
España ( pronunciación (axuda · info)), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación (axuda · info)), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
España atópase no suroeste do continente europeo, e comparte fronteiras terrestres con Francia e co principado de Andorra ao norte, con Portugal ao oeste e co territorio británico de Xibraltar ao sur. Nos seus territorios africanos, comparte fronteiras terrestres e marítimas con Marrocos. Comparte con Francia a soberanía sobre a illa dos Faisáns na desembocadura do río Bidasoa e cinco facerías pirenaicas.
Ten unha extensión de 504.645 km², sendo o cuarto país cunha maior extensión do continente, despois de Rusia, Ucraína e Francia. Cunha altitude media de 650 metros sobre o nivel do mar, é un dos países máis montañosos de Europa. A súa poboación é de 47 190 493 habitantes, segundo datos do padrón municipal de 2011.
A economía española é a 14ª economía mundial en términos de PIB, por diante de Indonesia e de Turquía, e segundo Eurostat, o PIB per cápita español situouse, en 2011, no 99% da media da Unión Europea, por diante de Chipre. Ademais, segundo o informe de 2010 da ONU, ten un índice de desenvolvemento humano de 0.878, o 23º maior do mundo, por diante doutros grandes países europeos, como Grecia, Italia o Reino Unido.
|
Artigo destacado
editar
O Club Balonmano Cantabria (1975-2008) foi un equipo de balonmán da cidade de Santander ( Cantabria). Foi fundado en 1975 co nome de Grupo Deportivo Teka Santander, herdeiro do club La Salle Authi de Los Corrales de Buelna. Foi un dos clubs máis laureados de España e de Europa. Debido a problemas económicos, mudou a súa denominación en 1995, baixo o patrocinio de Caja Cantabria, que abandonou o seu patrocinio en 1999, adoptando o club o nome de Club Balonmano Cantabria e volvendo a Teka, denominándose o equipo Teka Cantabria ata a súa desaparición no ano 2008, tras un breve período no que foi propiedade do Racing de Santander.
A nivel nacional participou na Liga ASOBAL (nome que recibe a máxima categoría do balonmán español) dende a súa fundación en 1990 pola Asociación de Clubes Españoles de Balonmano (ASOBAL) ata a súa desaparición. A Liga ASOBAL foi a herdeira da antiga liga española de balonmán que, entre 1958 e 1990, e coa denominación de División de Honra, organizou a Federación Española de Balonmano. En total, o club participou en 18 ocasións na máxima categoría, gañando o título en dúas ocasións (1992-93 e 1993-94). Ademais adxudicouse outros títulos nacionais como a Copa do Rei e a Supercopa de España, ambas en dúas ocasións, ou a Copa ASOBAL, que gañou catro veces. A nivel internacional conquistou nunha ocasión a máxima competición europea de balonmán entre clubs, a Copa de Europa, así como o Campionato Mundial de Clubs, a Recopa de Europa en dúas ocasións, ou a Copa EHF.
Durante a maior parte da súa historia, o club xogou no Pavillón de La Albericia, aínda que tamén nas súas últimas tempadas disputou partidos no Palacio de Deportes de Santander, que dispuña de maior capacidade que o anterior.
Cidade destacada
editar
Bilbao (en éuscaro: Bilbo, en castelán e oficialmente: Bilbao) é unha cidade do norte de España, capital da provincia e territorio histórico de Biscaia, no País Vasco.
Situada na comarca do Gran Bilbao e atravesada polo río Nervión que a esas alturas do seu percorrido xa toma forma de ría, ten unha poboación de 354.145 habitantes e unha extensión de 41,26 km² cunha densidade poboacional de 8.583 hab./km². É o centro dunha área de influencia que se coñece como Gran Bilbao e que chega a albergar a preto de 1 000 000 de habitantes.
Desde a súa fundación, a comezos do século XIV, foi un enclave comercial que gozou de particular importancia na cornixa cantábrica grazas á súa actividade portuaria que se baseaba principalmente na exportación da lá procedente de Castela e en menor medida do ferro extraído das canteiras biscaíñas. Ao longo do século XIX e principios do XX experimentou unha forte industrialización que a converteu no epicentro da segunda rexión industrializada de España, por detrás de Barcelona. Esta estivo acompañada dunha extraordinaria explosión demográfica e urbanística que orixinou a anexión de varios municipios lindeiros. Na actualidade é unha puxante cidade de servizos, que se atopa nun proceso de revitalización estética, social e económica liderado polo simbólico Museo Guggenheim Bilbao.
Divisións administrativas
Categorías
editar
Queres atopar artigos relacionados con España? Proba buscando nas seguintes categorías:
Biografía destacada
editar
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, é unha das meirandes escritoras en lingua galega así como tamén unha das principais responsábeis do Rexurdimento galego decimonónico. O 17 de maio, Día das Letras Galegas celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Na actualidade, a figura de Rosalía de Castro e as súas creacións literarias continúan sendo obxecto dunha abondosa bibliografía e recibindo unha constante atención crítica, tanto no territorio galego como no estranxeiro.
É tal a aceptación e o interese que as obras desta escritora espertan no mundo, que nas últimas décadas os seus poemas foron traducidos a linguas como o francés, o alemán, o ruso ou o xaponés. O 24 de febreiro de 2015, o Doodle Google estivo adicado a Rosalía de Castro, para conmemorar o 178 aniversario do seu nacemento.
Imaxe destacada
Sabías que...?
Proxectos relacionados
Artigos de calidade e bos
editar
Artigos de calidade (25)
Artigos bos (18)
Portais relacionados
editar
Comunidades autónomas de España
Países de Europa
Proxectos irmáns
|