Carmina Burana
Os Carmina Burana son unha colección de cantos medievais goliárdicos dos séculos XII e XIII. Púxolles este nome J.A. Schmeller, quen a descubriu a finais do século XIX nun códice de 1225 da abadía de Benediktbeuren (Bura Sancti Benedicti), en Baviera, aínda que hoxe se pensa que non foi alí onde se recompilou, senón en Seckau. A colección atópase actualmente na Bayerische Staatsbibliothek de Múnic.
Estrutura
editarEsta colectánea, composta por estudantes e clérigos, consta dunhas 300 composicións, das que arredor de 250 están en latín e unhas 50 en alemán, en francés antigo ou nunha mestura de varias delas. Os temas e estrutura rítmica son as comúns da poesía cabaleiresca (as cruzadas, o amor, a natureza) e dos himnos relixiosos. Porén, as composicións típicas son as chamadas Kontrafakturen, que seguen o esquema de versículos e ladaíñas dos Evanxeos pero satirizan e condenan a decadencia dos estudos e a corrupción da curia romana. A composición máis coñecida é a Confessio Goliae, de Gualterio de Châtillon, que eloxia a muller, o viño e o xogo. Algunhas das composicións están acompañadas de neumas, que suxiren as melodías.
A colección divídese en seis seccións:
- Carmina ecclesiastica (cánticos eclesiásticos)
- Carmina moralia et satirica (cancións morais e satíricas)
- Carmina amatoria (cancións amatorias)
- Carmina potoria (cancións de bebedores)
- Ludi (xogos)
- Supplementum
A maior parte dos textos é anónima, aínda que se supón a autoría de Hugo de Orleáns, Serlón de Wilton, Pedro de Blois e outros. Estes autores estaban familiarizados coa cultura escolástica do seu tempo e a literatura latina pagá.
Adaptación de Carl Orff
editarCarl Orff tomou algúns dos textos dos Carmina Burana para compor unha obra coral co mesmo nome en 1937, cuxo fragmento máis coñecido é o O Fortuna que constitúe a primeira parte do preludio. Está pensada para orquestra grande, coro e intérpretes individuais. Orff subtitulouna Cantiones profanae cantoribus et choris cantandae comitantibus instrumentis atque imaginibus magicis (Cancións seculares para cantantes e coros para representar con instrumentos e imaxes máxicas). A composición é propia e non utiliza os neumas orixinais. Utiliza como linguas o latín e o Alto Alemán Medio.
Carmina Burana é posibelmente a obra musical máis famosa composta na Alemaña nazi. A obra, descrita como "cantata escénica" representouse por vez primeira na Ópera de Frankfurt o 8 de xuño de 1937. Foi dirixida por Bertil Wetzelsberger, co Coro Cäcilienchor, escena de Otto Wälterlin e vestiario de Ludwig Sievert.
A obra foi tan ben recibida que se lle encargou a Orff a composición doutras. Aínda que nun principio os críticos locais tachárona de arte dexenerada, foi posteriormente abrazada con entusiasmo polo réxime nazi como louvanza á cultura "aria". Após a guerra, a popularidade continuou a aumentar e na década de 1960 era parte habitual do repertorio clásico internacional, chegándose a representar en Israel en 1966. Hoxe en día utilízase normalmente o formato de cantata.
A obra mestura pasaxes moi rítmicas e percusivas con seccións melódicas. Algúns fragmentos son instrumentais, outros só para voz solista con acompañamento e outras para o grupo completo de coro e orquestra.
Carmina Burana en galego
editarA versión en galego da composición musical de Carl Orff estreouna, o día 3 de xullo de 2016[1] no Auditorio do Concello de Valga, a Banda de Música Municipal de Valga, baixo a dirección de Manuel Villar Touceda. Os textos medievais traduciunos integramente ó galego Raúl Gómez Pato. Tamén se representou o 21 de setembro de 2019 na Cidade da Cultura, co gallo do ciclo cultural Viraxes.[2]
Os poemas amorosos contidos nos Carmina Burana foron traducidos por Xosé Carracedo Fraga. A primeira versión foi fublicada e 2004 dentro da colección Clásicos en Galego. Rinoceronte Editora publicou unha segunda versión en 2023[3].
Notas
editar- ↑ "Carmina Burana de Carl Orff, traducida e adaptada ao galego" Arquivado 6 de abril de 2020 en Wayback Machine. Banda de Música Municipal de Valga.
- ↑ "A versión en galego de 'Carmina Burana' abre o sábado o ciclo 'Viraxes'". Cidade da Cultura. 19 de setembro de 2019. Consultado o 22 de setembro de 2019.
- ↑ "Carmina Burana. Poemas de amor – Rinoceronte Editora". Consultado o 2024-08-27.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Carmina Burana |