Merlín

mago lendario do ciclo artúrico

O mago e adiviño Merlín é un dos personaxes centrais do ciclo bretón e da literatura en torno ao Rei Artur. Foi o artífice da Táboa Redonda; mercé un dos seus encantamentos foi concibido Artur, a quen educaría e guiaría ao seu ascenso ao trono. Discípula súa (e rival segundo interpretacións recentes) foi Morgana, outro personaxe máxico da tradición artúrica.

Merlín ditando os seus poemas, ilustración dun libro francés do século XIII.

Biografía

editar

A historia de Merlín está repleta de misterios e como a súa vida está relatada principalmente por obras literarias, ou de pouca credibilidade histórica, é difícil sinalar a data exacta do seu nacemento.

Segundo algunhas versións, Merlín foi xerado polo demo (íncubo) Asmodeo, un espírito corrompido que se uniu ilicitamente a unha monxa. Así, el herdou a bondade da mai e os poderes do pai. Outras versións suxiren que Merlín foi concibido por súa mai sen ningunha intervención masculina. Finalmente, outros cren que o xerou a forza máxica da antigüidade.

En todo caso, parece ser que Merlín foi creado ao principio para atraer os humanos ao lado escuro, pero ao crecer decidiu facer precisamente o contrario: converteuse en guía espiritual da súa época, e en conselleiro de diferentes reis, como Vortigern, Uther Pendragon e o famoso Arturo de Camelot.

 
Merlín ilustrado na Crónica de Nuremberg (1493).

Merlín está considerado como o mago máis poderoso da historia. Segundo se conta nas diferentes obras literarias que o teñen de protagonista, era capaz de falar cos animais, de cambiar de forma, de facerse invisible, e tamén de controlar o clima e os elementos, aínda que estas habilidades as empregaba con sumo coidado para non enfurecer a poderosa Natureza. Na novela medieval Lanzarote e Xenebra contábase del o seguinte: "Coñecía a esencia de todas as cousas, a súa transformación e a súa renovación, coñecía o segredo do Sol e da Lúa, as leis que rexen o curso das estrelas no firmamento; as imaxes máxicas das nubes e o ar; os misterios do mar. Coñecía os demos que envían soños baixo a lúa. Comprendía o berro áspero do choia, o voar cantareiro dos cisnes, a resurrección do fénix. Podía interpretar o voo dos corvos, o rumbo dos peixes e as ideas cegas dos homes, e predicía todas as cousas que sucedían despois."

Disque Merlín tiña contactos coas fadas, os gnomos, e incluso cos dragóns; está considerado como o único home que gañou o respecto e a admiración destes monstros, non só pola súa bondade e sabedoría, senón polos seus dotes artísticos (foi un mestre da poesía e a literatura).

Acabou os seus días no bosque de Brocelianda (Bretaña), onde foi recluído nunha árbore pola súa compañeira Vivian. Markale interpreta o mito da prisión merlínica no bosque como o símbolo da unión cósmica entre o home e a natureza. Outras versións mencionan como a cela en que ficou recluído era unha cova, e outras unha gaiola de cristal. E segundo se conta alí estaría aínda agardando que alguén o libere.

O Merlín histórico

editar
 
Merlín aconsellando ao rei Arthur, ilustración de Gustave Doré
 
Representación de Merlín en Esmelle, Ferrol.

A lenda de Merlín bebe de dúas fontes históricas fundamentais: a tradición de Lailoken e a historia de Ambrosio o Neno.

  • Lailoken era un bardo e poeta que vivía no actual Strythclide (suroeste de Escocia), e que era un importante conselleiro do rei Gwenddolau. Cando o seu señor foi derrotado e morto na batalla de Arfderydd (actual Arthuret) no ano 574, toleou e abandonou a civilización. Fuxiu ás fragas Celidon, onde pasou tres días chorando e alí dedicouse a profetizar en compaña dun lobo. Así relata a tradición a súa historia:
Chorou durante tres días e rechazou todo alimento, así de grande era a dor que o consumía! Fóra de si, berrou e despois, sen ser visto, fuxiu ás fragas. Así é como fixo a súa entrada en Celidon e era feliz de vivir entre os freixos, e asombrouse cando viu os animais salvaxes vivindo nos claros. Deixou de lles ter medo e comezou a frecuentalos. Alimentábase de plantas silvestres e das súas raíces, e gustábanlle os froitos dos arbustos. Converteuse nun iniciado das fragas.

A lenda de Lailoken foi transportada a Gales, onde o personaxe tomou o nome de Myrddin. Trátase dun mito pancéltico que está presente tamén en Irlanda, lugar en que os ciclos mitolóxicos recollen a historia do bardo Suibhne.

  • A outra fonte do mito constitúea a figura de Ambrosio o Neno, que foi contemporáneo do Rei Artur. Profetizou na fortaleza de Dinas Emrys a vitoria do dragón branco (emblema dos saxóns) sobre o dragón vermello (emblema dos Pendragon e aínda hoxe símbolo nacional galés).

A forma actual do nome Merlín fixouna o cronista galés Geoffrey de Monmouth, que alterou o orixinal galés para evitar resonancias co francés merde.

Merlín na literatura

editar

Ficcións (por orde cronolóxica de publicación):

Divulgación: