Ovidio

poeta romano

Publio Ovidio Nasón (latín: Publius Ovidius Naso) nado en Sulmona o 20 de marzo do 43 a. de C. e finado en Tomis, actual Constanza no mar Negro no 17 ou 18 d. C., foi un poeta romano que escribiu sobre temas de amor, mulleres abandonadas e transformacións mitolóxicas. Cóntase, xunto con Virxilio e Horacio, como un dos tres poetas por excelencia da literatura latina. Ovidio foi amplamente considerado o máis grande mestre do dístico elexíaco. A súa poesía, moi imitada durante o final da Idade Antiga e a Idade Medieval, tivo unha influencia decisiva na arte e a literatura de Europa durante moitos séculos.

Publio Ovidio Nasón
Nacemento20 de marzo do 43 a. de C.
 Sulmona, República Romana
Falecemento17 ou 18 d. de C.(59 anos)
 Tomis, Imperio Romano
NacionalidadeRoma Antiga
Ocupaciónpoeta, escritor, mitógrafo e elegist
XénerosPoesía
Coñecido/a porMetamorfoses, Heroides e Íbis
Na rede
IMDB: nm0653992 IBDB: 13173
Galiciana: 34528 Bitraga: 1065 Musicbrainz: 4f7c6dc7-fac9-48de-98cc-47498debcdaa Discogs: 1058944 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Ovidio escribía en dísticos elexíacos[1] con só dúas excepcións: o seu Medea perdida, os dous fragmentos da que se conservan están en trimetres iámbicos[2] e en anapestos,[3] respectivamente, e a súa grande Metamorfoses, que escribiu en hexámetros dactílicos, o mesmo que a Eneida de Virxilio e os poemas épicos (Ilíada e a Odisea) de Homero. Ovidio ofrece unha épica diferente á dos seus predecesores, unha historia cronolóxica do cosmos desde a creación ata o seu propio día, e incorpora moitos mitos e lendas sobre transformacións sobrenaturais propias das tradicións grega e romana.

Traxectoria editar

 
Estatua de Ovidio por Ettore Ferrari na Piazza XX Settembre de Sulmona, Italia.

Ovidio naceu o 20 de marzo do ano 43 a. C. en Sulmo, como el mesmo dixo, no país dos pelignos. Pertencía a unha familia aristócrata, e sentíase orgulloso da antigüidade da súa estirpe. O seu pai era propietario de terras e morreu aos noventa anos, pouco antes cá nai. Viviu dende moi novo en Roma e o seu irmán, que nacera exactamente un ano antes ca el, foi compañeiro seu nos estudos que realizaba na cidade sobre retórica, en principio para dedicarse ao dereito. Porén, Ovidio foi dando mostras de sensibilidade poética, máis que da elocuencia prosaica que se requiría no foro. O seu pai reprocháballe que se inclinase cara a uns estudos sen ningún proveito, posto que o mesmo Homero morrera na pobreza. Ovidio contestáballe procurando emendarse, pero, involuntariamente, en verso:

Parce mihi, nunquam versificabo, pater!
Perdóame, pai!, podo xurar / que nunca volverei versificar.[4]

Aínda que se esforzaba por escribir en prosa por satisfacer o seu pai, as palabras víñanlle sempre con ritmo e cadencia de verso "e era verso ao final canto intentaba escribir":

Quidquid tentabam dicere, versus erat
Tristia IV 10, 26).

Tivo como mestres de elocuencia a Hixino, Arelio Fusco (orixinario de Asia Menor) e Porcio Latrón (de Hispania)[5] e relacionouse con outros escritores da época como Horacio ou Propercio. Compartiu co seu irmán a vida política ata os vinte anos, idade á que este faleceu. Ocupou cargos públicos pouco relevantes, sendo un dos tresviri capitales,[6] membro da corte centumviral,[7] e un dos decemviri litibus iudicandis,[8] mais dimitiu do cargo para seguir a carreira poética arredor dos anos 29 ou 25 a. C., decisión reprobada polo seu pai.[9]

Cando morreu o seu pai, converteuse en herdeiro de todas as posesións, polo que puido vivir sen preocupacións e viaxar a diferentes lugares, como Atenas, Asia Menor e Sicilia, onde completou os seus estudos, dedicándose xa plenamente á poesía.[10]

Composicións editar

Aos dezaoito anos, influído por Tibulo e Propercio, escribiu o cancioneiro amoroso Amores, libro de elexías dedicadas a unha rapaza chamada Corina que probablemente nunca existiu, aínda que reúne características de varios amores do poeta. Compuxo tamén Medea, unha traxedia que non se conserva, e as Heroidas, incluídas no ciclo erótico que abriu Amores, que presenta cartas de amor ficticias escritas por heroínas da mitoloxía e da historia, como Ariadna ou Medea, aos seus amantes. A esta obra seguiulle unha triloxía formada por tres poemas didácticos de tema erótico: Ars Amandi (ou Ars Amatoria), Remedia Amoris e Medicamina faciei feminae.[11] Porén, os seus títulos máis ambiciosos son Fasti e Metamorfoses.

En Tristia, unha elexía de forma epistolar, cobran importancia singular as referencias autobiográficas. Na época na que Ovidio estivo desterrado escribiu a súa obra mais famosa: Metamorfoses (Metamorphoseon), escrita en hexámetro dactílico. Desde a Idade Media e o Renacemento, coma é o caso dos Carmina Burana, a obra de Ovidio nunca deixou de estar presente na tradición literaria europea.

 
Ovidio desterrado de Roma (1838) de J.M.W. Turner.

No ano 8, un enfrontamento co emperador Augusto levouno a un exilio obrigado a Tomis (actual Constancia), á beira do mar Negro. A pesar da súa popularidade, os seus libros foron retirados das bibliotecas e queimados en público por seren inmorais. Non están claras as razóns que provocaron o desterro, que foi determinado sen intervención do Senado nin de ningún maxistrado.[12] Este evento influíu sobre toda a poesía que produciu a partir de entón. O propio Ovidio describiu os motivos do exilio como carmen et error ("un poema e un erro"),[13] sostendo que este crime era peor ca un asasinato,[14] máis daniño cá poesía.[15] Un rumor di que estaba presente en cerimonias de adiviñación onde se falaba do destino do emperador; outros, que foi polo ton erótico dos seus poemas; a última explicación, talvez a máis axustada á realidade, é que Ovidio tiña coñecemento dos amoríos da neta do emperador, Xulia.[16]

O poeta faleceu en Tomis o 17 ou 18 d.C.[17] Crese que os Fasti, que estivo tempo revisando se publicaron postumamente.[18]

Matrimonios editar

Casou tres veces e divorciouse dúas cando tiña arredor de trinta anos. Coa primeira esposa casou moi novo, mais finalmente foi declarada nec digna nec utilis ("nin digna nin útil"), o que fai pensar que non pertencía ao seu mesmo rango social e que non lle deu fillos no seu curto matrimonio. Non se sabe con certeza a cal das súas dúas primeiras esposas se refire como natural do país dos faliscos. O seu segundo matrimonio foi curto tamén, mais neste tivo unha filla da que tivo dous netos.[19] As noticias sobre a súa última esposa, Fabia, relacionada coa influente gens Fabia, que o axudou durante o seu exilio en Tomis,[20] son moito maiores. Con ela tivo outra filla, e por ela Ovidio sentiu gran cariño. Foi con ela unha mestura entre pai e mestre literario.

Obras editar

 
Metamorphoses, 1643

As obras de Ovidio que se conservan, por orde de publicación, son:

  • Amores é unha colección de tres libros de poesía amorosa en metro elexíaco, que segue as convencións do xénero elexíaco desenvolvidas por Tíbulo e Propercio. Aínda que estes autores orixinaron a elexía, Ovidio é un innovador no xénero. Cambia quen dirixe as súas elexías do poeta a Amor ou Cupido. Este cambio no enfoque dos triunfos do poeta aos triunfos do amor sobre as persoas é o primeiro deste tipo para este xénero de poesía. Esta innovación ovidiana pódese resumir como o uso do amor como metáfora da poesía.[21] Os libros describen os moitos aspectos do amor e céntranse na relación do poeta cunha amante chamada Corina. Dentro dos distintos poemas, varios describen os acontecementos da relación, presentando así ao lector algunhas viñetas e unha narración dispersa.
  • Ars Amandi ou Ars Amatoria é un poema didáctico elexíaco en tres libros que se propón ensinar as artes da sedución e do amor. O primeiro libro diríxese aos homes e ensínalles a seducir as mulleres, o segundo, tamén aos homes, ensina a manter unha amante. O terceiro diríxese ás mulleres e ensina técnicas de sedución. O primeiro libro ábrese cunha invocación a Venus, en que Ovidio se establece como un preceptor amoris (1.17), un profesor de amor. Ovidio describe os lugares en que se pode atopar unha amante, como o teatro, un triunfo, que describe a fondo, ou na arena, e xeitos de facer que a moza faga caso, incluíndo seducila secretamente nun banquete.
  • Remedia amoris é un poema elexíaco que propón unha cura para o amor que Ovidio ensina no Ars Amandi e está dirixido principalmente aos homes. O poema critica o suicidio como un medio para escapar do amor e, invocando a Apolo, continúa a dicir aos amantes que non procrastinen e sexan preguiceiros no trato co amor. Ás amantes ensínaselles a evitar as súas parellas, a non facer maxia, a ver o seu amante sen prepararse, tomar a outros amantes e non ter nunca envexa. As cartas antigas deberían ser queimadas e evitar a familia do amante. O poema presenta a Ovidio como un médico e utiliza imaxes médicas. Algúns o interpretaron como o peche do ciclo didáctico de poesía amorosa de Ovidio e o final do seu proxecto elexíaco erótico.[22]
  • Medicamina faciei feminae, poema do que sobreviven un centenar de versos elexíacos sobre tratamentos de beleza para a cute das mulleres, que parece parodiar a poesía didáctica seria. O poema di que as mulleres deberían preocuparse primeiro polas formas e despois prescribe varios compostos para tratamentos faciais. O estilo non é diferente das obras didácticas helenísticas máis curtas de Nicandro e Aratus.
  • Heroides ("Heroínas") ou Epistulae Heroidum son unha colección de vinte e un poemas en coplas elexíacas. Heroides toma a forma de cartas dirixidas por famosas personaxes mitolóxicas ás súas parellas que expresan as súas emocións ao estaren separadas delas, rogos para o seu regreso e alusións ás súas accións futuras dentro da súa propia mitoloxía. A autenticidade da colección, parcialmente ou no seu conxunto, foi cuestionada, aínda que a maioría dos estudosos consideran as cartas mencionadas especificamente na descrición de Ovidio da obra en Am. 2.18.19-26 como a salvo de obxeccións. A colección comprende un novo tipo de composición xenérica sen paralelo na literatura anterior.[23]
  • Metamorfoses (Metamorphoseon) é a obra máis ambiciosa e coñecida de Ovidio. Consiste nun catálogo de quince libros escrito en hexámetro dactílico sobre transformacións da mitoloxía grega e romana dentro dun marco mitohistórico frouxo. Axeitadamente, as personaxes desta obra sofren moitas transformacións. Nunha extensión de case 12 000 versos, cítanse case 250 mitos diferentes. Cada mito está ambientado ao aire libre onde os mortais adoitan ser vulnerables a influencias externas. O poema está na tradición da poesía do catálogo mitolóxico e etiolóxico como o Catálogo de mulleres de Hesíodo, Aetia de Calímaco, Heteroeumena de Nicandro e Metamorfoses de Parthenius.
 
Clásicos en Galego 24. Metamorfoses, vol. 2 de 2.
  • Ibis é un poema elexíaco en 644 versos, en que o autor usa unha abraiante serie de historias míticas para maldicir e atacar un inimigo que lle está a facer dano no exilio. Ao comezo do poema, Ovidio afirma que a súa poesía ata ese momento fora inofensiva, mais agora vai empregar as súas habilidades para ferir o seu inimigo. Cita o Ibis de Calímaco como a súa inspiración e chama todos os deuses para facer efectiva a súa maldición. El usa exemplos míticos para condenar o seu inimigo no alén, cita malvados prodixios que asistiron ao seu nacemento e, despois, nos seguintes 300 versos desexa que os tormentos das personaxes mitolóxicas lle caian ao inimigo. O poema remata cunha oración para que os deuses fagan efectiva a súa maldición.
  • Tristia consiste en cinco libros de poesía elexíaca que Ovidio compuxo no exilio en Tomis.
  • Epistulae ex Ponto é unha colección de catro libros de poesía.
  • Fasti, e un ambicioso poema do que se conservan seis libros en elexíacos. Os seis libros abranguen o primeiro semestre do ano, con cada libro dedicado a un mes diferente do calendario romano (de xaneiro a xuño). O proxecto parece sen precedentes na literatura romana. Parece que Ovidio previra cubrir todo o ano, mais non puido rematar por mor do seu exilio, aínda que revisou seccións da obra en Tomis e afirma en Trist. 2.549-52 que o seu traballo foi interrompido despois de seis libros.

Obras perdidas editar

Unha perda descrita polo mesmo Ovidio é a primeira edición en cinco libros de Amores. Á parte desta, a maior perda é a única traxedia escrita por Ovidio, Medea, da que só se conservan unhas liñas. Quintiliano admiraba esta obra e considerábao un grande exemplo do seu talento poético.[24]

Prisciano cita unha liña dunha obra titulada Epigrammata.[25] Ovidio tamén menciona algunha poesía ocasional (Epithalamium,[26]). Tampouco se conserva o final de Medicamina e descoñécese se chegou a existir o último dos seis libros de Fasti. Ovidio tamén menciona algunha poesía ocasional (Epithalamium,[27] cantos fúnebres[28] e mesmo unha tradución ao xético[29]) que non se conservan. Tamén se perdeu a parte final de Medicamina.

Obras espurias editar

  • Consolatio ad Liviam ("Consolo a Livia")
  • Halieutica ("Sobre a pesca"), atribuída a Ovidio por Plinio o Vello, foi composta en Tomis nos anos finais da súa vida, mais os estudosos modernos consideran que foi un erro de Plinio e que o poema non é xenuíno.[30]
  • Nux ("A nogueira")
  • Somnium ("O soño")

Legado editar

O legado de Ovidio foi intenso, especialmente a partir do Renacemento, coa revalorización dos temas clásicos e a literatura amorosa (antes condenábanse algunhas das súas obras pola noción de pecado medieval, que vía reprobable un amor carnal desligado de Deus). Quizais o episodio de Apolo e Dafne das Metamorfoses foi un dos que tivo máis repercusións, tanto en literatura como nas artes plásticas.

Notas editar

  1. O dístico elexíaco é unha estrofa clásica de dous versos, un hexámetro e un pentámetro.
  2. A métrica nas linguas grega e latina é cuantitativa, isto é, fúndase na repetición dun determinado patrón de sílabas de duración longa (habitualmente transcritas en métrica co signo de raia longa baixa ou __) ou ben breve (transcrito co signo U) denominado pé. Cada sílaba longa equivalía en duración a dúas breves.
  3. O anapesto é un pé formado por tres sílabas, as dúas primeiras breves e a terceira longa.
  4. A anécdota aparece nunha das Vidas (biografías) do poeta.
  5. Seneca, Cont. 2.2.8 e 9.5.17
  6. Trist. 4.10.33–4
  7. Trist. 2.93ff.; Ex P. 5.23ff.
  8. Fast. 4.383–4
  9. Trist. 4.10.21
  10. Trist. 1.2.77
  11. Medicamina faciei feminae. Texto bilingüe latín - castelán en páxinas alternas Arquivado 09 de xullo de 2021 en Wayback Machine., con introdución, tradución e notas de Andrés Pociña e Aurora López, da Universidade de Granada; a obra, a partir da páx. 18.
  12. Trist. II, 131–32.
  13. Ovidio, Tristia 2.207
  14. Ovidio, Epistulae ex Ponto 2.9.72
  15. Ovidio, Epistulae ex Ponto 3.3.72
  16. "O erro, que sen dúbida foi a causa inmediata do exilio, verosimilmente consistiu en que Ovidio se viu implicado por complicidade nun escándalo que afectaba persoalmente o emperador; acaso tratábase do adulterio da súa neta, a moza Xulia, con Xunio Silano (Tac. Ann. 3, 24)." Bieler: Historia de la literatura romana. Gredos. 1987. p.245
  17. Smith, R. Scott (15 de marzo de 2014). Ancient Rome: An Anthology of Sources (en inglés). Hackett Publishing. ISBN 978-1624661167. 
  18. Green, Steven J. (1 de xaneiro de 2004). Ovid, Fasti 1: A Commentary (en inglés). Brill. p. 22. ISBN 978-9004139855. 
  19. Hornblower, Simon; Spawforth, Antony; Eidinow, Esther (2014). Oxford University Press, ed. The Oxford Companion to Classical Civilization. p. 562. ISBN 978-0-19-870677-9. 
  20. Brill's New Pauly: Encyclopaedia of the Ancient World s.v. Ovid
  21. Athanassaki, Lucia (1992). "The Triumph of Love in Ovid's Amores 1, 2". Materiali e Discussioni per l'Analisi dei Testi Classici. No. 28 (28): 125–41. JSTOR 40236002. doi:10.2307/40236002. 
  22. Conte, G. Latin Literature a History trans. J. Solodow (Baltimore, 1994) p. 346
  23. Knox, P. Ovid's Heroides: Select Epistles (Cambridge, 1995) pp. 14ff.
  24. Quint. Inst. 10.1.98. Cfr. Tacitus, Dial. Orat. 12.
  25. Inst. gramm. 5, 13, Gramm. Lat. 2, 149, 13 Keil.
  26. Ex P. 1.2.131
  27. Ex P. 1.2.131
  28. Ex P. 1.7.30
  29. Ex P. 4.13.19>
  30. Plinio Nat. 32.11 e 32.152 e Knox, P. "Lost" en Knox, P. (2009)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Ovidio (2005). Metamorfoses. Trad. José Antonio Dobarro Posada & Estrella Fernández Graña. Santiago de Compostela e Vigo: Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia. ISBN 84-453-3947-8. 
  • E. Knox, Peter E. (ed.), Oxford Readings in Ovid. Oxford: Oxford University Press, 2006. páx 541.

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar