Portal:Pontevedra

Pontevedra é unha cidade galega, capital da provincia de Pontevedra e da súa comarca homónima. É a sexta cidade máis poboada de Galicia despois de Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago de Compostela. Segundo o IGE, en 2015 a poboación foi de 82.539 habitantes (78.715 en 2004).

Unha lenda de carácter erudito creada cara ao renacemento dotou á vila dunha orixe fantástica, facendo responsable da súa fundación a Teucro, un dos heroes da Guerra de Troia. A lenda di que chegou a estas terras tras ser exiliado polo seu pai Telamón e fundando un asentamento co nome de Helenes. Porén, o certo é que diversos estudos históricos e arqueolóxicos máis recentes non detectan restos de presenza humana neste val anteriores á súa integración no Imperio Romano.

En 1833, coa creación das provincias, convértese na capital da provincia do mesmo nome que a cidade, o que permitiu a transformación nunha urbe administrativa.

A cidade localízase no fondo da ría de Pontevedra, na desembocadura do río Lérez. Está asentada nun outeiro rochoso relativamente aplanado pola erosión que, aínda que non é de moita altura, fai que o Lérez a arrodee polo norte antes de abrirse á ría. Por esta razón as únicas rúas que son algo empinadas son as que baixan á ribeira. O emprazamento resulta estratéxico, xa que é o primeiro punto, vindo desde o mar, a través da ría, polo que se pode cruzar de norte a sur.

Destacan como monumentos a Capela da Virxe Peregrina de Pontevedra, as Ruínas de San Domingos, a Basílica de Santa María a Maior, ou o Mosteiro de San Salvador de Lérez.

Artigo destacado

editar

O Diario de Pontevedra é un xornal que se edita ininterrompidamente na cidade de Pontevedra dende 1968, propiedade dende 1999 do Grupo El Progreso de Lugo. Dende o ano 2001 ten a súa sede na rúa Lepanto. A impresión realízase na rotativa de El Progreso en Lugo. Malia a súa pertenza ao grupo lugués, o xornal mantén o seu carácter local, mesmo nas promocións e nos enfoques das noticias. Contou cunha edición electrónica propia ata que en decembro de 2007 integrouse, como os outros xornais do grupo, na plataforma Galiciaé.

É un periódico de carácter eminentemente local e provincial, centrado na contorna da cidade de Pontevedra. Conta con delegacións en Marín, Bueu, Poio, Sanxenxo e O Grove, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis, Vigo, Lalín e A Estrada.

O actual Diario de Pontevedra é herdeiro doutras cabeceiras xornalísticas da cidade, algunhas mesmo co mesmo título. Ao longo da súa historia sufriu varias suspensións, ata a súa última resurrección o 2 de abril de 1968. A xestión inical do xornal corre a cargo dunha cooperativa de traballadores, unha forma empresarial pouco común na prensa española. A cooperativa encoméndalle a dirección a Pedro Antonio Rivas Fontenla.

Lugar de interese

editar

O Museo Provincial de Pontevedra foi fundado pola Deputación de Pontevedra o 30 de decembro de 1927. Está rexido por un padroádego, sendo a Deputación Provincial de Pontevedra o seu titular. Dispón de cinco edificios históricos e un sexto de nova construción, con salas de exposición permanente e temporais. Os fondos do museo son pluridisciplinares, clasificados en salas de belas artes, arqueoloxía, etnografía e artes aplicadas. O edificio fundacional, o Castro Monteagudo, localízase na rúa Pasantería en Pontevedra, e abriu ó público o 10 de agosto de 1929.

Na actualidade o museo ocupa cinco edificios históricos máis un sexto edificio moderno que se comezou a construír en 2004 e que foi inaugurado en 2012. Os cinco edificios históricos son o Pazo do Castro Monteagudo, o Pazo García Flórez, o Edificio Fernán López, as Ruínas de San Domingos, e o Edificio Sarmiento. O museo conta tamén cunha biblioteca de consulta e realiza publicacións científicas periódicas.

Foi distinguido en 1996 coa Medalla de Ouro de Galicia.

Imaxe destacada
Biografía destacada

editar

María Victoria Moreno Márquez, nada en Valencia de Alcántara (Cáceres) o 1 de maio de 1939 e finada en Pontevedra o 22 de novembro de 2005, foi unha editora, tradutora, conferenciante, escritora de literatura infantil e xuvenil galega e profesora de ensino secundario en institutos de Lugo, Sanxenxo e Pontevedra. O seu texto máis coñecido é Anagnórise (Galaxia, 1988), vinte veces reeditado e traducido a varias linguas. Algúns trazos fundamentais da súa obra son o lirismo, a conversión dos animais en protagonistas e a crítica a un ensino reseso.

En 2018 foi a figura protagonista do Día das Letras Galegas.

Sabías que...?

editar

Escultura do loro Ravachol diante da capela da Virxe Peregrina.


Artigos de calidade e bos

editar

Artigos de calidade (2)

Artigos bos (1)


Portais relacionados
Proxectos irmáns

editar

Wikimedia Commons
Wikimedia Commons

en Commons