Radamantis

Na mitoloxía grega, Radamantis (ou Radamanto) foi un dos tres fillos de Zeus e Europa, princesa de Tiro. O rei de Creta Asterión, esposo de Europa, aceptouno como fillo propio, así como ós seus irmáns, Minos e Sarpedón. Existe unha tradición cretense que afirma que Radamantis era fillo de Hefesto, que neste caso non sería fillo de Zeus senón fillo de Talos e neto de Cres, o heroe fundador de Creta.

Os tres xuíces do Hades, Minos, Radamantis e Éaco, separando as almas dos benaventurados, á esquerda do espectador, e dos condenados ós infernos, á dereita

Foi expulsado de Creta cando o seu irmán, Minos, se fixo co poder (dise que o expulsou por celos da súa popularidade). Radamantis foi parar a Beocia, onde casou con Alcmena (a que fora nai de Heracles, xa viúva de Anfitrión).

Tivo dous fillos, Gortis (que fundou a cidade arcadia de Gortina, ó que outros fan fillo de Estínfalo, que fundou a cidade epónima, na Arcadia, cerca da cal estaba a lagoa do mesmo nome, famosa por Heracles) e Éritro (que fundou a cidade de Eritras, en Beocia).

Radamantis tiña sona de home prudente e xusto [1] e foi o autor da compilación dos códigos de Creta que serviron de modelo para outras cidades gregas. Por esta razón, á súa morte, foi nomeado xuíz do Hades, para decidir, xunto a Minos e Éaco, o destino das almas dos mortos. Segundo Platón, Radamantis xulgaba as almas dos orientais e Éaco xulgaba ós occidentais, reservándose Minos o voto decisivo.

"Radamantis lexislou para os habitantes da illa e, tras exiliarse de novo a Beocia, desposou a Alcmena. Desde o paso á outra vida administra xustiza no Hades xunto con Minos".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 1, 2)
"Manda nestes reinos desapiadados Radamanto de Cnosos / e castiga e escoita os fraudes e a declarar obriga / o que cada quen entre os vivos, as culpas cometidas / deixou para a morte tardía contento cun fraude van".
(Virxilio: Eneida VI, 566-569)

NotasEditar

  1. Pseudo-Apolodoro (II, 4, 9) conta que Heracles, adolescente, matou dun golpe coa cítara a Lico, ó seu profesor de canto, a quen acusaba de malos tratos. Heracles foi xulgado por asasinato pero resultou absolto porque aduciu na súa defensa unha lei de Radamantis, que decalaraba inocente a aquel que se defendese dun agresor inxusto.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • VIRXILIO: Eneida. Alianza Editorial, 1ª Ed 1986 [a numeración segue a utilizada neste texto].