Vogal

son da lingua falada que se produce ao expulsar aire sen oclusión nin fricación

En fonética, unha vogal (do latín vocalis) é un son da lingua falada que se produce ó expulsar aire, habitualmente mais non necesariamente facendo vibrar asemade as cordas vocais, e ó modificar o timbre, sen oclusión nin fricación, mediante a distinta posición que adopten os órganos da boca e do nariz no caso das vogais nasais e nasalizadas.

Cadro vocálico.
Espectrograma das vogais da lingua galega.

As consoantes, pola súa banda, diferéncianse das vogais por unha constrición ou pechazón nun ou varios puntos do tracto bucal e/ou nasal.

Tamén se pode definir a vogal como núcleo silábico. Esta definición permite non só opolas ás consoantes, que son marxes silábicas, senón tamén ás semiconsoantes ou semivogais (vogais pechadas que actúan coma marxe nun ditongo).

Así a todo, nalgunhas linguas é posible que as consoantes sonoras, laterais ou vibrantes, formen núcleo silábico como o l de table en inglés (o -e final non se pronuncia) ou o son r' (vrba) en checo.

En definitiva, as vogais son articulacións abertas, nas cales o aire sae ó exterior sen obstrucións e sen que se produza ningún ruído no tracto vocal. Durante a súa emisión os órganos articulatorios deixan unha canle máis ou menos ampla sen que ningún órgano se interpoña na corrente de aire en vibración.

Para o estudo dos sons vocálicos téñense en conta os trazos de abertura, localización, labialización e nasalidade.

  • Canto á abertura, as vogais galegas poden clasificarse en catro graos principais (con pertinencia fonolóxica nalgunha posición): aberta, semiaberta, semipechada, pechada. Pero na realidade fonética encontramos unha maior variación de abertura que permite distinguir graos intermedios. En calquera caso, sempre estaremos simplificando (facendo abstracción) a realidade fónica, xa que desde o punto de vista da articulación (e do resultado acústico) esta característica é gradual, e polo tanto trátase dun continuum que vai desde a vogal máis pechada á máis aberta.
  • Tendo en conta a posición da lingua danse tres localizacións básicas: anterior, central e posterior
  • As vogais poden ser redondeadas, aínda que tamén se trata dun trazo gradual (maior ou menor grao de labialización). En galego o redondeamento é unha característica inherente das vogais posteriores polo que non é fonoloxicamente pertinente, aínda que tamén poden acharse vogais anteriores labializadas (en certos contextos).
  • O trazo de nasalización, xera vogais nasais, non é tampouco pertinente á hora de definir os fonemas vocálicos galegos. Nelas o ar é liberado tamén polo nariz.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar