Hércules (mitoloxía)
Hércules era o nome na mitoloxía romana do heroe da mitoloxía grega Heracles, sendo unha metátese do nome grego. Era fillo de Xúpiter, o equivalente romano do deus grego Zeus, e a mortal Alcmena.
Hércules | |
---|---|
![]() Hércules e a Hidra, por Antonio Pollaiuolo | |
Pai | Xúpiter |
Nai | Alcmena |
Fillos | Aventinus |
[ editar datos en Wikidata ] | |
Os romanos adoptaron a versión grega da súa vida e traballos sen cambios esenciais, pero engadiron detalles anecdóticos propios, algúns deles relacionando ao heroe coa xeografía do mar Mediterráneo occidental. Os detalles do seu culto tamén foron adaptados a Península Ibérica.
Os Doce TraballosEditar
- Artigo principal: Os doce traballos de Heracles.
Heracles, nun ramo de loucura, matou ós seus fillos. Para expiar semellante pecado foi consultar o Oráculo de Delfos, que lle dixo que debía poñerse ó servizo do seu primo Euristeo e acometer dez traballos que este lla impuxera.
No décimo traballo, Heracles tivo que roubar o gando do xigante Xerión (ou Xeriones), que vivía nunha illa chamada Eritía (ou Eritea) (hoxe Gadir ou Gades, é dicir, Cádiz). A tradición máis estendida di que conseguiu facelo logo de matar o pastor que o coidaba, o monstruoso can que tiña e ó propio Xerión, tralo cal regresou a Micenas, pero outras variantes cambian o final do sucedido.
Hércules en EspañaEditar
Na viaxe a Eritía percorre o sur de Europa, cruza o Mediterráneo para chegar a Libia (que daquela abarcaba o norte de África) e chega por fin a Xibraltar, onde se localizaba Tartessos (na desembocadura do Guadalquivir) e alí, no linde entre Europa e Libia, ergueu as Columnas de Hércules.
Foi o mesmo Hércules quen separou os dous montes unidos (Abila e Calpe) como un cordal continuo e así foi como ó Océano, contido antes pola mole dos montes, déuselle ós lugares que agora anega".(Pomponio Mela: Corografía, I5, 27)
España non foi allea ó uso da figura de Hércules como ferramenta de propaganda política. Desde a Crónica xeral de Afonso X o Sabio, dáse por certo que Hércules fundara Sevilla e sentara as bases da monarquía española. A apropiación do mito pode verse nos frescos do teito do camarín grande da Casa de Pilatos (Sevilla), pintados por Francisco Pacheco en 1604 [1], ou no conxunto que pintou Zurbarán para o Palacio del Buen Retiro (Madrid), en 1634.
Hércules en GaliciaEditar
Ferro Ruibal recolle a seguinte lenda nunha crónica galega de 1344.
No centro o sur de Hispania vivía un rei chamado Xerión (ou Xedeón), que gobernaba tiranicamente e esixía ós seus súbditos a metade do que posuían, matando a quen se negaba a satisfacer semellante tributo. Ó saber que o heroe grego Hércules, afamado protector dos débiles, andaba por onde hoxe é Lisboa, pedíronlle que viñese na súa axuda.
Heracles accedeu e dispúxose a loitar con Xerión, pero este colleu medo e fuxiu cara o norte coa súa xente. Hérculles deu alcance xa en Gallaecia, e comezaron a loitar. Tras catro días de agarrada, Hércules venceu e cortoulle a cabeza a Xerión, enterrou a súa caveira e sobre ela ergueu unha alta torre que, reconstruída polos romanos, se coñecería como a Torre de Hércules. No escudo da cidade aparece a torre e, por baixo dela, a caveira de Xerión.
Fundou no lugar unha nova cidade, e a primeira persoa que se presentou foi unha muller chamada Crunna, polo que mandou que a cidade tomase o nome daquela muller.
Na Crónica Xeral de España de Afonso X, cóntase que Hércules chegou en barca ás costas que rodean actualmente a Torre, e que foi precisamente no lugar onde hoxe se sitúa esta que enterrou a cabeza do xigante Xerión.
Ferro engade que Hércules tamén fundou Lugo e Iria Flavia. Cómpre lembrar tamén que houbo outros heroes míticos gregos que viñeron fundar cidades en Galicia: Teucro en Pontevedra e Tyde en Tui.
Hércules no cineEditar
As interpretacións modernas da lenda de Hércules móstrano como un líder sabio e bo amigo (en moitas das adaptacións televisivas e cinematográficas representase así, especialmente na serie dos anos 1990 Hercules: The Legendary Journeys e na película Hércules). A pesar de que Heracles foi un campión e un gran guerreiro, non foi alleo ás trampas e enganos ao seu favor.
Véxase taménEditar
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Heracles ou Hércules |
BibliografíaEditar
- ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
- FERRO RUIBAL, Xesús: Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo, Vigo 1992.
- ↑ Juan José Castillo Herrera: "La Apoteosis de Hércules: un discurso humanista en la Sevilla del Renacimiento", en Eviterna, Revista de Humanidades, Arte y Cultura. Número especial, xullo 2017 (ISSN: 2530-6014).