Aves de Estínfalo

As Aves do lago Estínfalo era unha inmensa bandada de incontables aves que habitaban nas beiras do lago de Estínfalo (na Arcadia) e que constituínan unha praga para os pobos veciños. Concentráranse aquí fuxindo dos ataques dos lobos e reproducíronse sen límite.

Heracles a as aves estínfalas (ánfora ática de figuras negras, c. 540 a.C.)

Heracles, para ser purificado tralo asasinato dos seus fillos, acto cometido ó volverse louco por culpa de Hera, inimiga de Heracles por celos [1], tivo que acometer doce traballos que lle encomendara o seu primo Euristeo. O quinto destes traballos foi acabar coas devanditas aves [2].

Tratábase de aves de gran tamaño, como grúas, que devoraban as colleitas das terras próximas; algúns descríbennas con peteiros, ás e poutas de bronce, carnívoras e que atacaban á xente e ó gando (como enormes aves de rapina [3]), e que os seus excrementos eran velenosos. Hixino di que "se sacaban as súas propias plumas e as disparaban", como frechas, contra os inimigos [4].

Pausanias di que tiñan os picos rectos, aguzados, cos que podían atravesar coirazas de metal, e que no deserto de Arabia se lanzaban contra os camiñantes e atravesábanlles o peito.

Agochadas na espesura, resultaba imposible matalas a frechazos por ser tan numerosas, e tampouco podía utilizar a forza para acabar con elas. Tampouco podía entrar andando nin en barco naquel terreo pantanoso, así que non sabía qué facer. Pero Atenea doulle uns crótalos de bronce que lle fixera Hefesto[5] e, subíndose ó monte Cilene, próximo ó lago, fíxoas soar provocando un grande estrondo. As aves, asustadas, botaron a voar e abandonaron a protección do bosque, polo que Heracles puido disparar as súas frechas contra elas, matanto un gran número.

O resto fuxiu para refuxiarse na illa de Día (cerca de Creta) ou na illa de Ares (no mar Negro), onde anos despois atacaron ós Argonautas. Alí, disque Heracles volveu matar moitas delas.

Durero: Hércules e as aves Estínfalas (1500, Museo Nacional Xermano, Núremberg)
[Os Argonautas], "ó chegar á illa de Día, unhas aves atravésáronnos coas súas plumas, e como non podían opoñer resistencia á multitude de aves, seguiron un consello de Fineo: colleron os escudos e as lanzas e corréronnas ó modo dos Curetes, co ruído das armas".
(Hixino: Fábulas mitológicas, 20)

Este Fineo era un adiviño que preferiu cegar se así gozaba dunha longa vida. Indicoulles ós Argonautas o itinerario para chegar á Colquide, onde debían coller o Vélaro de ouro así como outras cautelas que deberían ter na viaxe.

Cando Heracles regresou onda Euristeo, este estaba escondido no seu agocho da cántara de bronce xa que había varias aves de bronce voando ó redor do palacio. Heracles fixo soar o crótalo e as aves fuxiron.

Iconografía

editar

Este episodio soamente se representaba nos ciclos que recollían os diferentes traballos, onde Heracles aparece disparando o arco ó aire. Xa en épocas modernas, algúns artistas danlle un aspecto ameazador: Durero pintounas con figura de Harpías.

Interpretación

editar

Segundo Robert Graves, o mito pode ter un trasfondo histórico, pois houbo un grupo de sacerdotisas que foron expulsadas por adoradores de Zeus Lobuno, e refuxiáronse no lago Estínfalo (termo no que ve insinuacións sexuais). Heracles, que representaría ó pobo aqueo, acabou con estas feiticeiras.

Engade que hai outras tradicións que cren que esas aves eran realmente mulleres, ás que matou Heracles por negarse a darlle hospitalidade. Existiu na cidade un templo de Artemisa con estatuas de doncelas con patas de ave

  1. Heracles era fillo de Zeus, e Hera, a esposa do mesmo deus, perseguía ás súas amantes e ós fillos bastardos que tivera.
  2. Para Pseudo-Apolodoro, tratouse do sexto traballo.
  3. "Antropófagas", di Graves.
  4. Hixino: Fábulas mitológicas 30.
  5. Grimal di que puido facelas o mesmo Heracles. Os crótalos ou crémbalas eran un instrumento de percusión do que derivan as actuais castañolas. Usábannos as mulleres gregas en bailes, vodas ou festivais.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017, 369.
  • GRAVES, Robert: Los mitos griegos, Ed. Gredos, 1ª ed. 2019, 523-525.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HIXINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009, 20, 30.
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016, II, 5, 6 [a numeración segue a utilizada neste texto].