Francisco Pillado Mayor

escritor e editor galego

Francisco Pillado Mayor, nado na Coruña o 18 de maio de 1941 e finado o 12 de agosto de 2021,[1] foi un escritor e persoeiro do mundo do teatro galego.

Francisco Pillado Mayor
Francisco Pillado Mayor.jpg
Nacemento18 de maio de 1941
 A Coruña
Falecemento12 de agosto de 2021
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónescritor
PaiFrancisco Pillado Rivadulla
XénerosTeatro e ensaio
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Fillo do xornalista Francisco Pillado Rivadulla. Logo de facer o bacharelato e estudos musicais, Francisco Pillado Mayor estudou Maxisterio, Graduado Social, Declamación e Arte Dramática, e é Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares.

Traballou como profesor no Seminario de Estudos Sociais Ramón de la Sagra, do Colexio Universitario da Coruña. Fixo crítica literaria en Radio Nacional de España na Coruña e dirixiu o espazo "A escena e a pantalla" en Radio Coruña da Cadena SER. Publicou, con diferentes pseudónimos, artigos, entrevistas, críticas de libros e espectáculos en La Voz de Galicia. Con posterioridade publicou unha serie de colaboracións no semanario A Nosa Terra, no diario O Correo Galego, e traducións na revista Grial. Foi incluído no International Who's Who of Intellectuals e Men of Achievement do International Biographical Centre (Cambridge) en 1981.

No mundo do teatro foi promotor dos grupos de teatro da Agrupación Cultural O Facho (1965) co que realizou con texto de Castelao e Luis Pimental o espectáculo Sombra do aire na herba/ Cousas. Nos anos seguintes foi promotor de diferentes grupos de teatro como o da Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990). Foi cofundador, xunto con Manuel Lourenzo, e presidente da Escola Dramática Galega, na que impartíu clases de Historia do Teatro Galego e onde exerceu tamén como director de publicacións e responsábel do Departamento de Estudos Teatrais. Participou en diferentes proxectos editoriais ligados á dramaturxia como director dos Cadernos da Escola Dramática Galega, Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Colección Castrodouro-Teatro, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro e da Revista de Teatro Casahamlet. Formou parte do Consello de Redacción da Revista monográfica de Cultura da Agrupación Cultural O Facho e de Cen Augas. Dirixiu, desde a súa creación, a colección de teatro A Biblioteca do Arlequín, de Sotelo Blanco Edicións.

En 1990, fundou o Grupo de Teatro de Alumnos da Escola de Estudos Sociais da Coruña, que se presentou publicamente coa obra Panchiño, de Oswaldo Dragún. Tamén, en 1990 foi fundador canda Xosé Manuel Beiras, Pepe Carreiro, Xesús Couceiro, Manuel González Millares e Alfonso Ribas de Edicións Laiovento, da que foi director literario ata 2014.[2][3]

Ademais, tamén integrou a Xunta Directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega en 1984 e 1988 e da Agrupación Cultural O Facho, así como do Consello Reitor do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) entre 1995 e 1997 e do Consello Asesor da Colección Teatro nas Aulas, patrocinada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega.

En 1996, doou a súa Biblioteca-Arquivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasou a denominarse Biblioteca-Arquivo de Teatro Francisco Pillado Mayor. Foi nomeado Presidente de Honra da citada Biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución académica. Tamén en 1996 cedeu á Facultade de Xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela a biblioteca que herdara do seu pai.

En 1997, foi elixido polo Parlamento de Galicia e a proposta do Bloque Nacionalista Galego, membro do Consello de Administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia. Ocupou este cargo durante dúas lexislaturas.[Cómpre referencia]

Dende 2011 ata 2021 foi presidente de honra da Fundación Praza Pública, editora do xornal dixital praza.gal. Nos seus derradeiros anos recibiu diferentes distincións como recoñecemento da súa tarefa cultural como o Premio de honra "Roberto Vidal Bolaño" da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia de 2012.

Vida persoalEditar

Casou con Noli Vega desde 1966, e tivo dúas fillas. Faleceu o 12 de agosto de 2021.[4]

ObrasEditar

EnsaioEditar

TeatroEditar

Conversas co autor e libros de homenaxeEditar

  • No País da Irmandade. Homenaxe a Francisco Pillado Maior, 2007.
  • No pazo de Laiovento, 2008, Espiral Maior. Con Xosé Luna.

EdiciónsEditar

  • Prosas de combate e maldicer, de Xosé Manuel Beiras, 1991, Laiovento. Autor de escolma, edición e notas.
  • A ponte, de Manuel Lugrís Freire, 1997, AS-PG/A Nosa Terra.
  • Os aforismos do riso futurista, 2016, Xerais. Con Xavier Seoane.

TraduciónsEditar

  • Dúas farsas: A doncela, o mariñeiro e mais o estudante, e O paseo de Buster Keaton, de Federico García Lorca, 1978, Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • Petición de man, de Anton Chekhov, 1979, Cadernos da Escola Dramática Galega.
  • O irlandés astrólogo, de Luís Seoane, 1980, Ediciós do Castro.
  • A boda de Esganarello, versión da obra Le mariage forcé, de Molière, 1982, Edicións Castrelos. A obra foi estreada pola Escola Dramática Galega en 1981, baixo a dirección de Agustín Vega.
  • Catro pezas (O oso, Petición de man, A boda e O aniversario), de Anton Chekhov, 1982, Castrodouro. Foron representadas en diversas ocasións.
  • O seguinte, de Terrence MacNally, 1983, Cadernos da Escola Dramática Galega. Estreada na Coruña en 1984.
  • Historia de como o noso amigo Panchiño González se sentiu responsábel do andacio de peste bubónica na África do Sul, de Oswaldo Dragún, 1984, Cadernos da Escola Dramática Galega, estreado na Coruña nese mesmo ano.
  • A máis forte, de August Strindberg, 1985. Estreado polo Grupo de Teatro Danthea.
  • Máxia vermella: tres actos, de Michel de Ghelderode, 1985, Libros de Teatro Don Satúrio. Estreado na Coruña no 1991, co título Gargalladas do espectro polo Grupo de Teatro Maxia Vermella, baixo a dirección de Fernando Morán.
  • Sobre os males que provoca o tabaco e outras pezas, de Anton Chekhov, 1987, Libros de Teatro Don Satúrio. Reeditado en 1991 xunto á obra Tráxico á forza, en Sotelo Blanco.
  • As tres irmás (drama en catro actos), de Anton Chekhov, 1987, Libros de Teatro Don Satúrio. Estreado en Vigo en 1987 polo Centro Dramático Galego.
  • Os cravos de prata, de Nicolas Bela, 1990, Sotelo Blanco. Estreado polo Grupo de Teatro do Facho no 1986.
  • A lición, de Eugène Ionesco, 1991, Cadernos da Escola Dramática Galega. Reeditado en 2002 en Laiovento xunto á obra A cantante calva, do mesmo autor, traducida por Henrique Harguindey.
  • Un grao de millo. Conversas de Fidel Castro con Tomás Borge, 1994, Asociación de Solidariedade Galego-Cubana Curros Enríquez.
  • Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, 1999, Baía Edicións. Con Paulino Pereiro.
  • Á espera de Godot, de Samuel Beckett, 2003, Laiovento. Estreada en 1984 pola Compañía Luís Seoane na Coruña, e representada en 1989 por Teatro Galileo e en 1991 pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago, as dúas nesta cidade.
  • Pedro e o capitán, de Mario Benedetti, 2003, Xerais. Estreado no 1993 na Coruña.
  • A porta pechada, de Jean-Paul Sartre, representada en 2008 por Andrómena Teatro.
  • Náufragos, versión escénica de La petite hutte, de André Roussin, representada no 2009 por Teatro Galileo.
  • Des(f)eitos, de Febe Chaves, representada no 2012 por Teatro Galileo.

Artigos e tradución en publicaciónsEditar

  • Poema con nenos (tradución de teatro), Grial, número 59, 1978.
  • O Escorial (tradución de teatro), de Michel de Ghelderode, Don Saturio. Boletín Informativo do Teatro Galego, número 4, 1982.
  • A Escola Rexional de Declamación, revista Agália, número 23, 1990.

Obras colectivasEditar

  • Textos pra o ensino do galego, 1976, Edicións do Rueiro.
  • A Compañía Galega María Villanueva, 1979, Cadernos da Escola Dramática Galega. Con Manuel Lourenzo.
  • O teatro galego, 1979, Ediciós do Castro. Con Manuel Lourenzo.
  • Xeografía descriptiva de Galicia, 1979, Edicións do Rueiro.
  • Antoloxía do teatro galego, 1982, Ediciós do Castro. Con Manuel Lourenzo.
  • As criadas, de Jean Genet, 1982, Compañía Luís Seoane. Con Manuel Lourenzo. Estreada na Coruña, en 1980, pola Compañía Luis Seoane.
  • Glosa do Teatro Galego, en A nosa literatura. Unha interpretación para hoxe. II, 1985, Xistral.
  • Conversas en Compostela con Carballo Calero, 1986, Sotelo Blanco. Con Miguel Anxo Fernán-Vello.
  • Dicionário do Teatro Galego (1671-1985), 1987, Sotelo Blanco. Con Manuel Lourenzo.
  • A nación incesante: conversas con Xosé Manuel Beiras, 1989, Sotelo Blanco. Con Miguel Anxo Fernán-Vello.
  • A poesía e o teatro interseculares, 1996, AS-PG e A Nosa Terra. Con Xosé Ramón Freixeiro Mato.
  • A mandrágora, de Niccolò Machiavelli, 1998, Laiovento. Con Luísa Villalta.
  • Cyrano de Bergerac, de Edmond Rostand, 1999, Baía. Con Paulino Pereiro. Estreado ese mesmo ano en Ourense polo Grupo de Teatro Librescena.
  • A estrela na palabra. Novas conversas con Xosé Manuel Beiras, 2004, Espiral Maior e Laiovento. Con Miguel Anxo Fernán-Vello.
  • A Galicia moderna. Teatro, en A Galicia moderna. 1916-1936, 2005, Xunta de Galicia.
  • Guía das obras dramáticas de Álvaro Cunqueiro, 2006, Casahamlet/Deputación da Coruña. Con Manuel Lourenzo.
  • Na outra banda da Ponte (materiais para un espectáculo didáctico sobre Manuel Lugrís Freire), 2006, Casahamlet.
  • No país da irmandade: homenaxe a Francisco Pillado Maior, 2007, Deputación da Coruña.
  • Feijoo, o galego e nós, 2010, Laiovento. Colabora tamén como prologuista.
  • Banqueiros, 2012, Laiovento. Colabora como coordinador e prologuista.

Premios e menciónsEditar

NotasEditar

  1. "Pesar polo falecemento de Pancho Pillado". Nós Diario. Consultado o 12/8/2021. 
  2. "Francisco Pillado deixa a dirección de Laiovento". Praza Pública. 4/3/2014. Consultado o 12/8/2021. 
  3. Redacción (12/8/2021). "Fallece el dramaturgo y editor coruñés Francisco Pillado". laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 12/8/2021. 
  4. "Morre aos 80 anos Francisco Pillado, figura fundamental do teatro e da edición galega". Praza Pública. 12/8/2021. Consultado o 12/8/2021. 
  5. "Premio de honra "Roberto Vidal Bolaño"". mitribadavia.gal. 
  6. "A CRMH outorga a distinción 'Republicano de Honra' a Francisco Pillado". Galicia Confidencial. Consultado o 12/8/2021. 

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar