Diocese de Britonia
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
- "Britonia" redirixe aquí, para outros títulos homónimos véxase Britonia (homónimos).
A diocese de Britonia (tamén chamada de Bretoña) foi unha antiga división episcopal da Gallaecia, e na actualidade é unha sé titular da Igrexa católica.
Diocese de Britonia Dioecesis Britoniensis | |
---|---|
—Transformada en sé titular— | |
Datos xerais | |
Sufragánea de | Braga |
Información | |
Igrexa | Igrexa católica |
Xerarquía | |
Papa | Francisco |
Bispo Titular | Paweł Cieślik |

Fontes Editar
Esta diocese aparece citada no Parochiale suevorum, un documento que mostra a organización eclesiástica da Galiza da época do Reino suevo, que se data entre 572 e 573. Aparece citada como Sedem Britonorum, é dicir, sede dos bretóns, indicando que lle pertencen as igrexas do interior dos bretóns, o mosteiro Maximi, e as igrexas sitas en Asturias.
No Primeiro Concilio de Lugo, datado en 569, cítase o bispo Mailoc, como representante de Britonia; este bispo reaparece no 572 no Segundo Concilio de Braga.
A diocese é posteriormente citada noutros concilios, xa con outros representantes en época visigoda (desde 585, o reino suevo fora incorporado aos dominios visigodos), en Toledo (IV, VII e VIII). A derradeira mención corresponde ao ano 675, no III Concilio de Braga. Algúns autores[Cómpre referencia] supoñen que o episcopado britoniense desaparece por mor das invasións musulmás, mais polo contrario modernos autores[Cómpre referencia] apuntan á continuidade da mesma baixo outra denominación. En calquera caso, a posterior diocese de Mondoñedo-Ferrol sería a herdeira da britoniense[Cómpre referencia].
Localización Editar
O territorio da antiga diocese dos bretóns —Britonia— ocupou principalmente a franxa costeira da Mariña de Lugo ata a comarca da Terra Chá, chegando a súa influencia ata as costas da comarca do Eo-Navia polo leste, e de Ferrol polo oeste. A súa antiga sé, coñecida co nome de Mosteiro Máximo foi identificado por algúns autores como Díaz y Díaz coa basílica medieval de San Martiño de Mondoñedo, onde se atopan restos do séculos V-VI d.C. Cambiando de sé e nome en varias ocasións, a actual diocese galega de Mondoñedo é a súa sucesora histórica. Cada ano no mes de agosto a vila de Bretoña celebra o seu pasado coa Festa do Lugnasad, xuntanza lúdico-cultural que esta a sumar maior capacidade de convocatoria cada ano no calendario festivo galego.
O asentamento desta vaga de emigrantes bretóns e a creación dunha diocese relixiosa propia supón o segundo maior asentamento dun pobo estranxeiro en terras galegas, despois dos suevos.
Orixes Editar
A diocese de Britonia debeu ser fundada por bretóns insulares, os primitivos bretóns ou britanos, como habitantes da illa de Bretaña, a actual Gran Bretaña[1]. Compelidos polas invasións anglosaxoas, grupos xermanos que desembarcan na Gran Bretaña, comunidades bretoas abandonan a illa entre o século IV e VII, dirixíndose basicamente ás costas galas, onde se asentan na península de Armórica, que acabará por tomar o nome actual da Bretaña, a consecuencia deste poboamento.
É indubidábel que se dirixiran tamén para outras partes[1]. Certos grupos deberon chegar até as costas setentrionais galegas, onde se organizaron en comunidades, e onde introduciron a a súa peculiar organización relixioso-cristiá algo diferente. Os toponimistas non dubidan en identificar os seus asentamentos cos varios lugares denominados Bretoña en Galiza, á parte do da Pastoriza: Bretoña (Barro), Bertonía, Bertoña etc.
Tamén o nome propio do bispo Mailoc é de ascendencia celta-insular, relacionado con diferentes variantes, Maeloc, Maedoc ou Mailog, co significado de príncipe ou xefe[2].
Bispos Editar
Bispos coñecidos da ecclesia Brittaniensis:
- Mailoc (Segundo Concilio de Braga, 572)
- Metopius (Cuarto Concilio de Toledo, 633)
- Sonna (Sétimo Concilio de Toledo, 646 e Oitavo Concilio de Toledo, 653)
- Bela (Terceiro Concilio de Braga, 675)
Sé titular Editar
En 1969 a diocese foi recuperada como unha sé titular da Igrexa católica. Dende entón, os bispos titulares da mesma foron os seguintes:
- Eugene O'Callaghan (1969 - 1971)
- John Brewer (1971 - 1983)
- Edward Joseph O'Donnell (1983 - 1994)
- Paweł Cieślik (1994 - actualidade)
Notas Editar
- ↑ 1,0 1,1 Bretoña, sede do bispado de Britonia.
- ↑ Brañas Abad, R. M. (1995). Indíxenas e romanos na Galicia céltiga. p. 134. ISBN 978-84-605-4361-9.
Véxase tamén Editar
Bibliografía Editar
- Bernier, Gildas (1983). "As igrexas bretonas en Galicia". Boletín do Museo Provincial de Lugo (I): 67–74.
- García García, Antonio, "Ecclesia Britoniensis". Estudios Mindonienses, II. 1986. pp. 121–134.
- Richards, Melville, "Mailoc", Habis, III, 1972, p. 159.
- Thompson, E. A., "Britonia". Christianity in Britain 300-700, Edd. M.W.Barley e R.P.C.Hanson. Leicester. 1968. pp. 201–205.
- Tovar, António, "Un obispo con nombre británico y los orígenes de la diócesis de Mondoñedo", Habis, III, 1972, pp. 155–158.
- Vives, J., Concilios visigóticos e hispano-romanos, Madrid, 1963.
- Young, Simon, The Bishops of the early medieval diocese of Britonia (forthcoming).
- Young, Simon, "Note on Britones in Thirteenth-century Galicia", Studia Celtica, XXXV (2001), pp. 361–2.
- Young, Simon, "The Forgotten Colony", History Today, L, oct. 2000, pp. 5–6.
- Young, Simon, "Britonia: Camiños Novos", Noia, 2002. ISBN 84-95622-58-0.
Ligazóns externas Editar
- "Home". Britonia : The Britonian Studies Internet Resource (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2012.