|
Benvido ao Portal de Irlanda! Fáilte go dtí Tairseach na hÉireann! Welcome to the Ireland Portal! Hailsin tae tha Airlann Portal!
|
Irlanda ( pronunciación (axuda · info)) (en irlandés: Éire, [ˈeː.ɾʲə] (AFI), escoitar; en inglés: Ireland, [ˈaɪərlənd] ou [ˈɑrlənd] (AFI), escoitar), oficialmente República de Irlanda ( pronunciación (axuda · info)) (en irlandés: Poblacht na hÉireann; en inglés: Republic of Ireland) é un país do noroeste de Europa que forma parte da Unión Europea (UE). A súa capital é Dublín (en irlandés: Baile Átha Cliath e en inglés: Dublin). No ano 1949 declarouse o estado irlandés como a República de Irlanda (en inglés Republic of Ireland, en irlandés: Poblacht na hÉireann). Ás veces chámaselle coloquialmente a Illa esmeralda, facendo referencia á intensa cor verde dos campos irlandeses. Está no centro e sur da illa de Irlanda e ocupa a maior parte.
A Illa de Irlanda é polo seu tamaño a terceira illa de Europa e a vixésima do mundo. Atópase ao noroeste da Europa continental, no lado occidental do Mar de Irlanda, ao oeste da illa de Gran Bretaña, e atópase rodeada por centenares de illas menores e illotes. Dous países posúen soberanía sobre a illa, a República de Irlanda, un país independente, que ocupa aproximadamente cinco sextas partes da illa, e Irlanda do Norte, unha rexión administrativa do Reino Unido, que ocupa a sexta parte restante, no extremo nororiental da illa.
A illa de Irlanda está tradicionalmente dividida en catro rexións ou provincias: Leinster (irlandés: Laighin), Ulster (irlandés: Cúige Uladh), Connacht (irlandés: Connachta) e Munster (irlandés: An Mhumhain).
Artigo destacado
editar
O Alzamento de Pascua (en gaélico: Éirí Amach na Cásca) foi unha rebelión que tivo lugar en Irlanda durante a Pascua de 1916. O alzamento foi un intento de republicanos irlandeses co obxectivo de rematar co dominio Británico en Irlanda e establecer unha República Irlandesa nun momento no que o Imperio Británico estaba inmerso na Primeira Guerra Mundial. Foi a sublevación máis significativa que houbo en Irlanda tras a rebelión irlandesa de 1798.
Organizado polo Consello Militar da Irmandade Republicana Irlandesa, o alzamento durou dende o luns santo do 24 de abril ata o 30 de abril de 1916. Membros dos Voluntarios Irlandeses, liderados polo profesor e avogado Patrick Pearse, xunto co pequeno Exército Cidadán Irlandés de James Connolly e máis 200 membros da Liga das Mulleres, tomaron lugares clave en Dublín e proclamaron unha República Irlandesa independente de Gran Bretaña. Houbo algunhas accións máis en outras partes de Irlanda aínda que foron de escasa relevancia, agás o ataque aos barracóns da Policía Real Irlandesa en Ashbourne, no condado de Meath.
O Alzamento foi sufocado tras sete días de loita, e os seus líderes foron sometidos a consellos de guerra e posteriormente executados, pero tiveron éxito en facer que os políticos irlandeses volveran a tomar en consideración unha vía de republicanismo irlandés a través das armas.
O acontecemento acostuma interpretarse como o momento clave do proceso de independencia irlandesa, aínda que tamén marcou a división entre republicanismo e nacionalismo irlandés, que ata o momento aceptara a promesa dunha autonomía limitada baixo a Coroa británica. Tal autonomía fora plasmada na terceira Home Rule en Irlanda, ou Home Rule en inglés, aprobada en 1914 e suspendida durante a Primeira Guerra Mundial.
Lugar de interese
editar
Gaoth Dobhair (en inglés: Gweedore), é unha parroquia gaélicofalante que se atopa na costa atlántica do condado de Donegal, en Irlanda. É a meirande parroquia gaélicofalante de todo Irlanda, cunha poboación de 4.065 persoas (2002), e acolle os estudios rexionais do servizo de radio RTÉ Raidió na Gaeltachta no noroeste, así como tamén un campus externo da Universidade Nacional de Irlanda en Galway. Gaoth Dobhair atópase preto do punto máis elevado de Donegal, o monte Errigal, e inclúe as localidades de An Bun Beag, Doire Beag, Dún Lúiche, Croithlí e Bun an Leaca.
Gaoth Dobhair é principalmente coñecido por ser o berce da cultura de Irlanda, mantedor dos antigos costumes irlandeses, a música tradicional, o teatro, os deportes gaélicos e a lingua irlandesa como eixe fundamental da vida da poboación local.
Artigos bos e de calidade
|
|
|