Historia da
lingua grega

(ver tamén: alfabeto grego)
Protogrego (c. –2000)
Micénico (c. -1600-1100)
Grego antigo (c. –800-300)
Dialectos:
Eolio, Arcadochipriota, Ático,
Dórico, Macedonio, Xónico
Koiné (desde c. -300)
Grego bizantino (c. -3301453)
Grego moderno (desde 1453)
Dialectos:
Capadocio, Chipriota,
Demótico, Griko, Katharevousa,
Póntico, Tsakonio, Ievánico

O micénico é a máis antiga forma coñecida da lingua grega, falada na Grecia continental e en Creta nos séculos -XVI a -XI, antes da invasión doria. Consérvase en inscricións en Lineal B, unha escrita inventada en Creta polo século -XIV. A maior parte dos exemplos desta escrita están en taboíñas de arxila atopadas en Knossos e en Pilos. A lingua recibe o nome de Micenas, o primeiro dos palacios que se escavou.

Mapa de Grecia na Idade de Bronce como se describe na Ilíada de Homero

As taboíñas permaneceron moito tempo sen descifrar, propoñéndose todas as linguas concibíbeis como a que subxacía nelas, ata que Michael Ventris descifrou a escrita en 1952 e probou máis aló de toda dúbida que a lingua era unha forma antiga do grego.

A maioría dos textos das taboíñas son listas e inventarios. Non hai ningún texto narrativo e menos poético. Porén estas listas botan moita luz sobre o pobo que as escribiu e sobre o período micénico, ás vésperas da denominada Idade Escura de Grecia.

Fonoloxía e ortografía

editar

A lingua micénica consérvase no sistema de escrita Lineal B, que consiste en aproximadamente 200 signos silábicos e logogramas. Como o Lineal B deriva do Lineal A (sistema de escrita dunha lingua non descifrada da época minoica sen relación probabelmente co grego) esta escrita non reflicte plenamente a fonética do micénico: os grupos consonánticos non se escriben completos, xa que os signos de consoantes teñen todos a estrutura consoante-vocal, e r e l non se distinguen, nin é posíbel distinguir as categorías fonolóxicas gregas de xorda/sonora (agás nas dentais d e t) e aspirada/non aspirada; l, m, n, r, s finais de sílaba non se escriben.

A escrita distingue cinco timbres vocálicos, a, e, i, o, u, as semivogais w e j (tamén transcrita como y), tres líquidas, m, n, r e sete oclusivas, d, k, p, q, s, t, z (esta última debe representar un grupo consonántico zd correspondente á Dzeta).

Así *khrusos, "ouro" aparece escrito cos signos ku-ru-so, e *gwous, "vaca" cos signos qo-u.

A forma micénica do grego mantén un número de trazos arcaicos de herdanza indoeuropea, como as consoantes labiovelares que sufriran distintos cambios fonéticos dependendo do contexto cando o grego reapareceu escrito en forma alfabética varios séculos despois.

Corpus

editar

O corpus micénico consiste en cerca de 6000 taboíñas, que poden verse incrementadas en futuros achados. As taboíñas clasifícanse segundo o lugar onde foron atopadas.

  • KN Knossos: ca. 4360 taboíñas
  • PY Pilos : 1087 taboíñas
  • TH Tebas (micénico /Tegway/): 99 taboíñas+ 238 publicadas en 2002.
  • MY Micenas: 73 taboíñas
  • TI Tirinto: 27 taboíñas.
  • KH Khania: 4 taboíñas
  • outras 170 inscricións en Lineal B atopáronse en xerras.

A inscrición micénica máis antiga coñecida, e polo tanto o testemuño máis antigo da lingua grega é o seixo de Kaftania descuberto en 1994, que data do século XVII a.C.. O seixo leva unha inscrición con oito signos silábicos, a-so-na / qo-ro-qa / qa-jo así como a imaxe do dobre machado.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar