Wikipedia:Spam
Esta páxina contén políticas e normas oficiais da Galipedia. Ten unha ampla aceptación entre os editores desta Wikipedia e considérase un estándar que todos os usuarios deben seguir. Agás para edicións pequenas, por favor, use a páxina de conversa para propoñer cambios nestas directrices. Esta política aprobouse nesta votación que tivo lugar desde o 29/03/2019 ata o 28/04/2019. |
Facer spam consiste en engadir contido á Wikipedia coa intención de promover ou facer publicidade dunha organización, individuo ou idea externa, e considérase prexudicial para a enciclopedia, polo que non se debe perturbar a Wikipedia con spam. En caso de atopar spam, debe eliminarse ou reescribirse o contido para eliminalo. Na Wikipedia danse tres tipos principais de spam: Os anuncios que se enmascaran como artigos e contribucións ós mesmos, o spam de ligazóns externas e o spam nas referencias coa intención de promover a un autor ou obra particular.
Anuncios enmascarados como artigos
editarOs artigos que se consideran anuncios enmascarados inclúen aqueles que promoven un negocio, produto ou servizo, ou están redactados en formas de nota pública deseñada para promover unha compañía ou un individuo. O spam nos artigos da Wikipedia adoita detectarse polo uso de linguaxe comercial e a inclusión de ligazóns externas a páxinas web comerciais. Porén, é necesario diferenciar correctamente os artigos que constitúen spam dos artigos lexítimos sobre entidades comerciais.
Cando un artigo sobre un tema enciclopédico presenta unha redacción promocional, xeralmente pode reescribirse seguindo un punto de vista neutral. Porén, os artigos que tentan enmascararse como artigos lexítimos de forma flagrante deben eliminarse ó momento. Isto tamén aplica a páxinas no espazo de nomes de usuario. En caso de dúbidas, os artigos potencialmente promocional publicados na Wikipedia poden propoñerse para o seu borrado. En ocasións parte ou a totalidade do contido promocional deberá eliminarse ó momento se viola os dereitos de autoría de terceiros, xa que o spam adoita estar copiado doutros sitios web de terceiros. Antes de eliminar por completo un artigo promocional, é desexable procurar no historial do propio artigo se existe unha versión aceptable do mesmo, e nese caso reverter a esa última versión aceptable do mesmo.
Spam de ligazóns externas e referencias
editar- Véxase tamén: Wikipedia:Ligazóns externas.
Engadir ligazóns externas a un artigo ou páxina de usuario co único propósito de promover un sitio web ou un produto non está permitido e considérase spam. Malia que unha ligazón particular pode ser axeitada en determinadas circunstancias, na maioría dos casos engadir de forma repetida unha mesma ligazón dará lugar ó borrado da mesma.
Spam de citas
editarO spam de citas consiste no uso impropio ou ilexítimo das citas ao pé ou as referencias. Este tipo de spam é unha forma de optimización en motores de procura ou de promoción, que habitualmente consiste na inserción repetida dunha cita ou referencia particular en múltiples artigos por parte dun só editor. Xeralmente estas citas e referencias engádense non para verificar o artigo do contido, senón para poboar un gran número de artigos cunha cita particular. Engadir citas a unha obra de autoría propia ou substituír ligazóns válidas, mortas ou non, con outras ligazóns a sitios comerciais ou blogs propios son tamén outros tipos de spam de citas. O uso das citas e referencias con este obxectivo é unha forma sutil de facer spam, polo que non deben confundirse coas edicións de boa fe que teñen a única intención de verificar o contido do artigo e axudar na construción da enciclopedia.
Spam de ligazóns de afiliado
editarOs códigos de afiliación ou de comisión son códigos que se engaden a algúns enderezos URL de páxinas comerciais para que un terceiro consiga unha comisión de venda no caso de que o usuario que accede por medio da ligazón que inclúe o código adquira un produto na páxina web de destino.
Aínda que estean relacionadas co tema do artigo ou sexan unha páxina oficial do mesmo, as ligazóns externas que conteñan códigos de afiliación ou de comisión considéranse spam. Se a páxina web ligada é axeitada sen eles, deben eliminarse todos estes tipos de códigos do enderezo URL ligado. Nestes casos o código pode localizarse habitualmente ó final do enderezo URL, da forma http://enderezoURLcorrecto.com/?a=xyzxyzxyz
, sendo o código a eliminar a parte final ?a=xyzxyzxyz
.
Spam de vídeos
editarEngadir ligazóns a vídeos en liña gratuítos que promoven un sitio web ou un produto non está permitido. É habitual que estes vídeos estean cargados de forma que violan os dereitos de autoría dos autores orixinais, o que engade un motivo adicional para non ligalos. Un vídeo pode considerarse spam se:
- Inclúe un cartel ou texto que cubre unha parte do vídeo e que liga ou apunta a unha páxina web.
- Inclúe un texto na páxina do vídeo que dirixe ós lectores cara a unha páxina comercial específica.
Como excepción considérase que un vídeo non é spam se fai referencia ó sitio oficial asociado ó propio artigo da Wikipedia no que se inclúe. Malia que tódalas ligazóns do vídeo nestes casos deberían ser lexítimas, cómpre avalialos con xuízo. Se por exemplo un vídeo publicado no sitio oficial dun filme só fai promoción comercial de produtos asociados co propio filme, considérase spam malia facer referencia ó propio filme.
Spam de libros e outras publicacións
editarO spam de libros e outras publicacións consiste na inserción repetida de texto que menciona unha obra concreta para chamar a atención sobre a propia obra, en lugar de contribuír ós artigos. Xeralmente isto faise engadindo unha obra ou varias nas seccións de referencias e bibliografía de varios artigos, aínda que estas obras non se utilicen como fontes para a información fornecida nos propios artigos.
Como non facer spam
editar- Véxase tamén: Wikipedia:Conflito de intereses.
En ocasións a xente chega á Wikipedia coa intención de facer spam, creando artigos que son simples anuncios ou autopromocións, ou engadindo ligazóns externas de forma masiva a un sitio web determinado. Porén, hai xente que fai spam na Wikipedia sen ter esa intención, sen decatarse de que as súas accións non son correctas para a construción da enciclopedia.
As seguintes indicacións teñen a intención de axudar a non facer spam. Isto é, como mencionar un sitio web, produto, negocio ou outro recurso sen parecer que se está intentando abusar da Wikipedia para realizar unha promoción.
- Revisa as túas intencións. A Wikipedia non é un espazo de promoción persoal nin de promoción de produtos, servizos, páxinas web ou ideoloxías.
- Contribúe con texto citado, non só con ligazóns baleiras. A Wikipedia é unha enciclopedia, non unha granxa de ligazóns. Se tes unha fonte coa que contribuír, primeiro contribúe con algúns dos feitos que se presentan nesa fonte, e despois cita a fonte.
- A sección de bibliografía é para as referencias. As referencias dirixen ó lector ás obras que os autores do artigo utilizaron como referencia para escribir o artigo. A sección de referencias e bibliografía dun artigo da Wikipedia non é só unha lista de obras relacionadas, é unha lista de obras utilizadas como fontes do artigo.
- Non crees un novo artigo para o teu propio produto ou páxina web. Xeralmente cando unha persoa crea un novo artigo describindo unha obra propia, é porque esta obra non é aínda o suficientemente coñecida como para atraer a atención de terceiros, e moito menos de fontes independentes e fiables coas que se poida verificar o contido. Este tipo de artigos adoitan eliminarse sen máis.
- Non engadas unha ligazón externa na túa sinatura. Revisa as restricións ás sinaturas.
Spambots
editarUn spambot é un proceso automatizado que fai vandalismo nunha wiki engadindo spam de forma masiva ós artigos e ás páxinas de usuario, ou creando páxinas de spam de forma masiva. Operar un spambot en calquera proxecto da Wikipedia está prohibido polos Termos de uso de Wikimedia. Os administradores deben bloquear a calquera bot non autorizado que realice accións consideradas como spam.