Carlos López García-Picos

compositor arxentino

Carlos López García-Picos, nado en Betanzos o 19 de outubro de 1922 e finado en Oleiros o 23 de decembro do 2009, foi un compositor galego, principal impulsor, socio e membro de honra da Asociación Galega de Compositores.[1] Tivo unha especial relevancia na diáspora galega, amosando durante os anos que permaneceu en Buenos Aires (Arxentina) un constante compromiso coa colectividade galega que se reflectiu en moitos aspectos da súa obra, así como na súa participación como director de distintas agrupacións corais como o coro Os Rumorosos do Centro Betanzos de Buenos Aires, o coro Alborada da Casa de Galicia de París, a Coral Rosalía de Castro da Asociación Galega e a agrupación coral do Centro Gallego de Buenos Aires.[2]

Carlos López García-Picos
Alcume(s)Chapa
Nacemento19 de outubro de 1922
 Betanzos
Galiza Galiza
Falecemento23 de decembro de 2009 (87 anos)
 Oleiros
Galiza Galiza
NacionalidadeArxentina e España
Na rede
BUSC: lopez-garcia-picos-carlos-1922-2009
editar datos en Wikidata ]

Profundamente comprometido co papel que xogan os compositores nos tempos que lles toca vivir, García-Picos escribiu un artigo de pensamento que transloce as súas inquedanzas sobre isto: "Problemática de los compositores gallegos actuales".

Traxectoria editar

Primeiros anos editar

 
Vista xeral de Betanzos, cidade natal de Carlos López.

Carlos López García-Picos naceu o 19 de outubro de 1922[nota 1] no número 22 do lugar da Magdalena, na cidade de Betanzos (A Coruña). Terceiro dos sete fillos de Manuela García Velón e José Antonio López Picos, que era clarinetista e saxofonista da Banda Municipal de Betanzos dende 1917, posto que compaxinaba co seu traballo de carpinteiro. Foi o seu pai quen o iniciou aos sete anos nos seus estudos musicais co requinto, xa que non lle alcanzaban os dedos para tocar o clarinete, nunha pequena orquestra de seis instrumentos de vento coa que percorría a comarca betanceira amenizando as súas festas. Posteriormente, en 1936, ingresou na Banda Municipal de Betanzos como educando, tendo como profesor ao palentino Víctor Pariente Herrejón, quen daquela ostentaba o cargo de director da banda.[1][3][4]

Co inicio da Guerra Civil, o exército sublevado iniciou unha depuración de funcionarios leais ao goberno republicano que afectou ao tuba e a un saxofonista. Esta situación obrigaría a seu pai a marchar á Arxentina, a onde se trasladara anos atrás a súa irmá Carmen, cinco anos maior ca el. Neste punto, Carlos López foi nomeado clarinete o 20 de decembro dese mesmo ano, segundo documenta Cuns Lousa:[4]

Deuse conta dunha comunicación do Sr. Director da escola e banda de música municipal na que participa que o alumno da citada escola de música, Carlos López, áchase en condicións de ocupar unha praza, na citada banda, o que podía desempeñar unha que se encontra vacante, coa consignación presupostaria de 240 pesetas.[nota 2]

Durante os tres anos que permaneceu na banda brigantina, o xove Carlos participou na mesma interpretando o clarinete, a trompeta e o trombón.[5] Xa finalizada a guerra, o 18 de decembro de 1939, Carlos López renunciou ao seu salario de 240 pesetas.[4] Pouco despois, contra o mes de febreiro de 1940,[nota 3] Carlos embarcou tamén cara ao país suramericano, seguindo os pasos do seu pai tres anos antes, onde iniciou a que el mesmo definiu como "segunda etapa da súa vida".[1]

Etapa na Arxentina editar

 
Interior do Teatro Colón de Buenos Aires, onde en 1956 se estreou La farse de la búsqueda, un ballet composto por Carlos López García-Picos xunto con Emilio Terraza.

Á súa chegada ao país suramericano, Carlos López desempeñou distintos traballos no sector téxtil, limpando chemineas, nunha empresa de calzado, e como colaborador do Centro Galego. Ao mesmo tempo participou en diversas orquestras de baile, tocando tamén durante varios anos no Conxunto de Gaitas de Dámaso Gómez.[6] A Buenos Aires de finais dos anos 1930 e principios da década de 1940 tiña unha sociedade en plena expansión que vivía o momento de maior importancia da historia da música arxentina. Alí comezou os seus estudos de harmonía e contrapunto escolásticos co profesor catalán Lorenzo Serrallach á vez que entrou a formar parte da Coral Polifónica Os Rumorosos do Centro Betanzos de Buenos Aires en 1944, que daquela era dirixida polo mestre Corallini.[4][6]

Un ano despois do seu ingreso na Coral Polifónica Os Rumorosos foi nomeado director adxunto, e posteriormente, en 1947, foi nomeado director da agrupación, cargo que desempeñou durante máis de trinta anos, obtendo con este coro diversos premios en certames convocados na capital arxentina entre 1946 e 1966.[nota 4] Deste xeito comezaba a súa carreira como director coral, que continuou coa fundación, xunto co mestre Maiztegui, do coro do Centro Gallego de Buenos Aires, agrupación que tamén dirixiu durante varios anos.[7]

Paralelamente á súa actividade como director coral, Carlos López estudou co mestre ruso Jacob Ficher, que fora alumno de Rimsky-Korsakov, e que daquela estaba a traducir os Principios de Orquestación ao castelán, e con quen ampliou os seus coñecementos de contrapunto e estudou a fuga, composición e instrumentación.[4][7]

En 1954, despois de ter composto varias pezas para piano, outras para varias agrupacións de instrumentos de vento e a súa primeira obra orquestral, Festa. Sinfonieta, tiña lugar a súa presentación ao público que se produciu no Teatro Rivera Indarte de Córdoba. Dous anos despois, en 1956, estreou no Teatro Colón o ballet La farsa de la búsqueda que compuxo en colaboración co seu compañeiro de estudos Emilio Terraza, e que foi dirixida na súa estrea por Mauricio Kagel á fronte da Orquesta de Cámara del Teatro Colón. A pesar de que tan só tres dos seis números do ballet foran compostos por Carlos López, o éxito desta estrea valeulles a ambos a obtención dunha bolsa da Embaixada de Francia en Buenos Aires que, xunto co apoio de destacadas personalidades do galeguismo como Luís Seoane, lle permitiu ao compositor betanceiro embarcarse a París ese mesmo ano, iniciando unha estancia intermitente na capital francesa, onde continuou a súa formación musical durante seis anos.[2][4][7]

París editar

 
Darius Milhaud foi un dos mestres de Carlos López García-Picos no Conservatorio Nacional de París.

Carlos López partiu cara a París en 1957 e residiu na capital francesa ata 1959. Aínda que a súa estadía en Francia non foi moi duradeira no tempo, foi unha etapa fundamental na súa formación e desenvolvemento como compositor, xa que foi precisamente en 1957 cando a "Nova Música" comezou a romper o rigor formalista.[4][8] Alí recibiu clases de composición con Tony Aubin e Darius Milhaud no Conservatorio Nacional de París e, simultaneamente, estudou orquestración con Pierre Wissmer e dirección orquestral con Léon Barzin na Scholla Cantorum.[8]

Na capital francesa recibiu ensinanzas tamén de importantes personalidades como Olivier Messiaen, Henri Dutilleux, Florent Schmitt ou André Jolivet, nun obradoiro no que estes e outros compositores falaban das súas obras a un grupo de 15 alumnos. A importancia desta etapa queda evidenciada nas palabras do propio compositor anos máis tarde, cando declaraba:[8]

Foi un período moi positivo da miña vida, xa que me permitiu asistir a moitos concertos, audicións e leccións maxistrais polas que pasaron os principais intérpretes do mundo.[nota 5]

Non obstante, a bolsa que lle concedera a Embaixada de Francia en Buenos Aires non era suficiente para que puidese dedicarse en exclusiva á música, o que o obrigou a buscar diversos traballos, primeiro para a empresa Citroën e despois como mordomo do matrimonio Chaisemartin. De feito a bolsa que lle concederon non era suficiente nin para pagar a pasaxe para ir a París, o que lle fixo considerar o non empregala, como declarou:[8]

Foi precisamente Seoane quen me animou dicíndome que de ningún xeito debía perder esa bolsa, e que me axudaría co importe da pasaxe. Sei que falou con algunhas persoas deste problema e, a partir de aí, pode que fora Blanco Amor quen se interesou no tema.[nota 6]

En 1959 chegaba á súa fin a estadía de Carlos López García-Picos en París, durante a cal dirixiu o coro Alborada da Casa de Galicia parisiense. Tamén chegou a estrear varias composicións na capital francesa, entre as que destaca polo éxito de crítica o seu Preludio e tema con variacións para quinteto de vento, composta en Buenos Aires o ano no que partiu cara a París e estreada en 1958.[9][10] O compositor regresaba a Arxentina deixando unha Francia cuxo mundo musical se transformara, e onde acadara a perfección académica á hora de compoñer. Antes de deixar a capital francesa, Wissmer díxolle felicitándoo por un exercicio:[4]

Agora que xa coñece a técnica, gárdea e compoña como desexe facelo.[nota 7]

Regreso a Arxentina editar

En 1964, de volta en Buenos Aires, continuou a súa formación con Emilio Tejeda para familiarizarse coas novas técnicas de notación musical.[11] Ao mesmo tempo, Carlos López participou e promoveu a fundación da Asociación de Jóvenes Compositores de Argentina, na que ocupou varios cargos.[1] Esta asociación ofrecía a posibilidade aos seus membros, entre os que se encontraban compositores como Alejandro Pinto e Raúl Schemper, de estrear as súas obras grazas ao acordo que mantiña co Teatro Colón, o que posibilitou que todos os anos se realizasen estreas sinfónicas.[11]

Nesta etapa compuxo algunhas das páxinas máis significativas do seu catálogo. Tras varias estreas de obras de cámara escribiu a obra sinfónica Sindy, estreada en 1976 pola Orquesta Filarmónica de Buenos Aires e que foi elixida para representar á Arxentina nos Encontros de Música Contemporánea da UNESCO. Desta época tamén é salientable a estrea da súa obra "Ra-rá" pola mesma orquestra e no mesmo escenario, que recibiu un notable éxito de crítica.[1]

Porén, a situación no país suramericano durante a ditadura miliar arxentina non era sinxela e Carlos López foi detido en dúas ocasións, chegando mesmo a ir as autoridades a buscalo ao ensaio do coro que dirixía. Isto, xunto á intención de Carlos López de dedicarse integramente á composición, motivou que en 1984 o compositor deixase Arxentina para tornar a Galiza.[12][13]

Volta a Galiza editar

 
Centro de Arte Raíña Sofía.

O 11 de maio de 1984 regresou definitivamente a Galiza, instalándose primeiramente na Coruña durante uns meses, e posteriormente no seu Betanzos natal, onde compaxinou a docencia privada coa dirección dalgunhas agrupacións locais. Durante a súa estadía na Coruña traballou na súa Obertura ciclópea, unha obra sinfónica que continuaba a liña de busca de liberdade de Marsya (1983), á vez que coñecía a obra do compositor e clarinetista Jesús Villa-Rojo, cuxas posibilidades notacionais empregaría en composicións posteriores.[14]

Ao ano seguinte do seu regreso a Galiza tivo lugar a estrea en España das súas obras Scherzo, Preludio y fuga e Tema con variaciones dentro das "Primeiras Xornadas Culturais Betanceiras" da man do Quinteto de Vento da Coruña.[nota 8][13] En 1986 estreou no Centro Raíña Sofía de Madrid a súa obra camerística Josi-Tonadas, que ao ano seguinte foi interpretada tamén no Festival de Música do século XX de Bilbao, sendo nos dous casos un éxito.[14]

Durante estes anos, nos que se estableceu definitivamente na súa localidade natal de Betanzos, desenvolveu a súa etapa máis produtiva dende o punto de vista compositivo, actividade que se viu recompensada co feito de ser un dos compositores galegos máis presente nas programacións da Orquestra Sinfónica de Galicia, con varias estreas a cargo desta formación.[1]

A creación da Asociación Galega de Compositores editar

Dende o seu regreso a Galiza entrou en contacto con varios compositores galegos novos cos que fundou a Asociación Galega de Compositores (AGC), que naceu na Coruña o 22 de xuño de 1987.[1][15] Amais de López García-Picos, constituíron a Asociación compositores como Jorge Berdullas del Río, Juan Durán, Manuel Mosquera, Xavier de Paz, Paulino Pereiro e Juan Vara.[16]

A creación da Asociación Galega de Compositores foi a materialización da idea que tiña dende a súa chegada a Galiza. O fin da Asociación sería difundir a obra dos seus membros a través de concertos, discos e edición de partituras. Esta idea xurdiu logo de que Carlos coñecese a existencia da Asociación de Compositores Sinfónicos de España (ACSE) e a Associació Catalana de Compositors, o que lle fixo ver a necesidade de crear algo similar en Galiza.[13]

En 1992 formou parte da comisión organizadora do Congreso Iberoamericano de Compositores que se celebrou no Palau de la Música de Valencia, sendo un dos relatores. Tres anos despois, o 21 de abril de 1995 estreáronse tres das súas composicións para piano en Betanzos durante un concerto monográfico da súa obra pianística.[13]

Carlos López García-Picos foi o presidente da AGC dende a súa fundación ata 2001, cando pasou a ser nomeado socio de honra.[13] Asemade, tamén foi membro da Xunta Directiva da Confederación Española de Asociacións de Compositores Sinfónicos (CEACS).[1]

Morte editar

O 23 de decembro do 2009, García-Picos faleceu na localidade de Oleiros (A Coruña), despois dunha longa enfermidade que xa lle impedira asistir á estrea dunha das súas últimas obras orquestrais na Coruña en 2006.[17] As súas cinzas foron esparexidas pola ría de Betanzos no lugar da Cangrexeira, seguindo a súa última vontade. Na cerimonia dedicáronlle unhas palabras a súa filla Teresa López Ares e o presidente da Asociación Galega de Compositores, Paulino Pereiro, quen lembrou ao compositor como unha persoa humilde, que defendera as súas ideas, que se comprometía coas causas nas que cría e estaba convencido de que o ser humano podía mellorar o mundo, e para iso Pereiro afirmou, "decidiu armarse coa arma menos agresiva que coñecía: a música". Como homenaxe, a Banda Municipal de Música de Betanzos interpretou o Himno galego.[18][19][20]

Logo da súa morte, o daquela Conselleiro de Cultura Roberto Varela declarou:[17]

Con López-García perdemos a un dos nosos músicos máis universais, un home que permaneceu no esquecemento máis tempo do aconsellable pola calidade, a variedade e a riqueza da súa obra; un creador que estivo en contacto coas vangardas en Francia, onde foi alumno de Milhaud e Messiaen, e na Arxentina, e que unha vez dixo: «Pódese estudar en calquera parte, mais a importancia de viaxar ao estranxeiro reside na posibilidade de traballar cos grandes mestres e tentar escribir obras tan complexas como aquelas que admiras». El logrouno e o seu exemplo debe servir para poñer en valor a obra dos nosos compositores de hoxe, quen viven aquí e os que traballan fóra. Ese, dende logo, é o noso obxectivo.

Obra editar

García-Picos deixou un amplo catálogo formado por 141 obras, froito tanto da súa lonxevidade como da súa dedicación ao métier de compoñer, cun gran número de obras sinfónicas, cuartetos, obras pianísticas, para violoncello e para diversas formacións camerísticas. A maior parte da súa produción é música de cámara, que supón o 43% do total da súa obra, mentres que a música orquestral e a música para piano supoñen o 28% e 21% da súa produción. Por outra banda, a maior parte da súa produción foi composta en Betanzos (68%), mentres que algo menos dun terzo foi realizada cando o compositor residía en Buenos Aires.[21]

O compositor betanceiro cedeu os dereitos dalgunhas das súas obras á Organización das Nacións Unidas (ONU).[22] Despois da súa morte, o pleno do Concello de Betanzos aprobou por unanimidade unha proposta do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego para recompilar, gravar e editar a súa obra.[19]

Características xerais editar

 
Algúns aspectos da obra de Igor Stravinskii (na imaxe) influíron na obra de Carlos López García-Picos.

Na súa produción musical nunca renunciou ás súas raíces galegas, aínda que en sentido máis amplo, pode considerarse un músico comprometido co seu tempo e coñecedor das vangardas.[22] A maior constante da música de Carlos López García-Picos é a enerxía, entendida dende un punto de vista amplo.[23] Cando regresou a Galiza fundou a Asociación Galega de Compositores e involucrouse no labor de promover en Galiza a música máis vangardista.[22]

Aínda que o estilo compositivo de Carlos López García-Picos foi evolucionando na procura de diversos camiños, mesmo ás veces afastados ou contraditorios, existen elementos recorrentes na súa obra, como é o caso da disonancia, e especialmente da segunda menor, que é empregada polo compositor betanceiro para construír acordes e arpexos que proporcionasen sonoridades ásperas e duras, chegando a outorgarlle á disonancia unha función construtiva. Aínda así, a disonancia non é unha constante na súa obra, con excepcións notables coma o seu Concerto para trompeta e orquestra, o cal foi definido polo compositor como "unha obra moi melodiosa e contemporánea, mais sen disonancias".[23]

Carlos López García-Picos alternaba frecuentemente estas pasaxes disonantes con contrastes bruscos (xeralmente interrupcións bruscas ou movementos lentos cunha linguaxe tonal e de gran lirismo). Esta brusquidade é outro dos seus trazos máis característicos, e aplicouna tanto na tímbrica, a textura, os matices, como sobre todo na utilización de silencios. A influencia de Igor Stravinskii maniféstase no uso de ritmos enérxicos e na concepción do piano como instrumento de percusión.[23]

Aínda que nunca desbotou o uso do folclore galego, López García-Picos rexeitou a cita directa, á que asociaba con xeitos de pensar e compoñer propios do século XIX. Pola contra, apostou por empregalo seguindo desenvolvementos actuais que supuxeran mirar cara a adiante en lugar de volver ao pasado.[23]

Etapas compositivas editar

A evolución da linguaxe de Carlos López García-Picos está ligada ás influencias dos profesores cos que estudou e ao ámbito musical que o rodeou nas distintas etapas da súa vida. Poderían distinguirse tres etapas ao longo da súa carreira: unha ata a súa marcha a París, unha segunda etapa durante a súa estadía na capital francesa, e unha etapa final.[23]

Primeira etapa

A primeira etapa mostra a influencia do seu primeiro mestre en Buenos Aires, Jacob Ficher, quen o iniciou no contrapunto e que exerceu a súa influencia nas primeiras composicións, que o propio Carlos López denominou "experimentais".[23]

Segunda etapa

Coa súa marcha a París comezou a segunda etapa. Esta etapa foi decisiva na súa formación musical, tanto polas clases que recibiu no Conservatorio Nacional de París da man de Tony Aubin e Darius Milhaud e na Scholla Cantorum con Léon Barzin, como polo contacto con compositores coma Olivier Messiaen, Henry Dutilleux, Florentz Schmitt ou André Jolivet ou a súa asistencia aos concertos do «Domaine musical» de Pierre Boulez. Deste xeito, López García-Picos entrou en contacto con algunhas das figuras máis destacadas dos movementos de vangarda europeos.[23]

Estas influencias traducíronse ao seu regreso a Buenos Aires nun entronque estético coa linguaxe franco-xermana dos anos 1960, prestando especial predilección polo uso de instrumentos de vento. A música deste período non sufriu as influencias dos movementos norteamericanos, mais a súa concepción formal tendeu á desestruturación e cara a un refinamento expresivo que se sintetiza na súa obra sinfónica Sindy, unha obra que amosa a súa maduración e unha toma de posición radical.[24]

Terceira etapa

Nesta última etapa, Carlos López García-Picos comeza a explorar a linguaxe aleatoria. O uso desta linguaxe apréciase en distintos graos nas súas obras, dende o uso extremo de Josi-Tonadas e Moni-Tonadas, a utilización en pasaxes breves de Promenade ou Sindy, ou un nivel intermedio como en Motivaciones 2 e 14 estructuras para piano. Mais non se pode considerar esta etapa como unha etapa aleatoria, xa que o compositor seguiu unha liña evolutiva descontinua a través do tempo que se exemplificaría co Rondó caprichoso, composto despois de Josi-Tonadas, que está escrito nunha linguaxe totalmente distinta que mesmo semella unha regresión ás súas primeiras composicións camerísticas.[23]

Personalidade editar

A súa filla, no prólogo ao catálogo das súas obras realizado por Javier Ares Espiño, refírese a Carlos López García-Picos como unha persoa xenerosa e afable, cunha personalidade magnética e extremadamente social, que posuía un espírito de loita infatigable na axuda aos inmigrantes galegos en Buenos Aires, e unha gran coherencia social e política.[25]

A súa vida estivo envorcada principalmente na creación musical, e sempre evitou aparencias e ouropeis. López García-Picos amaba "o pequeno", o que non brillaba, ata o punto de dedicar algunhas das súas obras a animais que o rodearon ao longo da súa vida como nas súas obras sinfónicas Sindy e Nansen. En palabras da súa filla:[25]

... tal era o seu xenio brillante que traspasaba o evidente, tratábase pois, dunha persoa "extraordinaria".

— Teresa B. López Ares[nota 9]

Legado editar

A influencia de Carlos López García-Picos na obra doutros compositores é difícil de estimar, xa que a maior parte da súa produción musical era descoñecida ata hai pouco e moitas das súas composicións non foran estreadas nin editadas, polo que esta influencia restrínxese ao asociacionismo musical, tanto na Arxentina como en Galiza. Foi un dos creadores da Asociación Galega de Compositores co obxectivo de difundir a obra dos seus membros e de homenaxear a compositores do país xa desaparecidos.[26]

Con todo, a súa situación ao volver da Arxentina foi tornándose decepcionante, xa que a súa intención de atopar un traballo que lle permitise vivir comodamente viuse truncada, o que non evitou que seguise a dedicar as súas enerxías á composición ata o final da súa vida, sen importarlle que a súa obra fora interpretada, e sabendo que acabaría sendo valorada na súa xusta medida.[26]

Premios e recoñecementos editar

O Concello de Betanzos bautizou co nome do compositor ao Conservatorio Municipal.

O labor de Carlos López García-Picos foi recoñecido con numerosos premios e recoñecementos de diversas institucións, entre elas a UNESCO.[22] En 1996 recibiu o Premio da Crítica Galicia de Música.[27]

López García-Picos obtivo un considerable recoñecemento na Arxentina, conseguindo varios premios a nivel nacional no país suramericano, o que contrasta coa escasa repercusión que a súa música tivo en España.[26]

Pouco despois da súa morte o Concello de Betanzos aprobaba darlle o nome do compositor ao conservatorio local, ao mesmo tempo que anunciaba que iniciaría os trámites para nomealo fillo predilecto da cidade. Con todo, o seu nomeamento como fillo predilecto xa aparecía reflectido nun acordo do pleno betanceiro aprobado por unanimidade en 2007. No acto, no que estiveron presentes todos os grupos da corporación municipal, todos os asistentes coincidiron en considerar a Carlos López García-Picos como "a figura máis destacada da música de Betanzos".[19]

Por outra banda, a Asociación de Veciños da Magdalena e a Condomiña, barrio do que era orixinario o músico e onde foron esparcidas as súas cinzas, realizoulle outra homenaxe no 2013 cunha conferencia na que recordaron os seus anos neste lugar.[28][29][30][31]

Notas editar

  1. O 19 de outubro é a data que figura na súa partida de nacemento, mentres que na partida de bautismo figura o 15 de outubro.
  2. Cita orixinal en castelán: Diose cuenta de una comunicación del Sr. Director de la escuela y banda de música municipal en la que participa que el alumno de la citada escuela de música, Carlos López, se halla en condiciones de ocupar una plaza, en la citada banda, el que podía desempeñar una que se halla vacante, con la consignación presupostaria de 240 pesetas.
  3. Non se sabe con certeza a data exacta na que o compositor embarcou cara á Arxentina, mentres que Marcelino Álvarez López no seu Carlos López García, un músico betanceiro (El Norte de Galicia, 22 de febreiro de 1981) sinala ao 2 de marzo, a "Autobiografía" nas notas á súa Tocata ecolóxica (Cuadernos de «Música en Compostela» nº VIII. Santiago de Compostela, 1994) indica o mes de febreiro. Posiblemente as dúas datas sexan correctas e fagan referencia á saída de Galiza e á chegada á Arxentina, xa que a viaxe era realizada en barco e duraba varias semanas.
  4. O seu labor á fronte do coro só se interrompeu durante os anos que o compositor pasou en París.
  5. Cita orixinal en castelán: Fue un período muy positivo de mi vida, ya que me permitió asistir a muchos conciertos, audiciones y lecciones magistrales por las que pasaron los principales intérpretes del mundo.
  6. Cita orixinal en castelán: fue precisamente Seoane quien me animó diciéndome que de ninguna manera debía perder esa beca, y que me ayudaría con el importe del pasaje. Sé que habló con algunas personas de este problema y, a partir de ahí, puede que fuese Blanco Amor quien más se interesó del tema.
  7. Cita na fonte en castelán: Ahora que ya conoce la técnica, guárdela y componga como desee hacerlo.
  8. Neste concerto tivo lugar o debut como compositor de Juan Durán coa estrea absoluta de Hiperión.
  9. Cita orixinal en castelán: ... tal era su genio brillante que traspasaba lo evidente, se trataba pues, de una persona «extraordinaria».
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Asociación Galega de Compositores (ed.). "Compositores. Carlos López García-Picos". Consultado o 22 de febreiro de 2015. 
  2. 2,0 2,1 Ares, Javier. "A composición galega dende o exilio arxentino". Consello da Cultura Galega. Consultado o 23 de febreiro de 2015. 
  3. (Ares Espiño 2011, p. 18-20)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 (Carreira 1988, pp. 196-198)
  5. (Ares Espiño 2011, p. 22)
  6. 6,0 6,1 (Ares Espiño 2011, p. 23)
  7. 7,0 7,1 7,2 (Ares Espiño 2011, pp. 26-27)
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 (Ares Espiño 2011, p. 28)
  9. (Ares Espiño 2011, p. 31)
  10. (Ares Espiño 2011, p. 50)
  11. 11,0 11,1 (Ares Espiño 2011, pp. 31-32)
  12. (Ares Espiño 2011, p. 36)
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 (Ares Espiño 2011, pp. 37-40)
  14. 14,0 14,1 (Carreira 1988, pp. 211-213)
  15. Asociación Galega de Compositores (ed.). "Presentación". Consultado o 7 de marzo de 2015. 
  16. Asociación Galega de Compositores (ed.). "Historia". Consultado o 7 de marzo de 2015. 
  17. 17,0 17,1 "Fallece el decano de los compositores gallegos, Carlos López-García". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de decembro de 2009. Consultado o 23 de febreiro de 2015. 
  18. "Despedida ao compositor Carlos López García-Picos". La Voz de Galicia. 28 de decembro de 2009. Consultado o 5 de xullo de 2015. 
  19. 19,0 19,1 19,2 "Betanzos nombrará hijo predilecto a Carlos López-García". La Opinión (A Coruña) (en castelán). 10 de febreiro de 2010. Consultado o 7 de marzo de 2015. 
  20. (Ares Espiño 2011, pp. 42-43)
  21. (Ares Espiño 2011, pp. 77-78)
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 Aula Virtual de Contrabajo (ed.). "Compositores actuais. Carlos López García-Picos". Arquivado dende o orixinal o 13 de xaneiro de 2016. Consultado o 3 de marzo de 2015. 
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 23,4 23,5 23,6 23,7 (Ares Espiño 2011, pp. 79-80)
  24. (Carreira 1988, p. 203)
  25. 25,0 25,1 Teresa Beatriz López Ares. Prólogo ao Catálogo de Carlos López García-Picos elaborado por Javier Ares Espiño.
  26. 26,0 26,1 26,2 (Ares Espiño 2011, pp. 80-81)
  27. "Os premios nos últimos anos. Carlos López García-Picos". Fundación Premios da Crítica Galicia. Arquivado dende o orixinal o 21 de febreiro de 2015. Consultado o 21 de febreiro de 2015. 
  28. "Traballos Académicamente Dirixidos - Departamento de Historia Contemporánea y de América - USC". www.usc.es. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2015. Consultado o 2016-01-16. 
  29. "Betanzos - Castelao, Blanco Amor e Seoane eran os seus amigos, pero dos de verdade". El Ideal gallego. Consultado o 2016-01-16. 
  30. "BETANZOS - A Magdalena, de Vicente Ferrer a López García-Picos". El Ideal gallego. Consultado o 2016-01-16. 
  31. "Vecinos de A Magdalena repasarán la trayectoria de García-Picos con la ayuda del historiador Suso Torres". galego.laopinioncoruna.es. Arquivado dende o orixinal o 18 de outubro de 2019. Consultado o 2016-01-16. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar