Sílaba

realizacións orais nun mesmo golpe de voz

Unha sílaba[1] é un conxunto de realizacións que se pronuncian nun mesmo golpe de voz. É unha organización para unha secuencia de sons formada tipicamente por un núcleo silábico (habitualmente unha vogal) con marxes iniciais ou finais opcionais (tipicamente consoante). As sílabas adoitan ser consideradas "bloques construtivos" fonolóxicos das palabras.[2] Poden influír no ritmo da linguaxe, na súa prosodia, na métrica poética e nos seus patróns de acentuación.

Os caracteres katakana son un exemplo de escritura silábica.

A escritura silábica comezou varios séculos antes das primeiras letras. As primeiras sílabas rexistradas aparecen rexistradas en táboas escritas arredor do 2800 a.C. na cidade sumeria de Ur. Este paso dos pictogramas ás sílabas foi chamado "o avance máis importante na historia da escritura".[3]

Concepto

editar

Se partimos desde o trazo ideal máis pequeno ata a unidade superior da lingua encontrarémonos cunha serie de graos na análise. O punto de partida son os trazos distintivos, que se integran no fonema. A unidade superior ó fonema, en que se agrupan estes, é a sílaba. Non existe unha definición de sílaba aplicable a tódalas linguas, como tampouco a temos de palabra. A palabra e a sílaba son unidades que o individuo recoñece grazas á súa competencia lingüística.

A sílaba é unha agrupación de fonemas que obedece a unha determinada regulamentación. Do mesmo modo que a combinación de trazos distintivos con suxeición a determinadas esixencias xera a totalidade de fonemas e arquifonemas da lingua, así tamén a combinación de fonemas e arquifonemas con suxeición a determinadas leis xera as unidades de orde superior, as sílabas; e da mesma maneira que coñecendo os trazos distintivos e as leis que regulan as súas combinacións podemos saber o número de fonemas, así tamén coñecendo o número de fonemas e as leis que regulan as súas combinacións podemos coñecer o número de sílabas.

Agora ben, mentres o fonema ten como función específica a distintiva, a función da sílaba parece estar constituída exclusivamente polo agrupamento de fonemas e o contraste no seu seo duns segmentos con outros. Podería logo definirse a sílaba como unha unidade de contrastes (Veiga, 1976). Mais non é este o único aspecto que opón fonemas a sílabas, pois mentres que a existencia dos primeiros parece ser unha esixencia da linealidade do texto e da necesidade de poder cun pequeno número de elementos compoñer un número infinito de textos, é dicir, unha esixencia da natureza funcional da linguaxe; as segundas parecen estar determinadas por causas fisiolóxicas, polos movementos dos músculos torácicos, o cal non exclúe a posibilidade do seu emprego con finalidades puramente lingüísticas

Transcrición

editar

No Alfabeto Fonético Internacional (AFI, en inglés IPA), o punto (.) marca a ruptura da sílaba, como na palabra "astronomical" (/æs.trə.nɑ.mɪ.kəl/). Non obstante, na práctica a transcrición do AFI adoita dividir as palabras por espazos e ás veces estes espazos tamén se entenden como separación das sílabas. Ademais, o símbolo ˈ colócase inmediatamente antes da sílaba acentuada e se esta sílaba está no medio dunha palabra este símbolo serve para sinalar a separación da sílaba, como na palabra inglesa "understood" (/ʌndə'stʊd/).

Cando un espazo aparece no medio dunha sílaba, pode empregarse un arco () para marcar a liaison en francés, como en les amis (/le.z‿a.mi/).

A sílaba en fonoloxía

editar

Fonoloxicamente, as sílabas poden clasificarse segundo varios criterios:

  • Sílabas átonas/tónicas. As sílabas poden recibir ou non máis forza segundo se faga fincapé na súa pronuncia. Atópanse entón sílabas átonas ou tónicas (pronunciadas lixeiramente máis forte cás anteriores).
  • Sílabas abertas/pechadas. Outra distinción importante nalgunhas linguas é se a sílaba posúe ou carece de coda silábica. As sílabas sen coda denomínanse abertas e as que teñen coda denomínanse pechadas. Na maioría das linguas indoeuropeas modernas, o núcleo silábico só pode ser unha vogal ou ditongo e polo tanto as sílabas rematadas en vogal denomínanse abertas e as rematadas en consoante denomínanse pechadas.
  • Sílabas curtas/longas. Nalgunhas linguas —como o latín, o grego clásico, o xaponés ou o sánscrito— existen estruturas intermedias entre o fonema e a sílaba. Tipicamente as unidades intermedias denomínanse moras. Xeralmente, nestas linguas cada sílaba pode dividirse nun certo número de moras. As sílabas dunha soa mora denomínanse curtas ou lixeiras e as sílabas de máis dunha mora son longas ou pesadas. Nas linguas mencionadas o número de moras, é dicir, que unha sílaba sexa curta ou longa ten repercusións na posición do acento.

Partes da sílaba

editar

Na sílaba hai que considerar tres fases que interveñen na súa formación:

  • Unha fase inicial que tende desde apechazón dos órganos articulatorios ata unha maior abertura. É a explosión.
  • Unha fase culminante ou central que é o eixo ou sotén da sílaba. É a parte da sílaba capaz de ser portadora de propiedades prosódicas: o acento.
  • Unha fase final que tende desde a abertura ata a pechazón. Recibe o nome de implosión.

O primeiro grande contraste, a primeira grande distribución dos fonemas do galego prodúcese a nivel da sílaba: é o contraste vogal / consoante. O contraste entre aqueles fonemas que ocupan un lugar central e os que ocupan un lugar marxinal. O lugar central denomínase punto silábico, núcleo, ápice ou centro da sílaba, e pode constituír sílaba por si só, mais non é permisible que falte nunca: é unha constante; pode ir precedido, seguindo a terminoloxía máis frecuente desde Saussure, dunha marxe consonántica, que chamaremos marxe explosiva, e seguido dunha outra marxe, tamén consonántica, implosiva. As marxes explosiva e implosiva son variables, pois a súa presenza conxunta ou por separado non é necesaria para a existencia da sílaba.

Sílabas no galego

editar

O galego ten unha ampla maioría de sílabas libres fronte a unha reducida cantidade de sílabas trabadas. O galego ten 22 tipos de combinacións de vogal (V) e consoante (C) para formar sílabas:

  • V: A-no;
  • CV: PA-sa;
  • VV: ma-IO;
  • VC: AN-dei;
  • VV: OU-ro;

  • CCV: PRA-ta;
  • CVV: QUIE-to e BEI-zo;
  • CVC: CAR-tos;
  • VVC: IAN-que e AUS-cul-tar;
  • VCC: EX-pi-rar;

  • CVCC: CONS-ter-nar;
  • CVVC: bru-TAIS;
  • CCVC: CRIS-ta;
  • CCVV: en-TREI;
  • CVVV: a-ve-ri-güei;

  • CCVCC: TRANS-por-te;
  • CVVCC: ca-MIÓNS;
  • CCVVC: tri-mes-TRAIS;
  • CCVVVC: mens-TRUAIS;

Como se pode ver, as sílabas galegas teñen entre un e seis fonemas e sempre contan cunha vogal. As vogais da sílaba poden ser núcleo ou marxe nos ditongos e tritongos. Os principais grupos consonánticos que aparecen depende da súa distribución: en posición explosiva (prenuclear) adoitan ser unha oclusiva ou /f/ e mais unha líquida (/l/ ou /r/) mentres que en posición implosiva (posnuclear) adoita ser a segunda consoante un /s/.

A sílaba na escrita

editar

Silabarios

editar

Nalgúns idiomas o sistema de escritura é silábico, é dicir, un carácter representa unha sílaba. O exemplo máis coñecido é a escrita kana do xaponés, pero en realidade cada carácter representa o que se coñece como mora, unidade fónica que en ocasións equivale á sílaba, mais que en ocasións é unha subdivisión da mesma.

Convencións ortográficas

editar

A división silábica ten especial importancia na escrita xa que en galego permítese dividir as sílabas dunha palabra cando non colle na liña en uso. A división silábica das palabras adoita anotarse con guións ( - ) e dependendo do número de sílabas as palabras poden ser:

  • Monosílabas: Son palabras dunha soa sílaba: , que, si...
  • Bisílabas ou disílabas:[4] Son palabras de dúas sílabas: ca-lor, vi-vir, u-nha, li-bro...
  • Trisílabas: Son palabras de tres sílabas: re-pe-tir, or-ques-tra, re-co-ller...
  • Tetrasílabas ou cuadrisílabas:[5] Son palabras de catro sílabas: xe-ne-ro-so, la-pi-sei-ro, po-li-cí-a...
  • Pentasílabas: Son palabras de cinco sílabas: com-pu-ta-do-ra, con-me-mo-ra-ción, he-li-cóp-te-ro...

As palabras con varias sílabas denomínanse polisílabas.[6]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sílaba.
  2. de Jong, Kenneth (2003). "Temporal constraints and characterising syllable structuring". En Local, John; Ogden, Richard; Temple, Rosalind. Phonetic Interpretation: Papers in Laboratory Phonology VI. Cambridge University Press. p. 254. ISBN 978-0-521-82402-6. doi:10.1017/CBO9780511486425.015. 
  3. Geoffrey Blainey, A Short History of the World, páx.87, citando J.T. Hooker et al., Reading the Past: Ancient Writing from Cuneiform to the Alphabet, Museo Británico, 1993, Ch. 2
  4. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para disílabo.
  5. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para cuadrisílabo.
  6. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para polisílabo.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar