Abrir o menú principal

Alexandre de Fisterra

Alexandre Campos Ramírez, coñecido como Alexandre de Fisterra, nado en Fisterra o 6 de maio de 1919 e falecido en Zamora o 9 de febreiro de 2007, foi un editor, escritor, inventor, republicano e testamenteiro de León Felipe. Foi o inventor do futbolín, versión do fútbol de mesa.

Alexandre de Fisterra
Alexandre Campos Ramírez (MUNCYT, Eulogia Merle).jpg
Nacemento6 de maio de 1919
 Fisterra
Falecemento9 de febreiro de 2007
 Zamora
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpoeta, inventor, editor literario e escritor
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

 
Fisterra lugar de nacemento de Alexandre

MocidadeEditar

Un dos dez fillos do radiotelegrafista de Fisterra, Alexandre viviu nesa vila da Costa da Morte ata os cinco anos, para se trasladar despois á Coruña. Aos quince anos marchou estudar o bacharelato a Madrid.

Unha vez alí, a zapataría do seu pai quedou arruinada, polo que, ao non poder pagar o colexio privado no que estudaba, o director púxoo a corrixir os deberes dos párvulos pagando así a matrícula. Tamén traballou na construción como peón de albanel, como bailarín de claqué e despois nunha imprenta. Ademais foi nesta cidade onde coñeceu a León Felipe (do que sería testamenteiro), que xunto con Rafael Sánchez Ortega, editaron o xornal Paso a la juventud para vendelo pola rúa.

A guerra e o exilioEditar

En novembro de 1936 quedou sepultado nun dos bombardeos de Madrid durante a Guerra civil española. Primeiro levárono a Valencia pero como as súas feridas eran graves finalmente trasladárono a un hospital de Monserrat. Alí coñeceu moitos nenos feridos coma el, incapaces de poder xogar ao fútbol, e foi daquela cando pensou no futbolín inspirándose no tenis de mesa. Alexandre confioulle ao seu amigo Francisco Xavier Altuna, un carpinteiro vasco, a fabricación do primeiro futbolín seguindo as súas instrucións. Non obstante, non puido vender o invento a nivel industrial xa que todas as fábricas de xoguetes, a maioría en Valencia, estaban a fabricar armas de verdade por mor da guerra. Patentou a invención en Barcelona en xaneiro de 1937, ao igual que o primeiro pasafollas de partituras movido co pé que fixo para unha rapaza pianista da que estaba namorado. Non obstante, por mor do triunfo franquista na guerra, tivo que se exiliar a Francia cruzando a pé os Pireneos e debido a que estivo a chover durante dez días, perdeu a patente que levaba no macuto.

 
Futbolín.

Estando xa en París, no ano 1948, e grazas á patente do pasafollas conseguiu gañar uns cartos cos que puido marchar a Quito (Ecuador) onde fundou a revista Ecuador 0°, 0', 0" coa que dedicaba cada número a poetas dun país. Máis tarde, en 1952, foi a Guatemala, concretamente a Cabo de Santa María, e alí despois de mellorar o futbolín comezou a fabricalos, facendo un bo negocio. Alí foi ademais onde xogou partidas contra o Che Guevara. Isto acontecería mentres había democracia no país, xa que tras o golpe de estado do coronel Carlos Castillo Armas, por mor da súa ideoloxía de esquerdas, foi roubado e secuestrado, quedando sen nada.

Axentes especiais españois embarcárono pois nun avión en dirección a España, pero el puido escapar, refuxiouse nos lavabos do avión e construíu unha bomba ficticia envolvendo xabrón con papel de aluminio. Con esa "bomba" ameazou a tripulación e gañou o favor dos viaxeiros logo de dicirlles que era "un refuxiado español". O avión desviouse a Panamá, no que foi un dos primeiros secuestros de avión.

Máis tarde marchou a México onde atopou amigos poetas e escritores polo que permaneceu alí dedicándose ás artes gráficas e a editar. Así fundou e presidiu a editorial chamada Editorial Finisterre Impresora dende a cal editou a revista do centro galego de México e libros de variados poetas, entre os que se atopan León Felipe e Juan Larrea. Ademais foi redactor de El Nacional e editou un facsímile da revista Galeuska e o primeiro libro de poemas de Ernesto Cardenal.

O regresoEditar

Cando volveu a España logo de morrer Franco sorprendeuse ao ver que o futbolín se estendera amplamente, malia que gran parte desta divulgación se debera ao feito de que os fabricantes valencianos asumiran o xogo coma nacional. Convenceu a editorial Alianza para reimprimir as obras completas de León Felipe e traballou intensamente na divulgación da obra deste poeta, de quen xestionaría a herdanza coma testamenteiro.

Residiu en Aranda de Duero (provincia de Burgos), e despois trasladaríase a Zamora. onde faleceu, na súa casa do barrio de Pinilla á idade de 87 anos. As súas cinzas foron espalladas no río Douro ao seu paso pola cidade de Zamora e no Atlántico en Fisterra.

Era membro non numerario da Real Academia Galega.

RecoñecementoEditar

O grupo coruñés Os Diplomáticos de Monte Alto compuxo unha canción dedicada ao futbolín que comeza mencionando ao inventor: Ano 37, guerra civil / Alexandre de Fisterra inventa o futbolín. A canción fíxose famosa ao ser parte do videoclip do contentor infantil da Televisión de Galicia Xabarín Club.

Alessio Spataro publicou unha banda deseñada contando a súa vida.

NotasEditar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar

  1. Pardo, Miguel. Praza Pública, ed. "'Futbolín', a trepidante historia de Alexandre de Fisterra: moito máis que un xogo". Consultado o 7 de maio de 2018.