Uther Pendragon (tamén coñecido como Uter Pendragon, Uterpandragón, o Uthr, das voces galesas Wthyr Bendragon, Uthr Bendragon, Uthyr Pendraeg) é un rei mítico da Britania posromana e pai do Rei Artur.

Representación de Uther Pendragon por Howard Pyle, 1903.

Existen algunhas referencias de menor importancia a Uther que aparecen en poemas en galés antigo, pero a súa biografía foi escrita por vez primeira por Godofredo de Monmouth no seu libro Historia Regum Britanniae. Foi esa biografía a que se empregou nas versións que se fixeron posteriormente.

É un individuo bastante ambiguo na literatura e é descrito como un rei forte e defensor do pobo. De acordo coas lendas artúricas, Uther, a través das circunstancias e coa axuda de Merlín, consegue a muller do seu inimigo Gorlois, Igraine, e déitase con ela. Deste xeito, o Rei Artur é un fillo ilexítimo.

Pendragon

editar

É probábel que o apelido de Uther sexa un epíteto que significa literalmente "cabeza do dragón", que se cadra nun sentido figurado refírese a un "Xefe guerreiro". Nas historias máis antigas, Uther é nomeado "Pendragon" porque é testemuña dun gran cometa en forma de dragón, o que o inspira para empregar dragóns nos seus pendóns. Outras versións posteriores narran que Aurelio Ambrosio foi quen presenciou o paso do cometa, e cando morreu pediulle a Uther que adoptara o epíteto Pendragon na súa honra. Para rematar, segundo os últimos estudos sobre a historiografía do mito artúrico, Uther podería ser un dos nomes que adoptou Rómulo Augústulo, (o derradeiro emperador romano trala toma de Odoacro e os hérulos de Rávena, na súa posterior fuxida a Inglaterra). Alí enfrontaríase ás invasións dos saxóns aliándose ós britano-romanos e dando orixe ás lendas artúricas.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar