Historia da lingua galega
A historia da lingua galega (ou historia social ou externa) pódese resumir como oito séculos de normalidade, desde as súas orixes cando se separa do latín galaico, aló polo século IX, até a introdución do castelán no século XV, e cinco séculos de conflitos, do século XVI até os nosos días.
Substratos do galego
editar- Artigo principal: Substratos do galego.
Os primeiros habitantes de Galicia eran de orixe preindoeuropea e, o mesmo que os indoeuropeos, deixaron a súa pegada na lingua galega. As informacións de xeógrafos e historiadores grecolatinos, os restos arqueolóxicos e as similitudes lingüísticas con outras zonas indican que no noroeste peninsular coexistiron diferentes etnias desde o Paleolítico até o século V a. C. Desta maneira, podemos falar de dous tipos de substratos:[1]
Substratos preindoeuropeos
editarCronoloxicamente, están situados na Idade de Pedra, e fórmanos distintas etnias convivindo no noroeste da Península Ibérica. Considerando a distribución xeográfica entre voces propias de Galicia e doutros lugares, pódense diferenciar tres grupos:
- Euroafricano ou mediterráneo (desde o Norte de África ata os Alpes, pasando pola Península; situado cronoloxicamente no final do paleolítico superior), que nos deixou palabras como cosco, mata, quiroga e variantes (queiroga, queiruga, queiroa...), carqueixa, carrabouxo, carrasco...
- Hispano-caucásico (desde o Atlántico ao Cáucaso, na Europa meridional; situado no terceiro milenio a. C.), con voces como coto, amorodo e variantes, sobaco, gorro...
- Tirrénico (no Mediterráneo), do cal procederían touza, morea, petouto, lastra, barro, cama, veiga, varcia, gándara...
Substratos indoeuropeos
editarAs teorías dominantes no século XX aseguran que a partir do primeiro milenio antes de Cristo se desprazan até a península pobos indoeuropeos ou indoeuropeizados que se superpoñen ás etnias anteriores. Aínda que hoxe as teorías invasionistas se poñen en cuestión[2] e incluso algunha escola coma a de Mario Alinei propón un itinerario moi diferente ao da visión historiográfica tradicional[3], o que semella indiscutible é presenza na área noroeste da Península de pobos de fala protocéltica e máis tarde céltica. Eses substratos, testemuñados ademais pola toponimia, dividiríanse en dous grupos:
- Linguas preceltas ou protoceltas. Segundo se estima teríanse desprazado á Península, aproximadamente polo ano 800 a. C., pobos do centro e norte de Europa coñecidos cos nomes de ligures, ambro-ilirios ou tamén como paraceltas ou protoceltas. Algúns dos restos que deixaron no galego son os topónimos co sufixo -asc- e -usc- (Viascón, Tarascón, Velasco, Ledusco...), xunto con cabana, canastro, cabazo, cabaceira, páramo...
- Linguas celtas. Tería habido dúas emigracións de pobos celtas; unha de celtas goidélicos no século VIII a. C. (falantes do chamado Celta Q, que orixinará o irlandés, o escocés e o manés) e unha segunda de celtas britónicos no século V a. C. (falantes da variante do Celta P que orixinará o galés, o bretón e o córnico). Para algunhas opinións, especialmente a segunda onda sería a que se impuxo política e lingüisticamente á poboación autóctona, manténdose unha relativa unidade cultural até a chegada dos romanos. Outras perspectivas baseadas en restos léxicos e etnográficos e en fontes lendarias coma o Lebor Gabála Érenn estiman que canto menos as rexións costeiras e máis do norte da futura Gallaecia falaban un idioma semellante ao gaélico.
En calquera caso algunhas palabras procedentes destes substratos celtas permaneceron na lingua: alpendre, bágoa, beizo, berce, berro, bico, bidueiro, billa, boroa, bosta, braña, bugallo, buraco/burato, callao, camba, centola, colmo, croio/coio, curral, gancho, lama, laxe, leira, lousa, pena, penedo, peza, pico, rodaballo, salmón, seara, tona, touciño, vasoira, virar... Noutras ocasións, debido ao duradeiro contacto entre galos e latinos, o léxico celta filtrouse desde o propio latín vulgar que traían os lexionarios e os colonos: braga, cabalo, camiño, camisa, carro, cervexa... Tamén na toponimia fican elementos de xinea claramente céltica, coma as terminacións en -obre ou -robe (Añobre, Baiobre, Boebre, Fiobre, Laxobre, Maiobre, Sillobre, Landrove, Lestrobe, O Grove, Barallobre, Illobre, Anzobre, Callobre, Canzobre, Montrobe, Tiobre, Pantiñobre (véxase o artigo sobre topónimos galegos en -obre) e o sufixo -brica ou -briga, que significa fortaleza (Brigantium, Bergantiños, Coímbra...). Así mesmo, hai numerosos hidrónimos de orixe celta, como Deva 'auga', Limia 'luír', Sar 'fluír torrencialmente', Sarela...[4]
O estrato latino (base lingüística)
editarO Imperio Romano logra anexionar os pobos galaicos a inicios practicamente do século I, case 200 anos despois da primeira colonia romana en Hispania. Esta tardía romanización do territorio da Gallaecia permitiu unha menor asimilación cultural e lingüística, en comparanza co acontecido na maior parte da Península Ibérica. O latín será desde entón o idioma reservado para as relacións da aristocracia galaica cos funcionarios do Imperio, motivando unha paseniña situación de bilingüismo que conduciría á adopción do latín por parte das elites, especialmente tras a oficialización do cristianismo (ano 391) e o espallamento da liturxia romana (oficiada en latín) entre a poboación. Con todo, a forte ruralización da Gallaecia e a escasa implantación de grandes urbes permitiulles -como noutras zonas do Imperio- aos estamentos máis humildes (que supuñan o groso da poboación) conservar gran parte dos seus costumes e lingua, ata unha data indeterminada da Idade Media.
Unha das características máis interesantes do latín adoptado na Gallaecia vai ser o seu carácter altamente conservador, de xeito que se consagren moitas das formas máis antigas do latín, mentres xorden novas innovacións noutros lugares como na Galia ou Italia, motivando isto, que o galego manteña formas como "paxaro" (passer), "medo" (metus), "comer" (comedere) ou "mañá" (maneana) no canto de formas latinas máis recentes como avicellus, pavura, manducare, matutinu que se consagraron en idiomas como o francés ou o italiano. As causas deste gran conservadorismo débense non só á situación xeográfica da Gallaecia, das máis afastadas de Roma, senón tamén a que maior parte do funcionarios públicos do Imperio romano que se instalaron nela proviñan da Baetica, zona romanizada desde moi cedo (século II a.C) e na cal se falaba un latín purista e moi clásico.
O latín é a base lingüística máis importante do idioma galego, xa que arredor dun 70 % das voces patrimoniais galegas proveñen basicamente do latín coloquial. A continuación indicamos algunhas palabras procedentes do latín que son exclusivas do galego e non aparecen noutras linguas:[5] acio, arela, garabullo, chaira, intre, lóstrego, aloumiño, con (rocha no mar)...
O proceso de romanización tamén se deu noutros lugares, o que explica que da lingua utilizada daquela, o latín vulgar, derivasen xa na Idade Media as chamadas linguas románicas (o occitano, arpetano, castelán, o catalán, o asturleonés, o romanés, o francés, o italiano etc.).
Superestratos poslatinos
editarA Lingüística Diacrónica chama superestrato as achegas daquelas linguas que dun xeito ou outro influíron posteriormente sobre un idioma base, especialmente no eido do vocabulario. No caso do latín vulgar que comezaba a evolucionar na sociedade galaico-romana cara ao que nos séculos VIII e IX xa poderemos chamar lingua galega, as linguas de superestrato foron as dos pobos que chegaron á Gallaecia despois da caída do Imperio Romano (ano 409), polo tanto o britónico (antecedente do córnico, do galés e do bretón) e as linguas xermánicas dos suevos e dos visigodos.
Superestratos xermánicos e britónicos
editarNo ano 409 ou 410 establecéronse no noroeste da Península Ibérica os suevos, que non impuxeron a súa lingua, senón que asumiron a falada polos galaico-romanos. Isto puido deberse a que era unha lingua menos culta (non se conservan textos escritos en lingua sueva), e a que a maioría dos chegados eran homes guerreiros que casaron coas mulleres galaicas, polo que a lingua materna seguiu sendo o latín vulgar. Os suevos (xermanos occidentais) fundaron un reino no noroeste peninsular que durou case dous séculos, até o 585, ano no que se integran na monarquía visigoda.
Durante o reinado visigodo tampouco houbo imposición da súa lingua, pois desde a corte de Toledo mantiveron os costumes e linguas da zona. Os dous pobos xermánicos -suevos e visigodos- realizaron as seguintes contribucións léxicas, denominadas como superestrato, que se superpuxeron ao latín galaico:
- Léxico de procedencia sueva: laverca,[6] lobio, britar, feltro...
- Topónimos acabados en -riz (-rís) 'que ten autoridade': Guitiriz, Allariz, Mondariz, Arxeriz, Ariz, Beariz, Brandiz, Sabarís...
- Topónimos finalizados en -mil, -mir, -miro 'famoso': Amil, Bertomil, Castromil, Guillamil, Loimil, Samil, Boimil, Valdomir, Valdomiro...
- Toponimia acabada en -monde, -munde, -mondi, -mundi 'protección': Aldemunde, Baamonde, Rocamonde, Taramundi, Extramundi, Ximonde...
- Topónimos coa terminación -ar 'exército' e -mar 'cabalo': Baltar, Gondar, Tosar, Remesar...; Gondomar, Ansemar.
- Topónimos que acaban en -ulfe, -olfe, -ufe 'lobo': Aúlfe, Guillufe, Mañufe, Regoufe, Frexulfe, Randulfe, Trasulfe, Gondufe...
- Topónimos que rematan en -rei, -ei: Aldrei, Forcarei, Guillarei, Guimarei, Gustei, Recarei...
- Topónimos rematados en -áns, -ás, -án: Bertamiráns, Goián, Goiás, Guimarás, Ramirás, Requián...
- Toponimia coas palabras godo ou suevos: Godas, Godón, A Gudiña, Vilagude, Suevos, Suegos...
- Léxico militar e político-xudicial: helmo, guerra, frecha, espiar, dardo, gañar, vasalo, feudo, tregua...
- Outros verbos e adxectivos: morno, rico, danzar, esmagar, guiar, branco, gris, escarnecer, tripar, arranxar, tolo, gabar, agasallar, espetar, rifar, roubar...
- Antropónimos: Adela, Afonso, Álvaro, Amalia, Bernardo, Carlos, Elvira, Fernando, Henrique, Leonardo, Luís, Matilde, Ricardo, Rodrigo, Xerardo...
- A terminación -iz, -is, -ez e -es dos apelidos (que significa fillo de): Mauriz, Fernández ou Fernandes, Pais, Méndez ou Mendes, Lopes ou López, Peres ou Pérez etc.
Das vagas celtas procedentes da Bretaña, establecidas na diocese de Britonia, consérvanse poucas palabras: os topónimos Bretoña (A Pastoriza), Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña... e o nome Maeloc.
Préstamos mozárabes e árabes
editarO establecemento dun importante estado islámico no centro e sur da Península Ibérica -coñecido como Emirato de Córdoba (Al-Andalus)- xa a comezos do século VIII, supuxo un novo foco cultural e científico de gran prestixio no mundo occidental durante o Medioevo. Aínda que a maior parte da poboación de Al-Andalus seguiu a falar diferentes linguas latinas (mozárabes), foi non obstante o árabe -lingua da elite política, relixiosa e cultural, a que se espallou pouco a pouco incrementando enormemente o número de arabófonos por todo o Emirato de Córdoba.
Esta situación político-cultural, tivo enorme transcendencia en todo o suroeste de Europa, motivando a absorción de novas palabras previamente inexistentes nas linguas occidentais como o galego, tales como as relacionadas coas matemáticas e a ciencia; álxebra, alcohol, algoritmo, alquimia, cero ou cifra, aquelas referidas ás plantas ou alimentos de orixe mediterránea ou oriental; aceite, azafrán, cenoria, arroz, azucena, azucre, limón, laranxa, xarope ou algodón. O feito de que na Idade media existise unha zona de contacto directo entre falantes de galego e árabe arredor da zona de Coímbra explica a entrada no galego de numerosos préstamos arábigos tales como: alcalde, alguacil, alférez, alfaiate, albane, albarda, alferga, alfoz, alfombra ou alicate entre moitas outras.
É destacable a entrada indirecta no galego de léxico árabe a través doutras linguas que tiveron unha convivencia máis estreita e duradeira co árabe, como foron o castelán (que incorporou máis de catro mil arabismos) e o portugués (cuns mil arabismos), debido en gran parte ás conquistas realizadas no sur da Península Ibérica, mais tamén en zonas norteafricanas.
Do latín ao romance galego-portugués
editarA evolución do latín coloquial falado na Gallaecia occidental ata o que hoxe coñecemos como lingua galega produciuse de maneira progresiva, paseniña e polo tanto imperceptible. Esta constante evolución non permite marcar un límite cronolóxico exacto no que este latín coloquial se converte en galego, mais no século VIII a lingua da igrexa e da administración era tan distante da falada que xa se poden recoñecer dous sistemas diferentes: o latín e o galego. Nesta altura a nova lingua, continuación dun latín coloquial propio, cheo de trazos lingüísticos celtas e xermánicos (entre outros), desempeñará o papel de ser propia dos rexistros informais, unha lingua falada mais non escrita. Xa desde o século IX aparecen documentos en latín con numerosas voces romances (ben por descoñecemento do latín, ben pola presión da lingua falada): ovelia, conelium, estrata, celleiro, auterio...
Esta fala galega (como indica Ramón Menéndez Pidal) pola maior cultura e densidade da poboación galega, tiña unha influencia decisiva na fala da nobreza da corte de León, a cal, segundo o mesmo autor, estrañaba o castelán que tamén comezaba xacando.
Entre os eclesiásticos e os homes de letras, había unha tendencia a conservar as formas cultas do latín, que detiña a evolución levada a cabo na fala dos nobres e campesiños. A tendencia maniféstase en formas de palabras antigas, fórmulas relixiosas ou de cortesía: se Deus quer, que en paz descanse, que Deus conserve, con perdón, con licenza e outras que se conservan no galego actual.[7]
Non obstante, non aparecerán textos escritos en galego ata o final do século XII, xa que o latín continuaba a ser a lingua da cultura, dos documentos legais, da liturxia e do ensino, non só na Gallaecia romana, senón en toda a Europa medieval. Estamos ante unha evidente exodiglosia (diglosia entre dúas linguas): unha lingua para os usos formais, o latín, e outra para os usos non formais, o galego.[8]
No final do século XII e comezo do XIII é cando o galego, igual que o resto das linguas romances, comeza a usarse na escrita. O documento máis antigo datado é a Notícia de Fiadores, de 1175.[9] O documento literario máis antigo dos coñecidos hoxe é a cantiga satírica Ora faz ost'o senhor de Navarra de Johan Soarez de Pávia, escrita arredor do ano 1200. Dos comezos do século XIII datan os primeiros documentos non literarios en galego, Notícia de Torto[10] (1211) e o Testamento de Afonso II de Portugal (1214). Recentemente foi achado o documento máis antigo escrito no actual territorio de Galicia, o cal data do ano 1228. Trátase do Foro do bõ burgo de Castro Caldelas outorgado por Afonso IX en abril do dito ano ao municipio de Allariz.[11] O máis antigo documento latino-galego-portugués, encontrado en Portugal, é chamado de Doação à Igreja de Sozello, encóntrase no Arquivo Nacional da Torre do Tombo, e é datado no ano 870.[12]
Esplendor medieval do galego-portugués
editar- Artigo principal: Galego-portugués.
Galicia constitúe xa desde o século VIII unha unidade política cos reinos de Asturias e León; malia esta situación, chega a acadar certa autonomía que lle permitiu conformarse como reino independente en determinados momentos dos séculos X, XI e XII. Neste contexto o galego é a lingua exclusiva no uso oral, cunha competencia minguante do latín na escrita. Ha ser a presión deste monolingüísmo oral o que leve no século XIII a unha situación de cooficialidade entre o galego e o latín:
- A documentación privada comeza a aparecer en galego no século XIII, e no s. XIV e primeira metade do XV é maioritario o galego nos testamentos, escrituras, querelas, doazóns, compras-vendas, foros, contratos, partillas...
- Os concellos redactan en galego as súas actas, bandos e ordenanzas; e o mesmo farán os gremios e confrarías á hora de escribir os seus regulamentos e libros de contas.
- O mundo da xustiza tamén comeza a empregar o galego: tradúcense as Partidas de Afonso X, o Forum ludicum, o Fuero real etc.
- A Igrexa usa o galego cada vez máis (sobre todo no século XIV) na súa vida administrativa e nas súas relacións con concellos e confrarías. Así e todo, o latín segue a posuír o status de lingua universal de cultura.
- Esta tamén é a etapa de maior esplendor da literatura galega. O galego convértese na lingua por excelencia da lírica en toda a península, agás en Cataluña (poesía trobadoresca). Propiamente debemos falar de lírica galego-portuguesa. O galego acada agora o rango de lingua internacional para a expresión lírica, xa que está presente tanto nos autores (galegos, portugueses, casteláns, occitanos, sicilianos etc.), coma nas cortes reais e señoriais (Santiago, Toledo, Coímbra, Lisboa...)
As Cantigas de Santa María, composicións feitas en loanza da Virxe, son a mostra da vertente relixiosa desta lírica galego-portuguesa e constitúen o corpus de poesía mariana medieval máis relevante de toda a Península. Foron compostas na corte de Afonso X o Sabio, quen se encargou da dirección e, nalgunhas ocasións, da propia elaboración. Exemplifican o prestixio acadado polo idioma galego como lingua literaria no final do século XIII.
En comparación coa lírica, a prosa literaria medieval en galego é escasa e tardía. Cómpre ter en conta que os centros culturais da época eran os mosteiros e escolas monacais, nos que imperaba o uso do latín eclesiástico. Aínda así, a partir de fins do XIII, e máis de modo significativo nos séculos XIV-XV, os temas de maior difusión na Europa medieval recóllense en lingua galega. Mostra son os relatos do ciclo bretón arredor da figura do rei Artur, os textos referentes á historia e destrución de Troia, como a Historia Troiana e a Crónica Troiana; e os Miragres de Santiago, conxunto de relatos que contan desde a destrución de Xerusalén ata a milagrosa intervención do Apóstolo en diferentes situacións. Inclúense algúns textos dentro da prosa, que son traducións ou translacións doutras linguas con elaboración propia: Crónica Xeral Galega, General Estoria, Crónica Galega de 1404 e Crónica de Santa María de Iria.
De todas as maneiras, o rei Sabio creou a Escola de Tradutores de Toledo e o seu neto Don Dinís funda en Portugal os Estudos Gerais, dous centros que tanto normalizarán a prosa castelá e portuguesa como conseguirán a fixación dunha norma escrita, mentres en Galicia continúa certa anarquía gráfica e un fomento decrecente das obras en galego (sobre todo a partir da segunda metade do século XIV).
Diverxencias no galego-portugués
editarMalia que a mediados do século XII, o galego era a lingua común dun reino, Galicia (vulgaris Gallecie linguae), coa separación de Portugal e a súa conversión como reino independente, o galego vai pasar a ser a lingua de ambos os dous reinos, motivando este feito que os lingüistas se refiran a ese galego medieval co nome de "galego-portugués". Durante os séculos seguintes, XIII e XIV, o diferente devir histórico-político destes distintos reinos vai ter grandes repercusións lingüísticas e culturais que acabarán por estandarizar e normalizar o galego-portugués falado ao sur do río Miño, mentres que no norte non corre tanta sorte. Así mentres o reino de Portugal se mantiña independente e era gobernado por reis que conferiron ao galego-portugués —daquela chamado nosa linguage ou vulgar— o status de lingua oficial da súa administración (1290), a coroa galega era usurpada polo rei Fernando III de Castela.
Como sinala Azevedo Maia[13], axiña as formas escritas en Portugal comezan a se homoxeneizar baixo a influencia da corte mentres que os escritos galegos van sendo penetrados de castelanismos. Se as linguas portuguesa e castelá contaron co apoio de institucións que velaron pola fixación dunha norma escrita e da súa protección, non ocorreu o mesmo co reino de Galicia, e por esta razón nos escritos galegos aparece unha certa anarquía gráfica ou polimorfismo para os mesmos sons, ademais dos mencionados castelanismos (a partir do século XIV e aínda máis no XV). O feito de que a partir de 1480 —durante o reinado dos Reis Católicos— os notarios galegos tivesen que cambiar os seus formularios galegos polos casteláns e tivesen que estudar obrigatoriamente en lingua castelá, contribuíu ao proceso de castelanización do galego escrito en Galicia.
Por outra banda, nun territorio tan amplo (desde o Cantábrico ata o Algarve) comezan a aparecer dentro do galego-portugués pequenas diverxencias como a confusión das sibilantes xordas coas sonoras, variacións morfolóxicas (disso fronte a disse..) ademais da introdución dunha serie de elementos novos derivados da expansión do galego-portugués cara ao sur así como do desprazamento da capital portuguesa a terras máis meridionais. Isto vai supor innovacións lingüísticas (especialmente no centro-sur de Portugal) que non afectarán a Galicia, e que si se consolidan na corte portuguesa, fixada finalmente no sur (Lisboa).[14]
Xa na Idade Moderna, a historia da lingua transcorreu de xeito diferente ao sur e ao norte do río Miño, o que xustifica un estudo histórico particular para o caso propiamente galego.
O seguinte cadro mostra un anaco da cantiga de amor, Pois ante vós estou aqui, escrita polo rei Dinís de Portugal (1261-1325) e recompilada no Cancioneiro da Biblioteca Vaticana. Á súa dereita e de xeito comparativo, unha tradución correlativa en portugués e galego respectivamente:
Galego-Portugués | Portugués | Galego |
---|---|---|
Pois ante vós estou aqui, senhor deste meu coraçom, |
Pois ante vós estou aqui, senhor deste meu coração, |
Pois ante vós estou aquí, señor deste meu corazón, |
Os Séculos escuros
editar- Artigo principal: Literatura galega dos Séculos Escuros.
Século XV
editarNo final da Idade Media (séculos XIV e XV), a lingua e a literatura galegas entran nun período de decadencia, motivado pola perda do poder político do Reino de Galicia en favor de Castela. Diversos foron os factores que provocaron este progresivo decaemento, entre os que cabe subliñar catro:
- O asentamento no reino de Galicia dunha nobreza estranxeira principalmente castelá, intransixente coa cultura e coa lingua deste reino, que vén substituír unha nobreza galega derrotada despois de apoiar os perdedores nas loitas dinásticas pola coroa de Castela, primeiro a Pedro I contra Henrique II de Trastámara e máis tarde (1475-1479) a Xoana a Beltranexa fronte á futura Isabel a Católica
- A supresión de gran parte da aristocracia autóctona, capaz de defender os seus intereses e os do país.
- A perda de autonomía da Igrexa galega, que pasa a depender da cidade castelá de Valladolid.
- A crecente política centralista e intervencionista da coroa de Castela que ten por obxectivo a submisión total dos diferentes reinos.
En tiempo de los Reyes Católicos se incorporaron los Maestrazgos de las Ordenes Militares en la Corona. Sucedió la reforma de los monjes Negros, y la de los monjes blancos había precedido el año de 1440. Con esta ocasión se inundó Galicia de hombres no gallegos y castellanos: merinos, jueces, escribanos, curas de almas etc. Eran provisiones de castellanos y apenas se daba algún empleo a gallegos naturales. Claro que ninguno de esos empleos podría actuar en el idioma gallego, ni entender tampoco lo actuado. Hermanos, sobrinos, primos, parientes, paisanos y criados de los presenteros cargaban con todos los empleos y casi al mismo tiempo se introdujo la Audiencia de la Coruña y con eso se aumentó el número de los que en Galicia, ni hablaban, ni entendían gallego y así se introdujo el abuso de escribir y actuar en castellano —Extracto de Discurso apologético por el arte de rastrear las más oportunas etimologías de las voces vulgares, por Martín Sarmiento, ano 1770.
|
Estes catro feitos afianzan gravemente o proceso desgaleguizador nas clases altas da sociedade e impiden a consolidación do galego como lingua literaria. Neste sistema centralizador aparece, xunto ao concepto de "estado nacional", a necesidade da imposición lingüística na administración como factor de cohesión da nova estrutura política. Os Reis Católicos comezan unha fase de uniformación lingüística e, tras a execución de Pardo de Cela (1483) e a morte Pedro Madruga (1486) e sen oposición de señores feudais, comezan unha evidente centralización e castelanización da administración: disolven os exércitos dos nobres e crean a Santa Hermandad (unha especie de policía da coroa) e a Real Audiencia (tribunal de xustiza e órgano de goberno), designan un gobernador para Galicia e un Xustiza Maior, colocan persoas non galegas nos altos cargos eclesiásticos etc.
É destacábel o ano 1480, durante o reinado dos Reis Católicos, porque se dita unha norma pola cal para exercer de escribán hai que examinarse en Toledo no Real Consejo (Real y Supremo Consejo de Castilla) para recibir a licenza (con formularios en castelán), motivo polo cal a documentación privada vai mudar de lingua: nos séculos XIV e XV empregárase case exclusivamente o galego en compras-vendas, foros, testamentos, doazóns... mais a nova norma traerá como consecuencia que no século XVI a lingua notarial será exclusivamente a castelá. Da mesma maneira, os documentos públicos dos concellos, gremios e confrarías abandonarán a lingua galega na primeira metade do século XVI.[15]
A imprenta deu un importante pulo á difusión das linguas nacionais, pois a partir de agora a difusión da cultura incrementouse notabelmente. Aparecen no final do século XV obradoiros de imprenta en Mondoñedo e Monterrei[16] (o primeiro libro impreso en Galicia é o Missale auriense, en Monterrei, 1491),[17] mais a lingua empregada será o latín ou o castelán, de maneira que non aparecerá un libro impreso en galego até mediados do século XIX. Non ocorreu o mesmo nos países de fala catalá, onde se imprimiron libros na lingua propia durante toda a Idade Moderna (o primeiro en Valencia, Les trobes en llaor de la Verge Maria).[18]
Séculos XVI e XVII
editarA lingua galega, durante o longo período de tres séculos XVI, XVII e XVIII denominados Séculos escuros- estivo practicamente ausente dos usos escritos, fronte ao castelán e o portugués que entran nun proceso de fixación e codificación, o cal lles confire a categoría de linguas de cultura. Así, xorden as primeiras gramáticas das linguas vulgares: en 1492 Antonio de Nebrija acaba a súa Gramática castellana, en 1525 Pietro Bembo publica en Italia a Prose della volgar lingua e Fernao de Oliveira fará o mesmo coa súa Gramatica da lingoagem portuguesa; mais o galego non terá gramática ata o século XIX.
Así mesmo, a Igrexa católica galega comeza a ser dirixida nos cargos máis importantes por dignidades alleas ao país, así entre 1530 e 1830, dos 152 bispos que exerceron en Galicia, só 15 deles foron galegos, o resto maiormente casteláns ou en calquera caso castelanfalantes. Desta maneira, comezou substitución lingüística: nos séculos XV e XVI, tras fases coas dúas linguas (galego e castelán) nos documentos eclesiásticos, a lingua castelá vai aumentando progresivamente canto ao seu uso. En 1562 no Concilio de Trento acórdase o uso das linguas vernáculas no labor pastoral para entender mellor a mensaxe cristiá, mais a Igrexa galega optou polo castelán tanto para lingua interna como para o contacto cos fieis.
O proceso centralizador e castelanizador perfeccionarase no reinado dos Habsburgo (séculos XVI e XVII) -e aínda aumentará máis no século seguinte cos monarcas da Casa de Borbón-. A lingua galega será desprezada polos ámbitos sociais elevados e afastarase dos usos escritos, da cultura, da administración e da igrexa. A pesar de que a nobreza e o clero se desgaleguizan, ao igual que todo o funcionarado real, a administración da xustiza, o ensino e a literatura, a lingua propia do noroeste segue a ser a vía normal de comunicación de case a totalidade da poboación -por exemplo, en 1532 enviouse un parecer a Carlos V afirmando que os documentos viñan en castelán e esta lingua coñecíase con dificultade-.
Así e todo, debemos deixar constancia de que o exclusivo uso oral do galego levouna á dialectalización e a fragmentación e, polo tanto, á súa consideración xeral como lingua aliteraria, incapacitada para a ciencia e a cultura. A nosa literatura queda así á marxe do Renacemento e do Barroco, coincidindo paradoxalmente o século máis escuro para o galego, co Século de Ouro da literatura castelá. Posuímos algunhas cartas (como algunhas dirixidas a Diego Sarmiento de Acuña, conde de Gondomar), algún documento e escasas mostras literarias en galego que nos deixan ver a lingua da época. Paralelamente a este baleiro de literatura erudita, sobrevive a vea da lírica popular en forma de cantigas de berce, de cego, entroidos, adiviñas, lendas, romances, contos, farsas etc. Moitos deles chegaron ata hoxe por transmisión oral.
Século XVIII
editarA partir de 1707, os monarcas da Casa de Borbón potencian un forte centralización do estado. Desta maneira, Filipe V pretendeu uniformar as súas coroas hispánicas cos Decretos de Nueva Planta (pois Países Cataláns e Aragón aínda posuían algunhas liberdades políticas). E seguindo nesta tese uniformadora, Carlos III sentenza en 1768 na Real Cédula de Aranjuez que:
la enseñanza de primeras letras, Latinidad y Retórica se haga en lengua castellana, generalmente, donde quiera que se practique, cuidando de su cumplimiento las audiencias e justicias respectivas, recomendándose también por el mi consejo a los Diocesanos, Universidade y superiores regulares para su exacta observancia, y diligencia en extender el idioma general de la nación para su mayor harmonía y enlace recíproco.
No século XVIII xorden as voces de denuncia dos chamados "ilustrados", que demostran a súa inquedanza polo subdesenvolvemento do reino de Galicia e ofrecen propostas renovadoras da vida económica, social e cultural. Entre este minoritario grupo de intelectuais despunta con forza a figura do Padre Frei Martín Sarmiento, personaxe polifacético -naturista, lingüista e bibliófilo- que defendeu o uso do galego no ensino, na administración e na Igrexa, isto é, a súa normalización como lingua propia dos galegos. Sarmiento explicaba nos seus escritos:
Y siendo el latín lengua anticuada para los gallegos, es mas necesario que ya que no la aman, la estudien. Y es bárbara crueldad y necedad excusada que unos forasteros enseñen a los niños gallegos mediante la lengua castellana que no saben, la lengua anticuada que no deben saber, y castigándoles si se les escapa alguna voz o frase gallega de las que han mamado. Todo maestro de Gramática que no fuera gallego y erudito en su lengua patria, se debe excluír de ser maestro de niños gallegos, aunque sea un Cicerón o un Quintiliano.
Participou especialmente tamén nesta defensa da lingua o Padre Feixoo, o primeiro en rexeitar a condición de "dialecto" para o galego e reivindicar o seu status de lingua, e o Padre Sobreira, continuador do labor lexicográfico de Sarmiento. A obra dos ilustrados mencionados constituíu a primeira chamada de atención dunha problemática lingüística que se ha manifestar en toda a súa extensión na segunda metade do século XIX.
O galego do século XIX e o Rexurdimento
editarAo longo do século XIX, España foi abandonando as estruturas do Antigo Réxime e introducindo paulatinamente o capitalismo e liberalismo político. No primeiro terzo de século houbo alternancia de períodos liberais con outros absolutistas, e tras a guerra carlista (1839) aséntase o liberalismo, comezando así un proceso de centralización e uniformación territorial. Galicia pasou de ser un reino con sete provincias estruturadas en parroquias a unha rexión con catro provincias e trescentos concellos dirixidos por un gobernador e un alcalde, os cales eran colocados polo poder central.
Por mor da invasión francesa (1809) e dos enfrontamentos entre absolutistas e liberais, xorden os primeiros textos escritos en galego, impresos en follas soltas ou en xornais, con fins propagandísticos. Uns chaman o campesiñado á defensa do país, e outros defenden as ideas liberais. As Cortes de Cádiz instauraron a comezos do século XIX o servizo militar obrigatorio, como resposta ás tropas napoleónicas. Até aquela altura a militancia no exército era voluntaria e retribuída, pero o conflito cos franceses, así como despois coas insurreccións en América e as guerras carlistas, fixeron que o servizo durase, segundo a época, entre 3 e 8 anos. Comezaba con 20 ou 21 anos, e dado que a lingua dos cuarteis era o castelán, trouxo a Galicia moito léxico desta lingua, tanto técnico coma de xerga popular, incluídas palabras malsoantes e blasfemias.
Ao longo do século, trala fin do absolutismo e o inicio da monarquía constitucional, nacen diversos movementos galeguistas baseados na defensa da singularidade e da personalidade diferenciada de Galicia. O primeiro deles, aparecido cara aos anos 40, foi o "Provincialismo", integrado principalmente por mozos universitarios procedentes da fidalguía. Este movemento progresista e galeguista denunciaba a marxinación social do país e procuraba a valoración social da súa arte, dos costumes e da historia. A prensa foi o método principal de propagación do Provincialismo: El Centinela de Galicia, El Emancipador Gallego, La Situación de Galicia... Mais esta primeira promoción de galeguistas víronse apartados da política despois do seu apoio ao fracasado levantamento militar de Solís -fusilamento dos Mártires de Carral- e refuxiáronse no mundo da cultura e da literatura.
O Estado creou un sistema tributario (1845) e lexislativo (1851) común, e a Lei de instrución pública de 1857 (chamada lei Moyano, e que estará en vigor até 1970) declara obrigatorio o ensino primario e a alfabetización en castelán. A sociedade galega era de base agraria, pois o 90% das persoas eran campesiños e mariñeiros, sobre a cal estaba asentada unha fidalguía rural perceptora das rendas agrarias e unha burguesía comercial foránea (catalán, vascos, casteláns, maragatos...). Finalmente, as clases dirixentes pertencían á administración, ao clero e ao exército e seguían empregando o castelán.
A segunda xeración galeguista xorde a partir de 1855-1865, cando un grupo de intelectuais (Vicetto, Manuel Murguía, A. Aguirre, Eduardo Pondal...) participan no federalismo da primeira República. Máis tarde conformarán o movemento denominado Rexionalismo, no cal compaxinan cultura e política, facendo da lingua a súa preocupación primordial. Este movemento rexionalista organizarase nunha forza política propia denominada Asociación Regionalista Gallega (1891), a primeira do galeguismo, que terá as súas bases teóricas en El regionalismo (1889) de Alfredo Brañas (e en El regionalismo gallego de Manuel Murguía). Nas Bases Generales del Regionalismo, Brañas defende unha convivencia equilibrada entre as dúas linguas:
El Regionalismo, que profesa el dogma de las dos patrias, es decir, de la patria común española y de la regional, admite como necesarios, armónicos y mutuamente complementarios dos lenguajes: el común y el regional. [...] El lenguaje regional gallego será de uso potestativo entre los naturales de nuestra región, tanto en la esfera oficial y pública como en la privada y obligatorio en la escuelas primarias en concurrencia con el castellano
No camiño do afianzamento lingüístico e literario, celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais en 1861. As composicións premiadas, xunto con mostras da poesía contemporánea, recóllense un ano máis tarde no Álbum de la Caridad (primeira antoloxía do Rexurdimento galego). Rexurdimento é o nome co que se coñece o século XIX na historia da nosa literatura, e expresa nidiamente o que foi unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. O primeiro libro en galego publicado no S. XIX é A gaita gallega, de Xoán Manuel Pintos no 1852 pero é a publicación en 1863 de Cantares Gallegos, da man da excelsa poeta Rosalía de Castro, a que inaugura o Rexurdimento pleno.
Ano frutífero en publicacións foi 1880, pois nel saen á luz composicións dos autores de máis sona desta etapa: Follas Novas, de Rosalía de Castro, Aires da miña terra de Curros Enríquez, e Saudades gallegas de Lamas Carvajal. Seis anos despois aparece Queixumes dos pinos, de Eduardo Pondal. Rosalía de Castro transcende coa calidade da súa obra as nosas fronteiras para se incorporar á historia da literatura universal, ao que se lle suma o mérito de que os seus Cantares Gallegos axiña se fixeron moi populares.
Curros Enríquez foi un dos escritores preferidos polos lectores do seu tempo. Sen dúbida porque coa súa poesía denunciou as inxustizas (foros, opresión, emigración...) e defendeu as ideas de progreso. Asentou unha tradición de poesía combativa comprometida que continuarán numerosos autores (Ramón Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro...). Pondal, autor do Himno galego, buscou as raíces prehistóricas do seu pobo, salientando o elemento culto, para engrandecelo a partir da súa individualidade. Tentou afianzar o galego como lingua literaria e culta. Os lindes da nosa literatura vanse ampliando de vagar desde a lírica ata a narrativa, o ensaio e a prosa didáctica.
A consolidación da prosa galega non se produce ata o século XX, mais a fins do XIX hai xa precedentes salientables: Maxina ou a filla espúrea, (1880) de Marcial Valladares, primeira novela galega contemporánea. Obra de gran sona entre as clases populares foi O catecismo do labrego de Lamas Carvajal. As novelas A tecedeira de Bonaval, O Castelo de Pambre e O niño de Pombas converten a Antonio López Ferreiro no mellor prosista da época. O xénero teatral foi o menos cultivado, pois desde a publicación d´A Casamenteira en 1812 até a década dos oitenta non houbo actividade editorial relacionada co teatro.
Nas últimas décadas do XIX nacen as primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega, esenciais para a súa normalización: Compendio de gramática gallega-castellana de Francisco Mirás (1864), Diccionario gallego-castellano (1865) de Francisco Xavier Rodríguez, Gramática Gallega (1868) de Saco y Arce (un estudo serio do idioma)...
A presenza da lingua galega nos xornais contribúe grandemente a prestixiar o idioma. No ano 1876 edítase, promovido por Valentín Lamas Carvajal, o pioneiro dos xornais integramente en galego, O Tío Marcos da Portela. O éxito deste xornal, con marcado carácter anticaciquil, resultou espectacular, de maneira que chegou a ter unha tiraxe de 4000 exemplares (cando o habitual era non pasar dos 2000)[19]. Entre os anos 1886 e 1888 vaise consolidando o xornalismo en Galicia, coa aparición de novas iniciativas monolingües: O Galiciano e A Tía Catuxa, en Pontevedra; A Monteira e O Labrego en Lugo; As Burgas, en Ourense; e O Fungueiro, na Coruña.
Para acabar, vexamos as principais características sociolingüísticas do século XIX:[20]
- O galego segue sendo a lingua oral da maioría dos galegos (85 % da poboación), mais comeza a castelanización das clase media nos núcleos urbanos desde mediados de século. Observamos o ascenso dunha feble burguesía, hostil coa lingua do país. O estado centralizado segue insistindo no seu proceso uniformizador no que respecta á lingua. No ámbito urbano aumenta o número de bilingües e de monolingües en castelán.
- Segundo avanzou o século produciuse unha lenta recuperación escrita do galego nos usos escritos, sobre todo na literatura e nos medios xornalísticos, mais a lingua escrita por excelencia segue sendo o castelán.
- Segue o aumento da diglosia: o castelán nos usos formais (clases elevadas, lingua da escrita) e o galego nos usos informais (a lingua que se fala normalmente). Realmente, a lingua galega segue perdendo prestixio nas camadas populares.
O galego do século XX
editarInicio do século XX
editarA comezos do século XX constátase unha recuperación do galego como idioma literario, cultural e histórico; asemade faise patente un descenso no nivel de uso oral. A lingua galega non vive aínda unha situación normalizada e iso provoca un retroceso en medios sociais -clases altas e medias- e en ámbitos xeográficos -urbanos- concretos. Porén, paseniñamente, o galego consegue acceder a novos ámbitos de uso, que ata o de entón lle estaban vedados: ensaio, narrativa, discursos políticos, actos públicos etcétera.
De especial relevancia para a lingua galega no comezo de século foi a fundación, en 1906, da Real Academia Galega, por iniciativa de Fontenla Leal e Curros Enríquez (tras varios intentos infrutuosos no final do século XIX). Esta institución comezou a publicar un Boletín e a elaborar un dicionario (aínda que non se pasou da letra C), mais o seu traballo científico foi practicamente nulo.
O contexto socio-político contrasta coa prolífica actividade cultural. A sociedade galega dos comezos do XX seguía a caracterizarse pola concentración do poder económico en sectores minoritarios, por un sistema agrícola aínda feudal e por unha crecente emigración que ía baleirando o país. Agroman asociacións agrarias que canalizan as protestas sociais e acadan gran resonancia no campesiñado, como foi o caso de Acción Gallega. A toma de conciencia dos campesiños, fomentada polo seu acceso á propiedade da terra, unida á evolución do galeguismo para o nacionalismo, provoca un salto cualitativo na utilización da lingua.
“A nosa lingua é o camiño de ouro da nosa redención e do noso progreso: sen a lingua morreremos como pobo, e nada significaremos endexamais na cultura universal. [...] Eu penso que as únicas setas que van sempre rectas a furar o branco do futuro son aquelas que se lanzan valéndose do arco da nosa lingua, xa que só entón nos mostramos orixinais. Eses que viven de costas ás orixes dificilmente poderán redimirse da servidume do mimetismo. Que cousa máis orixinal que a lingua dun pobo, xerada por accións e reaccións seculares entre o home e a Natureza, para facelo diverso no universo?” —Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916), por Antón Villar Ponte).[21]
|
O nacionalismo está tan vencellado ao idioma como esencia de identidade colectiva, que as súas primeiras manifestacións constitúenas as Irmandades da Fala. Creadas para a defensa, dignificación e cultivo do idioma, a primeira Irmandade da Fala fúndase na Coruña en 1916. Séguena outras repartidas polas principais cidades e vilas de Galicia (Ferrol, Ourense, Betanzos, Santiago...). Para o espallamento do seu ideario crearon un xornal de expresión totalmente en galego: A Nosa Terra. Os seus membros máis salientables foron os irmáns Villar Ponte, Losada Diéguez, Vicente Risco, Ramón Cabanillas etc.
En 1918 celebran a "I Asemblea Nazonalista Galega", que tivo como conclusións a reivindicación da autonomía integral, da oficialización da lingua e da inclusión de Galicia na Sociedade de Nacións de Xenebra. As Irmandades promoveron a elaboración de dicionarios e gramáticas, estudos lingüísticos e reivindicaron a presenza do galego na Administración e no ensino. Deron pulo á actividade editorial nas principais cidades galegas: Céltiga en Ferrol, Lar na Coruña, Alborada en Pontevedra, e moitas outras, ademais de frecuentes seccións en galego na prensa en castelán. Neste contexto aparece a Revista Nós, da man de Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, que conforman o coñecido "Grupo Nós". A eles lígase a figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
Anos 20 e 30
editarOs membros de "Nós", cunha ampla formación intelectual, marcan como finalidade a eliminación do lastre do folclorismo da cultura galega, mediante a súa actualización, normalización e universalización.[22] A revista Nós contaba coa colaboración de autores estranxeiros (portugueses, irlandeses, cataláns, franceses...), que a poñían en contacto coas correntes europeas, ademais de traducións variadas e artigos tanto de carácter científico -arqueoloxía, etnografía, antropoloxía, socioloxía...- coma literarios. Na editorial Lar, dirixida por Leandro Carré Alvarellos e administrada por Ánxel Casal, publicáronse novelas de diversos autores galegos.
Do ano 1922 é a primeira gramática escrita totalmente en lingua galega, a Gramática do idioma galego, obra de Manuel Lugrís Freire.[23] Anteriormente xa se realizaran algúns estudos lingüísticos salientables coma o Elementos de gramática histórica gallega (1909), obra de Vicente García de Diego ou o Diccionario galego castelán da RAG, de 1913, que quedou inacabado. Posterior á gramática de Lugrís Freire é o Diccionario galego-castelán de Leandro Carré Alvarellos, publicado en dous tomos, nos anos 1928 e 1931.
O emprego do galego en estudos científicos potenciouse coa creación do Seminario de Estudos Galegos (1923), dedicado a investigacións sobre a realidade galega e ao estudo de tódalas súas manifestacións. Foi fundado por un grupo de mozos universitarios, como Fermín Bouza-Brey, Xosé Filgueira Valverde ou Lois Tobío Fernández, e axiña se sumaron outros como Ricardo Carballo Calero, Antón Fraguas ou Xaquín Lorenzo. O Seminario realizou e publicou traballos científicos, entre os que podemos mencionar estudos lexicográficos e fonéticos, elaboración dunhas normas ortográficas, tradución de clásicos literarios ao galego, obras sobre pedagoxía e o ensino etc.
A obra literaria destes intelectuais, que recuperan campos como o ensaio abrindo novos horizontes, outorga á prosa galega un grao de desenvolvemento pleno e integra a nosa cultura no contexto europeo: Arredor de si, Devalar ou Os camiños da vida, de Ramón Otero Pedrayo e Os europeos en Abrantes e O porco de pé, de Vicente Risco, son títulos que forneceron á nosa literatura -ao lle incorporar temáticas universalistas, lendarias e exóticas, urbanas e pensamentos filosóficos- de novas técnicas de creación que se estaban a desenvolver na literatura europea.
A feble tradición do xénero dramático recibiu un pulo coa creación desde as Irmandades do Conservatorio Nacional de Arte Galega, en 1919, que logo pasa a ser Escola Dramática Galega. Os movementos europeos de vangarda non lle resultan alleos á lírica galega. Os autores da chamada "Xeración do 25" -Manuel Antonio, Luís Amado Carballo, Bouza Brey- demostraron unha gran vontade de orixinalidade creativa que pasa polo enfrontamento aberto coas formas tradicionais de poesía.
Merece mención á parte a figura polifacética de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. É un clásico da literatura galega en todas as áreas nas que se manifesta a súa arte: novela, teatro, narrativa breve e ensaio político —Sempre en Galiza obra mestra do nacionalismo galego— e outras obras que reflicten conxuntamente a súa capacidade como debuxante e literato. Castelao entraña unha gran significación política plasmada na súa obra ensaística e na súa participación activa e directa na política do país (Deputado da República nas filas do Partido Galeguista).
En 1931 créase o Partido Galeguista, que promove a aprobación en referendo do Estatuto de Galicia en 1936, no que a lingua galega adquire por vez primeira o recoñecemento de "idioma oficial de Galicia". Este logro importantísimo non chegou a ter aplicación práctica na realidade por mor do estoupido da guerra civil (1936), que supuxo o principio da máis crúa etapa para as linguas non oficiais do Estado español.
Canto aos medios de comunicación, o uso do galego non pasaba de anecdótico, a non ser nas publicacións galeguistas. Tanto os xornais galegos como a radio, a cal se asenta entre os anos 1932 e 1935 en Galicia, empregan case exclusivamente o castelán. O medio radiofónico axudou a incrementar a presenza do español, xa que a prensa tiña a pexa do elevado analfabetismo aínda existente nesta altura, barreira facilmente superábel pola radio.
Pola súa parte, a Igrexa empregaba como lingua de culto o castelán alternando co latín, excepto nalgúns foros minoritarios galeguistas que crean algúns textos relixiosos -a revista Logos (1931), as Oracións da mañán (1933)- ou o colectivo Deus Fratesque Gallaetiae (1935).
En resumo, observamos unha recuperación funcional do galego no primeiro terzo do século XX na cultura, na literatura, na ciencia e na política (o único partido monolingüe en galego foi o Partido Galeguista). Así e todo, o castelán segue sendo a lingua de prestixio e é a única empregada no sistema escolar, a habitual dos xornais, a única da radio -en Galicia comezan emisións radiofónicas en 1932-, a da Igrexa e a das clases dirixentes; por todo isto, o número de galego-falantes continuou diminuíndo paseniñamente.
Do 36 aos anos 50
editarO remate da guerra civil española e o inicio do franquismo provocou a desaparición da lingua galega da escena pública, do ensino e das actividades socioeconómicas, pois na práctica quedou prohibida calquera manifestación lingüística nos idiomas vernáculos que non fosen o español[24]. As organizacións políticas e incluso as que eran exclusivamente de ámbito cultural, como o Seminario de Estudos Galegos, foron disoltas e os seus fondos requisados. Aqueles que tiveron como única vía o exilio -Castelao, Eduardo Blanco Amor, Luis Seoane, Rafael Dieste...- foron quen de manter viva a chama da cultura, do idioma e da identidade de Galicia. O desenvolvemento cultural galego ten agora o seu escenario na Arxentina, Venezuela, México, Cuba... Nestes países xurdiron iniciativas culturais en lingua galega (editoriais, revistas, programas de radio -como Galicia Emigrante- etcétera).
Nestes anos, a situación social do galego viuse agravada coa obrigatoriedade da escolarización no nivel básico en todo o Estado e, posteriormente, coa popularización dos medios de comunicación (prensa escrita e radio), que tiñan o castelán como único vehículo de expresión, ademais de estaren suxeitos a unha censura previa.
“Ten Galiza un idioma proprio?
—Castelao Sempre en Galiza (1944)
|
O contexto adverso non logrou apagar o espírito do galeguismo, que, timidamente, comeza a se manifestar no ámbito cultural. En 1946-47 publícanse catro obras de poesía. Pasos decisivos foron a colección de poesía Benito Soto, a editorial Bibliófilos Gallegos e o suplemento semanal bilingüe do xornal santiagués “La Noche”.
A peza clave na que se asenta esta recuperación dos usos escritos é a creación da Editorial Galaxia en 1950. Os seus principais promotores, Otero Pedrayo, Francisco Fernández del Riego, Xaime Illa Couto, Ramón Piñeiro e outros, evidenciaron de novo a validez do idioma galego para calquera xénero ou temática. Galaxia convértese no eixo de diversas publicacións periódicas:Revista de Economía de Galicia, a revista de cultura e arte Atlántida e a de pensamento Grial —prohibida ao ano seguinte do seu nacemento-. Outras empresas literarias destacables son a colección de poesía Benito Soto (dirixida por Celso Emilio Ferreiro), a colección Xistral, a editorial Monterrey, a editorial Bibliófilos Gallegos e o suplemento semanal literario do diario compostelán La Noche.
A década dos 60
editarA partir de 1960 vaise producir un conxunto de cambios no eido económico e social que se acompañan dunha leve atenuación da censura. Exemplos deste aperturismo foron a posibilidade de publicacións antes prohibidas como Grial a instauración da celebración por parte da Real Academia Galega do Día das Letras Galegas, a ampliación do mundo editorial con Ediciós do Castro, as novas asociacións culturais na defensa do galego: O Facho, O Galo, Abrente, Asociación Cultural de Vigo… A Universidade galega non queda á marxe das inquedanzas e toma parte activa en 1965, pois nos planos de estudo da Facultade de Filosofía e Letras de Santiago de Compostela créase a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas, a cargo de Ricardo Carballo Calero. Seis anos despois nace o Instituto da Lingua Galega (1971), cunha obra investigadora desenvolvida ata os nosos días.
Nos anos cincuenta a produción literaria na península inicia de novo o seu camiño de forma máis sólida. Unha vez máis foi a lírica a encargada de iniciar o renacer literario. Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro, en 1962 representa a liña social e cívica caracterizadora da poesía dos anos sesenta. Lueiro Rey, Bernardino Graña e Manuel María, son algúns dos autores desta lírica que tenta conxugar o discurso político co literario. En 1963, co gallo do centenario da publicación de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, a Real Academia Galega institúe a efeméride das Letras Galegas cada 17 de maio.
A narrativa galega sofre un baleiro desde 1936 ata 1951, cando Ricardo Carballo Calero publica a súa primeira novela, A xente da Barreira. Entre os anos cincuenta e sesenta tres grandes autores, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor e Ánxel Fole, desde as súas peculiares formas de narrar, crean unha obra de recoñecida altura universal. Na década dos sesenta Gonzalo Rodríguez Mourullo, Xosé Luís Méndez Ferrín, entre outros, fanse eco das innovacións da narrativa europea, constituíndo o que se deu en chamar "Nova Narrativa", movemento renovador e revitalizador da nosa prosa.
Polo que respecta á Igrexa galega, as altas dignidades eclesiásticas e a maioría dos sacerdotes seguen negando o uso do galego na liturxia, aínda que existiron algúns sectores moi minoritarios que traballaban pola galeguización (como Xosé Alvilares Moure). Xurdiu unha polémica no ano 1963 porque o Concilio Vaticano II aprobaba a introdución das linguas vernáculas nas celebracións relixiosas, mais o Boletín Oficial do Arcebispado (1964) non tivo en conta o galego. Só se conseguirá o permiso da utilización do galego no ano 1969. Así e todo, cabe salientar dous fitos do galeguismo relixioso: a creación da Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos (SEPT) co obxectivo de difundir publicacións relixiosas en galego, e a fundación do colectivo Os Irmandiños (1966).
Os medios de comunicación de masas incrementan de maneira espectacular a súa influencia na sociedade galega, xeneralizándose a radio e aparecendo a televisión nos anos sesenta. De novo, o español segue incrementando a súa presenza:
- A prensa galega redáctase en castelán e o galego aparece timidamente cando o tema é cultural.
- A radio tamén falará castelán de maneira case exclusiva nas emisións radiofónicas, aparecendo o galego só nos usos humorísticos. Mais cabe salientar experiencias en lingua galega en América: o programa dominical Sempre en Galiza en Radio Carve de Montevideo, ou o programa Galicia Emigrante en Buenos Aires entre 1954-1971. E tamén na propia Galicia no ano 1969 xorden programas na nosa lingua da man de colectivos culturais como O Facho da Coruña (programa Da terra e dos tempos, en RNE) ou a Asociación Cultural de Vigo (en La Voz de Vigo e Radio Popular).
- A televisión popularizouse axiña e contribuíu a mudar moitos costumes tradicionais. Lingüisticamente, volve a ser o español a lingua exclusiva. En 1961 chegan as emisións televisivas (TVE) a Santiago de Compostela e Ourense, e posteriormente a outras cidades e vilas.
Anos 70 e 80
editarLiteratura
editarA instauración da democracia permitiu a consolidación dos xéneros anteriores e a apertura de novos horizontes nos distintos campos literarios en resposta ás esixencias dunha sociedade libre. Galicia pasou de ser un país produtor de poesía maioritariamente a interesar e implicar a moita máis xente nos libros que produce, que van desde diversos tipos de ensaio (sociolingüístico e literario- Basilio Losada, Francisco Pillado Mayor...- teolóxico e relixioso - Torres Queiruga, Xosé Chao Rego..., filosófico - Felipe Martínez Marzoa...- histórico - Ramón Villares, Felipe Senén López, Xosé Ramón Barreiro...) a libros de crónica política, revistas, ...
En narrativa as tendencias son moi variadas e os autores que se deron a coñecer antes do 75 (como María Xosé Queizán, Alfredo Conde, Paco Martín etc.) únense nunha moi heteroxénea nómina de narradores (Víctor Freixanes, Xavier Alcalá, Carlos Reigosa, Suso de Toro, Manuel Rivas, Agustín Fernández Paz...) que amplían as modalidades narrativas (novela histórica, policial, erótica, realista etc). A edición de libros destinados aos lectores máis novos en coleccións infantís (Merlín, Sotelo Blanco Infantil etc) e xuvenís (Xabarín, Doce por vinte e dous, Fóra de Xogo, Gaivota, Árbore etc.) é unha das grandes contribucións á normalización da literatura.
A poesía tamén se renova. Xosé Luís Méndez Ferrín e Arcadio López-Casanova marcan coa aparición dos seus poemarios no 1976 a dirección para unha poesía máis rica e aberta a múltiples influencias. Darío Xohán Cabana, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xulio López Valcárcel, Claudio Rodríguez Fer, Manuel Rivas e moitísimos autores están contribuíndo a continuar engrandecendo un xénero asentado desde os inicios da nosa literatura na Idade Media.
O xénero dramático experimentou fondas transformacións na segunda metade do XX. A obra de autores da inmediata posguerra, como Álvaro Cunqueiro ou Ricardo Carballo Calero, convive coa obra dos novos -Manuel María, Roberto Vidal Bolaño, Manuel Lourenzo...-, que buscan a ruptura formal. Todos eles abren o mundo teatral ás máis novas tendencias. É salientable a aparición no final dos anos 60 e principios dos 70 do fenómeno dos Grupos de Teatro Independente (O Facho, Teatro Circo...). Nestes anos proliferan asociacións que tratan de potenciar o teatro, especialmente mediante o achegamento a un público xuvenil.
Lexislación
editarNo ano 1978, Galicia, igual có resto do Estado, volve contar cunha Constitución democrática que no seu articulado proclama a "vontade de protexer tódolos españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas e tradicións, linguas e institucións", ao mesmo tempo en que senta as bases dunha nova configuración xurídico-política: o Estado das Autonomías. Vexamos o artigo terceiro da Constitución española:
art. 3-1. O castelán é a lingua española oficial do estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usalaart. 3-2 As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos
art. 3-3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección
Co réxime democrático Galicia convértese en Comunidade Autónoma, tendo como linguas oficiais o galego e o castelán, aínda que a Constitución marca o dereito e o deber de coñecer o castelán pero só o dereito de coñecer o galego para os cidadáns galegos, o que provoca unha cooficialidade asimétrica. Durante os primeiros anos da preautonomía e da autonomía as medidas de fomento do galego centráronse no ensino,[25] así o decreto do 20 de xullo de 1979 permitiu a incorporación do galego ao ensino como materia. Entón, estableceuse no sistema educativo un polémico Decreto do Bilingüismo, que establecía o ensino do galego, e permitía o ensino en galego, mais neste último caso tiña que ter como condicionante o visto e prace dos pais ou titores (cuxa opinión era manipulábel e estaba cargada con prexuízos negativos coa lingua que acostumaban falar), o que produciu alumnado e profesorado represaliado por varios institutos e colexios da comunidade galega.
No ano 1980, tras un longo proceso de debate, aprobouse o Estatuto de Autonomía de Galicia. No Título Preliminar establécese no artigo 5 o seguinte:
art. 5-1. A lingua propia de Galicia é o galego.art. 5-2. Os idiomas galego e castelán son oficiais de Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
art. 5-3. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
art. 5-4. Ninguén poderá ser discriminado por causa de lingua
Por primeira vez na historia legal do país recoñécese o galego como a propia de Galicia, mais tamén hai que mencionar que só hai o dereito de coñecer galego e castelán, mentres que na Constitución si había o deber de coñecer o español e non as outras linguas ibéricas. Polo tanto, fica claramente manifesto o desequilibrio legal a favor da lingua estatal e en contra das demais.
Posteriormente o Parlamento galego aproba por unanimidade a Lei de normalización lingüística (1983), o instrumento máis importante de planificación lingüística, que incluía no artigo primeiro o deber de coñecer o galego, mais este punto foi suprimido por sentenza do Tribunal Constitucional ante un recurso presentado por Domingo García-Sabell, Delegado do Goberno en Galicia e á vez presidente da RAG. En virtude da LNL o galego entra como materia e lingua, canda o castelán, vehicular do ensino. Algúns dos artigos seus máis relevantes son:
art. 2. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal do galego e do castelán, linguas oficiais da Comunidade Autónoma.art. 4-1. O galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial da Comunidade Autónoma, da súa Administración, da Administración Local e das Entidades Públicas dependentes da Comunidade Autónoma.
art. 6-4. A Xunta ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego. As Corporación Locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei.
art. 10-1. Os topónimos de Galicia terán como única forma oficial a galega.
art. 12-1. O galego, como lingua propia de Galicia, é tamén lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos.
art. 18. O galego será a lingua usual da radio e da televisión e nos demais medios de comunicación social sometidos a xestión ou competencia das institucións da Comunidade Autónoma.
Paralelamente a unha lexislación reguladora dos usos do idioma, cumpría a elaboración dunha lingua estándar. O Instituto da Lingua Galega (creado en 1971) e a Real Academia Galega propoñen en 1982 as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, que acadan o carácter de oficiais coa promulgación da Lei de normalización lingüística. A revisión máis recente destas Normas, que integra en parte algunhas posturas reintegracionistas, é de 2003.
Igrexa
editarPolo que respecta ao uso da lingua na Igrexa católica galega, un estudo coordinado por Daniel López Muñoz[26] (1989) mostraba que o 86% dos párrocos usan só o castelán na liturxia, un 4% usa só o galego nas misas e un 10% fan uso das dúas linguas. A diglosia é evidente, pois xa fóra da igrexa e en contextos informais, o 73% dos párrocos manifestan falar en galego como lingua habitual, un 24% empregan ambas as linguas e só un 3% usa o español en exclusiva. Polo tanto a Igrexa tense considerado como un dos axentes máis castelanizadores.
Así e todo, hai persoeiros destacados na introdución ou defensa do galego no mundo eclesiástico, como son Xosé Chao Rego, Victorino Pérez Prieto e Andrés Torres Queiruga, ligados á revista Encrucillada, aparecida en 1977. En 1979 xorde a Asociación de Crentes Galegos Irimia e a súa revista homónima Irimia. Porén, non foi ata o ano 1989 cando se publicou a primeira edición autorizada e completa da Biblia.
Medios de comunicación
editarPolo que se refire á televisión, o uso da lingua galega é superior á dos medios radiofónicos ou escritos. Desde 1974 até 1985 o galego só se empregou no programa territorial de TVE chamado Panorama de Galicia. É importante o ano 1985 porque nel xorden a Televisión de Galicia e a Radio Galega. O primeiro foi, e aínda é, un canal fundamental para manter presente a lingua galega nos medios de comunicación audiovisuais e contribuír á normalización da lingua neste ámbito ata este entón bastante desasistida (só TVE en Galicia tiña o programa mencionado, e algunha iniciativa privada de curtametraxes ou longametraxes). Canto á Radio Galega, tamén tivo e ten o mérito de manter un canal monolingüe de calidade e con interese pola cultura propia. Ambos os dous medios son referentes canto á calidade no mundo dos medios de comunicación actuais, e presentan taxas de audiencia aceptábeis e nalgúns programas altos. Foi especialmente a Televisión de Galicia a que rompeu máis tópicos e prexuízos ao pór a falar en galego persoas das máis variadas nacionalidades e tempos.
Canto á prensa escrita, existiu un único xornal diario de carácter informativo en galego, chamado Galicia Hoxe (1994-2011); mais todos os demais diarios galegos (La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Progreso, La Región, El Correo Gallego, Diario de Pontevedra...), os de maior tiraxe, usan como lingua vehicular o castelán, e neles o galego non acostuma pasar do 5 % de uso (e desta porcentaxe, unha gran parte son artigos de opinión e publicidade). En 1977 aparece novamente a cabeceira histórica A Nosa Terra, de carácter semanal e desaparecida en 2011, que se converteu nunha referencia do xornalismo en galego. Teñen saído outras cabeceiras en galego de maior periodicidade, como A Peneira (1984) -comarcal, zona sur de Pontevedra-, Grial, A Trabe de Ouro, Luzes de Galiza, Teima, Natureza Galega, Encrucillada (1977), Revista de Literatura, Tempos Novos etc.
Asociacións
editarEn abril de 1986[27], nace A Mesa pola Normalización Lingüística, plataforma que pretende a promoción do galego para acadar todas as funcións do idioma nos distintos ámbitos da sociedade e a denuncia das agresións e discriminacións por razóns de lingua.
O galego do século XXI
editarÁs portas do século XXI a lingua galega segue viva, protexida pola lexislación vixente e cun número de falantes importante. Así e todo, a súa situación social é incerta e no último medio século reduciu á metade o número de falantes iniciais. Hoxe, o groso dos galegofalantes aséntase sobre unha franxa de idade superior aos 55 anos, namentres que as novas xeracións (principalmente as urbanas) teñen como lingua inicial o castelán.
Medios de comunicación
editarCanto aos medios de comunicación de masas, podemos sinalar a seguinte situación neste século XXI:
- Mantense unha situación similar aos anos 80 e 90 no referente á prensa escrita: doce grandes xornais diarios en papel cun emprego do castelán no 95% do espazo, mais podemos mencionar o gratuíto e integramente en galego De luns a venres. O resultado final segue sendo un predominio do castelán en todos os xornais diarios galegos e españois. Canto á prensa electrónica, os xornais fan o mesmo uso lingüístico en Internet que no papel, de maneira que hai un predominio do castelán, aínda que neste caso existe unha maior oferta de xornais diarios electrónicos en galego: Praza Pública, Sermos Galiza, Galicia Confidencial, Dioivo e De luns a venres (desaparecidos os dous últimos en 2013 e 2006, respectivamente).
- A radio ten un comportamento desigual segundo a titularidade (pública ou privada) da emisora. O galego é a única lingua empregada na Radio Galega, que ten unha das audiencias máis importantes do país, desde 1985; cabe salientar tamén que de maneira recente engadiu á grella radiofónica dous novos canais máis de música, un deles de música galega. Existiu tamén RNE-Radio 4 (xestionada polo poder estatal), que chegou a emitir integramente en galego, mais deixou de emitir en Galicia en 1992[29] mentres que segue a facelo noutros territorios bilingües do Estado, como é Cataluña. Outras emisións radiofónicas nas que o galego é vehicular son algunhas radios municipais. Polo que respecta ás radios privadas, a maioría usan o galego ocasionalmente, como RadioVoz ou a Cadena Ser nalgunhas desconexións locais. Con todo, malia estar tamén minorizada neste ámbito, a presenza do galego é superior nos medios radiofónicos ca nos escritos.
- No referente á televisión, coa chegada da TDT implantada totalmente en Galicia en abril de 2010, encontramos a seguinte situación: existen uns 20 canais de emisión en aberto de ámbito estatal e emiten integramente en castelán, agás quince minutos en galego en La 1, existindo só os dous autonómicos (a Galega e G2) que emiten integramente en galego; as dúas canles privadas autonómicas e as canles locais legalmente teñen que emitir un mínimo de arredor dun terzo en galego.[30][31]
- No referente a Internet, o uso da lingua galega dun xeito global está no posto 37º (o español no 3º, o portugués no 5º e o catalán no 23º),[32] existindo ao redor de cen mil páxinas web en galego e unha porcentaxe a nivel mundial do 0,014%.[33] Cabe salientar que os blogs e as redes sociais pasaron actualmente a ter un papel destacado e neles atopamos un uso do galego aceptábel, así por exemplo na rede social Twitter a lingua galega está no posto 22º a nivel mundial.[34] Así e todo, a pesar de certa percepción xeral de que o galego "vende", a realidade é que a maioría das empresas galegas usa na rede o castelán (57%), o inglés e castelán (23%) e só unha minoría incorpora o galego (14%) en combinación con esas dúas linguas (datos de Romero e Vaquero, Da periferia á rede, 2001)
Estudos e enquisas sociolingüísticas
editarA partir dos estudos actuais da Sociolingüística galega[36], observamos que hai unha mellora canto a actitudes e melloras importantes na capacidade lectora; mais a nivel de lingua vehicular ou habitual -e tamén como lingua materna-, o idioma galego perde falantes actualmente, de maneira que nas novas xeracións xa hai máis castelán-falantes que galego-falantes. Estes datos podémolos constatar por exemplo, entre outras fontes, nun informe do Consello Escolar de Galicia que sinala que só un 30% do alumnado de Educación primaria usa a lingua galega (datos dos cursos 2002-2003, 2003-2004 e 2004-2005).
Outra mostra da perda de galegofalantes iniciais, isto é, co galego como lingua materna, é un informe do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega publicado en outubro de 2007[37]. Segundo o mesmo só un 20,6% dos nenos teñen como idioma inicial o do país. Como contraste, debemos sinalar que en 1992 o mesmo seminario cifraba estes datos nun 60,3%. Nas cidades os resultados son peores: estímase que só o 1,6 dos nenos ferroláns e o 4,3% dos vigueses teñen o galego como lingua inicial, na Coruña o 6,3%, en Ourense 9,1%, en Pontevedra 9,4%, en Lugo o 17,9% e en Santiago de Compostela o 18,4%.
O 15 de abril de 2010 o IGE publicou unha enquisa sobre o uso do galego, realizada en 2008.[38] Nela constátase unha perda de falantes respecto ós datos de 2003, onde o descenso máis notable se dá entre os que falan sempre galego, que baixan 13 puntos (do 43 ao 30 por cento).[39] En termos globais, un 56,4% das persoas afirman falar só galego ou máis galego ca castelán e un 42,6% falan só castelán ou máis en castelán (no 2003 eran do 61,2% para o galego e 38,3 para o castelán). Pontevedra é a provincia máis desgaleguizada sendo a única, e por vez primeira na Historia, onde se fala máis castelán ca galego. Ademais detéctase nitidamente a mingua acelerada de galegofalantes entre os rapaces novos, pois na idade dos 5 aos 14 anos o 29,6% emprega só castelán e un 15,3% usa só o galego (os bilingües que usan máis o castelán chegan ao 34,3% e os bilingües que usan máis o galego ao 20,9%). En canto á lingua da escrita, o galego é claramente a lingua minoritaria, xa que o 82,9% escriben en castelán e o 15,0% en galego (con todo, supón un aumento do 0,5% respecto ao 2003). Tamén se comproba que hai máis neofalantes en lingua castelá (68.000 galegofalantes pasaron a falar máis castelán ou unicamente castelán) ca neofalantes en lingua galega (47.000 castelanfalantes pasaron a falar máis galego ou unicamente galego). O ensino produciu un maior troco de lingua do galego para o castelán ca viceversa. A porcentaxe de galegos que non entenden moito a lingua galega falada incrementouse salientablemente entre o 2003 e o 2008, así só o 66% o entenden moito, fronte ao 81,1 de 2003. Tamén medrou a porcentaxe de galegos que non entenden nada o galego, o 5,2%, fronte ao 2,8% de 2003. Na provincia pontevedresa case a metade dos habitantes non entenden moito o galego. Do mesmo xeito, a porcentaxe de habitantes que saben falar moito o galego descendeu máis de 13 puntos, sendo especialmente preocupante o caso dos rapaces de entre 5 e 14 anos, dos que menos da metade (o 45%) sabe falar galego correctamente. Por cidades Ferrol é o lugar menos galegofalante, seguido por Vigo e A Coruña. Santiago de Compostela é a cidade máis galegofalante, así como onde máis se entende e sabe falar o galego.
O Atlas das linguas en perigo de desaparición (2001) realizado pola Unesco incluía o galego como lingua en perigo. A Unesco consideraba naquel tempo que as alarmas deben saltar desde o momento en que nas primeiras xeracións descenden os usuarios reais dunha lingua por debaixo do 30%. Mais na última actualización do Atlas (2009), elaborado polo filólogo finlandés Tapani Salminen, quitouse o galego da lista.[40]
Lexislación
editarO 21 de setembro de 2004 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o Plan xeral de normalización da lingua galega,[41] que entrou en vigor o 24 de xaneiro de 2005, e que presenta obxectivos e medidas en diferentes campos de actuación (administración, educación, medios de comunicación, economía, sociedade, sanidade e proxección exterior).
O 13 de xuño de 2005, a Unión Europea chegou á proposta (de próxima aprobación como punto de tipo A, sen debate, polos ministros de Asuntos Exteriores da Unión) da inclusión do gaélico irlandés como nova lingua oficial e de traballo da Unión (a 21ª) e do galego (xunto co catalán e éuscaro en España) como lingua non-oficial mais oficiosa (de uso para comunicacións oficiais e de traballo) da Unión Europea, sempre que o Estado correspondente asuma os gastos e emita un aviso previo aos demais membros asistentes á reunión. Este é un paso moi importante para a supervivencia do galego no século XXI.
En 2007 o Parlamento Galego aprobou un decreto que garantía chegar ao mínimo dun 50% de ensino en galego (escola infantil, educación primaria, E.S.O., Bacharelato, Formación profesional e EPA); ademais tamén xurdiu a necesidade de crear Galescolas, isto é, escolas infantís onde se empregue a lingua do país como vehicular.
Co cambio de goberno en 2009, o PPdeG rachou o consenso arredor da lingua[42] e da necesidade de promoción do galego[43][44], e no final dese mesmo ano presentou un borrador chamado do plurilingüismo no que rebaixaba a cota de galego dun mínimo de 50% a un 33% teórico, sendo os outros dous terzos en partes iguais para castelán e inglés.[45] Por este motivo, apareceron diversas asociacións cidadás na defensa da lingua propia de Galicia,[46] por exemplo ProLingua ou Convers-ando así como tamén se organizaron varias manifestacións[47] convocadas pola plataforma Queremos Galego!, secundadas por unha maioría de sindicatos, profesorado, nais e pais, estudantes, pola propia Mesa pola Normalización Lingüística e mais por representantes dos partidos da oposición, entre outras moitas organizacións.[48] En definitiva, o rexeitamento público das bases do decreto correspondeu á práctica totalidade dos axentes educativos (coma o Consello Escolar),[49] sindicatos e mais polas dúas máximas autoridades en cuestión de lingua: a RAG[50] e mailo CCG.[51]
Notas
editar- ↑ ROCAMONDE Et alii, Lingua galega (COU), Bruño, 1993, páx. 267
- ↑ Renfrew, Colin (1987). Archaeology and Language: The Puzzle of Indo-European Origins. Pimlico. ISBN 0-7126-6612-5.
- ↑ Mario Allinei. "Teoría da Continuidade Paleolítica".
- ↑ ESPIÑO, M. e SÁNCHEZ H. (1990). Aprender palabras e significados, Vía Láctea Editorial, p. 27.
- ↑ ESPIÑO, M. e SANCHEZ, H. (1990). Aprender palabras e significados, Vía Láctea Editorial, p. 35.
- ↑ El gallego-portugués sus relaciones de substrato con la Aquitania Arquivado 16 de febreiro de 2012 en Wayback Machine., Kurt Baldinger, pp. 2-3 (en castelán).
- ↑ Martínez Risco y Agüero, Vicente (1971). Historia de Galicia. Editorial Galaxia.
- ↑ PORTAS, M., Língua e sociedade na Galiza, 2ªed., Baía, 1993, páx. 50
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 08 de xullo de 2014. Consultado o 30 de marzo de 2010.
- ↑ Notícia de Torto Arquivado 09 de outubro de 2018 en Wayback Machine., História da Língua Portuguesa. Instituto Camoes.
- ↑ Foro do bo burgo de Castro Caldelas, consellodacultura.org
- ↑ O documento máis antigo en latín-galego-portugués, ano 870.
- ↑ Ver Bibliografía, capítulo de Conclusións
- ↑ Lindley Cintra, Luís F. Nova Proposta de Classificação dos Dialectos Galego-Portugueses Arquivado 02 de novembro de 2006 en Wayback Machine. (PDF) Boletim de Filologia, Lisboa, Centro de Estudos Filológicos, 1971.
- ↑ PORTAS, M., Língua e sociedade na Galiza, Baía, 2ª ed., 1993, páx. 59
- ↑ https://web.archive.org/web/19991012153000/http://www.arrakis.es/~alfius/monterey_c.htm A imprenta de Monterrei comezou polo menos en 1491
- ↑ http://www.galiciae.com/nova/4625.html Arquivado 09 de xaneiro de 2009 en Wayback Machine. En 1491 estampan o Missale auriense
- ↑ PÉREZ PASCUAL e REBOLOIRO GONZÁLEZ, História da língua, Vía láctea, 1987, páx. 23
- ↑ QUEIXAS ZAS, M., Breve historia da literatura galega, Promocións culturais galegas, 1999, páx. 40
- ↑ PORTAS, M., Língua e sociedade na Galiza, Baía, 2ª ed., 1993, pp. 89-90
- ↑ Villar Ponte, Antón, Nacionalismo gallego, nuestra afirmación regional, A Coruña, Voz de Galicia, 1916; o texto tirouse de VV.AA., Lingua e literatura II, Rodeira, 2003, A Coruña, páx. 142
- ↑ Galicia, célula de universalidade. Europa e a xeración Nós.
- ↑ Esta gramática está dispoñible para a súa lectura.
- ↑ Lenguas silenciadas a golpe de prohibición Arquivado 06 de abril de 2009 en Wayback Machine., Público (en castelán).
- ↑ Gabriel Rei-Doval Historia e actualidade da sociolingüística galega: das actitudes do profesorado ó MSG en A lingua galega, historia e actualidade: actas do I Congreso Internacional, 16-20 de setembro de 1996, Santiago de Compostela, Volume 1, páxina 373
- ↑ LÓPEZ MUÑOZ, D., O idioma da igrexa en Galicia, Consello da Cultura Galega, 1989, Santiago
- ↑ Encontro "Estado actual da normalización lingüística Arquivado 13 de febreiro de 2006 en Wayback Machine..
- ↑ Véxanse os datos de Túñez López e López García (2009), CCG, descargábel en A lingua das novas.
- ↑ "A Mesa inicia unha campaña para solicitar que Radio 4 recupere as emisións en galego". culturagalega.org. 2005-08-03. Consultado o 2021-03-08.
- ↑ Vieiros, 4-2-2010
- ↑ Vieiros, 10-2-2010
- ↑ "Internet world users by language". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2012. Consultado o 16 de abril de 2010.
- ↑ Gómez Guinovart, X. (2003), A lingua galega en Internet, en Ana Bringas e Belén Martín (eds.), Nacionalismo e globalización: lingua, cultura e identidade. Vigo, Servizo de Publicacións da Universidade de Vigo, pp. 71-88.
- ↑ O galego, a primeira lingua sen estado no twitter Nova aparecida en Galicia Confindencial
- ↑ Mapa Sociolingüístico de Galicia 2004
- ↑ VV.AA., A sociedade galega e o idioma. A evolución sociolingüística de Galicia (1992-2003), Consello da Cultura Galega, 2005.
- ↑ Nova en Vieiros sobre o informe 2007 da RAG
- ↑ Enquisa de Condicións de Vida das Familias, IGE.
- ↑ Observación: O número de falantes habituais de galego baixou 13 puntos en 5 anos, culturagalega.org.
- ↑ "O galego deixade ser unha lingua en perigo de extincion para a Unesco" Arquivado 16 de abril de 2009 en Wayback Machine., artigo en Faro de Vigo, 20 de febreiro de 2009.
- ↑ Plan xeral de normalización da lingua galega Arquivado 15 de febreiro de 2010 en Wayback Machine. (2004).
- ↑ Non imos romper os consensos por vinganza[Ligazón morta]. Entrevista con Alfonso Rueda (PPdeG) en A Nosa Terra.
- ↑ O PP rompe un consenso histórico Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine., nova aparecida no diario Galicia-Hoxe.
- ↑ Notas sobre o argumentario do Partido Popular[Ligazón morta]
- ↑ Bases do decreto Arquivado 07 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine. tirada da páxina web da Xunta de Galicia.
- ↑ Outra plataforma en defensa do galego aparecida en outubro de 2009 en GaliciaConfidencial.
- ↑ A mobilización pretende que non se dea "un paso atrás" no decreto do galego, no diario La Opinión
- ↑ Decenas de miles de persoas berran contra o decreto en Compostela Arquivado 27 de xaneiro de 2010 en Wayback Machine., nova en Galiciaé o 21 de xaneiro de 2010.
- ↑ El Consello Escolar tumba el decreto del gallego por amplia mayoría, El País (en castelán).
- ↑ Análise académica das Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia Arquivado 15 de febreiro de 2010 en Wayback Machine., tirado da páxina da RAG.
- ↑ O Consello Consultivo, contra o decreto do galego no ensino
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Mariño Paz, Ramón (1999). Historia da lingua galega. Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.
- Freixeiro Mato, X. R. (2002). Lingua galega, normalidade e conflito. Santiago de Compostela, Laiovento.
- Monteagudo Romero, Henrique (1999). Historia social da lingua galega. Vigo, Galaxia.
- Portas Fernández, Manuel (1993). Língua e sociedade na Galiza. A Coruña, Baía Edicións.
Outros artigos
editarA Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Lei de Normalización Lingüística de 1983 |
Ligazóns externas
editar- Letras de Galicia, documental da Televisión de Galicia.
- Sociedade galega e idioma, evolución sociolingüística entre 1992-2003, editado polo CCG
- González González, M. (dir.). (2004). Mapa sociolingüístico de Galicia. Volume II: Usos lingüísticos en Galicia Arquivado 01 de outubro de 2015 en Wayback Machine.