Sistema de escrita
Un Sistema de escrita ou de escritura é un sistema de símbolos visuais impresos en papel ou calquera outro medio, usado para representar elementos expresábeis dunha lingua.
Propiedades xerais
editarOs sistemas de escrita diferéncianse doutros posíbeis sistemas de comunicación simbólica, en que un sistema de escrita está sempre asociado a, polo menos, unha lingua falada. Pola contra, as representacións visuais como debuxos, pinturas, e elementos non verbais nos mapas, como liñas fronteirizas, non están asociados a unha lingua. Algúns símbolos informativos, como os de home e muller, tampouco están asociados a ningunha lingua, porén poden chegar a formar parte da linguaxe se se presentan frecuentemente xunto con outros elementos lingüísticos. Algúns outros símbolos, como os números e o símbolo &, non están asociados a ningunha lingua específica, mais se usan habitualmente na escrita e, xa que logo, deben ser considerados como integrantes dun sistema de escrita.
Toda comunidade humana posúe unha lingua, moitas delas consideradas como unha condición innata e definitoria da condición humana. Así a todo, o desenvolvemento de sistemas de escrita e o proceso polo que se suplantan os sistemas orais tradicionais, ten sido esporádico, irregular e lento. Unha vez establecidos, os sistemas de escrita xeralmente cambian máis lentamente cos seus homólogos falados. Así, con frecuencia conservan características e expresións que xa non se usan na lingua falada. Unha das grandes vantaxes dos sistemas de escrita é que poden preservar un rexistro permanente de información expresada nunha lingua.
Todos os sistemas de escrita necesitan:
- Un conxunto de elementos básicos definidos ou símbolos, denominados individualmente caracteres, e colectivamente script.
- Polo menos un conxunto de regras e convencións (ortografía) entendidas e compartidas por toda a comunidade, e que dotan de significado aos elementos básicos (grafemas), ao seu ordenamento e ás relacións entre eles.
- Como mínimo unha lingua (xeralmente falada) cuxas construcións son representadas e que pode ser rememorada por medio da interpretación do seus elementos e regras.
- Algúns medios físicos de representación distintiva dos símbolos mediante a aplicación a un medio permanente ou semipermanente, de xeito que poidan ser interpretados (normalmente dun xeito visual, aínda que foron ideados tamén sistemas táctiles).
Terminoloxía básica
editarO estudo dos sistemas de escrita seguiu camiños independentes nos distintos tipos de scripts, polo tanto a terminoloxía empregada difire dun a outro.
O termo xenérico texto refírese a calquera mostra de material escrito. O acto de compor e rexistrar nun medio axeitado é a escrita, e o acto de ver e interpretar un texto é a lectura. A ortografía é o método e as regras que se seguen na estrutura escrita (literalmente significa "escritura correcta"), e particularmente nos sistemas alfabéticos inclúe as normas para a correcta escrita das palabras.
Un grafema é a unidade básica dun sistema de escrita. Os grafemas, xunto con regras de correspondencia e uso, son os elementos significativos mínimos que, tomados xuntos, compoñen os bloques cos que se poden construír os textos nun o máis sistemas de escrita. O concepto é semellante ao de fonema, usado no estudo de linguaxes faladas. Así, no sistema de escrita do galego baseado no latín, son exemplos de grafemas as 23 letras do alfabeto galego, tanto na forma maiúscula como na minúscula; os 6 dígrafos (ch, gu, ll, nh, qu, rr); algunhas letras (ç, j, k, w, y) usadas nos estranxeirismos; algunhas abreviaturas e símbolos como os números e os logogramas.
Un grafema concreto pode ser representado de moitas formas, nas que as variacións son visíbeis dunha ollada, pero todas elas se interpretan como representación do mesmo grafema. Estas variacións individuais son coñecidas como alógrafos do grafema (compárese co termo lingüístico alófono). Por exemplo, a letra minúscula "a" ten diferentes alógrafos cando se escribe en cursiva ou negra, e nos distintos tipos de letra. A elección dun alógrafo está influenciada polo medio para o rexistro, o instrumento de escrita, a elección estilística do escritor, os grafemas anteriores e posteriores no texto, o tempo dispoñíbel para a escrita, a audiencia a quen vai dirixida, e unha gran cantidade de características inconscientes da escrita manual individual.
Os termos glifo, signo e carácter úsanse ás veces para se referir ao grafema. A elección varía dunha disciplina a outra; compárese cando se fala dos signos cuneiformes, dos glifos maias ou dos caracteres chineses. Os glifos da maioría dos sistemas de escrita están feitos con liñas (ou trazos), polo que se lle chaman lineais. Porén, hai sistemas de escrita non lineais nos que os glifos fanse con outro tipo de marcas como o cuneiforme e o braille.
Os sistemas de escrita son sistemas conceptuais, como tamén o son as linguas ás que se refiren. Os sistemas de escrita poden ser considerados como completos cando son capaces de representar toda a extensión dos significados expresados pola lingua falada.
Historia dos sistemas de escrita
editarOs sistemas de escrita foron precedidos pola protoescrita, sistemas ideográficos e/ou símbolos mnemotécnicos. Os exemplos mellor coñecidos son:
- Símbolos de Jiahu, gravados nunha casca de tartaruga en Jiahu (China) cara 6600 AC.
- Signos Vinča (Táboas de Tartaria), cara 5300 AC.
- Scripts hindús temperáns, cara 3500 AC.
A invención dos primeiros sistemas de escrita coincide aproximadamente co comezo da Idade de Bronce, no Neolítico tardío a finais do 4º milenio AC. A escrita cuneiforme do sumerio arcaico e os xeróglifos exipcios son considerados comunmente como os sistemas de escrita máis antigos, os dous xorden dos seus ancestrais símbolos protoalfabéticos do período 3400-3200 AC cos primeiros textos coherentes arredor de 2600 AC. Está xeralmente aceptado que a escrita sumeria foi unha invención independente; porén se discute se a escrita exipcia desenvolveuse completamente independente da sumeria, ou se foi un caso de difusión cultural.
Hai un debate similar co Script chinés, que se desenvolveu arredor do 1200 AC.
Está xeralmente aceptado que os sistemas de escrita precolombianos de Mesoamérica (entre outros o scripts olmeca e maia) tiveron unha orixe independente.
Crese que o primeiro escrito baseado nun alfabeto consonántico apareceu antes do 2000 AC como unha representación da linguaxe desenvolvida polas tribos semitas da península do Sinaí. Moitos outros alfabetos actuais quer evolucionaron desta innovación, moitos a través do alfabeto fenicio, quer foron directamente inspirados polo seu deseño.
O primeiro alfabeto auténtico é o grego que representa vogais dun xeito consistente desde o 800 AC[1][2]. O alfabeto latino, descendente directo do grego, é con moito o máis común dos sistemas de escrita en uso[3].
Clasificación funcional dos sistemas de escrita
editarTéñense feito varias clasificacións dos sistemas de escrita. A máis común e básica delas é a que divide os sistemas en tres amplos tipos: logográficos, silábicos e alfabéticos (ou segmentarios). Porén, os tres tipos poden atoparse en calquera sistema de escrita en diferentes proporcións, facendo con frecuencia difícil clasificar un sistema dun modo único. O termo sistema complexo úsase ás veces para describir aqueles sistemas nos que esta amálgama fai problemática a clasificación. Lingüistas modernos teñen en conta estas aproximación.
Os principais intentos de clasificación son:
a) A clasificación de Diringer[4] é demasiado simplista, con frecuencia considera incomparábeis as cinco categorías en que clasifica aos sistemas: pictográficos, ideográficos, analíticos de transición, fonéticos e alfabéticos.
b) Hill[5] divide a escrita en tres categorías principais de análise lingüística, unha das cales inclúe discursos e non se considera como un sistema de escrita propio:
Tipo | Subtipo | Subtipo 2 | Exemplos |
---|---|---|---|
Discursivo | Icónico | Amerindio | |
Convencional | Quipu | ||
Morfémico | Xeróglifo exipcio, Sumerio, Maia, Chinés | ||
Fonémico | Parcial | Demótico exipcio, Hebreo, Árabe | |
Polifonémico | Lineal B, Kana, Cherokee | ||
Monofonémico | Fonémico | Grego antigo, Inglés antigo | |
Morfofonémico | Alemán, Inglés moderno |
c) DeFrancis[6], nunha crítica da introdución de Sampson da escrita semasiográfica e os alfabetos trácicos (featural alphabets)[7], enfatiza a calidade fonográfica da escrita correcta:
- imaxes
- non escritas
- escritas
d) Faber[8] categoriza a escrita fonográfica en dous niveis, lineal e codificado:
Tipo | Subtipo | Subtipo 2 | Exemplos |
---|---|---|---|
Logográfico | Chinés, Exipcio antigo | ||
Fonográfico | Silabicamente lineal | Codificado silabicamente | Kana, Acadiano |
Segmentariamente codificado | Hebreo, Siríaco, Árabe, Etíope, Amharico, Devanágari | ||
Segmentariamente lineal | Completo (alfabeto) | Grecolatino, Cirílico | |
Defectivo | Ugarítico, Fenicio, Arameo, Surarábico, Paleo-hebraico |
e) Daniels engade aos tres grandes grupos (logográficos, silábicos e alfabéticos) un cuarto grupo, o trácico:
Tipo | Subtipo | Cada símbolo representa | Exemplo |
---|---|---|---|
Logográfico | morfema | Caracteres chineses | |
Silábico | sílaba ou mora | Xaponés kana | |
Alfabético | fonema (consoante ou vogal) | Alfabeto latino | |
Abugida | fonema (consoante+vogal) | Indio Devanágari | |
Abjad | fonema (consoante) | Alfabeto árabe | |
Trácico | trazo fonético | Coreano hangul |
Sistemas de escrita logográficos
editar- Artigo principal: Logograma.
As formas de escrita máis antigas que se coñecen foron primariamente de natureza logográfica, isto é, baseadas en elementos pictográficos e ideográficos.
Un logograma é un carácter escrito simple que representa unha palabra gramatical completa. A maioría dos caracteres chineses clasifícanse como logogramas.
Como cada carácter representa a unha palabra simple (ou, de xeito máis preciso, a un morfema), se necesitan moitos logogramas para escribir tódalas palabras dunha lingua. O vasto corpus de logogramas e a memorización do seu significado son as principais desvantaxes dos sistemas logográficos sobre os sistemas alfabéticos. Pola contra, como o significado é inherente ao símbolo, o mesmo sistema logográfico pode, en teoría, ser usado para representar diferentes linguas. Na práctica, isto é certo só para linguas fortemente relacionadas, como as linguas chinesas, pois as restricións sintácticas reducen a posibilidade de portabilidade dun certo sistema logográfico. O xaponés usa profusamente logogramas chineses no seus sistemas de escrita, tendo moitos dos signos os mesmos ou similares significados. Porén, as semánticas, e especialmente a gramática, son o suficientemente distintas como para que un texto chinés longo sexa ilexíbel para un lector xaponés sen coñecementos básicos de gramática chinesa, se ben frases curtas e concisas como os signos e as cabeceiras das novas dos xornais son moito máis fáciles de comprender.
Mentres que a maioría das linguas non usan totalmente sistemas logográficos, moitas usan algúns logogramas. Un bo exemplo de logogramas occidentais modernos son os números hindú-arábicos – calquera que use estes símbolos entende o que significa 1 independentemente que lle chame un, one, eins, uno, yi, ichi, ehad, ena ou jedan –. Outros logogramas occidentais amplamente estendidos son o símbolo e comercial & usado en lugar da conxunción e, a arroba @ usada en moitos contextos como o informático, o símbolo do tanto por cento %, e moitos símbolos de moedas como o dólar ($), o euro (€), a libra (£), o ien (¥) etc.
Ás veces os logogramas son chamados ideogramas, unha palabra que se refire a símbolos que representan graficamente unha idea abstracta, pero os lingüistas evitan este uso pois, igual que os caracteres chineses son con frecuencia compoñentes semántico–fonéticos, os símbolos teñen un compoñente que representa o significado e un compoñente fonético complementario que representa a pronunciación. Algúns non lingüistas distinguen entre lexicografía e ideografía, onde os símbolos lexicográficos representan palabras e os símbolos ideográficos representan palabras ou morfemas.
O máis importante (e, e certa medida, o único supervivente) dos sistemas de escrita logográficos modernos é o Chinés, cuxos caracteres foron ou son usados, con distintos graos de modificación, en Chinés, Xaponés, Coreano, Vietnamita, e outras linguas do Sueste asiático. Os xeróglifos do Exípcio Antigo e o sistema de escrita maia son tamén sistemas cunhas certas características logográficas, aínda que tamén estableceron características fonéticas e non teñen un uso cotián.
Sistemas de escrita silábicos
editar- Artigo principal: Silabario.
Así como os sistemas de escrita logográficos usan un único símbolo para unha palabra enteira, un silabario é un conxunto de símbolos escritos que representan (ou aproximan) sílabas, as cales forman palabras. Tipicamente, un símbolo dun silabario representa un son consonántico seguido dun son vogálico, ou un son vogálico só.
Nun silabario auténtico non hai semellanza gráfica sistemática entre caracteres fonéticos relacionados (aínda que algúns teñen semellanza gráfica entre as vogais). Isto é, os caracteres para os sons /ke/, /ka/ e /ko/ non teñen unha semellanza que indique o seu son común "k" (oclusivo velar sordo). Sistemas máis recentes incorporan un sistema de signos variábel, como o silabario cree, no que un símbolo representa unha consoante e mediante a súa rotación ou desprazamento se denota a vogal que o acompaña.
Outro tipo de sistema de escrita con símbolos lineais silábicos sistemáticos é o abugida, do que se fala máis adiante.
Os silabarios son os sistemas que mellor se adaptan a linguas cunha estrutura silábica relativamente simple, como o xaponés. Pola contra, a lingua inglesa permite estruturas silábicas complexas, cunha cantidade relativamente grande de vogais e grupos consonánticos complexos, que fai pesada a escrita de palabras inglesas cun silabario. Para escribir en inglés usando un silabario, cada posíbel sílaba debería ter un símbolo distinto e, mentres que o número de posíbeis sílabas en xaponés non é máis de cincuenta ou sesenta, en inglés habería milleiros.
Inda así, existen silabarios cunha gran cantidade de elementos. O script Yi, por exemplo, ten 756 símbolos (ou 1.164 se contamos como sílabas distintas as que teñen un ton diacrítico particular, como ocorre en Unicode). O script chinés, usado para escribir o chinés medieval e as linguas chinesas modernas, tamén representa sílabas e inclúe glifos distintos para case todas as sílabas, das que hai varios milleiros en chinés medieval. Porén se considera un script logográfico máis ca un silabario, porque primariamente representan morfemas e inclúe diferentes caracteres para representar morfemas homófonos con diferentes significados.
Outras linguas que usaban ou usan silabarios auténticos son o grego micénico (lineal B) e as linguas nativas americanas como o cherokee. Algunhas linguas do Antigo Oriente usaban formas de cuneiforme, que é un silabario con algúns elementos non silábicos.
Sistemas de escrita segmentarios: Alfabetos
editar- Artigo principal: Alfabeto.
Un alfabeto é un pequeno conxunto de letras — símbolos básicos da escrita — cada unha das cales representa aproximadamente ou representaba historicamente un fonema dunha lingua falada. A palabra alfabeto deriva de alfa e beta, as dúas primeiras letras do alfabeto grego.
Nun alfabeto fonolóxico perfecto, os fonemas e letras serían correspondentes en dúas direccións: un escritor podería predicir a pronuncia da palabra de acordo coa escrita, e un falante podería predicir a escrita da palabra de acordo coa pronuncia. Cada lingua posúe regras xerais que gobernan a asociación entre letras e fonemas, mais, dependendo da lingua, tales regras poden ou non seren consistentemente seguidas.
Alfabetos perfectamente fonolóxicos son de fácil aprendizaxe e uso, e as linguas que o teñen (por exemplo, o finés) posúen moitas menos barreiras á alfabetización que linguas como o inglés, que ten un sistema moi complexo e irregular. Como as linguas xeralmente se desenvolven independentemente dos seus sistemas de escrita, e na maioría das veces os sistemas de escrita foran importados de linguas con estruturas bastante diferentes, o grao en que as letras dun alfabeto corresponden aos fonemas varían grandemente dunha lingua a outra, ou incluso dentro dunha mesma lingua. Actualmente, os lingüistas teñen inventado sistemas de escrita para linguas orais, a meta xeralmente ten sido producir alfabetos perfectamente fonolóxicos.
Sistemas de escrita consonánticos: Abjads
editar- Artigo principal: Abjad.
O primeiro tipo de alfabeto en ser desenvolvido foi o abjad. Un abjad é un sistema de escrita alfabético onde hai un símbolo por consoante. Os abjads difiren dos alfabetos regulares no feito de que estes posúen caracteres apenas para sons consonánticos. As vogais xeralmente non son marcadas nun abjad.
Todos os abjads coñecidos (excepto talvez o tifinagh) pertencen á familia de escritas semíticas, e derivan do abjad linear setentrional. A razón para iso é que as linguas semíticas e as relacionadas linguas bérberes posúen unha morfoloxía que torna a denotación das vogais redundante na maioría dos casos.
Algúns abjads (como o árabe e o hebraico) possúen marcacións para vogais, mais apenas as usan en contextos especiais, como no ensino. Muitas escritas derivadas dos abjads estenderan seus inventarios engadindo vogais, tornándose así alfabetos completos; o caso máis famoso é o do alfabeto grego, derivado do abjad fenício. Iso ocorreu na maioría das veces en que un abjad foi adoptado por unha lingua non semítica.
O termo abjad provén da antiga orde das consoantes do alfabeto árabe; alif, bá, jim, dál; porén esa palabra pode ter as súas raíces no fenicio ou no ugarítico.
A palabra abjad aínda é usada para nomear o alfabeto en árabe, malaio e indonesio.
Sistemas de escrita con vogal inherente: Abugidas
editar- Artigo principal: Abugida.
Un abugida é un sistema de escrita alfabético cuxos símbolos básicos denotan consoantes cunha vogal inherente, onde modificacións consistentes dun símbolo básico indican outras vogais alén da inherente.
Así, nun abugida non hai ningún símbolo para "k", mais si un para "ka" (se "a" for a vogal inherente), e "ke" é escrito modificando o símbolo de "ka" de tal maneira como alguén modificase "la" para se tornar "le". En moitos abugidas a modificación é a adición dun símbolo vocálico, mais outras posibilidades son imaxinábeis (e usadas), tales como a rotación dun símbolo básico, adición de diacríticos e outras.
O contraste obvio é cos silabarios, que posúen un símbolo distinto para cada sílaba posíbel, e os símbolos para cada sílaba non posúen ningunha similitude gráfica sistemática. A similitude gráfica cos silabarios ven do feito de que a maioría dos abugidas derivan dos abjads, as consoantes formaran símbolos coa vogal inherente, sendo os símbolos vocálicos marcacións engadidas dentro do símbolo básico.
A escrita etíope é un abugida, a pesar de que as modificacións nese sistema non son enteiramente sistemáticas. Os silabarios dos aborixes canadenses poden ser considerados abugidas, inda que raramente son tidos como tales. O maior grupo de abugidas é a familia bráhmica de escritas, que inclúe case todos os sistemas de escrita usados na India e no Sueste asiático.
O nome abugida deriva dos catro primeiros caracteres da escrita etíope, tal como é usada nalgúns contextos relixiosos. O termo foi acuñado por Peter T. Daniels.
Sistemas de escrita trácicos
editarUn script trácico representa detalles máis finos que un alfabeto. Os símbolos non representan fonemas completos, senón os elementos (trazos) que forman os fonemas, como a sonorización ou o seu lugar de articulación. Teoricamente cada trazo podería ser escrito cunha letra distinta; e abjads e abugidas, ou mesmo os silabarios, poderían ser trácicos, pero o único sistema prominente desta clase é o coreano hangul. En hangul, os símbolos trácicos se combinan para formar letras alfabéticas, e a unión destas forman bloques silábicos, de tal xeito que neste sistema se combinan tres niveis de representación fonolóxica. Moitos académicos, como John DeFrancis, rexeitan esta clase de escrita, ou polo menos etiquetar ao hangul como tal. O script coreano é un conciso script creado por instruídos expertos, ao que Daniels chama unha "sofisticada escrita artificial".
Son sistemas trácicos algunhas escritas taquigráficas e aqueles sistemas creados por afeccionados e escritores de ficción como o Tengwar, creado por J. R. R. Tolkien. Nestes sistemas artificiais, moitos dos trazos de avanzado deseño gráfico corresponden a propiedades fonolóxicas. A unidade básica de escrita destes sistemas pode representar desde fonemas ata palabras. Tense amosado que mesmo o script latino ten subcaracteres trácicos[9]
Sistemas de escrita ambiguos
editarA maioría dos sistemas de escrita non son puramente dun tipo. Como xa se mencionou, os sistemas logográficos teñen compoñentes fonéticas, ben a través das liñas dun silabario, como no chinés ("logosilábico"), ou ben dun adjab, como no exípcio ("logoconsonático").
Outras escritas, porén, son claramente ambiguas. Os semisilabarios paleohispánicos foron silábicos para as consoantes oclusivas como p, t, k, mais eran alfabéticos para as outras consoantes. Nalgunhas versións, as vogais eran escritas redundantemente despois das letras silábicas, de acordo cunha ortografía alfabética. O cuneiforme persa antigo era similar; de 23 consoantes (incluído o carácter nulo), sete eran completamente silábicas, trece puramente alfabéticas, e para as outras tres había unha letra para /Cu/ e outra tanto para /Ca/ como /Ci/. Porén, todas as vogais eran escritas, a pesar de todo, de maneira manifesta; como nos abugidas bráhmicos nos que a letra /Ca/ usábase para unha consoante simple.
O Zhùyīn fúhào, script fonético resumido para o chinés, divide as sílabas en dous ou tres caracteres fonéticos máis que en consoantes e vogais. O similar Pahawh Hmong é equivalente a un abugida pero coas funcións de consoante e vogal invertidas. Outros scripts están a medio camiño dos alfabetos abjad e abugida polo que pode haber desacordo en como terían que ser clasificados.
Clasificación gráfica dos sistemas de escrita
editarSe cadra, a primeira distinción que se fai ao clasificaren graficamente os sistemas de escrita sexa a linealidade. Os sistemas lineais son aqueles nos que os caracteres están compostos de liñas, como o alfabeto latino e os caracteres chineses. Estes últimos considéranse lineais cando se escriben con bolígrafo ou pluma ou son fundidos en bronce. Analogamente, os xeróglifos exipcios ou os glifos maias foron con frecuencia representados con formas lineais, mais en contextos formais foron esculpidos en baixorrelevo. Os exemplos máis antigos de escrita son lineais: a escrita sumeria cara ao 3.300 AC era lineal, inda que os seus descendentes cuneiformes non o foron. Pola contra, os sistemas non lineais como o braille, non están compostos de liñas, calquera que sexa o instrumento usado para escribilo.
A escrita cuneiforme foi probabelmente a primeira non lineal. Os seus glifos formábanse pola presión da punta dun xunco na arxila húmida, no canto de trazar co xunco liñas na arxila como se facía inicialmente. O resultado foi unha radical transformación da aparencia da escrita.
O sistema braille é unha adaptación non lineal do alfabeto latino que abandonou completamente as formas latinas. As letras están compostas de puntos en relevo sobre o soporte da escrita, que pode ser coiro (o material orixinal usado polo seu inventor Louis Braille), papel duro, plástico ou metal.
Hai tamén adaptacións non lineais transitorias do alfabeto latino, incluíndo o código Morse, o alfabeto manual de varias linguas de sinais, e o semáforo, no que as bandeiras ou as barras semafóricas se colocan formando ángulos preestablecidos. Así a todo, se se define a escrita como un medio potencialmente permanente de gravar información, entón estes sistemas de ningún modo poden ser cualificados como escrita pois os símbolos desaparecen tan pronto como son usados.
Direccionalidade
editarOs scripts poden ser clasificados tamén segundo a dirección na que se efectúa a escrita. Os xeróglifos exipcios escribíanse indistintamente de esquerda a dereita ou de dereita a esquerda, cos glifos humanos e de animais mirando ao comezo da liña. Os primeiros alfabetos puideron ser escritos en múltiples direccións[10], horizontalmente (de esquerda a dereita ou de dereita a esquerda) ou verticalmente (en sentido descendente). O Bustrófedon é un sistema que cambia alternativamente de dirección ao mudar de liña.
O alfabeto grego e os seus sucesores estableceron como patrón a dirección de esquerda a dereita en sentido descendente na páxina. Outras escritas, como a árabe e a hebrea, adoptaron a dirección contraria, de dereita a esquerda. Os scripts que incorporan os caracteres chineses foron escritos tradicionalmente en sentido descendente vertical enchendo a páxina de dereita a esquerda, pero hoxe en día se escriben con frecuencia de esquerda a dereita, en sentido descendente na páxina, debido, entre outras razóns, á influencia da cultura occidental e ás limitacións técnicas de adaptación aos formatos de documento electrónico máis populares.
O alfabeto Uighur e os seus descendentes son únicos en seren escritos en sentido vertical descendente, de esquerda a dereita da páxina; esta dirección orixinouse a partir da ancestral dirección da escrita semítica ao rotar a páxina 90º no sentido contrario ao das agullas do reloxo para conseguir unha aparencia semellante á da escrita vertical chinesa. Algúns scripts usados en Filipinas e Indonesia, como o Hanunó'o, tradicionalmente se escriben afastando as liñas do escritor en sentido vertical ascendente, mais se len horizontalmente de esquerda a dereita.
Sistemas de escrita nos ordenadores
editarXeralmente, nos ordenadores e nos sistemas de telecomunicacións non se codifican os sistemas de escrita como tales, pero os grafemas e outras unidades similares que son necesarios para o procesamento de texto se representan por "caracteres" que se manifestan tipicamente en forma cifrada. Hai moitos estándares diferentes de cifrado, como o ISO/IEC 8859-1 (orientado ao script latino), os caracteres CJK (chinés, xaponés, coreano), e o texto bidireccional. Hoxe, moitos de tales estándares están redefinidos nun estándar colectivo, o ISO/IEC 10646 ou UCS (Universal Character Set), e no moi semellante e máis expandido Estándar Unicode. Ambos englóbanse xeralmente baixo a denominación Unicode. En Unicode, a cada carácter dun sistema de escrita de calquera lingua, se lle asigna (simplificando lixeiramente) un número único de identificación, coñecido como número ou punto de código (code point). Os sistemas operativos usan o punto de código para buscar os caracteres no arquivo de fontes de letra, de tal xeito que os caracteres poidan ser vistos na pantalla ou no papel.
O dispositivo máis común para a escrita por medio do ordenador é o teclado. Cada tecla está asociada cun código estándar que o teclado envía ao ordenador cando se preme nela. Mediante o uso simultáneo dunha tecla alfabética e outra especial como as teclas Ctrl, Alt, Shift e AltGr, xéranse máis códigos de caracteres que son enviados á CPU. O sistema operativo intercepta e converte eses sinais nos caracteres axeitados e envíaos, xunto cos códigos convertidos, á aplicación de software activa, que busca o glifo apropiado no arquivo de fonte activo e require do sistema operativo a súa visualización na pantalla.
Notas
editar- ↑ Coulmas (1996)
- ↑ Millard (1986) páx. 396
- ↑ Haarmann (2004) páx. 96
- ↑ David Diringer (1962): Writing. London. (en inglés)
- ↑ Archibald Hill (1967): The typology of Writing systems. En: William A. Austin (ed.), Papers in Linguistics in Honor of Leon Dostert. The Hague, 92–99. (en inglés)
- ↑ John DeFrancis (1989): Visible speech. The diverse oneness of writing systems. Honolulu (en inglés)
- ↑ Geoffrey Sampson (1986): Writing Systems. A Linguistic Approach. London (en inglés)
- ↑ Alice Faber (1992): Phonemic segmentation as an epiphenomenon. Evidence from the history of alphabetic writing. En: Pamela Downing et al. (ed.): The Linguistics of Literacy. Amsterdam. 111–134. (en inglés)
- ↑ Primus, Beatrice. 2004. A featural analysis of the Modern Roman Alphabet. Written Language and Literacy, 7.2, 235–274 Arquivado 10 de outubro de 2017 en Wayback Machine. (en inglés)
- ↑ Threatte, Leslie (1980). The grammar of Attic inscriptions. W. de Gruyter. pp. 54–55. ISBN 3-11-007344-7. (en inglés)
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Coulmas, Florian (1996). The Blackwell Encyclopedia of Writing Systems. Oxford: Blackwell Publishers Ltd. ISBN 0-631-21481-X. (en inglés)
- Daniels, Peter T., e William Bright, eds. 1996. The World's Writing Systems. Oxford University Press. ISBN 0-19-507993-0. (en inglés)
- DeFrancis, John. 1990. The Chinese Language: Fact and Fantasy. Honolulu: University of Hawaii Press. ISBN 0-8248-1068-6 (en inglés)
- Haarmann, Harald (2004). Geschichte der Schrift (2nd ed.). München: C. H. Beck. ISBN 3-406-47998-7. (en alemán)
- Hannas, William. C. 1997. Asia's Orthographic Dilemma. University of Hawaii Press. ISBN 0-8248-1892-X (rústica); ISBN 0-8248-1842-3 (tapa dura) (en inglés)
- Millard, A. R. (1986). The Infancy of the Alphabet. World Archaeology 17. pp. 390–398. doi:10.1080/00438243.1986.9979978. (en inglés)
- Nishiyama, Yutaka. 2010. The Mathematics of Direction in Writing. International Journal of Pure and Applied Mathematics, Vol.61, No.3. (en inglés)
- Rogers, Henry. 2005. Writing Systems: A Linguistic Approach. Oxford: Blackwell. ISBN 0-631-23463-2 (tapa dura); ISBN 0-631-23464-0 (rústica) (en inglés)
- Sampson, Geoffrey. 1985. Writing Systems. Stanford, California: Universidade Stanford Press. ISBN 0-8047-1756-7 (paper), ISBN 0-8047-1254-9 (tea). (en inglés)
- Smalley, W. A. (ed.) 1964. Orthography studies: articles on new writing systems. Londres: United Bible Society. (en inglés)
Ligazóns externas
editar- Cisse, Mamadou. 2006. Escritos e escritas en África do Oeste. Sudlangues n°6 (en francés)
- Investigación dos sistemas de escrita Primeiro asunto libre dun xornal adicado á investigación dos sistemas de escrita (en inglés)
- Arco Chinés (Tradicional e Simplificado) Animacións de caracteres chineses de escritura e pronunciación de falantes nativos (en inglés)
- decodeunicode Unicode Wiki con todos os 98.884 caracteres Unicode 5.0 en tres tamaños (en inglés)
- Sistemas de escrita africanos (en inglés)
- Omniglot Unha guía concisa dos sistemas de escrita e linguaxes do mundo (en inglés)
- Ultraweb.hu - főoldalArquivado 08 de febreiro de 2011 en Wayback Machine. (en húngaro)
- Scripts antigos Introdución a diferentes sistemas de escrita (en inglés)
- Alfabetos de Europa (en inglés)
- Consorcio Unicode (en inglés)
- Script Elian Un sistema de escrita que combina a linealidade da ortografía cos aspectos libres de formas do debuxo (en inglés)
- Escritas do mundo (en ruso)