Druída
Os druídas eran unha elevada clase social dentro das tribos celtas, desempeñaban funcións relixiosas, médicas e de ensino. Os privilexios dos que gozaban (non tomaban parte nas guerras e estaban exentos do pagamento dos impostos) atraían moitos rapaces da nobreza gala para tomaren o ensino necesario e convertérense en druídas. Os coñecementos transmitíanse oralmente durante unha aprendizaxe de vinte anos na que estudaban a natureza e os rituais celtas.
Historia editar
Descoñécese a etimoloxía da palabra "druída", mais Plinio o Vello relacionábaa co termo grego drus (aciñeira); non obstante, actualmente os historiadores cren que o máis probable é que proceda do termo celta dru-uid-es, que significa "os moi sabios".
A romanización e posteriormente o cristianismo perseguiron os druídas ata que acabaron por disolver a relixión celta, da cal os druídas eran os principais depositarios.