Nazón de Breogán

A expresión Nazón de Breogán (Nación de Breogán segundo a normativa da RAG [1]) procede do final da cuarta estrofa do poema Os Pinos de Eduardo Pondal, que constitúe a letra do himno galego, musicado por Pascual Veiga.

Dentro da mitoloxía celtista de Pondal, inspirada no Libro das invasións de Irlanda, Breogán, tamén Brigo, Bregon ou Breachdan en irlandés antigo,[2] tería sido un rei mitolóxico galaico, ou de tempos prehistóricos. No poema, Fogar de Breogán, Nazón de Breogán, Rexión de Breogán e Eidos de Breogán representan a Galiza. A principal fonte documental sobre Breogán é o Lebor Gabála Érenn. Neste compendio é descrito como o fillo de Brate,[3] e o pai de Ite e Bile, entre outros, así como o devanceiro dos gaels.

O verso é a personificación nacional de Galiza,[4] sendo mencionado no himno Os Pinos a través de referencias metafóricas como o "Fogar" e a "Nazón de Breogán".[5] O himno remite a tres nacións sen nomealas cos seus nomes contemporáneos: Galiza, Portugal (a nobre Lusitania ou a boa Lusitánia en versión das Irmandades da Fala) e Irlanda, a onde chegarían as fillas de Breogán, no poema de Pondal, ou o fillo Ith e despois os milesianos (de Mil, neto de Breogán), no Lebor Gabála. [6]

Primeiras décadas do XXEditar

Aínda que escrito e composto como himno galego no século XIX, Os Pinos convivía nas reivindicacións con outros poemas tratados como himnos que tamén facían referencia ao carácter de Galiza en tanto nación, como os de Luís Taibo e Alfredo Brañas, ou o de Ramón Cabanillas.

O himno, oficiosamente, eran as catro primeiras estrofas, rematando en "nazón de Breogán", das dez do poema enteiro; porén en 1918, as Irmandades da Fala incluíron unha quinta estrofa, versión da sexta no poema, referida a Portugal (chamado no poema, Lusitania).[7]

Na campaña polo primeiro Estauto de Autonomía o himno estivo moi presente.

No franquismoEditar

Esta expresión, de fondo contido nacionalista, motivou que a "segunda parte" do himno (estrofas terceira e cuarta) estivese prohibida durante o franquismo. O himno foi cantado como reivindicación polos estudantes cando o entoaron após a prohibición de empregar o galego nas Festas Minervais.

Na democraciaEditar

A Lei 5/1984, do 29 de maio, de símbolos de Galicia establece "nazón de Breogán" como derradeiro verso do himno oficial, limitando a letra ás catro primeiras estrofas do poema.[8]

Durante o bipartito inaugurouse a mostra Nazón de Breogán para conmemorar o 70 aniversario do plebiscito do primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza e, segundo o Vicepresidente, para lembrar que somos nación, non rexión, [9][10] aínda que ambos termos son compatíbeis no poema orixinal, onde tamén chama Rexión de Breogán (verso 40).[11] Foi comisariada por Lourenzo Fernández Prieto e á inauguración acudiron numerosas personalidades do país, como Isaac Díaz Pardo, que tamén inaugurou a mostra itinerante na Sala Sargadelos.

"Nazón de Breogán" foi proposto polo PSdeG para ser incluído no preámbulo na reforma do Estatuto de Autonomía, en 2010 e 2021.[12]

NotasEditar

  1. "Dicionario". Real Academia Galega. Consultado o 2022-02-18. 
  2. José Cornide Saavedra identificouno durante o século XVIII co nome de "Brigo". Véxase Pereira González, Fernando (2013). GALLÆCIA 32, ed. Lorenzo Hervás, o celtismo galego e a lenda de Breogán. pp. 169–190. ISSN 0211-8653. 
  3. "The ancient genealogy of the Geoghegans according to O'Hart's Irish Pedigrees.". Geoghegan.org. Arquivado dende o orixinal o 29 de agosto de 2014. Consultado o 13 de novembro de 2019. 
  4. Maíz, R. (abril-xuño). Revista de Estudios Políticos (Nueva Época), ed. Nación de Breogán: oportunidades políticas y estrategias enmarcadoras en el movimiento nacionalista gallego. pp. 33–75. 
  5. Xunta de Galicia (ed.). "Símbolos de Galicia: O himno". Consultado o 13 de novembro de 2019. 
  6. Barbosa, José Manuel (domingo, 25 de março de 2012). "Desperta do teu sono: Galiza: a Galtia, berço dos celtas.". Desperta do teu sono. Consultado o 2022-02-18. 
  7. "Así naceu o himno galego. 111 anos de popularización, exilio e máis ou menos estrofas". Praza Pública. 2018-12-20. Consultado o 2022-02-18. 
  8. "Lei de Símbolos" (PDF). 
  9. "Nazón de Breogán no Museo de Belas Artes". Museo BBAA, Xunta.gal. 
  10. "Quintana apela al espíritu del 36 para recordar que "somos nación"". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2022-02-18. 
  11. "Himno Gallego - Hino Galego - Himno de Galicia - Os Pinos - Eduardo Pondal". himnogallego.com. Consultado o 2022-02-18. 
  12. 20minutos (2021-10-13). "Choque ideológico y posturas alejadas en una sesión que Feijóo cierra con una oferta de diálogo: "Nadie sobra"". www.20minutos.es - Últimas Noticias (en castelán). Consultado o 2022-02-18. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar