Rei Artur
O rei Artur é unha importante figura da mitoloxía de Gran Bretaña orixinada na mitoloxía celta, representa o ideal do cabaleiro na guerra e na paz. É o personaxe principal no ciclo de lendas coñecido como Materia de Bretaña. Os investigadores non concordan sobre se realmente existiu, nas máis antigas referencias dos textos galeses non se lle dá o título de rei, senón dux bellorum. O seu nome procede de arz (oso) símbolo da forza, da estabilidade e da protección
A máis antiga referencia dun historiador é do monxe e historiador galés Nennio, por volta do ano 826, en Historia Brittonum, narrou unha ducia de batallas épicas de Artur contra dos bárbaros (xutos, anglos, saxóns...). Segundo Nennio, Artur viviu entre fins do século V e comezos do século VI, e datou a súa morte no ano 542 da man do seu sobriño Mordred.
No século X aparece nos Annales Cambriae que no ano 516 rexistra a vitoria de Artur contra dos saxóns e no 537 a súa morte nunha batalla.
Historia
editarO centro desta historia é a procura do Santo Graal, aquela copa da que bebera Xesús na derradeira cea, da que se dicía que tiña poderes máxicos curativos e rexenerativos. Esta copa sería doada a Xosé de Arimatea, e os seus descendentes levaríana a Britania. Merlín solicitaríalle a Artur que procurara o Santo Graal e este mandou os seus cabaleiros para o encontrar.
O Artur literario é fillo dun rei dunha pequena comarca, Uther Pendragon (en galés, 'Uther fillo do Dragón'), quen desexaba a Igrayne, esposa de Gorlois, duque de Cornualla. Uther fai que o mago Merlín embruxe a muller para que, cando el entrase aos seus apousentos, ela crese que se trataba do seu esposo. Uther, aproveitando o engano, mantén relacións sexuais con Igrayne, xerando con ela un fillo: Artur. Cando Gorlois morre en combate, os sabios de Cornualla aconsellan a Igrayne que case co rei Uther.
Cando o neno nace, o Merlín cólleo e entrégallo a sir Héitor para que o coide e o críe coma o seu propio fillo, Kay. Igrayne e Gorlois xa tiveran a Morgause (ou Enna), Elaine (ou Blasina) e Morgana (ou Morgian), irmás máis vellas de Artur. As dúas máis vellas casan e a pequena Morgana é enviada á Illa de Ávalon con Merlín e a Dama do Lago (tía de Morgana), onde se convertería en sacerdotisa, meiga e, despois, sucesora da Dona. Outras versións contan que Morgana foi pechada nun convento polo seu novo padrasto, Uther. De aí, podería ter nado o seu odio por Artur.
Aos 16 anos, Artur diríxese co seu padrasto e o fillo deste a Londres, onde cabaleiros de toda Britania tentan sacar unha espada que está chantada nun pelouro, o cal –á súa vez- estaba prisoneiro nun anaco de mármore. A lenda contaba que quen a ceibase había ser o rei de Britania e o encarregado de unificar tódolos reinos da illa (Uther xa morrera poucos anos antes). Infrutuosamente, tódolos cabaleiros tentaron tirar da espada, mais é Artur -sen ser cabaleiro aínda- quen logra ceibala, e élle revelada a súa verdadeira identidade. Coa resistencia de tódolos presentes, é proclamado rei; porén, aos poucos todos o aceptan e Artur xura impartir xustiza a tódolos homes de Inglaterra sen ter en conta a súa posición social.
Nalgunhas versións a lendaria espada Excalibur e esta son a mesma, mentres que noutras, Excalibur foille entregada posteriormente pola Dona do Lago. Uns días antes Artur consumara o amor cunha fermosa rapaza, Morgana, a súa media irmá. Cando souberon do que fixeran, Morgana fuxiu e tivo o seu fillo en segredo (ao que lle chamaría Mordred).
Pouco despois Artur perde a súa espada durante unha batalla. O mago Merlín acompañouno a un lago en cuxo fondo había un castelo onde vivía a feiticeira chamada Viviane, a Dona do Lago. Esta muller gardaba unha espada marabillosa, Excalibur. Artur pediulle a espada, e Viviane regaloulla. Merlín observou a vaíña máxica de Excalibur: "Gardade ben esta vaíña" lle advertiu ao rei, "pois namentres a levedes non perderedes nada de sangue, mais un día chegará unha muller en quen fiades e roubarávola."
Xa no seu castelo de Camelot, Artur arrodéase dos cabaleiros máis valentes e honestos: Lanzarote (fillo adoptivo de Viviane), Perceval (fillo de Pellinore), Gawain (fillo do rei Lot e Morgause) e outros, e xunto con eles funda a Orde da Mesa Redonda. Bretaña goza, entón, de 12 anos de paz. Casa con Xenebra, filla do rei de Cameliard, e foron felices até que Lanzarote chegou a Camelot e se namora da raíña (nun amor correspondido e secreto)
Os cabaleiros de Artur, na procura do Santo Graal, combateron en escuras fragas e castelos contra trasnos, dragóns e outras bestas, e volvían a Camelot para contar as súas aventuras na mesa redonda onde se reunían.
Arturo contou coa axuda de Merlín até que este desapareceu xunto coa su amada Viviane e foi pechado por ela nun outeiro oco. A media irmá de Artur, Morgana, aproveitou esta desprotección do rei para roubar a vaíña encantada de Excalibur e arrebolala ao mar. Morgana actuou así con Artur debido a que o seu irmán obrigáraa a contraer matrimonio co rei Uriens, e porque Xenebra, noutrora a prometida de Artur, expulsara da corte a Guiamor, o amante de Morgana.
Durante a busca do Santo Graal, todo apuntaba a que Sir Lanzarote ía encontrar o máxico obxecto, pero o seu amor pola raíña non o fixo digno de tal premio. Cando pasou unha noite no castelo de Corbenic, onde vivía o Rei que custodiaba o Graal, a filla deste rei, Elaine, namorouse de Lanzarote, e mediante a maxia, adquiriu o aspecto de Xenebra para xacer con el. Desta unión nacería Galahad, un dos cabaleiros destinado a encontrar o Graal.
Mordred, fillo de Artur e Morgana, irmá do Artur (segundo as versións máis antigas, Mordred era fillo de Morgause, unha das tías de Morgana e Artur), acaba sabendo do idilio entre Xenebra e Lanzarote e denúnciao ante Artur, que se ve obrigado a mandar a súa esposa para a fogueira, segundo as leis da época. Lanzarote salva a raíña e foxe con ela a Francia, mais despois vese obrigado a devolverlla ao rei Artur.
Artur sae en persecución de Lanzarote e déixalle encargado o reino ao seu fillo Mordred, quen se apodera do trono e tenta seducir a raíña Xenebra. Ao regreso de Artur, el e os seus cabaleiros deben loitar para recuperar o trono, na Batalla de Camlann. Arturo enfróntase ao seu fillo, a quen atravesa coa súa lanza. Mais Mordred, antes de morrer, fere fatalmente a Artur, e morren pai e fillo.
A historia conta que a súa irmá Morgana levou o corpo de Artur nunha barca até as marxes de Ávalon, xunto con outras raíñas-fadas máis, que puideron ser Igraine, Elaine, a Dama do Lago (á call se lle devolve a espada Excalibur), a raíña de Gales do Norte, a raíña das Terras Baldías ou a Raíña de Alénmar. Porén, outras versións sosteñen que foi enterrado xunto a unha pequena ermida nunha fraga, polo que se descoñece o seu paradoiro; e outras que o enterraron en Glastonbury. Posteriormente, cando Xenebra morre, Lanzarote sepúltaa xunto á tumba do Rei Artur.
Presenza na cultura galega
editarO rei Artur e os seus cabaleiros é un tema destacado da literatura galega desde a Idade Media[1], recreado por, entre outros, Ramón Cabanillas en Na noite estrelecida e Xosé Luís Méndez Ferrín en Amor de Artur.
Galería de imaxes
editar-
Merlín aconsellando o Rei Artur, ilustración de Gustave Doré para Os idilios do Rei, de Lord Tennyson
-
Ilustración de Aubrey Beardsley para Le Morte d'Arthur de Malory.
-
The Lady of the Lake telleth Arthur of the sword Excalibur, Aubrey Beardsley para Le Morte d'Arthur de Malory.
-
King Arthur and the Giant, Book I, Canto VIII. Walter Crane.
-
A espada Excalibur, Howard Pyle (1902).
-
Batalla final entre Artur e Mordred, obra de Arthur Rackham
-
How at the Castle of Corbin a Maiden Bare in the Sangreal and Foretold the Achievements of Galahad, de O Romance do Rei Artur e os seus Cabaleiros da Táboa Redonda, de Alfred W. Pollard, 1917. Obra de Arthur Rackham.
-
Rei Artur - portada. Obra de N. C. Wyeth
-
O Rei Artur, fotografía artística de Julia Margaret Cameron 1874, 35.7 x 27.6 cm.
Notas
editar- ↑ Tarrío, Anxo (1994): Literatura galega. Aportacións a unha Historia Crítica. Xerais, p. 452
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Xoán Bernárdez Vilar (2005). O rei Artur. Vigo: Galaxia. ISBN 84-8288-847-1.
- Santiago Gutiérrez García; Pilar Lorenzo Gradín (2001). A literatura artúrica en Galicia e Portugal na Idade Media. USC. ISBN 84-8121-882-0.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Texto en pdf sobre Irmán rei Artur, de Carlos G. Reigosa
- Noticia da BBC: Pista sobre o Rei Arturo, en inglés
- Referencia á Arthnou Stone, na revista British Archaeology
- Versión en banda deseñada do rei segundo Marvel Comics, en inglés
- A Universidade de Rochester dentro da web do Proxecto Camelot inclúe unha extensa sección de ilustracións: The Camelot Project: Menu of Artists.