Alcmena
Alcmena foi un personaxe mitolóxico, filla de Electrión, rei de Micenas, e esposa de Anfitrión. Fecundada por Zeus, foi a nai de Heracles (ou Hércules); e como precursora dos Heráclidas foi adorada en Tebas e Atenas. Segundo Grimall, Alcmena foi a última muller mortal coa que se deitou Zeus.

Antecedentes editar
Electrión casara con Anaxo, filla de Alceo,[1] e enxendrou dez fillos, entre eles Alcmena.[2] Un día presentáronse ante el os fillos de Pterelao e reclamaron o reino. Electrión negouse e houbo un enfrontamento no que morreron tanto os fillos de Electrión (agás Licimnio, fillo bastardo) como os fillos de Pterelao (agás Everes). O exército deste logrou fuxir co botín de guerra, que foi recuperado por Anfitrión pero cando este estaba arrecadando o gando roubado, unha vaca intentou escapar e Anfitrión tiroulle unha maza, coa mala sorte que rebotou nun corno e foi dar na cabeza de Electrión, matándoo. Anfitrión foi exiliado de Argos e marchou con Alcmena e Licimnio a Tebas. E como Alcmena fixera a promesa de casar a quen vingase a morte dos seus irmáns,[3] Anfitrión comprometeuse a facelo e organizou unha expedición contra aqueles. Finalmente, Pterelao morreu e Anfitrión logrou conquistar os seus territorios, regresando vitorioso a Tebas.
Nacemento de Heracles editar
Aproveitando que o seu home, Anfitrión, estaba na guerra, Zeus adoptou a figura del e, simulando ser Anfitrión, pois coñecía a virtude dela, xaceu con Alcmena. Para prolongar o momento, Zeus fixo que a noite durase como tres, prohibindo a Helios, o Sol, que saíse nese tempo. Cando realmente chegou Anfitrión, sorprendeuse ó ver que Alcmena non lle daba a debida benvida e preguntoulle a razón, e ela contestou que xa dormira con el a noite anterior e que lle contara os detalles da guerra e da vitoria. En todo caso, xaceu tamén co home e quedou embarazada dos dous, de xeito que nacerían os dous fillos cunha noite de intervalo.
Anfitrión nun principio pensou en castigala por infiel: ía queimala no lume pero Zeus mandou unha intensa chuvia. O adiviño Tiresias explicoulle que a unión fora feita con Zeus e el aceptouno como un honor.
Pero antes de que Anfitrión regresase a Tebas, Zeus presentouse unha noite e, triplicando a súa duración, tras adoptar a figura de Anfitrión, xaceu con Alcmena e contoulle o ocorrido cos Teléboas.(Pseudo-Apolodoro, II, 4, 8)
Durante o embarazo, Zeus prometeu o trono de Micenas ó primoxénito da estirpe de Perseo, dando por suposto que sería o seu fillo, Heracles. Pero Hera, a celosa esposa de Zeus, atrasou o momento do parto ordenando á súa filla Ilitía (deusa dos partos e, polo tanto, das comadroas) que o detivese,[4] e Ilitía así o fixo, sentando no limiar da porta de Alcmena (do pazo ou da súa habitación) coas pernas pechadas e as mans entrelazadas diante dos xeonllos; á vez que aceleraba o parto de Euristeo, fillo de Esténelo e Nícipe. A serva de Alcmena, Galantis (ou Galántide), frustrou o intento e díxolle a Ilitía que Alcmena xa parira, polo que a deusa soltou as mans e se levantou, e así puido por fin producirse o parto. Irritada polo engano, Ilitía converteu a Galantis en donicela e condenouna a parir pola boca, por ter unha boca mentireira. Pero mentres tanto, naceu Euristeo e recibiu o trono de Micenas.
A Íole acolleuna Hilo, por orde de Hércules, no seu leito e no seu corazón, e encheulle o seu ventre de nobre semente, cando Alcmena lle dixo así: Que os deuses che axuden e abrevien o transo cando, a piques de parir, invoques a Ilitía, protectora das asustadas parturientes; esta, por compracer a Xuno [Hera] tornouse severa contra min. Pois, chegado o día de parir a este Hércules, sufridor de traballos, e gravitando o sol xa sobre o noveno signo do zodíaco, o peso distendíame o ventre e o que levaba era tan grande que se podería dicir que era Xúpiter o autor da oculta carga, e xa non podía eu soportar as dolores por máis tempo.(Ovidio: Metamorfoses IX, 273-323)
Infancia de Heracles editar
Cando Heracles tiña oito meses,[5] Hera, que quería a morte do meniño, mandou ó berce dúas enormes serpes e, mentres Alcmena pedía axuda a Anfitrión, Heracles matounas esganándoas coas mans.[6] Segundo Ferécides, foi o propio Anfitrión quen as puxo, para comprobar cal dos dous era o seu fillo: ó ver que Heracles se enfrontaba con elas mentres Ificles fuxía, comprendeu que este segundo era o seu fillo e Heracles o fillo do deus.[7]
A partir de entón, Anfitrión educou a Heracles como fillo propio.
Vellez editar
Trala morte de Anfitrión, Alcmena intentou volver á súa terra, Tirinto, con Heracles (que xa rematara os seus doce traballos), Ificles e Iolao, pero Euristeo non o permitiu. Incluso, despois de morrer Heracles, Alcmena e os seus descendentes foron expulsados de Corinto e de Traquis e houberon de fuxir a Atenas. Euristeo esixiu que a botasen da cidade e os atenienses negáronse, polo que lles declarou a guerra, pero Euristeo morreu e entregaron a súa cabeza a Alcmena, que lle sacou os ollos.
Casou con Radamantis, fillo de Zeus e Europa[8] e sobreviviu a Heracles. Estableceuse en Tebas, cos seus descendentes e cando morreu e foron enterrala, Zeus mandou a Hermes que transportara o seu corpo á Illa dos Benaventurados,[9] deixando unha pedra no seu sitio. Pausanias escribiu que os tebanos afirmaban que se converteu en pedra[10] pero noutra pasaxe di que a súa tumba está en Mégara.[11]
Notas editar
- ↑ Alceo, xa que logo, é o avó de Heracles, e de aí o sobrenome de Alcides que tiña este. Foi en Delfos, onde fora consultar o oráculo tras asasinar ós fillos, onde a pitia bautizoulle como Heracles (Pseudo-Apolodoro, II, 4, 12).
- ↑ Eurípides (Heraclidas) di que Alcmena foi filla de Lisícide ou Eurídice, filla de Pélope.
- ↑ Tamén se di que Alcmena, aínda que xa fora entregada a Anfitrión, xurara non xacer con el ata que os seus irmáns fosen vingados.
- ↑ Hera xa utilizara anteriormente á filla co mesmo fin: chegado o momento do parto de Leto, outra amante de Zeus, preñada de Apolo e Artemisa, Hera impediu que Ilitía a atendese (para algúns, retívoa na terra dos hiperbóreos) e persiguiu a Leto para que ningunha terra a acollese. Leto refuxiuse na illa flotante de Ortiguia, hoxe Delos, e estivo de parto sete días. Os deuses, conmovidos, mandaron a Iris, mensaxeira dos deuses, para buscala e, en canto puxo o pé na illa, naceu Artemisa e, logo, Apolo (Terceiro himno homérico a Apolo).
- ↑ Segundo Píndaro (Nemeas I, 35), Heracles acababa de nacer; segundo Teócrito (XXIV, 1), tiña dez meses; e segundo Ferécides, un ano.
- ↑ Tamén empregou Hera este método para intentar librarse dos fillos bastardos de Zeus con Leto: mandou a serpe Pitón para que devorase a Apolo meniño, pero este matouna coas súas frechas.
- ↑ Pseudo-Apolodoro, II, 4, 8.
- ↑ Pseudo-Apolodoro, III, 1, 2.
- ↑ Grimal di que foi entón cando casou con Radamantis.
- ↑ Descrición de Grecia, Libro IX, 16. 7.
- ↑ Libro I, 41, 1.
Véxase tamén editar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Alcmena |
Bibliografía editar
- Grimal, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- Hixino: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
- Ovidio: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017 [a numeración segue a utilizada neste texto].
- Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].