Gustave Doré
Gustave Doré, nado en Estrasburgo o 6 de xaneiro de 1832 e finado en París o 23 de xaneiro de 1883, foi un ilustrador e pintor francés. A súa valía foi recoñecida internacionalmente durante a súa vida.
Traxectoria
editarFillo dun enxeñeiro de Camiños, comezou a deseñar aos trece anos as primeiras litografías. Un ano despois, publicouse o seu primeiro álbum: Les travaux d'Hercule (Os traballos de Hércules). Aos quince anos, Gustave Doré é enrolado como caricaturista no Journal pour rire (Xornal para rir) de Charles Philipon. No mesmo ano, en 1848, estréase no famoso Salón con dous deseños á pluma. En 1849, no pasamento do pai, xa é moi coñecido con tan só dezaseis anos. Vive entón preto da mai. A partir de 1851, ao tempo que expón os seus lenzos, realiza tamén algunha escultura de tema relixioso e colabora con diversas revistas como o Journal pour tous (Xornal para todos). En 1854, o editor Joseph Bry publica unha edición das obras de François Rabelais, ilustrada cunha centena das súas gravuras. Entre 1861 e 1868, ilustra A Divina Comedia de Dante.
De cada máis recoñecido, ao tempo autodidacta e exuberante, Gustave Doré ilustrará entre 1852 e 1883 máis de cento e vinte volumes que non só aparecerían en Francia, senón tamén en Inglaterra, na Alemaña e Rusia. Gustave Doré influirá en numerosos ilustradores.
Como pintor realizaría as súas obras principais : L'Enigme (O Enigma) (Museo de Orsay) e Le Christ quittant le prétoire (Ecce Homo) (1867-1872), un cadro de 6 metros de alto e 9 metros de ancho Museo de arte moderna e contemporánea de Estrasburgo.
En 1931, Henri Leblanc publicou un catálogo razoado que recolle 9.850 ilustracións, 68 títulos de música, 5 carteis, 51 litografías orixinais, 54 aguadas, 526 deseños, 283 acuarelas, 133 pinturas e 45 esculturas.
Obras ilustradas por Gustave Doré
editarGustave Doré ilustrou máis de cen obras mestras da literatura universal
- Biblia : Traduction de Bourassé et Janvier, appelée aussi Bible de Tours, 1843
- François Rabelais : Œuvres, 1851, 104 ill.
- Comtesse de Ségur : Nouveaux contes de fées, 1857, 20 vign.
- Hippolyte Taine : Voyage aux Pyrénées, 1858
- Dante Alighieri : A Divina Comedia, 1861, 136 ill. et L'Enfer
- Gottfried August Bürger : Münchhausen, Frune, 1862, 158 ill.
- Miguel de Cervantes : Don Quixote da Mancha, 1863, 377 ill.
- Sinbad le marin, 1865
- Théophile Gautier : Le Capitaine Fracasse, 1866, 60 ill.
- Victor Hugo : Les Travailleurs de la mer, 1867, 22 ill.
- Jean de La Fontaine : Fables, 1868, 248 ill.
- Samuel Coleridge : The Rime of the Ancient Mariner, 1876
- Lord Byron : Œuvres.
- Charles Perrault : Contes (Barbe-Bleue, Cendrillon, Le Chat botté, Le Petit Chaperon rouge, Le Petit Poucet, Riquet à la houppe).
Galería de ilustracións
editar-
O mundo cuberto polas augas
-
A creación da luz
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gustave Doré |
Bibliografía
editar- Renonciat, Annie (1983). La vie et l'oeuvre de Gustave Doré (en francés). París: ACR Edition. ISBN 2867700000.
- Annie Renonciat, Gustave Doré, París, A.C.R., 1983.