Primeira guerra carlista

conflito bélico en España
(Redirección desde «Primeira Guerra Carlista»)

A primeira guerra carlista, desenvolveuse en España entre 1833 e 1840 entre os partidarios de Carlos María Isidro de Borbón, coñecidos como carlistas e partidarios dun réxime absolutista e Isabel II, partidarios dun réxime liberal. Con anterioridade, a historiografía española, tamén a tiña denominado como guerra dos Sete Anos ou primeira guerra civil.[1]

Primeira guerra carlista
Parte de Guerras carlistas

Ataque á ponte de Luchana
Data 2 de outubro de 1833 - 6 de xullo de 1840
Lugar España
Resultado vitoria isabelina
Casus belli problema sucesorio
Belixerantes
Carlistas
(españois leais a Carlos María Isidro de Borbón)

Apoio económico de:
Prusia
Imperio Ruso
Imperio Austríaco

Isabelinos ou cristinos
(españois leais a Isabel II)

Apoio de:
Gran Bretaña
Francia
Portugal

Líderes
Tomás de Zumalacárregui

Ramón Cabrera
Juan Antonio de Zaratiegui
Jose Miguel Sagastibeltza
Bruno Villarreal
Rafael Maroto
José Borges
Manuel Carnicer
Miguel Gómez Damas
Sebastián de Borbón

Vicente Genaro de Quesada

José Ramón Rodil y Campillo
Francisco Espoz y Mina
Luis Fernández de Córdoba
Rafael de Ceballos-Escalera y Ocón
Marcelino Oráa
Baldomero Espartero
Ramón de Meer y Kindelán

Baixas
60 000 carlistas 66 000 cristinos

2 400 británicos
7 800 franceses
50 portugueses
80 000 en total​

Carlos María Isidro de Borbón.

Orixe editar

 
Isabel II de España.

En España estaba en vigor a Lei sálica dende comezos do século XVIII que prohibía reinar ás mulleres. O 31 de marzo de 1830 Fernando VII promulgou a pragmática sanción, aprobada o 30 de setembro de 1789 por Carlos IV, pero que non se fixera efectiva por razóns de política exterior. A pragmática establecía que se o rei non tiña herdeiro varón, herdaría a filla máis vella. Isto excluía, na práctica, ao infante Carlos María Isidro da sucesión, por canto xa fose neno ou nena quen nacese da embarazada cuarta esposa do rei, sería o seu herdeiro directo. Desta forma, Isabel (a futura Isabel II), nacida pouco despois, víase recoñecida como herdeira da coroa, con gran desgusto dos partidarios de Carlos, o irmán do rei.

En 1832, achándose o rei enfermo de gravidade na Granja, cortesáns partidarios do infante conseguiron que Fernando VII firmara un decreto derrogando a pragmática. Coa melloría da saúde do rei, o Goberno de Francisco Cea Bermúdez púxoa de novo en vigor. Tras iso, Carlos marchou a Portugal. No entanto, María Cristina, e esposa do rei, nomeada rexente durante a grave enfermidade deste (a herdeira Isabel apenas tiña tres anos nese momento), iniciou un acercamento cara aos liberais e concedeu unha ampla amnistía para os exiliados, para asegurarse apoios para a súa filla e prefigurando a viraxe político cara ao liberalismo que se produciría á morte do rei.

Fernando morreu o 29 de marzo de 1833 sen fillos varóns (tivera outra filla, a infanta Luísa Fernanda) e Isabel foi proclamada raíña baixo a rexencia de María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias. O infante Carlos María Isidro, xunto a outros realistas que consideraban que o lexítimo herdeiro era o irmán do rei e non a súa filla primoxénita, subleváronse e empezou a primeira guerra carlista. Con iso fixo a súa aparición o carlismo.

A cuestión dinástica non foi a única, tras a guerra da Independencia, Fernando abolira a Constitución de 1812, pero tras o trienio liberal (1820-1823) Fernando VII non volveu restaurar a Inquisición, e nos últimos anos do seu reinado permitiu certas reformas para atraer aos sectores liberais que ademais pretendían igualar as leis e costumes en todo o territorio do reino eliminando os foros e as leis particulares, ao tempo os sectores máis conservadores agrupábanse en torno ao seu irmán Carlos, que si recoñecía os dereitos forais.

Contendentes editar

Euskadi e Navarra apoiaron maioritariamente ao pretendente Carlos polo seu tradicionalismo, polo apoio que lle deu a Igrexa católica local e polo apoio do pretendente aos foros. En Aragón e Cataluña viuse como unha oportunidade de recuperar os seus dereitos forais, perdidos tras a Guerra de Sucesión española. A Igrexa católica mantívose ambigua, aínda que unha parte importante do clero uniuse ao bando carlista.

No outro bando, os liberais e moderados uníronse para apoiar a María Cristina e á súa filla Isabel. Controlaban as principais institucións do Estado, a maioría do exército e todas as cidades importantes.

Os liberais recibiron apoio do Reino Unido, Portugal e Francia en forma de créditos para o tesouro e de forzas militares, os británicos enviaron a Lexión británica, corpo de voluntarios ao mando do xeneral George Lacy Evans e a Royal Navy realizou funcións de bloqueo, os portugueses enviou unha división auxiliar baixo o mando do barón das Antas e os franceses a Lexión estranxeira ademais de colaborar no control da fronteira e das costas españolas.

A guerra editar

Tras a morte de Fernando VII o pretendente Carlos nomeou a Joaquín Abarca como ministro universal e fixo un chamamento ao exército e ás autoridades para que se sumasen á súa causa, pero con escasa repercusión. Internacionalmente tan só o rei Miguel I de Portugal o recoñeceu, o que levou á ruptura diplomática entre España e Portugal.

Nos primeiros días de outubro sucedéronse as insurreccións en varios puntos de España, protagonizadas por agrupacións locais dos Voluntarios Realistas, en xeral sen pouco éxito, agás no País Vasco, Navarra e Logroño, pero sen chegar a controlar máis que por pouco tempo as cidades deses territorios. En Castela a Vella, foi en Burgos e Soria onde máis éxito tivo a insurrección, mobilizando un total de 10.000 homes ao mando de Jerónimo Merino e Ignacio Alonso Cuevillas. En Cataluña en abril de 1834 entrou unha partida procedente do Maeztrazgo ao mando de Manuel Carnicer pero fracasou, malia iso mantivéronse mobilizadas numerosas partidas guerrilleiras. En Galicia houbo pequenas partidas, sen moita continuidade.

Fronte norte editar

A derrota dos miguelistas, na guerra civil portuguesa, provocou a saída do pretendente cara a Londres e a entrada en Navarra pola fronteira francesa o 9 de xullo 1834 e nomeou un goberno dirixido por Carlos Cruz Mayor, pero a fin da guerra en Portugal, permitiu ao goberno de Isabel II retirar tropas da fronteira con Portugal e envialas á fronte do norte, primeiro ao mando de José Ramón Rodil e despois duns meses por Francisco Espoz y Mina, polo que ata mediados de 1835 as accións bélicas localizáronse no País Vasco e Navarra, centradas na figura de Tomás de Zumalacárregui, que organizou en pouco tempo un exército carlista en Navarra, ao que tamén se uniron os carlistas vascos debilitados logo da expedición de Pedro Sarsfield. Zumalacárregui equipou aos seus homes con armas tomadas aos exércitos cristinos no campo de batalla ou en ataques contra fábricas ou convois, e consciente da súa inferioridade numérica e armamentística reproduciu a táctica guerrilleira que coñecía dende a guerra de Independencia, amparándose no accidentado do relevo e no apoio de gran parte da poboación civil, conseguiu que a comezos de 1835 o exército cristino conservase só as gornicións das capitais das provincias vasconavarras e algúns portos da costa. Animado polos seus éxitos militares e pola necesidade de obter financiamento e recoñecemento internacional puxo sitio a Bilbao o 10 de xuño de 1835, pero ferido mentres observaba as operacións, morreu o 24 de xuño e foi substituído por Vicente González Moreno, quen levantou o sitio diante as presións das forzas que defendían a cidade ao mando de Luis Fernández de Córdoba, quen aos poucos días, tamén venceu aos carlistas na batalla de Mendigorría, aínda así ata 1837 as forzas manteríanse equilibradas na fronte norte e aínda que houbo numerosos enfrontamentos ningún bando se puido impor ao outro.

En outubro de 1835 Nazario Eguía asumiu o posto de xeneral en xefe das tropas carlistas no País Vasco e Navarra, durante o seu mandato o exército carlista aumentou ata chegar aos 36.000 homes e o seu sucesor, Bruno Villarreal, caracterizouse por fomentar as expedicións fóra do territorio carlista, mentres o novo goberno carlista que entrou en funcionamento en maio de 1836, dirixido por Juan Bautista Erro pretendía crear unha administración eficaz.

En outubro de 1836 tivo lugar o segundo sitio de Bilbao, que fracasou aos cinco días e en novembro un terceiro intento que durou mes e medio e que fracasou diante a defensa de Baldomero Espartero, e que provocou o nomeamento de Sebastián Gabriel de Borbón Braganza como xeneral en xefe dos carlistas, que en marzo de 1837 venceu ás tropas liberais na batalla de Oriamendi e que os sectores máis radicais do carlismo fixéranse co control político, acrecentado tras Expedición Real. José Antonio Guergué fíxose co mando do exército ata xuño de 1838, cando foi substituído por Rafael Maroto, quen reorganizou o exército e mandou fusilar en febreiro de 1839 a Guergué e a outros militares acusados de conspirar na súa contra e tentou conseguir do pretendente a destitución dos seus opoñentes, polo que foi destituído por Don Carlos, aínda que aos poucos días restituíuno no seu posto e accedeu ás súas demandas. Maroto negociou co goberno de Isabel II sen o apoio do pretendente e coa oposición de parte das súas tropas e o 29 de agosto de 1839 Espartero e os xenerais La Torre e Urbiztondo, representantes de Maroto, asinan o Convenio de Oñati que puxo fin á guerra no norte de España, confirmado co coñecido como abrazo de Bergara entre Maroto e Espartero o 31 de agosto.

O 14 de setembro de 1839 o pretendente carlista e as súas tropas que lle permanecían fieis cruzaron a fronteira francesa e a guerra rematou na fronte norte.

Fronte leste editar

As partidas do Maestrazgo e Aragón elixiron a Manuel Carnicer como o seu xefe en febreiro de 1834, logo do seu fusilamento en abril de 1835 tomou o mando o seu segundo Ramón Cabrera, quen deu pulos ás forzas carlistas, pero as súas forzas non foron o suficientemente numerosas como para obter unha vitoria decisiva sobre as forzas liberais, e en 1836 Evaristo de San Miguel conquistaba para os isabelinos Cantavieja, en 1837 Cabrera consegue reconquistar o territorio perdido e en xaneiro de 1838 conquista Morella, que converte en capital da súa administración e estende o seu territorio por Aragón, norte da Comunidade Valenciana e sur de Cataluña, pero a fin da guerra no norte fixo que Espartero chegase a Zaragoza á fronte de 44.000 homes en outubro de 1839 e estableceu o seu cuartel xeral en Mas de las Matas, pero Cabrera consegue manter a resistencia ata o 30 de maio de 1840 cando Espartero conquistou Morella e Cabrera dirixiuse a Berga.

En Cataluña as numerosas partidas actuaban sen coordinación, polo que dende Navarra enviouse en agosto de 1835 a Juan Antonio Guergué á fronte de 2.700 homes coa misión do organizar e unificar ás forzas carlistas catalás, consegue xuntar unha forza de 22.000 homes, pero fracasa no intento de tomar Olot, tras a marcha de Guergué a Cataluña asumiron o mando Ignacio Brujó, Rafael Maroto e Blas María Royo de León e en 1837 fíxose co mando un dos membros da Expedición Real, Antonio Urbiztondo, quen conquistou Berga en xullo e converteuna na capital do carlismo catalán. Os problemas entre a Xunta de goberno de Berga e Urbiztondo levaron ao nomeamento de José Segarra e posteriormente, en xullo de 1838, ao do conde de España, que se esforzou en modernizar as súas tropas ao tempo que se aproximaba aos sectores máis radicais do carlismo, o que provocou o descontento da oficialidade carlista, que solicitaron a súa destitución ao pretendente, o que conseguiron en outubro. A chegada de combatentes carlistas procedentes da fronte norte tras a sinatura do Convenio de Oñate conseguiu prolongar a guerra en Cataluña uns meses máis ata que as últimas tropas carlistas dirixidas por Cabrera cruzaron a fronteira francesa o 6 de xullo de 1840.

Expedicións carlistas editar

  • En xuño de 1836 Miguel Gómez Damas á fronte de 3.000 homes parte dende Amurrio cara a Asturias e Galicia para alentar os focos carlistas alí establecidos. Puxo cerco a un grupo de militares que se refuxiaron no mosteiro, e logo de cinco días de sitio proseguiu o seu camiño cara a Santiago de Compostela pola proximidade das tropas de Baldomero Espartero.[2]. Conseguiu entrar na vila, mais non logra controlar ningún territorio. Por propia iniciativa de Miguel Gómez a expedición, en contra das ordes recibidas, diríxese en agosto cara a Andalucía onde consegue tomar Córdoba e Almadén, e en decembro de 1836 regresan ao País Vasco.
  • A Expedición Real, motivada polas negociacións que se estaban a realizar entre Carlos e María Cristina, saíu en maio de 1837 con 12.000 homes á fronte do pretendente Carlos cara a Aragón, Valencia, Cataluña e finalmente Madrid, onde se retiran de xeito un tanto estraño e chegan ao territorio carlista en outubro de 1837. Tras a expedición Carlos marxinou aos elementos máis moderados do carlismo.

Notas editar

  1. VV.AA. (1921). Enciclopedia universal ilustrada europeo-americana. Madrid: Espasa-Calpe. p. 1490. 
  2. Otero Pedrayo, R. (15 de xuño de 1927). "O século XIX. Unha vida". Nós. pp. 6–9. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Barreiro Fernández, Xosé Ramón (2008). O carlismo galego (2ª ed.). Santiago de Compostela: Laiovento. ISBN 978-8484871439. 
  • Bullón de Mendoza, Alfonso (1998). Las guerras carlistas en sus documentos. Ariel practicum. Barcelona: Ariel. ISBN 978-8434428089. 
  • Bullón de Mendoza, Alfonso (2002). La Primera Guerra Carlista (PDF). Tesis en CD-ROM Universidad Complutense de Madrid, Facultad de Geografía e Historia, Departamento de Historia Contemporánea, 1991. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de outubro de 2017. Consultado o 17 de decembro de 2018. 
  • Canal, Jordi (2004). El carlismo. Col. El Libro De Bolsillo - Historia. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 978-8420639475. 
  • Coverdale, John F. (2014). The Basque Phase of Spain's First Carlist War. Col. Princeton Legacy Library (en inglés). Princeton (N.J.): Princeton University Press. ISBN 978-0691612096. 
  • Extramiana, José (1991). Historia de las guerras carlistas (2 vol.). Col. Historia. Barcelona: R&b Ediciones. ISBN 978-8474070767. 
  • Mundet i Gifre, Josep Maria (1990). La primera guerra carlina a Catalunya. Història militar. Biblioteca Abat Oliba (en catalán). Montserrrat: Publicacions de l'Abadia de Montserrat, S.A. ISBN 978-8478260980. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar