Na mitoloxía grega, Pélope foi o fillo de Tántalo, se ben algunhas fontes fano fillo do deus río Pactolo ou o Xanto. Tampouco hai acordo sobre o nome da nai: Dione (filla de Atlas), Clitia, Eurianasa (ou Euristanasa), Euritemiste, etc. Era irmán de Bróteas e Níobe.

Parte central do frontón oriental do templo de Zeus en Olímpia. De esquerda a dereita, Enómao, Zeus e Pélope

Aínda que era orixinario de Anatolia (Asia Menor), tivo que fuxir cara Grecia porque Ilo, rei de Troia, o desterrou, acusándoo de raptar ó seu fillo Ganimedes, a quen raptara Zeus para si. Dise que foi quen introduciu en Grecia o luxo oriental mediante os tesouros que trouxo.

Mitoloxía

editar

Tántalo quixo poñer a proba ós deuses olímpicos e invitounos a un banquete, para o que mandou cociñar ó seu propio fillo Pélope, ó que matou, cortou en cachos serviuno [1]. Tódolos deuses recoñeceron a orixe da carne que lles ofreceu e rexeitaron comer, menos Deméter, que comeu a escápula esquerda antes de darse de conta, sexa por fame, sexa por estar pensando na súa filla, Perséfone, raptada por Hades. Zeus ordenou a Hermes recoller tódalas partes de Pélope. Logo volveuno a cocer e resucitouno, aínda que cunha escápula de marfil, feita por Hefesto, para substituír a que comera Deméter. E resucitou tan fermoso que Poseidón se namorou del e nomeouno o seu copeiro no Olimpo [2].

"Pélope, cando se arrincou a roupa do seu peito [3], mostrou o marfil no seu ombro esquerdo... Contan que os seus membros, cortados polas mans do seu pai, foron unidos polos deuses. Atoparon o resto, pero faltaba o sitio entre a gorxa e a parte superior do brazo, e púxose marfil alí para substituír a parte que non aparecía e con isto quedou Pélope enteiro".
(Ovidio: Metamorfosis VI, 404-411)
"Pélope, que fora degolado e cocido no ágape dos deuses, resultou máis fermoso na súa resurrección, de xeito que pola súa destacada fermosura chegou a ser amado por Poseidón, que lle regalou un carro alado que non mollaba os eixos nin correndo a través do mar".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica Epítome II, 3)

Pero Tántalo utilizaba a Pélope para roubar ós deuses ó néctar e a ambrosía con que regaban os seus banquetes, e logo dábaos ós homes mortais, polo que Zeus, enfurecido, obrigouno a volver á terra [4]. Isto non impediu que Poseidón seguise a favorecelo, e regaloulle uns cabalos alados. Tamén o axudou na loita contra Enómao, rei de Pisa, para conseguir casar coa súa filla Hipodamía.

 
Pélope e Hipodamía

Pélope pediulle a man de Hipodamía, pero Enómao negábase sistematicamente a casala, ben porque un oráculo lle anunciara que morrería a mans dun xenro, ben porque en realidade el estaba namorado da filla. O caso é que desafiaba ós pretendentes de Hipodamía a unha carreira de carros na que lles daba a vantaxe de saír antes, coa condición de que o aspirante a casar levara á noiva no carro, de forma que aumentaba o peso do mesmo á vez que creaba unha forma de distracción. Tántalo conducía o seu carro tirado por eguas enxendradas polo vento e alcanzaba facilmente ós pretendentes, ós que mataba e decapitaba. Aínda así, Pélope insistiu en casar con Hipodamía, e esta namorouse del en canto o viu, así que convenceron ó auriga de que trucase o carro de Enómao a cambio da metade do reino e dunha noite na cama dela. O auriga, Mirtilo, aceptou e cambiou o cravo que suxeitaba o eixo ás rodas por outro feito de cera. Loxicamente, o falso cravo non resistiu e o carro de Enómao envorcou, provocándolle a morte. A maiores e para maior seguridade, Pélope foi ata a beira do mar e invocou a Poseidón, como o seu antigo amante, para pedirlle axuda; Poseidón fixo aparecer un carro tirado por grandes cabalos alados.

Rematada a carreira, Mirtilo intentou violar a Hipodamía, esixindo o cumprimento da súa promesa, e Pélope matouno, botándoo ó mar. Hefesto purificou a Pélope por este crime e así puido regresar a Pisa e ocupar o trono, chamando Peloponeso (illa de Pélope) ó territorio que ata entón se coñecía como Apia ou Pelasgótide.

Pélope e Hipodamía tiveron numerosos fillos [5], entre eles Atreo (que sería pai de Agamenón e Menelao), Tiestes, Plístenes, Astidamía, Hipótoe [6], Nícipe [7]. Algún autor engade a Crisipo, que se adoita crer fillo de Pélope coa ninfa Axíoque, e que foi morto polos seus irmáns Atreo e Tiestes a instancias da propia Hipodamía. Eurípides dá tamén como filla de Pélope a unha Lisícide ou Eurídice, que sería a nai de Alcmena, á súa vez, nai de Heracles.

Outro dos seus fillos -realmente, fillo de Poseidón con Hipodamía- foi Escirón, un home cruel que vivía á beira do mar sobre un acantilado, e obrigaba ós camiñantes a lavarlle os pés pero, cando o estaban facendo, botábaos polo acantilado abaixo, onde unha tartaruga xigante devoraba os corpos. Foi morto por Teseo botándoo polo mesmo acantilado.

Cóntase que Pélope estivo relacionado coa institución dos Xogos Olímpicos, que caerían no esquecemento ata ser recuperados por Heracles.

A escápula de Pélope

editar

Esa escápula de marfil sería despois obxecto de culto, convertida nunha reliquia que se exhibía en Pisa, na Élide. E no transcurso da Guerra de Troia, o adiviño Héleno, coñecedor dos oráculos de Troia, explicou a Agamenón qué facer para asegurar a caída da cidade:

"Os oráculos son claros e concisos, respondeu Héleno. Troia caerá este verán se se leva certo óso de Pélope ó voso campamento; se Neoptólemo sae a combater no campo de batalla; e se se rouba o Paladio de Atenea na cidadela, pois mentres estea alí non se poderá abrir fenda nas murallas".
(Robert Graves, px. 746)

Unha vez conquistada Troia, o barco no que regresaba a reliquia de Pélope sufriu un naufraxio e o óso desapareceu, pero co tempo foi recuperada por un pescador.

  1. Algunhas tradicións explican este acto na extrema pobreza de Tántalo, que non tiña outra cousa que ofrecer ós deuses; ou ben que o fixo cando viu que as súas reservas de comida non eran suficientes.
  2. Como faría despois Zeus con Ganimedes.
  3. Co gallo da morte da súa irmá Níobe.
  4. Por roubar a comida dos deuses, Zeus matou a Tántalo e condenouno a sufrir eternamente de fame e sede no Inferno, xunto a outros condenados eternos.
  5. Graves cita 22, e fai unha recompilación de todos eles (px. 439).
  6. Que tivo un fillo de Poseidón, Tafio.
  7. Nai de Euristeo, o que ordenou a Heracles facer os seus doce traballos.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar