Hungría (Gl-Hungría.ogg pronunciación ) (en húngaro: Magyarország hu-Magyarország.ogg [ˈmɒɟɒrorsaːɡ] )) é un país de Europa central. Fai fronteira con Austria ao oeste, Eslovaquia e Ucraína ao norte, Romanía ao leste e Serbia, Croacia e Eslovenia ao sur. Ten unha poboación de ao redor de dez millóns de habitantes distribuídos en 93.030 quilómetros cadrados.

A súa capital é Budapest, a maior cidade do país que concentra o 25% de toda a poboación húngara. A poboación é das máis homoxéneas etnicamente de toda Europa, estando composta na súa maioría polos maxiares, termo polo cal os húngaros se chaman. Os maxiares eran un pobo nómade que ocupou o planalto dos Cárpatos no século IX, loitando contra outros pobos durante séculos para manterse no mesmo lugar. Mesmo oprimidos por austríacos, turcos e rusos, os maxiares permaneceron unidos.

O nome Hungría vén do turco On-ogur que significa Dez lanzas e simbolizaba a unión das dez tribos que ocuparan o territorio húngaro no século IX, sete tribos maxiares e tres khazares. O termo latino hunni para os hunos, antigo pobo que dominou Hungría ata o século IV, xerou os termos latinos para definir Hungría. O termo maxiar probablemente vén das palabras magi e eri, a primeira de raíz proto-úgrica significa home ou pobo e a segunda do turco, co mesmo significado de pobo. O 1 de xaneiro do 2004 Hungría pasou a formar parte da Unión Europea, xunto a outros dez países, a maioría do leste europeo, entre os que se atopaban os países bálticos, a República Checa, Eslovaquia e Polonia.

Artigo destacado

editar

A República Soviética Húngara foi un efémero réxime de ditadura do proletariado en Hungría, instaurado pola unión do Partido Socialdemócrata e o Partido Comunista na primavera de 1919, ante a grave crise interna no país. Iniciouse o 21 de marzo de 1919 e terminou o 1 de agosto do mesmo ano. Incapaz de alcanzar un acordo coa Entente que mantiña o seu bloqueo económico, acosada polos países veciños por disputas territoriais e embarcada nun profundo cambio social interno, a república fracasou nos seus obxectivos e quedou abolida a comezos de agosto.

A presentación da nota Vyx tivo como consecuencia a caída do Goberno de Károlyi, para entón sen apoio significativo, e a proclamación da república soviética ao día seguinte, o 21 de marzo de 1919. A súa principal figura foi o comunista Béla Kun, malia que a maioría do novo Goberno era socialista. Aparentemente democrático, o novo sistema concentraba en realidade o poder no novo Consello de Goberno, que o exerceu de xeito autoritario en nome, presuntamente, da clase traballadora.

O novo réxime non conseguiu chegar a un acordo coa Entente que supuxese o levantamento do bloqueo económico, a mellora do trazado das novas fronteiras ou o recoñecemento do novo Goberno polas potencias vencedoras da guerra mundial. Reorganizouse o Exército e tratouse de recuperar os territorios perdidos a mans dos países veciños. Pola súa banda, os países veciños utilizaron a loita contra o comunismo, primeiro contra o Goberno de Károlyi e máis tarde contra a república soviética, como xustificación das súas ambicións expansionistas.

Os dirixentes húngaros aplicaron medidas doutrinarias tanto en política exterior coma interior que lles fixeron perder o favor da maioría da poboación. Ao fracaso da reforma interna uniuse o da política exterior: o illamento político e económico da Entente, o fracaso militar ante os países veciños e a imposibilidade de unir forzas coas unidades soviéticas rusas provocaron o afundimento da república soviética. Ao Goberno social-comunista sucedeulle un exclusivamente socialista o 1 de agosto. En grave crise xa en xullo, disolveuse en agosto, e os seus dirixentes fuxiron ao estranxeiro mentres o poder volveu a mans da aristocracia feudal e nacionalista.

Cidade destacada

editar

Budapest (Hu-Budapest.ogg /ˈbudɒpɛʃt/ ) é a capital e cidade máis poboada de Hungría, así como o seu principal centro industrial, comercial e de transportes. A cidade posúe 1,74 millóns de habitantes (2011), unha diminución significativa respecto dos case 2,1 millóns cos que contaba a mediados dos anos 1980, que representan un quinto da poboación total de Hungría. É a cidade máis poboada de Europa central-oriental e a sétima da Unión Europea. Ocupa unha superficie de 525 km² e a súa área metropolitana conta cunha poboación de 2,38 millóns de habitantes. Budapest converteuse nunha única cidade cando ocupou as dúas beiras do río Danubio, unificando as cidades de Buda e Óbuda, na beira oeste, con Pest, na beira leste, o 17 de novembro de 1873.

A historia de Budapest comezou con Aquincum, orixinalmente un asentamento celta que se converteu na capital romana de Panonia Inferior. Os húngaros chegaron ao territorio no século IX. O seu primeiro asentamento foi saqueado polos mongoles en 1241-42. A cidade restablecida converteuse nun dos centros da cultura do Renacemento humanista no século XV. Logo da batalla de Mohács e tras case 150 anos de dominio otomán, Budapest converteuse nunha cidade global logo da unificación de 1873. Tamén converteuse na segunda capital de Austria-Hungría, unha gran potencia que se disolveu en 1918. Budapest foi o punto focal da revolución húngara de 1848, a República Soviética Húngara de 1919, a Operación Panzerfaust en 1944, a batalla de Budapest de 1945 e a Revolución de 1956.

Budapest é un importante centro financeiro de Europa Central. A cidade situouse terceira (dun total de 65 cidades) no Índice de Mercados Emerxentes elaborado por Mastercard, e clasificada como a cidade mellor habitable de Europa Central e Europa del Este por índice de calidade de vida segundo Economist Intelligence Unit. Tamén clasificouse como o "sétimo lugar idílico de Europa para vivir" pola revista Forbes, e como a novena cidade máis bela do mundo por UCityGuides. É, tamén, a mellor cidade de Europa Central e do Leste no índice Innovation Cities' Top 100.

Divisións administrativas
Categorías
Biografía destacada

editar

Sári Gábor, nada en Budapest o 6 de febreiro de 1917 e finada nos Ánxeles (California) o 18 de decembro de 2016, máis coñecida como Zsa Zsa Gabor, foi unha actriz húngara-estadounidense. Tivo varios papeis en coñecidos filmes de Hollywood, obras de Broadway e tivo tamén un forte auxe na televisión.

Comezou a súa carreira nos escenarios de Viena e foi coroada Miss Hungría en 1936. Emigrou aos Estados Unidos en 1941 e converteuse nunha actriz cobizada polo seu «instinto e estilo europeo». O seu primeiro papel no cinema foi como actriz secundaria en Lovely to Look At. Máis tarde actuou na comedia We're Not Married! xunto a Marilyn Monroe, en Touch of Evil de Orson Welles, e realizou un dos seus poucos papeis protagonistas en Moulin Rouge (1952), dirixido por John Huston, quen a describiu como unha actriz de mérito. Ademais dos seus filmes e aparicións na televisión, foi coñecida pola súa serie de nove matrimonios, incluído co magnate hoteleiro Conrad Hilton, o actor británico George Sanders e o dominicano Porfirio Rubirosa.

Imaxe destacada
Sabías que...?

editar

Cubo de Rubik.


Artigos de calidade e bos
Proxectos relacionados
Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons