Blog
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Un blog[1] ou bitácora é unha páxina web onde hai mensaxes ou publicacións ordenadas cronoloxicamente escritas por unha ou varias persoas, chamados bloggers, sobre un tema en particular a modo de diario on-line.
Hai algunhas características que son comúns á maioría dos blogs, como que os lectores poidan deixar comentarios, unha lista con ligazóns a outros blogs, chamada blogroll, un arquivo coas publicacións anteriores etc. Outras características non tan comúns, pero que están presentes na maioría dos blogs, son a de permitir trackbacks, que serve para saber quen liga á publicación, e a de permitir a subscrición, xeralmente mediante RSS, XML ou Atom, que serve para poder ler os blogs dende un programa á parte.
Crear e manter un blog non é difícil, posto que hoxe en día existe unha gran cantidade de ferramentas gratuítas para levar blogs. Moitas permiten, sen ter coñecementos técnicos, administrar todo o blog, escribir, editar e borrar as publicacións, moderar os comentarios dos lectores etc. As ferramentas máis coñecidas deste tipo son Movable Type, Textpattern e Greymatter. Tamén hai páxinas on-line que permiten facer todo isto sen necesidade de baixar nada. As ferramentas on-line máis coñecidas son Blogger, TypePad e Pitas.
Unha das primeiras páxinas web foi un blog onde Tim Berners-Lee, un dos pais de Internet, publicaba un pequeno comentario das novas páxinas webs que ían aparecendo. Porén, non se pode falar de blogs até o ano 1997, que foi cando Jorn Barger inventou o termo weblog. Coa saída dos novos servizos como Blogger ou Pitas o número de blogs aumentou moito. Non se sabe con certeza cal é o número total de blogs existentes, sobre todo a partir dos anos 2002, 2003 e 2004 que foron os anos onde houbo un "estoupido" de blogs. A principio do ano 2004 calculábanse o seu número en máis de 8 millóns.
Algunhas variantes de blogs son os fotoblogs, onde os bloggers publican imaxes, os vlogs ou videoblogs, onde os bloggers publican vídeos, os audioblogs, onde os bloggers publican gravacións sonoras, e os moblogs, onde os bloggers publican dende un teléfono móbil. O autor dun blog pode inclinarse por máis dunha destas variantes.
Os blogs en galego tiveron o seu auxe no 2004 de onde pasaron de ter só uns 20 blogs aproximadamente a principios de ano, a ter 300 blogs aproximadamente a finais de ano. O blogomillo é o termo que engloba ao colectivo de todos os blogs en galego.
O 31 de agosto celébrase o Día Internacional do Blog.[2]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para blog.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 19 de outubro de 2007.