Lebor Gabála Érenn
O Lebor Gabála Érenn (en irlandés medio, Leabhar Gabhála na hÉireann en irlandés moderno - Libro das conquistas de Irlanda, sería a tradución ó galego) é un conxunto de manuscritos que relatan a construción nacional irlandesa como o sumatorio das distintas invasións dende a súa creación ata o século XI, data na que está escrito.
Historia do texto
editarEscritos na variedade sincrónica do gaélico empregado en Irlanda entre os anos 800 e 1200, os relatos traducíronse ó francés en 1884 e só posteriormente ó inglés entre 1937 e 1942. Debido á súa popularidade e á súa importancia tanto na historiografía coma na literatura de Irlanda, foron sometidos a un gran número de revisións e publicados en diferentes compendios, polo que existe unha gran variedade textual que dificulta o seu estudo. Aínda que probabelmente a versión máis antiga sexa a denominada Míniugud, a máis acreditada é a de Leinster (1150), escrita co mecenado de Dermot MacMurrough, rei de Leinster e baixo a dirección do bispo de Kildare, Mac Goreman, no Mosteiro de Terriglass. Outras son os libros de Fermoy (1373), Lecan (1418), Ballymote (1391) e O'Clery (1631).
Partes
editarEn todo caso, este texto encóntrase dividido en dez partes que conforman cadanseu libro:
- Da Creación do Mundo e a Diáspora das Nacións; Nesta parte relátase a xénese celta, influenciada xa pola cosmogonía cristiá. Encóntranse trazas de varias obras da antigüidade, en especial de De Civitate Dei, de Agostiño de Hipona; a Historiae adversum pagáns, de Orosio; a Crónica de Eusebio de Cesarea —traducida ó latín por San Xerome— e das Etimoloxías de Isidoro de Sevilla. Esta é unha parte de natureza netamente mitolóxica que somete os mitos pagáns célticos e pre-gaélicos a unha reinterpretación condicionada pola mitoloxía xudeocristiá.
- Da Historia dos Celtas dende a Diáspora das Nacións ata a Chegada a Irlanda: Neste libro sitúase a orixe dos celtas gaélicos como descendentes do rei Fénius Farsaid, un dos setenta e dous próceres que construíron a Torre de Nimrod (Torre de Babel). A lingua irlandesa nace cando o seu avó Gaedel Glas a toma como unha das setenta e dúas linguas nas que se divide o mundo coa caída da torre. Este únese a Scotta, filla do faraón de Exipto e, ó igual que nos tempos de Moisés, comezan un éxodo de catrocentos corenta e catro anos, chegando ó final deles a Gallaecia. Un dos seus descendentes, Breogán, funda alí a cidade de Brigantium e nela constrúe unha torre dende a que o seu fillo Ith podía ver Irlanda. Trátase da Torre de Hércules. Este mito permanece na cultura galega, formando parte da identidade galega, e está presente no Himno nacional, no que se lle chama a Galiza a Nazón de Breogán.
- Do Pobo de Cessair: No terceiro libro cóntase a historia de Cessair, filla de Bith (Noé?) que avisa ao seu pai da chegada do Diluvio Universal. Conseguen partir en barcos feitos de árbores pero só chega ao seu destino, Irlanda, un dos tres barcos. Nel vai ela, Cessair, con outras corenta e nove mulleres e só tres homes (o seu pai, o seu compañeiro Fintán Mac Bóchra e o temoneiro Ladra). As mulleres escollen o seu home, de forma que Cessair e outras dezaseis mulleres elixen a Fintán; outras dezaseis, xunto con Bairrfhind, compañeira de Cessair, elixen o seu pai. As restantes dezaseis elixen a Ladra, que morre pouco despois, sendo o primeiro home a ser soterrado en terra irlandesa. Corenta días despois chega o Diluvio, e Fintán logra sobrevivir refuxiándose durante un ano nunha cova baixo as augas. Chamado o Ancián Branco, vive durante 5500 anos trala Inundación e presenza os seguintes asentamentos celtas baixo a forma dun salmón, unha aguia e un falcón sucesivamente.
- Do Pobo de Partholón: trescentos anos tralo diluvio, Partholón, da mesma estirpe dos Gaélicos, chega a Irlanda cos seus tres fillos e o seu pobo. Tras dez anos de paz, chega a guerra cos Fomorianos, unha raza de demos acaudillados por Cichol Gricenchos. O pobo de Partholón sae vitorioso, pero por pouco tempo. En só unha semana son decimados por unha praga -cinco mil homes e catro mil mulleres- que son soterrados na Chaira do Elta, ao suroeste de Dublín, nunha área chamada Tallaght, que significa "a grande praga" en gaélico. Só un home sobrevive a ela, Tuán Mac Cairell, quen (do mesmo xeito que Fintán Mac Bóchra) sobrevive durante séculos encadeando unha serie de transmigracións, de forma que actuará como testemuña da historia posterior. Este libro inclúe tamén a historia de Delgnat, a muller de Partholón, que é similar á da Xenevra artúrica.
- Do Pobo de Nemed Treina: anos despois da desaparición dos Partolonianos, Irlanda é ocupada polo pobo de Nemed, cuxo bisavó fora irmán de Partholón. Durante a ocupación, deben enfrontarse de novo aos Fomorianos, pero após a súa morte esta xente é escravizada por dous líderes Fomorianos, More e Conan. Con todo, conseguen asaltar a Torre de Conan na Illa Tory. Acadan a vitoria pero nunha batalla contra More destrúense ambas as dúas armadas. Unha nova inundación cobre Irlanda, decimando os nemedianos, e só un puñado de sobreviventes se dispersan polas catro esquinas do mundo.
- Do Pobo de Fir Bolg, Fir Domnann e Fir Gálioin: Un grupo da dinastía de Nemed aséntase en Grecia, onde son escravizados. Douscentos trinta anos tras Nemed volven a Irlanda, e alí sepáranse en tres nacións, os Fir Bolg, os Fir Domnann e os Fir Gálioin, e alí permanecen até a chegada dos Tuatha Dé Danann.
- Do Pobo dos Tuatha Dé Danann: Os Tuatha Dé Danann son descendentes doutro dos grupos sobreviventes do diluvio de Nemed. Chegan a Irlanda desde o norte, onde aprenderan as artes escuras da maxia pagá e os druídas, aproximadamente o día 1 de maio. Disputan o dominio de Irlanda aos Fir Bolg e os seus aliados na Primeira Batalla de Moytura (ou Mag Tuired). Os Dé Danann saen vitoriosos e expulsan aos Fir Bolg ao exilio das illas veciñas. Pero Nuada, rei de Dé Danann, perde o seu brazo dereito na batalla e é forzado a renunciar ao seu reino. Durante sete infelices anos a coroa é ostentada por Bres, antes de que Dian Cécht lle faga un brazo de prata e recupere o trono. Chega a guerra cos Fomorianos e ten lugar a Segunda Batalla de Moytura. Nuada cae diante de Balor, o Demo do Ollo, pero o seu irmán máis vello, Lugh do Longo Brazo asasínao e faise rei. Os Tuatha Dé Danann gozan do seu reinado durante cincuenta anos.
- A Invasión dos Milesios: Retómase aquí a historia dos gaélicos, interrompida no libro 2. Íth, fillo de Breogán, que avistara Irlanda desde unha torre en Hispania, viaxa a Irlanda para coñecer o seu descubrimento. É benvido polos reis, pero nobres envexosos asasínano e o seu cadáver chega a Hispania. Os Milesianos, fillos do seu tío Míl Espáne, planean a súa vinganza e conquistan a illa. Ao chegaren a Irlanda, encamíñanse a Tara, onde está a Corte, para reclamar a coroa. No camiño atópanse con Banba, Fodla e Ériu, tres mulleres que eran as tres raíñas co-rexentes daquelas terras. Cada unha das mulleres dá a benvida aos milesianos, e dinlles que o seu nome é aquel polo cal se coñece aquela terra, e preguntan se sairán vitoriosos da batalla. Un deles, o poeta Amergin, promételles que así será. En Tara son benvidos polos tres reis dos Tuatha Dé Danann, quen defenden a súa vontade de manter unido o reino. Decídese que os milesianos deben volver ás súas naves e distanciarse a nove ondas da costa, de maneira que os Tuatha Dé Danann poidan mobilizar o seu exército. Pero cando os Milesianos están a nove ondas de distancia, os druídas dos Tuatha Dé Danann conxuran unha feroz tormenta. A frota milesiana é afastada, mais Amergin consegue disipar os ventos coa súa poesía. Das naves sobreviventes, as de Éber atracan en Inber Scéine (Kenmare River) no suroeste de Irlanda, mentres que as de Éremón atracan en Inber Colptha (na desembocadura do Boyne). En dúas batallas en Sliabh Mis e Tailtiu, os Tuatha Dé Danann son derrotados. Son expulsados e o señorío de Irlanda é divido entre Éber e Éremón.
- Das Dinastías de Irlanda antes do Cristianismo: Neste libro enuméranse distintas dinastías lendarias ou semi-históricas desde Éber e Éremon ata o principio do século V.
- Das Dinastías de Irlanda despois do Cristianismo: Este libro continúa coas dinastías cristiás. É o libro con mellor documentación.
Exposición en Galicia
editarO 30 de outubro de 2019, un dos manuscritos onde está recollido o Lebor Gabála Érenn, o Libro de Leinster, chegou a Galicia para ser exposto temporalmente no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura co gallo da exposición Galicia, un relato no mundo.[1] É a primeira vez en oitocentos anos que o manuscrito sae de Irlanda.
Notas
editar- ↑ "Reforzo á seguridade do Museo Gaiás para acoller as obras mestras de 'Galicia, un relato no mundo'". cidadedacultura.gal. 30 de outubro de 2019. Consultado o 31 de outubro de 2019.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lebor Gabála Érenn |
A Galipedia ten un portal sobre: Irlanda |
Ligazóns externas
editar- Índice en liña do Lebor Gabála Érenn (en inglés)
- Lebor Gabála Érenn, Libros do 1 ao 8 (en inglés)
- Book of Invasions Arquivado 12 de novembro de 2006 en Wayback Machine., Timeless Myths. (en inglés)