Wikipedia:Categorías

Atallos:
WP:C
WP:CAT

As categorías son unha das formas de organizar tematicamente os artigos da Galipedia, e esta páxina contén as normas de uso da función de categorización. Todos os artigos da Galipedia deberían estar en, polo menos, unha categoría, e o obxectivo do sistema de categorías é fornecer ligazóns de navegación nas páxinas da Galipedia mediante un sistema xerárquico, para que o lector poida navegar de forma máis doada e rápida por páxinas relacionadas por determinados temas e conceptos. Para este propósito poden utilizarse de forma complementaria tamén as listas e as caixas de navegación.

Para información sobre a mecánica desta función e a sintaxe podes consultar a páxina de axuda correspondente. Para propoñer cambios nas categorías existentes, levar a cabo unha recategorización complexa ou propoñer unha nova xerarquía de categorías por favor coméntao primeiro coa comunidade na Taberna.

Convención de nomes para as categorías editar

Á hora de asignarlle un nome a unha categoría cómpre ter coidado para escoller o nome axeitado. O movemento dunha categoría a outro nome por mor dun erro ou por non ter un nome axeitado implica un traballo adicional, ó precisarse unha edición por cada artigo e subcategoría.

Consideracións xerais editar

Consideracións especiais editar

  • En determinadas instancias unha categoría temática e unha categoría de conxuntos poden ter nomes semellantes, sendo habitualmente a temática a singular e a de conxuntos a plural. Por exemplo, "Categoría:Ópera" é unha categoría temática (contendo artigos e subcategorías relacionadas co tema), mentres que "Categoría:Óperas" é unha categoría de conxuntos (contendo artigos sobre óperas específicas). Cómpre ter precaución á hora de escoller a categoría correcta para os artigos neste tipo de casos.
  • Cando exista un número considerable de listas nunha temática concreta, pode ser útil crear unha categoría propia para elas, como por exemplo "Categoría:Listas de países". Este tipo de categorías só debe conter páxinas de listas.
  • As categorías de Wikiproxectos levan o prefixo "Categoría:Wikipedia:Wikiproxecto..." no seu nome, e as categorías de Portais levan o prefixo "Categoría:Portal:..." no nome.
  • As categorías empregadas para a administración da Galipedia levan o prefixo "Categoría:Wikipedia:..." cando é preciso previr unha posible confusión coas categorías de contido.

Creación de páxinas de categorías editar

Para crear unha categoría precísase determinar un nome axeitado para a mesma, e cal vai ser a súa categoría nai. O método máis habitual para crear unha categoría é engadir un artigo á mesma, editando a páxina do artigo. Tras isto a categoría aparecerá en vermello, e facendo clic nela pode crearse a súa páxina correspondente. A páxina de axuda correspondente ás categorías ten máis detalles sobre o proceso de creación de categorías.

En ocasións pode ser útil incluír unha pequena descrición da categoría, sobre todo cando o seu título non é moi descritivo, cando é un termo técnico ou cando pode dar lugar a confusións. Esta descrición debe conter soamente afirmacións sobre os criterios polos que se deben incluír ou non os artigos nesa categoría. Tamén poden utilizarse determinados modelos para axudar na comprensión do propósito da categoría, coma {{Artigo principal}} para ligar directamente ó artigo correspondente con máis detalles sobre o tema. É tamén habitual incluír ligazóns a categorías de proxectos irmáns, habitualmente Commons. Da mesma forma que as páxinas de homónimos, as categorías non deben conter citas a fontes fiables ou ligazóns externas.

As páxinas de categorías amosan un máximo de 200 entradas por pantalla. Para facilitar a navegación dentro das categorías con moitos artigos ou subcategorías, pode incluírse un índice particular para categorías, habitualmente incluíndo o modelo {{TOC categoría}}. As subcategorías divídense alfabeticamente da mesma forma que os artigos. As interwikis funcionan da mesma forma nas categorías e nos artigos, e deben definirse cando sexa posible para ligar ás categorías correspondentes nas Wikipedias doutras linguas.

Redireccións de categorías editar

Non se deben crear redireccións para as categorías, tal e como se indica na política correspondente.

Categorización de páxinas editar

Tódalas páxinas da Wikipedia deben pertencer polo menos a unha categoría, agás as páxinas de conversa, redireccións e páxinas de usuario. Por norma xeral, as páxinas deben categorizarse soamente na subcategoría ou subcategorías máis específicas ás que pertencen loxicamente. As categorías forman parte dunha xerarquía, polo que non deben engadirse sen máis como se fosen etiquetas de metadatos.

Artigos editar

A categorización de artigos debe ser verificable. Debe estar claro, a partir da información verificable presente no artigo, por qué está incluído o mesmo en cada unha das súas categorías. A categorización debe tamén manter un punto de vista neutral, tanto no momento de crear categorías como á hora de engadilas ós artigos. Un dos conceptos centrais empregados na categorización de artigos é o das características definitorias do tema tratado no artigo. Unha característica definitoria é aquela que as fontes fiables utilizan de forma común e consistente para definir ó tema concreto, como a profesión ou nacionalidade dunha persoa ou a localización dun lugar.

Algunhas das consideracións particulares á hora de categorizar artigos son as seguintes:

  • Por convención, as declaracións de categorías sitúanse ó final do texto wiki dos artigos e páxinas da Wikipedia.
  • A orde das categorías non segue unha regra específica, aínda que unha categorización parcialmente alfabética pode axudar en determinadas ocasións. Por norma xeral as categorías máis esenciais e significativas deben situarse primeiro.
  • Os artigos non deben deixarse con categorías non existentes (en vermello). Neste tipo de casos debe crearse a categoría, eliminarse do artigo ou mudarse por outra que si exista.
  • A categorización non debe facerse polo tipo de artigo. Por exemplo, un artigo biográfico sobre unha personalidade non pertence á Categoría:Biografía.
  • Os artigos sobre temáticas de ficción non deben categorizarse de forma que poidan confundirse con temáticas reais.

Categorías epónimas editar

Unha categoría que trata exactamente sobre o tema do artigo coñécese como a súa categoría epónima. Por exemplo, Nova York e Categoría:Nova York ou Rosalía de Castro e Categoría:Rosalía de Castro

No caso de artigos con categorías epónimas:

  • O artigo en si mesmo debe estar unicamente na categoría epónima, ordenado cun espazo en branco para aparecer ó comezo da categoría. O resto de categorías ás que pertencería normalmente o artigo inclúense como categorías nai da súa categoría epónima.
  • O artigo debe listarse como o artigo principal da categoría utilizando o modelo {{Artigo principal}}.
  • Por norma xeral, e en particular no caso de nomes de persoas, lugares ou organizacións, o título da categoría epónima debe coincidir co título do artigo correspondente.

Ficheiros e imaxes editar

Os ficheiros e imaxes cargados na Galipedia tamén poden e deben categorizarse. As categorías amosan os ficheiros nunha sección separada, cunha miniatura de cada unha deles. As imaxes e ficheiros inclúense dentro de categorías propias, habitualmente de nome "Categoría:Imaxes de...", que a súa vez son subcategorías dun tema particular ó mesmo tempo que están dentro da árbore da categoría xeral Categoría:Imaxes. Para categorizar un novo ficheiro no momento da súa carga, simplemente hai que engadir o código wiki da categoría no resumo de carga. Os ficheiros cargados en Commons tamén poden categorizarse localmente seguindo este mesmo esquema de categorías.

Categorías administrativas da Galipedia editar

As categorías administrativas distínguense da seguinte forma:

  • As categorías administrativas están destinadas ós editores ou ferramentas automatizadas, baseadas en características do estado actual dos artigos, ou utilízanse para categorizar páxinas que non sexan artigos.
  • As categorías de contido son as propias da enciclopedia, que axudan ó lector a atopar artigos, baseadas nas características propias dos temas tratados nos artigos.

As categorías administratirvas inclúen entre outras as categorías de artigos en progreso, as categorías de mantemento, as categorías de seguimento (por exemplo Categoría:Artigos destacados), as categorías de Wikiproxectos e as categorías nos espazos de nomes distintos ó principal (as categorías de modelos ou as de proxecto)

Por norma xeral, e en particular cando poden dar lugar a equívocos polas posibles semellanzas con categorías de contido, as categorías administrativas adoitan levar o nome seguindo o formato "Categoría:Wikipedia:"

As páxinas de artigos deben manterse fóra das categorías administrativas na medida do posible. Por exemplo, os marcadores que xeran categorías de wikiproxectos deben situarse nas páxinas de conversa dos artigos, e non nos propios artigos. No caso de que unha categoría administrativa deba ir directamente no artigo (habitualmente por mor dun marcador de mantemento situado no mesmo), a categoría debería ser na maioría dos casos unha categoría oculta.

Categorías ocultas editar

Nos casos en que as categorías administrativas aparezan directamente nos artigos, por norma xeral estas deben converterse en categorías ocultas para que non se amosen ós lectores por defecto.

Para agochar unha categoría, pode incluírse o modelo {{categoría oculta}} na páxina da propia categoría, que á súa vez utiliza a palabra máxica __CATEGORÍAOCULTA__. Isto inclúe a categoría dentro de Categoría:Wikipedia:Categorías ocultas automaticamente.

Os usuarios rexistrados poden escoller ver tódalas categorías ocultas seleccionando "Amosar as categorías ocultas" na lapela "Aparencia" das súas Preferencias. As categorías ocultas lístanse ó final da páxina nas vistas previas, e na ligazón "Información da páxina" da barra de ferramentas.

Páxinas de usuario editar

As páxinas de usuario non son artigos, e polo tanto non deben incluírse dentro da árbore de categorías de contido, coma Categoría:Escritores de Galicia. Si poden incluírse en categorías propias de usuarios (subcategorías de Categoría:Wikipedia:Usuarios) co propósito de axudar na colaboración entre usuarios.

Da mesma forma as subpáxinas de usuario que sexan bosquexos ou versións non rematadas de artigos futuros deben manterse fóra da árbore de categorías de contido. Se copias un artigo dende o espazo de nomes principal, dende a propia Galipedia ou outra Wikipedia, ó teu espazo de nomes e xa contén categorías, debes eliminalas ou agochar cun comentario (<!-- -->), recuperándoas cando volvas a mover a páxina ó espazo de nomes principal.

Categorización de modelos editar

Os modelos categorízanse dentro da árbore de categorías de Categoría:Wikipedia:Modelos, segundo o tipo de modelo pero non segundo contido. Por exemplo, o Modelo:Comarcas de Galicia inclúese dentro de Categoría:Caixas de navegación de comarcas de Galicia, pero non dentro de Categoría:Comarcas de Galicia. Se se considera necesario, a propia categoría que contén os modelos pode incluírse dentro da categoría de contido correspondente a modo de subcategoría, de forma semellante ás subcategorías de imaxes, separándoa do resto de categorías mediante unha chave de ordenación.

Categorización por medio de modelos editar

Existen diversos modelos que inclúen declaracións de categorías no seu código, co propósito de incluír as páxinas que transclúen eses modelos en determinadas categorías de seguimento de forma automática. Isto é habitual para certos tipos de categorías administrativas, de seguimento e de mantemento.

Porén, os modelos non deben incluír os artigos nas categorías ordinarias de contido por medio deste método, xa que de facelo os editores non poden ver a categoría no texto wiki, complica o proceso de eliminación ou reestruturación da categoría, pode dar lugar a que páxinas indebidas se engadan tamén a categoría, as chaves de ordenación poden non funcionar debidamente, a orde das categorías non pode controlarse da mesma forma e a procura de páxinas dentro dunha categoría pode non funcionar correctamente.

Chaves de ordenación editar

As chaves de ordenación (inglés: sort keys) precísanse en determinadas ocasións para que as páxinas de categorías amosen as páxinas e subcategorías nunha orde correcta ou seguindo un criterio determinado.

Consideracións para as chaves de ordenación editar

  • As categorías sobre persoas adoitan ordenarse polo apelido primeiro (apelido, nome).
  • Os diacríticos e maíusculas/minúsculas tratanse da mesma forma (ignóranse). Por exemplo, as chaves "Baé", "Båf" e "BaG" resultarían nesa mesma orde.
  • O artigo principal dunha categoría (o devandito epónimo), se existe, debe ordenarse cun espazo en branco como chave de ordenación para que apareza ó comezo da categoría. Exemplo: [[Categoría:Exemplo| ]]
  • Para moitos nomes en galego ou noutras linguas que comezan con artigos (galego: a, o, as, os, inglés: a, an, the, castelán: el, la, los) adoita empregarse unha chave de ordenación que os omite. Por exemplo: {{ORDENAR:Lady, The}}. Porén, tamén poden darse casos de nomes propios de lugares, organizacións ou outras entidades nas que non se fai desta forma. Por exemplo: {{ORDENAR:El Paso}}. O criterio a seguir dependerá en cada caso do contido e ámbito de cada categoría, pero dentro dunha mesma categoría cómpre seguir un criterio unificado.
  • Os guións, apóstrofos, comas e puntos son as únicas marcas de puntuación que deben incluírse nas chaves de ordenación por norma xeral. Nos nomes anglosaxóns que comezan con O', si cómpre non incluír o apóstrofo. Por exemplo: {{ORDENAR:Oneill, Eugene}}.
  • As entradas numéricas en ocasións precisan chaves de ordenación particulares para asegurar que seguen un orde numérico. Por exemplo, Xoán IX, papa debe ter unha chave de ordenación do tipo "Xoán 9". Para a numeración árabe non debe incluírse ningún signo de puntuación (puntos ou comas). Por exemplo, a chave de ordenación de 10,000 Maniacs é "10000 Maniacs". Dentro dunha mesma categoría deste tipo cómpre que tódalas subcategorías e artigos sigan un mesmo sistema de ordenación.
  • As chaves de ordenación sistemáticas empréganse tamén noutras categorías nas que a orde lóxica non sexa alfabética. Por exemplo, as categorías dentro de Categoría:Cine por ano levan a chave de ordenación do ano particular, polo que a chave de ordenación de Categoría:Cine en 2009 é "2009". De novo, dentro dunha categoría debe seguirse un mesmo criterio sempre.
  • Nalgunhas categorías empréganse as chaves de ordenación para excluír prefixos que son comúns a tódalas ou gran parte das entradas, ou que non se consideran importantes (por exemplo "lista de").
  • Algunhas subcategorías de conxuntos particulares adoitan levar unha chave de ordenación que comeza cun espazo en branco, para que aparezan antes da listaxe alfanumérica principal.
  • Para situar entradas trala lista alfabética principal, empréganse chaves de ordenación que comezan con "ʘ". Isto aplica para os libros, portais, modelos e Wikiproxectos.
  • Se unha páxina vai levar a mesma chave de ordenación en todas ou gran parte das súas categorías, pode empregarse a palabra máxica {{ORDENAR}}. Esta sitúase xusto antes das declaracións de categoría.

Organización da árbore de categorías editar

 
Vista parcial da árbore de categorías de Categoría:Rosalía de Castro

As categorías organízanse en forma de árbores de categorías sobrepostas, formadas polas ligazóns entre as categorías relacionadas (matematicamente, nun conxunto parcialmente ordenado). Calquera categoría pode conter ou dividirse en subcategorías, e pode darse o caso de que unha categoría teña máis dunha categoría nai.

A categoría principal no nivel máis alto é Categoría:Índice. O resto de categorías penduran desta, e tódalas categorías agás esta primeira debe ser unha subcategoría de polo menos outra categoría.

Existen dous tipos principais de categorías:

Subcategorización editar

 
Os elementos poden pertencer a máis dunha categoría, pero xeralmente non a unha categoría e a categoría nai desta. Un elemento pode pertencer a varias subcategorías dunha categoría nai, como se amosa na imaxe.

Se a pertenza lóxica dunha categoría implica a pertenza lóxica dunha segunda, entón a primeira categoría debe ser unha subcategoría (directa ou indirecta) da segunda. Por exemplo, Categoría:Marsella é unha subcategoría de Categoría:Cidades de Francia, que a súa vez é subcategoría de Categoría:Xeografía de Francia.

Moitas subcategorías poden ter dúas ou máis categorías nai. Por exemplo, Categoría:Xeografía de Portugal é unha subcategoría de Categoría:Xeografía por país e de Categoría:Portugal. Á hora de incluír unha categoría como subcategoría doutra, cómpre asegurarse de que os membros da subcategoría realmente deberían pertencer á categoría nai tamén. As cadeas de categorías formadas polas relacións de nai-filla non deben formar nunca bucles pechados, isto é, ningunha categoría debe estar contida como subcategoría dunha das súas propias subcategorías. Se dúas categorías teñen moita relación, pero non forman unha relación directa de subconxunto, as ligazóns entre elas poden incluírse no propio texto da páxina da categoría (por exemplo, empregando o modelo {{Véxase tamén}}).

En xeral os artigos deben categorizarse na parte máis baixa da xerarquía de categorías como sexa posible, sen duplicarse en categorías nais de niveles superiores. Noutras palabras, unha páxina ou categoría, por norma xeral, non debe incluírse nunha categoría e nunha subcategoría ou supercategoría desta. Por exemplo, París só debe ir na categoría Categoría:París, e non en Categoría:París e Categoría:Cidades de Francia.

Aínda que algúns marcadores de mantemento inclúen os artigos de forma automática nalgunhas categorías de mantemento, isto non conta como categorización para o propósito da Wikipedia. Un artigo que xa estea dentro de unha ou máis categorías de mantemento debe incluírse tamén dentro das categorías de contido máis axeitadas que apliquen en cada caso.

Dispersión de categorías editar

Malia que non hai un límite para o tamaño das categorías, as máis grandes adoitan dividirse ("dispersarse") en categorías máis pequenas e máis específicas. Por exemplo, Categoría:Ríos de Europa divídese por país nas subcategorías Categoría:Ríos de Albania, Categoría:Ríos de Alemaña etc.

Unha categoría pode dispersarse usando varios esquemas coexistentes. Por exemplo, Categoría:Álbums musicais divídese por produtor, por intérprete, por ano, por selo discográfico etc. Neste exemplo a Categoría:Álbums de Slipknot non se inclúe directamente en Categoría:Álbums musicais, senón na subcategoría Categoría:Álbums por intérprete, que a súa vez é unha subcategoría de Categoría:Álbums musicais. Nalgúns casos pode darse tamén que unha categoría só estea dispersada parcialmente, con algúns membros situados en subcategorías e outros manténdose na categoría principal.

Véxase tamén editar