Mil, (en irlandés: Míl Espáine ou Míl Espáne) tamén chamado Miled ou Miledh é o antecesor dos habitantes de Irlanda e unha personaxe da mitoloxía galega. É sobriño de Ith, e neto de Breogán. A lenda irlandesa escrita no século XI na compilación Lebor Gabála Érenn ("Libro das Invasións"), conta que os oito fillos de Mil e os nove irmáns de Ith foron os que partiron dende Brigantia cunha frota de naves para conquistar a terra onde Ith foi asasinado polos Tuatha Dé Danann. Segundo conta a historia, Ith divisou dende a enorme torre que Breogán construíu na cidade de Brigantia, unha beira verde distante, a illa de Irlanda. A ollada desa terra fíxoo navegar ao norte de Irlanda, onde sería asasinado.