Galiciaé ou Galiciae.com é un portal galego de Internet nado o 2 de decembro de 2007.

Logo.

Organigrama editar

Composición editar

Trátase da plataforma que agrupa en Internet os medios do Grupo El Progreso; é dicir, os xornais El Progreso de Lugo, Diario de Pontevedra e o gratuíto L-V de Luns a Venres e mais a revista mensual económica Nova +.

Tamén se incorporou a Galiciaé un portal monográfico, Galicia Gastronómica, e dende esta plataforma tense acceso a outras webs do Grupo El Progreso: a Axencia Galega de Noticias, a produtora audiovisual LugoPress e a televisión local Telelugo.

Conta cunha redacción central en Santiago de Compostela e redactores nas redaccións de El Progreso e Diario de Pontevedra. A cobertura técnica corre a cargo dunha empresa do sector informático, Ozono Multimedia.

Galiciaé é, á súa vez, herdeiro de Xeración.com, un portal de contidos alternativos e enfoques máis xuvenís, que funcionou entre maio e decembro de 2007. A posta en marcha de Galiciaé supuxo o peche desta web e das que tiñan por separado os tres xornais do grupo.

Traxectoria editar

Inicialmente, Galiciaé saíu como Galiciae (sen acento). Esteticamente era un portal configurado en tres columnas: unha primeira de información, unha segunda de complementos e publicidade e unha terceira de servizos. A segunda columna contiña arriba o GeCubo, unha ventá con catro facianas nas que se podía ver o último que entraba na web, fose un voto, un comentario dos lectores, unha noticia ou un vídeo.

O GeCubo desapareceu no cambio de deseño que Galiciaé sufriu en febreiro de 2009, pouco antes das eleccións autonómicas galegas dese ano. Mantéñense as tres columnas, pero a terceira, que pasa a ser máis publicitaria, gaña ancho a costa da primeira. Este redeseño, no que o portal incorpora o acento do título, tamén permite unha mellor cobertura das noticias, ao deixar ver en portada as informacións relacionadas (que antes só aparecían no interior) e ao posibilitar portadas especiais, con títulos a dúas ou tres columnas, que antes non se utilizaban.

Segundo os datos de OJD Interactiva, en outubro de 2009 contaba cuns 140.000 visitantes únicos, cunha media de 10.700 lectores diarios[1].

Características editar

Entre as características peculiares de Galiciaé pódense citar as seguintes:

  • A combinación entre noticias xerais, elaboradas pola redacción de Galiciaé, e as locais, producidas por El Progreso e Diario de Pontevedra. Isto apréciase nas cores. Os titulares da zona de Galiciaé son vermellos; os do Diario de Pontevedra, negros, e os de El Progreso, azuis. Tamén son azuis, pero noutro ton distinto, os da zona de L-V.
  • A participación dos lectores e lectoras, que poden comentar todas as noticias, utilizando un nick. Isto ten xerado varias accións de cibervandalismo e fortes polémicas entre a redacción e os lectores. Os usuarios tamén poden participar, como se fai noutras webs, votando tanto as noticias como os comentarios dos demais usuarios.
  • O uso do galego, tanto entre os colaboradores como na propia web, que conta cunha versión neste idioma, xerada por tradutor automático. Todos os contidos publícanse en castelán e en galego, agás as entrevistas e os artigos de opinión, que saen no idioma en que foron feitos.
  • Os blogs propios, que son ata sete, de diferente actualización e temática:
Apuntes en sucio, de Manuel Jabois.
Bitácora de Cora, de José de Cora.
Crítica y cine, de Eloy Domínguez.
Letras Vaqueiras, de Ángel Vaqueiro.
O Blog de Paco Rivera, de Paco Rivera.
Rotativa cúbica, da redacción de Galiciaé.
Sursuncorda, de Xoán C. Vidal.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar