogais, pero en galego non son pertinentes. Son a labialización e a nasalidade:
    A Labialización ou redondeamento é unha característica inherente das vogais posteriores, aínda que tamén poden acharse vogais anteriores labializadas (en certos contextos).
    En xeral na emisión das vogais o aire sae exclusivamente pola boca, xa que o veo do padal está pegado á parede da farinxe impedindo que pase ás cavidades nasais, e así temos vocais orais (representadas no cadro). Pero se o veo do padal está baixado o aire sae simultaneamente pola canle bucal e pola nasal, producíndose entón vocais oronasais (ou nasais). En galego calquera vocal pode realizarse máis ou menos nasalizada por contacto con consoante nasal.
  2. Distínguense sete vogais a pesar de que esta oposición non rende moito: vɔtar oponse a botar, osiño a ɔsiño etc.
  3. En ningún caso a pronuncia semiaberta en posición átona medial dunha vogal de abertura media, no canto da habitual realización semipechada, provoca variacións no significado. Isto implica que a oposición entre vogal semiaberta e semipechada esta neste contexto neutralizada. Por mor diso falamos de que nesta posición hai uns arquifonemas /E/ e /O/.
  4. O razoamento é igual ca no punto anterior (3), só que agora os fonemas /i/, /e/ e /ɛ/ están neutralizados en /E/; os fonemas /u/, /o/ e /ɔ/ están neutralizados en /O/