Festas Minervais

certame literario galego

As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións. Porén, existiron algúns que excepcionalmente optaron polo uso da lingua galega.

Alonso III de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela e Toledo.

As ideas que motivaron a celebración deste certame literario residen nos concursos poéticos da Antigüidade Clásica, como poden ser os Xogos Equirios a Marte. Personalidades como Numa Pompilio propiciaron a aparición do costume de dignificar e de render homenaxe e culto a heroes, príncipes e deidades. De aquí proceden outros certames como os Xogos Florais. Non foi até tempos de Domiciano, entre os anos 51 e 96 a.C., cando se comezou a promover nas escolas gregas un certame poético anual.

Certame de 1697

editar
 
Convocatoria das Festas Minervais de 1697.

Pero alén da información relacionada coa convocatoria das Festas Minervais, apenas se conservan mostras das celebracións anuais do certame. A única excepción constitúena as celebradas en 1697, ás que se presentaron máis de 100 autores, e das que se conserva unha recompilación incluída nun volume titulado Fiestas Minervales y Aclamación perpetua de las Musas á la inmortal memoria de el Ilustrissimo y Excelentissimo Señor D. Alonso de Fonseca, que se converteu na mellor representación da poesía barroca galega[1]. Este certame de 1697 comeza cunha dedicatoria a don Juan Domingo de Zúñiga, conde de Monterrei. O documento da convocatoria foi creado por varios autores entre os que destacan Xosé Varela y Valadre, reitor da Universidade de Santiago; Simón Barrena, lector de Teoloxía e presidente in capite do Convento de San Francisco do Val de Deus; don Xosé Vallo de Porras, autor do cartel do certame; e o frade Plácido Mosquera, secretario do certame, quen dedica unha poesía a Fonseca.

O certame literario posuía as seguintes normas:

  • As composicións poéticas debían axustarse ao asunto determinado previamente polas autoridades, sen digresións e respectando as bases métricas estabelecidas.
  • De cada composición debíanse entregar dous papeis ao Doutor don Ignacio Pereyra, Colexial de Fonseca. Un deles debía estar firmado co nome do autor, e o outro sen firma, destinado para utilizarse no concurso.
  • A composición integramente anónima non era admitida polas autoridades.
  • Os premios foron adxudicados o mesmo día do certame. Caso de houber premiados ausentes, gardábaselles o premio.
  • As composicións tiñan como límite de entrega o día 16 de maio de 1697.

A estrutura deste concurso dividíase, segundo a súa temática, en sete asuntos:

  1. Composicións en homenaxe a Minerva e ás cinco estrelas, en que destaca a do Doutor Carlos Antonio Puertas, filósofo, Gobernador e Capitán Xeneral do Reino de Galiza. O primeiro premio foi un benegal de prata sobre dourado, coas cinco estrelas da constelación das cinco Facultades Maiores da USC; o segundo, unha arroba de chocolate; e o terceiro, unha monteira de plumas.
  2. Composicións (romance) en favor de Don Alonso de Fonseca. O primeiro premio foi unha medalla de ouro coa efixie do Santo Apóstolo; o segundo, tres garfos e tres culleres de prata; e o terceiro, tres libras de chocolate. Autores como Xosé Guerrero Lasso de la Vega participaron neste asunto.
  3. Composicións (soneto) na honra ás virtudes de Don Alonso de Fonseca ao longo da súa vida. O primeiro premio foi unha caixa de tabaco sobre dourada; o segundo, un corte de xubón de Damasco e aforrado de tafetán; e terceiro, unha carteira e un bolso bordados. Un autor destacado foi don Juan Varela e Mariño.
  4. Realización duna glosa sobre don Alonso de Fonseca por medio dun cuarteto común e introdutorio. O primeiro premio foi unha sortella de ouro; o segundo, dous vasos de prata; e o terceiro; dous panos de Cambrai cos seus encaixes. Destacaron autores como o presbítero e licenciado Xosé de Candamo.
  5. Endechas reais na honra da morte de Alonso de Fonseca. O primeiro premio foi unha peza de Cambrai; o segundo, un par de medias de seda e catro panos de Granada; e o terceiro, dúas culleres e dous garfos de prata.
  6. Epitafio para o sepulcro de Alonso de Fonseca. O primeiro premio foi un breviario e un diúrno; o segundo, media arroba de chocolate; e o terceiro, dúas libras de tabaco e catro panos.
  7. Composición do peor poeta, quer dicir, o que o pretenda non aquel que o sexa.

Estes sete asuntos son redactados por medio da comparación entre a biografía de Don Alonso de Fonseca e a historia de Roma. Por último, remata o certame cunha loa ao Espírito Santo de Xosé Vallo de Porras.

As Festas Minervais no século XX

editar

En 1953, o Seminario de Estudos Universitarios (SEU) (de carácter falanxista), propúxose recuperar o estilo imperial do Santiago do Século de Ouro restaurando as Festas Minervais, mais sen convocar premios para poesía en lingua galega. Mesmamente nestas primeiras Minervais do século XX resultou premiado Bernardino Graña.[2]

No curso 1955-1956 prodúcese a galeguización das Festas Minervais da man de Xosé Manuel López Nogueira. Os seus principais obxectivos foron:

  • Que se incorporase a poesía galega ao certame con igual dotación económica que a castelá;
  • Que puidesen participar autores casteláns e galegos, e que se crease un premio de ensaio nas mesmas condicións. O SEU aceptou estas peticións, o que fixo que a cultura galega pasase a ter un recoñecemento universitario e oficial;
  • Conseguir que os xurados fosen compostos por galeguistas.

O 8 de marzo de 1956 o diario La Noche publicou fotos sobre o certame, entre elas a entrega de premios a Ángel Blanco Losada, Xosé Luís Méndez Ferrín e Gonzalo Rodríguez Mourullo.<ref>[3] Na obra Os anos escuros de Xosé Luís Franco Grande consérvase a acta dos xurados cualificadores das Festas Minervais do ano 1957:

O 21 de marzo de 1957, reunidos os Xurados Cualificadores das Festas Minervais Compostelás en presenza de Ramón Godoy Méndez, representante da Comisión Organizadora das Festas Minervais, que actuou como secretario, acordaron conceder os premios na orde seguinte:
Poesía galega: os señores membros do xurado, Fermín Bouza-Brey Trillo, Benito Varela Jácome e Jesús Alonso Montero acordan conceder o primeiro premio á triloxía Silandeira Escuridade, lema Batagada, da que o autor é Franco Grande. O segundo premio: Tres cantigas de guerra, lema Hartz, das que o autor é Xosé Luís Méndez Ferrín. Terceiro premio: triloxía Cadro de verbas, da que o autor é Ramón Lorenzo Vázquez.
Poesía castelá: membros do xurado Isidoro Millán González-Pardo, Manuel Vidán Torreira e Antonio Concheiro Caamaño acordan conceder o primeiro premio á triloxía Sonetos de tiempo, de Ángel Blanco Losada. O resto de premios están desertos.
Conto: Raimundo García Domínguez, Antonio Rodríguez Cadarso e Antonio Concheiro Caamaño acordan o primeiro premio a El hombre de carne y hueso, de Rodríguez Mourullo. Segundo premio: conto Cráneo branco, lema Eu, do que é autor Méndez Ferrín. Terceiro: Calquera, de Ramón Lorenzo Vázquez, lema Sical.

Até 1964, as Festas Minervais viñéronse celebrando sen interrupción e convocándose con excelente puntualidade en galego e en castelán.

Xeración literaria

editar
Artigo principal: Xeración das Festas Minervais.

A Xeración das Festas Minervais está formada por un grupo de poetas universitarios que participaron no certame literario promovido pola Universidade de Santiago, que premiaba obras poéticas e narrativas en galego. Son persoas que non viviron directamente a guerra civil española, que senten grande interese pola cultura e que toman conciencia crítica coa realidade española da época. Protagonizan unha fonda renovación temática e formal. Contémplase que cada un dos integrantes seguiu unha traxectoria poética propia. Entre os seus representantes están Uxío Novoneyra, Avilés de Taramancos, Manuel María, Bernardino Graña, Xohana Torres, Méndez Ferrín, Salvador García Bodaño, Arcadio López Casanova e Xosé Luís Franco Grande.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar