Wikipedia:Páxina de conversa

Unha páxina de conversa, ás veces tamén chamada páxina de discusión, é unha páxina que os editores poden empregar para debater sobre as melloras que se poden facer nun artigo ou en calquera outra páxina da Wikipedia.

A páxina de conversa asociada a un artigo leva por nome "Conversa:Exemplo", onde "Exemplo" é o nome do artigo. Por exemplo, a páxina de conversa do artigo Australia será Conversa:Australia. Pola súa banda, as páxinas de conversa asociadas a páxinas noutros espazos de nomes engaden "Conversa" antes do espazo de nomes; por exemplo, a páxina de conversa de Wikipedia:Acerca de será Conversa Wikipedia:Acerca de.

As páxinas de usuario tamén teñen as súas páxinas de conversa asociadas (por exemplo, Conversa usuario:Agremon). Cando os outros editores queren poñerse en contacto contigo, o normal é que o fagan deixando unha mensaxe na túa páxina de conversa. Se alguén che deixou unha mensaxe verás un aviso informativo de cor laranxa decontado.

Acceso ás páxinas de conversa

editar
 
A lapela da conversa.

As ligazóns que levan ata as páxinas de conversa están sinalizadas mediante unha lapela co texto "Conversa", localizada na parte superior das páxinas. Ao premeres sobre esta lapela cambias á páxina de conversa; funciona do mesmo xeito ca a meirande parte das páxinas presentes na Wikipedia: podes ollar o seu historial e editala se queres engadir un comentario ou expoñer unha dúbida.

Se a ligazón "Conversa" aparece en vermello significa que ninguén comezou aínda ningún fío de conversa. O sistema de lapelas serve tamén para regresar desde a páxina de conversa ata o artigo, ata a páxina de usuario ou ata calquera á que a conversa estea asociada.

Uso das páxinas de conversa

editar

Seccións

editar

Para comezar unha conversa sobre un tema novo, cree unha sección nova escribindo nunha liña isto: == Cabeceira ==, substituíndo "Cabeceira" por un título axeitado para o tema que se vai tratar. Cómpre lembrar que as novas discusións van ao final da páxina. Tamén podes empregar a lapela co texto "Engadir un novo comentario", na parte superior, que fai todo iso automaticamente.

Para seguir o fío dunha conversa en progreso, engade o teu comentario debaixo da última entrada na conversa. Se o que queres é responder á intervención doutro usuario, sitúa a túa resposta directamente debaixo desa. Ao levar a cabo estas prácticas, ten en conta os consellos sobre o uso de sangría, expostos máis abaixo.

Asina as mensaxes

editar

Deberías asinar as túas intervencións en todas as páxinas de conversa. O xeito máis cómodo de facelo é escribindo catro tiles (~~~~) ao final do comentario ou premer no botón coa sinatura ( ) presente na caixa de edición. Isto converterá automaticamente o código nunha sinatura co teu nome de usuario e a data e mais a hora. (O estilo da túa sinatura pódelo cambiar nas preferencias.)

Sangría

editar

A sangría emprégase para facer a lectura máis doada e mellorar así o seguimento das conversas. Os comentarios levan sangría para sinalar que son respostas a outros comentarios.

O modo de provocar a sangría é engadindo dous puntos (:) ao comezo da liña. Cantas máis veces repitas os signos de puntuación, máis sangría terá o teu texto.

O primeiro comentario dunha sección non vai con sangría. A partir de aí, o máis recomendable é darlle á túa resposta un nivel máis de sangrado ca o que ten o comentario feito pola persoa á que contestas.

A continuación hai un exemplo de debate nunha páxina de conversa onde se ve o uso da sangría. Á esquerda aparece o texto que se escribiría na caixa de edición, mentres que á dereita está o resultado.

Que tal a sopa? --[[Usuario:Afonso]]
:Está moi boa!! --[[Usuario:Ana]]
::Fíxena eu! --[[Usuario:Afonso]]
Movamos a discusión a [[Conversa:Sopa]]. --[[Usuario:Ana]]
:Non estou de acordo. --[[Usuario:Xoán]]

Que tal a sopa? --Usuario:Afonso

Está moi boa!! --Usuario:Ana
Fíxena eu! --Usuario:Afonso

Movamos a discusión a Conversa:Sopa. --Usuario:Ana

Non estou de acordo. --Usuario:Xoán

Cando un debate longo ten demasiada sangría, é probable que o exceso de sangría acabe por dificultar a lectura máis ca facilitala. O normal é que o editor que se decate disto "comece de novo" respondendo sen sangría ningunha. Nestes casos, pódese empregar o modelo {{Sen sangría}}, que axuda á sinalización.

Ten mensaxes novas

editar

Despois de que alguén edite a súa páxina de conversa de usuario, verás automaticamente unha alerta como a que aparece a continuación.

 

Este aviso aparecerá en todas as páxinas que visites ata que leas a mensaxe que che deixaron.

  • Se premes sobre "páxina de conversa" irás directamente á túa páxina de conversa.
  • Se premes sobre "Mostrar os cambios" verás as diferenzas que provocou a última edición.

Subpáxinas e arquivos

editar

Ás veces, algúns debates en particular poden xerar unha cantidade desproporcionada de mensaxes nunha páxina de conversa. Nestes casos, a mellor opción pode ser trasladar a discusión a unha subpáxina da mesma páxina de conversa. Para facelo, o procedemento é crear unha páxina titulada "Conversa:Xxx/Yyy", onde "Conversa:Xxx" é o nome da páxina de conversa principal e "Yyy" indica o tema da subpáxina. Así e todo, cómpre deixar unha nota informativa na páxina de conversa orixinal cunha ligazón á subpáxina.

Por outra banda, aquelas páxinas de conversa que xeran importantes cantidades de mensaxes, as discusións vellas deben trasladarse ata un arquivo para que o tamaño da páxina de conversa non a faga pouco manexable. Débese utilizar o modelo {{Arquivos}} ao comezo da páxina de conversa para incluír unha caixa con ligazóns cara aos diferentes arquivos; porén, é importante seguir a sintaxe adecuada.

Citar contidos dun artigo

editar

Ás veces é necesario mostrar unha oración ou parágrafo sacado do artigo para que os outros editores poidan entender facilmente daquilo que se fala.

Unha maneira doada de facer isto é mediante o modelo {{Cita}}. Escribe {{Cita|Oración ou parágrafo citado do artigo.}} para producir o seguinte:

Oración ou parágrafo citado do artigo.

  Volver á páxina de axuda.