Na mitoloxía grega, Euristeo foi o fillo de Esténelo (fillo de Perseo) e de Nícipe (filla de Pélope). Foi rei da Argólida (rexión que comprendía Micenas, Argos, Midea e Tirinto). Casou con Antímaca, filla de Anfidamante [1].

Heracles entrega o xabaril de Erimanto a Euristeo, que se esconde aterrado nunha cántara baixo terra (cerámica de figuras vermellas, c. 510 aC, Museo do Louvre)
Relevo na fachada occidental de San Marcos de Venecia

Á vez que Nícipe estaba xestante, tamén o estaba Alcmena, embarazada de Zeus[2]. Durante o embarazo, Zeus prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo, Heracles [3]. Pero Hera, a esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía (deusa dos partos) que o detivese [4], e Ilitía así o fixo, sentando no limiar da porta de Alcmena (do pazo ou da súa habitación) coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos; á vez que aceleraba o parto de Euristeo. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Pero Euristeo xa nacera, setemesiño, e puido facerse co trono de Micenas.

"Cando Lucina [nome romano de Ilitía, deusa dos partos] escoitou os meus laios, sentou naquel altar que está diante da porta, e cruzando a corva dereita sobre o xeonllo esquerdo, e entrelazando os seus dedos en forma de peite, detivo o parto. Musitou tamén algúns conxuros, que frenaron o parto xa iniciado. ... Estaba comigo unha das miñas servas, Galántide ... e veu á deusa sentada no altar, cos brazos sobre os xeonllos e os dedos entrelazados, e dixo: 'Quenquera que sexas, felicita á miña ama. A argólide Alcmena xa librou, xa é nai e ve cumprido o seu desexo'. A deusa... deu un chimpo e, sobresaltada, soltou as mans; soltadas as mans, librei eu tamén".
(Ovidio: Metamorfosis, Libro IX, 296-315)

Euristeo, rei de Micenas

editar

Xa adultos os dous, Hera, celosa das múltiples aventuras do seu marido Zeus, mandou un ramo de loucura contra Heracles, que lanzou ó lume ós seus propios fillos, que tivera con Mégara, e mais dous fillos de Ificles [5].

Recuperada a cordura, Heracles exiliouse e foi ata o oráculo de Delfos para saber qué facer para expiar o pecado cometido. A Pitia mandoulle poñerse ó servizo do seu primo Euristeo, durante un prazo de doce anos, e realizar os dez traballos que este tivera a ben ordenarlle.

"[A Pitia] díxolle que vivira en Tirinto ó servizo de Euristeo por espazo de 12 anos e que executara os dez traballos que lle ordenara, engadindo que deste xeito, unha vez realizados os traballos, sería inmortal".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 4, 12)

Na lenda, Heracles aparece sempre como home forte, fermoso, xeneroso, valente, etc., mentres que Euristeo é un personaxe imperfecto, física e moralmente, pusilánime e covarde. Deste xeito, Euristeo agóchase ante Heracles cando trae á súa presenza os animais monstruosos que lle ordena cazar, ata rematar comunicándose con el mediante un servente, Copreo [6], e mandar construír un cántaro de bronce, enterrado, no que poder esconderse no caso dunha posible agresión por parte de Heracles. Foron estes traballos os que forxaron a sona de heroe de Heracles e lle fixeron merecente da apoteose e divinización.

Rematado o tempo de servizo e cumpridos á súa satisfacción os traballos encomendados, Euristeo ofreceu un sacrificio, ó que invitou ó propio Heracles, pero os fillos do rei ofrecéronlle unha ración de carne menor que ós demais invitados, polo que Heracles se sentiu ultraxado e matou a tres deles [7].

Euristeo prohibiu a Heracles asentarse en Tirinto e incluso, trala morte do heroe, prohibiu tamén o regreso de Alcmena, e a de Ificles e mais Iolao. Euristeo seguiu persiguindo a Alcmena e ós heráclidas e obrigou ós reis respectivos que os expulsaran de Corinto e de Traquis. Puideron fuxir e acollerse en Atenas aínda que Euristeo esixiu que a botasen da cidade, aínda que os atenienses se negaron, polo que lles declarou a guerra. Perdendo a contenda, Euristeo fuxiu e foi perseguido por Hilo, o fillo máis vello de Heracles, que lle deu alcance e o matou [8]. Cortoulle a cabeza e entregouna a Alcmena, que lle sacou os ollos.

Existe unha tradición, recollida en tempos de Alexandre, que di que Heracles e Euristeo foran amantes, e que aquel realizou os traballos por amor [9].

  1. Pseudo-Apolodoro: III, 9, 2.
  2. Anfitrión, o home de Alcmena, era sobriño de Esténelo, o home de Nícipe.
  3. Pseudo-Apolodoro: II, 4, 5.
  4. Hera xa utilizara anteriormente á filla co mesmo fin: chegado o momento do parto de Leto, outra amante de Zeus, preñada de Apolo e Artemisa, Hera impediu que Ilitía a atendese (para algúns, retívoa na terra dos hiperbóreos) e persiguiu a Leto para que ningunha terra a acollese. Leto refuxiuse na illa flotante de Ortiguia, hoxe Delos, e estivo de parto sete días. Os deuses, conmovidos, mandaron a Iris, mensaxeira dos deuses, para buscala e, en canto puxo o pé na illa, naceu Artemisa e, logo, Apolo (Terceiro himno homérico a Apolo).
  5. Pseudo-Apolodoro, II, 4, 12. Ificles puido salvar unicamente ó seu fillo Iolao e á propia Mégara.
  6. Copreo, fillo de Pélope, abandonou a Élide tras matar a Ífito, e refuxiouse en Micenas, xunto a Euristeo, que lle purificou e a quen serviu como heraldo.
  7. Grimal, s. v. Euristeo.
  8. Píndaro (Píticas, IX, 79) conta que foi Iolao quen o matou.
  9. Grimal, s. v. Euristeo.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981, s. v. Euristeo.
  • HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 30.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].