Lingua bretoa

lingua céltica

O bretón[3] (brezhoneg) é unha lingua céltica insular de tipo britónico, estreitamente emparentada co córnico. Fálase sobre todo nos territorios occidentais da Bretaña, aínda que se está a recuperar noutras partes do territorio da rexión, mesmo naquelas zonas onde tradicionalmente non se falou ou non se ten falado dende hai varios séculos.

Bretón
Brezhoneg
Pronuncia:[bʀe.ˈzõː.nɛk]
Falado en: Francia Francia
Rexións: Bretaña Bretaña
Total de falantes: 210.000 na Bretaña (2018)[1]
Posición: Non está entre as 100 primeiras
Familia: Indoeuropeo
 Céltico
  Céltico insular
   Britónico
    Bretón
Escrita: Alfabeto latino
Status oficial
Lingua oficial de: Non é oficial
Regulado por: sen regulación oficial
(véxase Ofis Publik ar Brezhoneg)
Códigos de lingua
ISO 639-1: br
ISO 639-2: bre (B)bre (T)
ISO 639-3: bre
SIL: BRE
Mapa
Status

O bretón está clasificado como en perigo severo polo Libro Vermello das Linguas Ameazadas da UNESCO[2]

A lingua bretoa tamén tivo unha certa repercusión en Galicia,[4] influíndo sobre a lingua galega e propiciando a aparición dun dialecto mindoniense[5] nos seus asentamentos, que perduraron ata o século XV no norte da actual provincia de Lugo (na comarca de Mondoñedo) e mais nalgunhas outras zonas costeiras de Galicia. Estes asentamentos de colonias bretoas foron derivados da fuxida das Illas Británicas durante a invasión anglosaxoa[6] cara a terras do noroeste ibérico. Así as cousas, non se conserva texto ningún redactado nunha posíbel ramificación galaica do bretón.

Historia

editar
 
Migracións dos falantes de linguas britónicas arredor do século VI.

O bretón é falado na Bretaña, especialmente ao oeste dunha liña entre Plouha e La Roche-Bernard (ó leste de Vannes). Provén da lingua falada pola comunidade britana que habitou entre Gran Bretaña e Armórica, e que chegou incluso a Galicia. A lingua foi falada polas clases altas até o século XII. Porén, comezou a decaer e acabou sendo só a lingua das clases baixas da Bretaña occidental, cando a nobreza e a burguesía adoptaron o francés. Como lingua da escrita empregouse o latín até o século XV, cando se pasou ao francés. Aínda así, hai unha pequena tradición de literatura bretoa, e algo do vocabulario do bretón antigo pervive hoxe como termos científicos e filosóficos en bretón moderno.

A monarquía francesa non adoptou ningunha postura cara ás linguas minoritarias de Francia que falaban as clases baixas, aínda que esixía o uso do francés para os asuntos gobernamentais. Co período revolucionario chegou a introdución de políticas que favoreceron o francés por enriba das linguas rexionais, chamadas pexorativamente patois. Os revolucionarios asumiron que os reaccionarios e os monárquicos preferían que a poboación falase as linguas rexionais para que as masas de campesiños estivesen desinformados. En 1794 Barère enviou ao Comité de salut public o seu "informe sobre as linguas", no cal dicía que "o federalismo e a superstición falan bretón". Baixo a Terceira, Cuarta e Quinta repúblicas, até finais da década de 1960, as prácticas humillantes eran comúns nas escolas, tentando erradicar a lingua e cultura bretoas.[7]

Hoxe, a pesar do centralismo político de Francia e da importante influencia dos medios de comunicación, o bretón é falado como lingua cotiá por arredor de 200.000 persoas. Isto é, porén, moito menos dos 1,3 millóns de 1930. A comezos do século XX a metade da poboación bretoa só coñecía o bretón. Arredor de 1950 tan só restaban uns 100.000 falantes monolingües.[8]

En 1925, grazas ao profesor Roparz Hemon, apareceu a publicación Gwalarn. Ó longo dos seus 19 anos de vida, Gwalarn tentou elevar a lingua ó nivel doutras grandes linguas internacionais creando traballos orixinais abarcando todos os xéneros e traducindo traballos con sona á lingua bretoa. En 1946 foi substituída pola publicación Al Liamm.

En 1977 creáronse as escolas Diwan, que ensinan bretón aplicando a inmersión lingüística. Teñen uns centos de alumnos dende a escola primaria até a secundaria.

Os títulos da banda deseñada Astérix teñen sido traducidos ó bretón, e curiosamente a vila gala onde Astérix vive está na península de Armórica, hoxe en día Bretaña. Existen tamén traducións doutros títulos de banda deseñada, como Tintín, Spirou, Titeuf etc. Tamén existe versión en bretón dalgúns filmes (Lancelot du Lac, Shakespeare in Love, Marion du Faouet, Sezneg) e series de televisións (Columbo, Perry Mason).

Algúns escritores e lingüistas que publicaron en bretón acadaron sona internacional, como por exemplo Yann-Ber Kalloc'h, Roparz Hemon, Anjela Duval, Pêr-Jakez Helias e Youenn Gwernig.

O primeiro dicionario en bretón, o Catholicon, foi tamén o primeiro dicionario de francés. Foi editado por Jehan Lagadec en 1464, e trátase dunha obra trilingüe con entradas en bretón, francés e latín. Hoxe existen dicionarios bilingües entre bretón e inglés, neerlandés, alemán, castelán e galés. Tamén existe un dicionario monolingüe, o Geriadur Brezhoneg an Here, que define as palabras bretoas en bretón. A primeira edición, de 1995, contiña arredor de 10.000 verbas, e a segunda edición (2001) acadou as 20.000 palabras.

Distribución xeográfica e dialectos

editar
 
Falantes de bretón en 2004.
 
Dialectos do bretón.

O bretón fálase principalmente na parte occidental da Bretaña, malia que hai pequenos grupos de falantes na parte oriental, onde tamén se fala galó. O bretón divídese en catro dialectos, coñecidos en bretón como:

  • leoneg (leonés), no nordeste.
  • tregerieg (tregorés), no norte.
  • gwenedeg (vannetés), no sur.
  • kerneveg (cornuallés), no sueste.

Este último non debe ser confundido coa lingua propia de Cornualla (kernewek). Tamén existiu un quinto dialecto, hoxe desaparecido, chamado guérandais, falado até comezos do século XX nas rexións de Guérande e Batz-sur-Mer. As fronteiras entre estes dialectos, por outra banda, non están claras, e a división pódese facer entre o dialecto vannetés e o resto, que forman un continuo dialectal.

Fonoloxía

editar

Vogais

editar

As vogais en bretón poden ser curtas ou longas. Todas as vogais sen acento son curtas, e as acentuadas poden ser curtas ou longas. Todas as vogais poden tamén ser nasalizadas,[9] que sinálase engadindo un [n] logo da vogal.

  Anterior Arredondada Posterior
Pechada i /i/ u /y/ ou /u/
Semipechada e /e/ eu /ø/ o /o/
Semiaberta e /ɛ/ eu /œ/ o /ɔ/
Aberta a /a/   a /ɑ/

Os ditongos son /ai, ei/.

Consoantes

editar
  Bilabial Labiodental alveolar Postalveolar Palatal Velar Uvular Glotal
tenue lab. tenue lab.
Nasal m /m/ n /n/ gn /ɲ/
Oclusiva Sonora b /b/ d /d/ g /ɡ/ gw, gou /ɡʷ/
Xorda p /p/ t /t/ k /k/ kw /kʷ/
Fricativa Sonora v /v/ z, zh /z/ j /ʒ/
Xorda f /f/ s /s/ ch /ʃ/ c’h /x/ h, zh /h/
Vibrante r /ʀ/
Aproximante Lateral l /l/ lh /ʎ/
Central y /j/ u /ɥ/ w /w/

Estatuto oficial

editar
 
Sinais bilingües en bretóns e francés (en Kemper/Quimper)
 
Sinal bilingüe nunha escola con clases en bretón e francés en Roazhon/Rennes

Estatuto

editar

O bretón non é unha lingua oficial de Francia, a pesar das demandas de recoñecemento oficial por parte dos autonomistas e doutros sectores da poboación. Estes reclaman que o bretón teña un lugar na escola, nos medios de comunicación e noutros aspectos da vida pública.

Constitución francesa

editar

En xullo de 2008, a Constitución de Francia foi emendada coa adición do artigo 75-1, que di:

Article 75-1: Les langues régionales appartiennent au patrimoine de la France.[10]
Artigo 75-1: As linguas rexionais pertencen ó patrimonio de Francia.

Isto é un paso importante para o recoñecemento do bretón e doutras linguas minoritarias de Francia. Porén non hai ningún recoñecemento explícito máis aló disto.

Rexión

editar

Así e todo, as autoridades rexionais e departamentais empregan o bretón en certa medida, por exemplo na sinalización. Pódese ver certa sinalización bilingüe, como nos nomes das rúas e nalgunhas estacións do metro de Rennes. Segundo a lexislación francesa (lei Toubon) é ilegal incluso que os rótulos comerciais estean unicamente en bretón, deben ser bilingües ou só en francés. Dado que normalmente precísase máis espazo para sinalizar nas dúas linguas, sinalízase normalmente só en francés.

O Ofis ar Brezhoneg, a axencia da lingua bretoa, foi creada en 1999 polo goberno da rexión da Bretaña para promover o uso do bretón. Lanzaron a campaña Ya d'ar brezhoneg, asinada por empresas, organizacións e concellos para promover o uso do bretón, por exemplo instalando sinalización bilingüe e engadindo a opción bretoa nas súas páxinas web.

Exemplos

editar

Noso Pai

editar
Hon Tad,
c'hwi hag a zo en Neñv,
ra vo santelaet hoc'h ano.
Ra zeuio ho Rouantelezh.
Ra vo graet ho youl war an douar evel en neñv.
Roit dimp hizio bara hor bevañs.
Distaolit dimp hon dleoù
evel m' hor bo ivez distaolet d' hon dleourion.
Ha n' hon lezit ket da vont gant an temptadur,
met hon dieubit eus an Droug.

Táboa lexical comparativa

editar

A seguinte táboa permite comparar as semellanzas lingüísticas entre o bretón, o córnico, o galó, o galego e mailo francés. Nótanse semellanzas de construción entre o bretón e máis o galó: por exemplo, as expresións para o «esquío», kazh-koad e chat-de-boéz, significan «gato de bosque» en ámbalas dúas linguas.

Bretón Córnico Galó Francés Galego
gwenanenn gwenenenn avètt abeille abella
kador kador chaérr chaise cadeira
formaj keus fórmaij fromage queixo
er-maez yn mes desort dehors fóra
kouezhañ koedha cheir tomber caer
gavr gaver biq chèvre cabra
ti chy ostèu maison casa
gweuz gweus lip lèvre beizo
genoù ganow góll gueule fociño
niver niver limerot nombre número
perenn perenn peirr poire pera
skol skol escoll école escola
gwiñver, kazh-koad gwiwer chat-de-boéz écureuil esquío
ster(ed)enn sterenn esteill étoile estrela
butuniñ megy betunae fumer fumar
hiziv hedhyw anoet aujourd'hui hoxe
c'hwibanat whybana sublae siffler asubiar
  1. Entrada en Ethnologue correspondente ao bretón (en inglés)
  2. Moseley, Christopher e Nicolas, Alexandre. "Atlas of the world's languages in danger". unesdoc.unesco.org. Consultado o 11 de xullo de 2022. 
  3. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para bretón.
  4. "Gaelic". Urban Dictionary (en inglés). : Gaelic or Goidelic derived from the Gallaic language spoken by the Gallaeci tribes in Gallaecia 
  5. "Bretoña, Sede do Bispado de Britonia". Pangalaica. 
  6. "Breton language". Encyclopedia Britannica. Consultado o 2017-09-18. 
  7. Información do ICBL sobre o bretón en breizh.net
  8. Informe de Ethnologue. (en inglés)
  9. HEMON, Roparz e EVERSON, Michael (2007). Breton Grammar. Evertype/Al Liamm. ISBN 978-1-904808-11-4. 
  10. Constitución da República Francesa (en francés)

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar