Tirinto ou Tirinte (en grego antigo Τίρυνς e en moderno Τίρυνθα) é un sitio arqueolóxico micénico no nomos grego da Argólida na península do Peloponeso, algúns quilómetros ao norte de Nauplia.

Modelo:Xeografía físicaTirinto
(el) Τίρυνθα Editar o valor en Wikidata
Imaxe
Tipoxacemento arqueolóxico Editar o valor en Wikidata
EpónimoTiryns (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Parte deArchaeological Sites of Mycenae and Tiryns (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Situado na entidade xeográficaArgolis (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Localización
División administrativaNafplio Municipality, Grecia (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónTiryntha (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Mapa
 37°35′58″N 22°47′59″L / 37.599444444444, 22.799722222222
Características
Parte dun sitio do Patrimonio da Humanidade
Data1999 (23ª Sesión)
Identificador941-002
Sitio arqueolóxico catalogado de Grecia
Historia
Período de tempoIdade de Bronce Editar o valor en Wikidata

Sitio webodysseus.culture.gr… Editar o valor en Wikidata

Tivo asentamentos desde o Neolítico e alcanzou o seu cénit entre o -1400  e o -1200  Os seus elementos máis notábeis foron o seu palacio, os seus túneles ou pasadizos e dous aneis de murallas ciclópeas, sobre todo estas últimas, posto que lle outorgaron á cidade o epíteto homérico de Tirinto, a de grandes murallas. A súa acrópole recibía o nome de Licimna[1].

Mitoloxía

editar
 
Vista xeral da acrópole de Tirinto.

Na mitoloxía grega, dicíase que a cidade tomou o seu nome de Tirinto, un fillo de Argos e neto de Zeus[2]. A tradición indicaba que os ciclopes, vindos desde Licia, amurallaran a cidade cando Preto se apoderou dela[1][3][4]. Entón Tirinto, Midea e o Hereon formaban parte do mesmo reino, mentres Argos era controlado por Acrisio[5]. O neto deste, Perseo, fundador de Micenas, intercambiou Argos con Megapentes, fillo de Preto, e así se converteu en rei de Tirinto[6][7]. Tamén se asocia a cidade con Heracles: ao servizo de Euristeo, que reinaba en Tirinto, realizou os doce traballos; ademais cóntase que guindou a Ífito desde as murallas da cidade[8][9]. Algunhas fontes sitúan aquí o seu nacemento[10].

No Catálogo das naves da Ilíada formaba parte dos territorios acaudillados por Diomedes, durante a Guerra de Troia[11].

Reis de Tirinto

editar

Preto foi o fundador da casa real da cidade de Tirinto. O tamén rei de Tirinto Perseo fundou Micenas, pero non se sabe se tamén trasladou alí a sede do goberno. Euristeo era coñecido como o rei de Tirinto e Micenas. Os seus sucesores só levaban o título de rei de Micenas.

Esta é a lista de reis míticos de Tirinto:

  1. Preto.
  2. Megapentes.
  3. Perseo.
  4. Alceo.
  5. Anfitrión.
  6. Esténelo.
  7. Euristeo.

Historia

editar
 
Caza do Xabaril. Fresco reconstruído do segundo palacio de Tirinto (c. -1300) hoxe no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.
 
Carro con dúas mulleres micénicas. Fresco reconstruído. (c. -1200).

Tirinto estivo habitada desde o Neolítico (7º-4º milenio), o que se constatou a través de restos de cerámica. Ao 3º milenio, a Idade do Bronce temperá, pertencen os restos arquitectónicos máis antigos. A súa época de apoxeo coincide co da civilización micénica, a partir do ano -1600, especialmente entre o -1400 e o -1200[12].

O lugar chegou ao seu declive co fin do período micénico, posto que ao redor de -1200 foi destruído polo lume, probabelmente por mor dun terremoto, aínda que hai indicios de que quizais até o ano -1050  mantivo asentamentos na parte baixa[13].

No período clásico é citada entre as cidades que achegou soldados na batalla de Platea, ata que despois das Guerras Médicas foi destruída, do mesmo xeito que Micenas, por un exército de Argos, que pretendía así aumentar o seu poder na zona[14][15][16]. Parte dos seus habitantes aumentaron a poboación de Argos e outros refuxiáronse en Epidauro, en Hermione e en Halias[1][17]. Pausanias visitou as súas ruínas no século -II[2].

No período bizantino había un pequeno asentamento cuxo fin debeu coincidir coa toma de Argos polo Imperio Otomán en 1379[18].

Arqueoloxía

editar
 
Plano de Tirinto. 1-Gran rampla de acceso 2-Porta principal 3-Galerías 4-Propileos 5-Patio central 6- Mégaron 7-Escalinata e bastión oeste 8-Acrópole media 9-Acrópole inferior

Campañas de escavacións

editar

En Tirinto realizáronse escavacións dirixidas polo Instituto Arqueolóxico Alemán e pola Sociedade Arqueolóxica de Grecia. Heinrich Schliemann e Wilhelm Dörpfeld escavaron o lugar en 1884-1885; entre 1905 e 1929 as escavacións foron dirixidas por Dörpfeld, Georg Karo e Kurt Müller; a mediados do século XX Nikolaos Verdelis rehabilitou unha parte da fortificación que se derrubou; a partir de 1967 as escavacións novamente estiveron a cargo do Instituto Arqueolóxico Alemán, dirixidas por Ulf Jantzen, Jörg Schäfer, Klaus Kilian e Joseph Maran[18][19].

Restos arqueolóxicos

editar

A acrópole de Tirinto divídese en tres niveis: superior, medio e inferior.

Na parte superior achábase o palacio, que tivo tres fases diferentes de construción: a primeira cara ao ano -1450 e posteriormente foi ampliado no século -XIV  e tamén no século -XIII  Estaba defendido non só pola súa dobre muralla senón que tamén estaba disposto para que se tivese que transitar por unha serie de patios pechados e atravesar dúas portas en forma de H (propileos) antes de acadar o pórtico de entrada ao mégaron[20].

O famoso mégaron do palacio de Tirinto ten un amplo vestíbulo, habitación principal na que estivo o trono fronte á parede da dereita e unha cheminea central rodeada de catro columnas de madeira de estilo minoico que servían de soporte para o teito. Aquí foron achadas pinturas ao fresco que se atopan expostas no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas.

Na parte leste e sur da acrópole hai dúas galerías ou casamatas abovedadas que están acaroadas ás murallas e que poderían ter unha función defensiva ou de almacenaxe.

Con respecto ás murallas, destaca o bastión occidental, que chega a ter unha anchura de 7 metros. Na parte norte das murallas hai un gran número de estancias cuxa función, do mesmo xeito que as galerías, podería ser de almacenaxe ou defensiva.

Sobre o sector oriental do mégaron hai un edificio pequeno que se cre que era un templo do período xeométrico pois alí acháronse restos de ofrendas que se atopan no Museo de Nauplia[21][22].

Na parte inferior da acrópole atópanse accesos a pozos que fornecían auga. Fóra das murallas hai restos de vivendas, construcións funerarias e sistemas de canalización das augas. En Tirinto non apareceron taboíñas con inscricións en lineal B pero acháronse algúns signos neste sistema de escritura inscritos en cerámica[23].

Recoñeceuse o sitio arqueolóxico de Tirinto, xunto co de Micenas, como Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 1999[24].

  1. 1,0 1,1 1,2 Estrabón VIII,6,11.
  2. 2,0 2,1 Pausanias II,25,8.
  3. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,2,1.
  4. Pausanias II,16,5.
  5. Pausanias II,16,2.
  6. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,4,4.
  7. Pausanias II,16,3.
  8. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,5,1.
  9. Apolodoro, Biblioteca mitolóxica II,6,2.
  10. «Tiryns» en Greek Mythology Link (en inglés)
  11. Homero, Ilíada II, 559.
  12. "Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Descrición de Tirinto (en grego)". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 05 de abril de 2018. 
  13. "Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Cidade baixa de Tirinto (en grego)". Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2017. Consultado o 05 de abril de 2018. 
  14. Heródoto IX,28.
  15. Heródoto VI,83.
  16. Pausanias II,25,8; V,23,2-3.
  17. Pausanias VIII,27,1.
  18. 18,0 18,1 "Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Historia de Tirinto (en grego)". Arquivado dende o orixinal o 26 de xullo de 2018. Consultado o 05 de abril de 2018. 
  19. Páxina da Universidade de Heidelberg: as escavacións de Tirinto (en alemán)
  20. Pierre Leveque, Tras los pasos de los dioses griegos, pp.230-233, Madrid:Akal (2006), ISBN 978-84-460-2248-0.
  21. "Páxina do Ministerio de Cultura de Grecia: Templo xeométrico de Tirinto (en grego)". Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2018. Consultado o 05 de abril de 2018. 
  22. Elisavet Spazari e Kelli Petropolu, Corinto-Micenas-Nauplión-Tirinto-Epidauro.
  23. Luis García Iglesias, Los orígenes del pueblo griego, páx.82, Barcelona:Síntesis (2000), ISBN 84-7738-520-3.
  24. "Archaeological Sites of Mycenae and Tiryns". UNESCO Culture Sector. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar